De novo un trailer en inglés, non atopei nada que non o estivera
Hoxe volvemos ao mundo da televisión. Aproveito que lin hai uns días que Canal+ vai emitir en breve a segunda temporada da serie que vou comentar hoxe para recomendala, así que se non a vistes procurade facelo e os que xa a viron que estean pendentes do momento no que poidamos ver a continuación. Falo de “Shameless”, unha serie que, ademais de distinta, pareceume realmente boa en todos os sentidos, tanto na historia que nos conta como, sobre todo, pola calidade das actuacións de todos e cada un dos actores e actrices que aparecen nela. A tradución do título sería algo así como “descarado, desvergoñado, descocado, impúdico, cínico”, que se axusta bastante tamén ao que imos ver, porque cara non é precisamente o que lles falta á maior parte dos personaxes e vergoña teñen bastante pouca; todos eses significados poden aplicarse á historia.
Ao igual que no caso dunha das últimas series que comentei, falamos dunha versión americana dunha serie orixinalmente inglesa co mesmo título, neste caso estreada no seu país no ano 2004 que non sei se chegou a emitirse aquí, pero se o fixo a min pasóuseme. O guionista e creador da mesma é Paul Abbott, e vendo os datos de ambas deben de ser moi parecidas, xa que os americanos contaron cos mesmos guións. A serie parece calquera cousa menos americana, creo que é a serie menos americana que teño visto, tanto pola historia como polo directo das imaxes, xa digo de entrada que esta si que non é demasiado apta para menores, con escenas explícitas sobre todo de sexo, que non son nada habituais nas series desa procedencia. Creo que non recordo ningunha vista en televisión con estas características, nótase que parte dun orixinal inglés, algo menos discretos con este tipo de escenas e situacións. Pero non so por iso, a historia é moi dura en todos os sentidos, pero tratada dunha maneira que provoca máis dun sorriso, unhas veces de magoa e outras por situacións quizais demasiado esperpénticas, pero non demasiado lonxe da realidade. É máis, quizais nalgúns momentos sexa demasiado realista e poidamos recoñecer moitos comportamentos de xente e familias que nos rodean.
Vainos contar a historia da familia Gallagher, unha familia moi estruturada por un lado e moi pouco por outros. A nai deixouvos uns anos antes de que comecemos a ver a súa vida diaria. O pai, Frank, é un alcohólico, estafador, vividor e xa non sei que máis poñer; non se preocupa demasiado polos seus fillos e a súa vida é un ir e vir ao bar, beber e conseguir diñeiro de onde sexa, menos, iso si, traballando, algo ao que é alérxico. Ten unha pensión de invalidez que conseguiu finxindo accidentes laborais, pero o pouco ou moito diñeiro que consegue é so para el, case nada entra na casa familiar. Ten seis fillos, cada un cunhas características moi determinadas pero que non se lles pode negar que a situación que viven levounos a vivir dunha forma algo especial pero sempre cunha grande unidade e solidariedade entre eles que fai que sexan capaces de sobrevivir a calquera cousa e iso que o pasan realmente mal. Todos eles tentan colaborar dalgunha maneira á economía familiar con pequenos traballos temporais e sacando diñeiro ata debaixo das pedras. Fiona é a irmá maior, o verdadeiro e único punto central de toda a familia, ela encárgase absolutamente de todo, incluso do seu pai, renunciando á súa propia vida, vive para eles e nada se lle pode poñer por diante, facendo calquera cousa por calquera dos seus irmáns. Lip é o seguinte, un rapaz superdotado que contribúe á economía familiar presentándose por outras persoas aos exames de acceso á universidade, un negocio que lle da un bo diñeiro, ademais de outros pequenos traballos de moi diversa índole que realiza. Ian é o terceiro, traballa como dependente nunha tenda, ademais de estar metido dentro dunha especie de academia militar para persoas da súa idade; é gay, aínda que ao principio moi poucas persoas da familia sabe iso, aínda que o sospeitan, unha homosexualidade que lle traerá máis dun problema. Logo temos a Debbie, unha nena algo tocada pola situación pero tamén moi intelixente, debaténdose sempre entre o amor que sente polo seu pai e as cousas que ve, algo que lle traen tamén moitos problemas. Carl é o seguinte, obsesionado polas explosións, queimar cousas e provocar destrozos. E por último, o pequeno Liam, un bebé de cor co que sempre nos preguntaremos se é posible que sexa fillo dos mesmos pais que os demais e co que todos teñen que turnarse para poder atendelo. Ademais deles temos tamén algún personaxe fixo máis. Unha parella, Verónica e Kevin, el é o dono do bar onde van habitualmente. Forman unha parella alegre, descocada pero que esconde moito máis do que parece. E logo temos á familia formada por Sheila e Eddie Jackson e a súa filla Karen. A nai parece agorafobia e leva moito tempo sen saír da casa, Eddie é un fanático relixioso que colecciona pallasos e a filla e amiga dos fillos Gallagher.
