A verdade é que levaba tempo con ganas de facer un comentario desta novela, outra desas que tamén xa ten un tempo, non é nada recente, pero segue a venderse bastante ben e é unha das novelas máis vendidas en España e en todo o mundo nas últimas décadas. Penso que para os afeccionados á novela histórica é imprescindible, sei que xa pasou por moita xente, pero tamén que as novas xeracións de lectores non deben de deixala pasar. Tamén que moitas das novelas do xénero que tivemos despois da súa publicación tivérona como inspiración directa e que hai moitas parecidas, pero penso que poucas están á súa altura en canto a entretemento, traballo de documentación histórica e moitos outros aspectos. Sempre pensei que daría unha película fabulosa, pero a súa extensión facía que fora case inabarcable para unha cinta da duración habitual. Por iso cando vin que ían convertela en serie de televisión levei unha certa alegría e agora que vexo que neste mes de setembro que entra vai ser emitida en Canal+ e en Cuatro estou agardando para poder vela con moitas ganas. Falo de “Los pilares de la tierra”, de Ken Follet e que agora poderemos ver en formato de serie televisiva de oito episodios.
Ken Follet é un auténtico creador de best-sellers, o cal non ten porque ser nada negativo, normalmente todas as súas novelas son máis que entretidas e sempre moi ben documentadas, non so as de temática histórica senón tamén as que transcorren en tempos máis modernos. É un autor británico, nacido en Cardiff (Gales) en 1949. Xa de pequeno tiña moito interese na lectura, foi un estudante normal ata a adolescencia. En 1967 ingresou no University College of London, onde estudou filosofía. Graduouse en 1970 e logo matriculouse nun curso de periodismo e conseguiu traballo como reporteiro nun periódico da súa cidade natal. Pronto deixou este traballo e volveu a Londres como reporteiro para o Evening Standard, pero deixou o periodismo e en 1970 traballou para unha editorial como xestor. Por esa época comezou a escribir relatos, primeiro como afición. O éxito venlle coa publicación en 1978 de “La isla de las tormentas”, que lle deu fama internacional. A partires deste momento todas as novelas que publicou foron éxitos de ventas e moitas delas foron levadas ao cine. A súa carreira literaria pasou por varias fases. A primeira máis centrada en temas de suspense e espionaxe no sentido máis clásico, situadas en varias épocas e lugares, novelas como a mencionada anteriormente ou “El hombre de San Petersburgo”, “Las alas del águila” ou “El valle de los leones”. Nunha segunda fase entra de cheo na novela histórica, novelas escritas entre finais dos anos 80 e finais dos 90. A primeira é “Los pilares de la tierra”, unha novela con múltiples personaxes, varias liñas argumentais e moitos datos históricos. As seguintes foron “Noche sobre las aguas” (que transcorre en vésperas da Segunda Guerra Mundial), “Una fortuna peligrosa” (na Inglaterra victoriana) e “Un lugar llamado libertad” (situada na época colonial nos Estados Unidos). A partires dos 90 publica dúas novelas situadas no presente e relacionadas coa tecnoloxía como argumento principal, “En la boca del dragón” e “El tercer gemelo”, que non tiveron o mesmo éxito que as anteriores nin de lectores nin de crítica, que as consideraron como demasiado superficiais e fantásticas. Volveu ao suspense e ao espionaxe máis tradicional con “Doble juego”. En 2007 apareceu unha secuela da súa novela de máis éxito, “Los pilares de la tierra”, titulada “Un mundo sin fin”. Neste mesmo mes aparecerá a súa última novela, que forma parte dunha triloxía que ten como título xenérico “The century” (“O século”) que ven a ser unha crónica de gran parte dos feitos históricos do século XX contada a través de tres xeracións de cinco familias que manterán unha certa relación: unha inglesa, unha galesa, unha rusa, unha alemana e outra estadounidense. A primeira das tres ten o título de “La caída de los gigantes” e polas referencias que vin é outra desas novelas longas que trataran todos os grandes momentos do século, a Primeira e Segunda Guerras Mundiais, a Revolución Rusa e case todos os acontecementos importantes a nivel mundial do século pasado. A verdade é que se responde á liña que aparece nas súas mellores novelas a cousa promete, pero haberá que esperar a tomar contacto con ela para poder opinar.
“Los pilares de la tierra” é unha das novelas máis vendidas en España e en todo o mundo, milleiros de exemplares en case todas as linguas. Penso que é a súa mellor novela e unha das mellores novelas históricas que se poden ler, aínda hoxe, e iso que foi publicada por primeira vez no ano 1989. É unha historia complexa, case unha novela coral con multitude de personaxes e varias liñas narrativas. Está ambientada en Inglaterra na Idade Media, no século XII. Un dos temas fundamentais é a arquitectura, no seu paso do románico ao gótico, tendo como escusa para desenvolver o tema a construción dunha catedral. Transcorre nun lugar ficticio, o priorato de Kingsbridge. Pola súa extensión e complexidade non é unha novela fácil de resumir, xa que ademais o tempo aproximado da historia son uns corenta anos. Nela teremos de todo, ata unha viaxe en peregrinación ata Santiago de Compostela a través de Francia e España. Comeza cun aforcamento e unha maldición, logo pasará a contarnos a historia de Tom Builder (“o construtor” en inglés), que ten o soño de construír unha catedral, que como dixen antes, é un dos elementos centrais da historia. Ao seu redor teremos varias historias e personaxes que fan que a historia sexa máis entretida e interesante. Tom ten que deixar o seu traballo e marchar en busca de novos horizontes, acompañado da súa muller embarazada e os dous fillos que xa ten. A muller morre no parto e Tom atópase cun neno co que non sabe que facer, polo que o deixara na porta do mosteiro de Kingsbrige. Nel teremos a outro dos personaxes principais, o prior Philip, un home recto e bondadoso que será un dos que máis loitarán para que a catedral saia adiante. Outro dos protagonistas é Jack, que vive no bosque coa súa nai Ellen (novicia e logo acusada de bruxería). Este será un dos que traballe xunto a Tom na catedral e viaxará por Francia e España para aprender todo o necesario. Temos tamén a Waleran, o sacerdote movido pola ambición e o poder, que fai todo o que sexa necesario para conseguir os seus obxectivos... Penso que é case imposible facer un resumo sen estenderse demasiado ou contar de máis. Violación, incesto, asasinatos, torturas, enfrontamentos, mentiras, amor, violencia, intrigas, xiros na historia, sorpresas e moitas cousas máis conforman unha historia complexa e bastante ben contada que atrapou xa a millóns de lectores de todo o mundo e que non deixa de venderse. Posiblemente a estrea da serie de televisión faga que este número aumente.
Esta emitirase primeiro en Canal+ e a continuación en Cuatro. Xa dixen ao principio que sempre pensei que era unha historia moi cinematográfica e atrainte, e espero que sexa bastante fiel ao texto, aínda que xa veremos. Nun principio a produción ten dous nomes que non é que aseguren nada, pero que son moi coñecidos e que sempre, máis ou menos, son sinónimo de produtos de calidade, falo dos irmáns Scott, Tony e Ridley, directores, produtores e guionistas máis que coñecidos por gran cantidade de películas, quizais algo máis o segundo, que conta con varias cintas que marcaron unha época e un certo estilo. Un presuposto de máis de 40 millóns de dólares, que é moito para unha serie de televisión, filmada en Hungria e Austria e asesorada no guión e nalgunhas cousas máis polo propio autor. Como curiosidade comentar que incluso ten un pequeno papel na mesma, facendo dun mercader. Varias caras coñecidas no reparto, quizais as dúas máis destacadas por coñecidas, as de Donald Sutherland (interpretando ao conde Bartholomew) e Rufus Sewell (no personaxe de Tom Builder).
Xa sei que aínda non se emitiu, pero as críticas doutros países onde xa a están a ver son bastante boas, tamén é certo que tiña o éxito case garantido, aínda que so sexa pola cantidade de lectores que tivo, que seguro que moitos deles esperaban, coma min, esta adaptación. De todos os xeitos seguro que cando remate seguirei pensando que mellor ler a novela. Supoño que moitos xa o fixeron, pero para aqueles que aínda non se decidiron a facelo eu recomendaría que non o deixaran para máis adiante. Se teño que escoller unha novela histórica entre todas as que teño lido ata agora, quédome con esta por moitas razóns. A súa extensión é unha delas, porque sería imposible concentrar unha historia longa e complexa en poucas páxinas. Os personaxes están ben definidos, a historia atrapa polas voltas que da en todos os sentidos. Moitas veces neste tipo de novelas, sobre todo antes, os personaxes femininos non son todo o importantes que poderían, nesta temos varios e todos son fundamentais para a historia. Lese con moito agrado e interese, a historia atrapa e sempre queres saber máis, xa digo, recomendable cen por cen, imprescindible para todos os afeccionados á literatura histórica.
No hay comentarios:
Publicar un comentario