Xa podedes ver que non é que respondan precisamente ao arquetipo de familia ideal das series americanas, non ten nada que ver, beben, fuman porros, enganan, estafan e fan todo o que sexa con tal de conseguir ir sobrevivindo día a día. Iso é o que iremos vendo en cada capítulo, o día a día dos integrantes desta estraña familia, os seus problemas, as súas alegrías, os malos e bos momentos. Podería ser un tremendo drama que nos fixera soltar moreas de vágoas, pero todo está tratado desde unha óptica de humor, de humor negro, sarcástico, cínico, duro e, en moitas ocasións, inesperado. Moitas das situacións que veremos poderán parecer esaxeradas ou fóra de lugar, pero sempre serán entendidas desde o punto de vista da realidade que viven, que está máis preto moitas do que parece. Os traballos que teñen que facer, os problemas nos que continuamente mete Frank a todos eles coa súa inconsciencia e as súas continuas meteduras de pata. Pero nada pode con eles, a unidade que hai entre todos os irmáns, a solidariedade coa que se comportan, sempre axudándose uns a outros no que sexa demostra que o amor e o cariño é capaz de axudar a superar calquera problema. Multitude de temas son tratados aproveitando esta situación, o alcoholismo, a drogadicción, a homosexualidade, a delincuencia, a pobreza..., pero tamén a felicidade, a loita pola supervivencia, o amor e a solidariedade..., cun equilibro perfecto entre ambos extremos.
Dos actores e actrices da serie so podo dicir que están todos absolutamente xeniais, a maior parte deles non son demasiado coñecidos, pero penso que teñen un bo futuro por diante. A credibilidade que aportan a calquera situación é impresionante e comunican con absoluta perfección unha gran cantidade de cousas en cada escena. Dous actores moi coñecidos aportan o seu bo facer e, como sempre, bordan os seus papeis. Frank, o pai golfo, alcohólico e egoísta é William H. Macy, un deses secundarios impresionantes que sempre deixan a súa marca coas súas actuacións, pois aquí non é menos, tanto que ata lle ides coller cariño. Joan Cusack, outra gran actriz, interpreta a Sheila, esa muller que non se atreve a saír da casa e que fai que todos os que entran nela teñan que descalzarse e poñer unhas bolsas de plástico nos pes, un personaxe que irá crecendo a medida que pasen os capítulos dunha maneira máis que destacable. Outros dous exemplos de grandes actores de cine que se pasan á televisión, mantendo toda a súa calidade interpretativa. Pero por riba destes dous destacaría ao que, para min, é o personaxe principal, Fiona, interpretada por Emmy Rossum, ela leva boa parte do peso de cada capítulo, ela é o centro da historia, o núcleo que mantén a todos unidos, que evita que a familia rompa e cada un vaia polo seu lado, incluso loitando contra os Servizos Sociais nalgún momento. Renunciando a súa vida, ao seu estado físico e ao que sexa necesario para conseguir que cada día os seus irmáns fagan o que teñen que facer e poidan ter algo de comida no prato. A min é das que máis me impresionaron, pero todas as actuacións son realmente dunha gran altura, non son capaz de pensar en ningún deles, nin principal nin secundario, que non cumpra con creces o papel que lle corresponde.
A historia dunha familia disfuncional que ao final non o é tanto porque están máis unidos que outras que parecen máis normais ou con menos problemas e funcionan mellor. Unha serie na que todos os personaxes teñen moito máis que dicir do que parece cando vemos os primeiros capítulos. É unha historia dura, tanto polo que conta por como o fai, a verdade é que non se cortan un pelo e todo é ben directo e visible e quizais ese sexa un dos seus maiores méritos, que di e conta o que quere e como quere, pero todo é perfectamente razoable e comprensible se o pensamos un pouco. Nalgún momentos pode parecer esaxerada, pero se lle damos un par de voltas veremos como non o é tanto. Darlle ese toque de humor negro e sarcástico non fai que o contado pareza menos grave, non o ridiculiza nin se ri das situacións, senón que fai que nos fixemos aínda máis. A pesar dese ton de comedia negra da moito que pensar. Espero que vos guste, xa me diredes algo.
Déixovos tamén unha canción de Nadal que serve como promoción da segunda temporada.
No hay comentarios:
Publicar un comentario