jueves, 23 de septiembre de 2010

"La química de la muerte", Simon Beckett

nullnullUltimamente andaba bastante enfrascado na novela histórica e deixando de lado outros xéneros que tamén me gustan bastante, como pode ser a novela negra ou de investigación. Tamén teño que dicir que chegou un momento no que me cansou un pouco, xa teño dito moitas veces que atopar algo orixinal non é fácil, pero tampouco é fácil escribilo, xa que é un xénero no que está case todo inventado. O que hai é autores que conseguen dar un tratamento novidoso sobre todo cos personaxes e con algunhas situacións, e eses son os que merecen a pena. A través dalgunhas recomendacións ou de pasmar nas librerías estou atopando a algúns autores que non coñecía e que me están resultando máis que bos e entretidos e que, ao mesmo tempo, aportan algo (uns máis que outros) a un xénero tan tocado desde sempre. O autor da novela de hoxe chegou a min a través dunha recomendación nun foro de internet, e esta vez acertou, porque a novela gustoume bastante. Falo de Simon Beckett, e a novela de hoxe é “La química de la muerte”.


Simon Beckett é un autor inglés, nacido en Sheffield en 1960. É licenciado en inglés, estivo unha temporada ensinando en España e tamén foi músico. Logo empezou a traballar como periodista independente e escribiu para varios periódicos do seu país. Xa antes escribira algunhas novelas que foron bastante ben recibidas polo público, “Fine lines” (1994), “Animales” (1995), “Cuando el río suena” (1997)... A que comento hoxe é a primeira dunha serie de novelas que teñen ao mesmo protagonista, algo que é bastante habitual nos autores deste xénero, coller a un personaxe central que será o investigador e desenvolver varios títulos nos que é o elemento central. Neste caso a súa creación chámase David Hunter e, como digo, aparece por primeira vez nesta novela, “La química de la muerte”, publicada no ano 2006. Neste caso non é un detective, un policía ou un axente dalgunha das coñecidas axencias habituais, é un médico especializado en antropoloxía forense que ao principio desta primeira novela quere deixar ese traballo, pero que terá que volver a el polas circunstancias nas que se vai atopar. Esta novela foi nomeada no seu ano de publicación para o Premio Daga de Oro, do que foi finalista. No ano 2007 aparece “Escrito en hueso” co mesmo personaxe á que seguirán outras dúas, de momento, porque parece que pode haber máis, “Los sonidos de los muertos” (2009) e “La vocación de la tumba” (2010). Esta serie de novelas centradas neste médico son as que lle deron máis fama e recoñecemento por parte, sobre todo, do público, como un no autor de novela negra ao que temos que unir os coñecementos médicos e forenses. Esta idea xorde cando preparaba unha serie de artigos sobre medicina forense. Para recoller información para unha serie de artigos visitou un lugar que se coñece como “A granxa de corpos” en Tennessee, nos Estados Unidos; un centro de antropoloxía forense fundada polo que está considerado como o creador desta disciplina, o doutor Bill Bass. Nela trabállase con cadáveres reais, estudando todo o proceso da descomposición para poder responder ás preguntas que poden aparecer cando a policía atopa un cadáver, o como, cando ou onde ocorreu a morte, sobre todo para determinar a secuencia temporal da morte. O autor participou de xeito activo en exercicios e investigacións levadas a cabo neste lugar e de aí naceu un interese por esta disciplina que o levou a reflectir todo o que aprendeu nos seus libros e no personaxe de David Hunter.


Nesta novela Hunter vaise enfrontar ao seu primeiro caso tras tentar deixar o traballo de antropólogo forense. A morte da súa muller e da súa filla nun accidente de tráfico déixao desfeito. É o especialista nesta disciplina máis importante do seu país, pero decide deixalo todo e marchar a un pequeno pobo para exercer como médico, ocupando unha, en principio, vacante temporal substituíndo ao médico titular do pobo, un home xa maior que ten que deixar o seu posto xa que quedou nunha cadeira de rodas tras, tamén, un accidente de tráfico. Así marcha a Manham, un pobo illado no condado de Norfolk. A súa vida parece que entra nun momento de tranquilidade, o traballo non é moito, o seu colega fai boas migas con el e o pobo é un lugar calmado, pequeno, sen demasiados sobresaltos e pouco traballo. Pero todo isto cambiará cando uns rapaces atopan un cadáver en avanzado estado de descomposición nun bosque. Ademais ten un compoñente macabro e brutal, alguén lle fixo uns cortes nas costas e meteu neles unhas alas de cisne. Como en todo pobo pequeno, as primeiras sospeitas irán cara aos que non viven nel desde sempre, así que David Hunter pasará, aos ollos de moitos dos habitantes, de ser o novo médico a sospeitoso dos feitos. A policía local está desbordada e non atopa demasiadas pistas e é entón cando o xefe, tras investigar ao protagonista, descobre o seu pasado, é un dos especialistas en medicina forense máis famosos de Inglaterra, polo que pasará de sospeitoso a participar na investigación. Ao principio non quere tomar parte na mesma, non quere facer nada que lle recorde a súa vida pasada e as recentes mortes da súa familia. Terá que loitar contra todo isto e facer o que se lle pide, a responsabilidade é moita e pouco a pouco verá que non pode deixar de lado o que realmente é. Ao mesmo tempo o cura do pobo vai aproveitar estes feitos para facer crecer nos habitantes a sensación de medo, de terror e incluso de histeria, tentando facerse protagonista e así recuperar para a súa igrexa a uns homes e mulleres que o deixaron un pouco de lado. Falará de que todo o que pasa é un castigo de Deus polas malas accións dos homes e mulleres de Manham e será o máximo opositor e contrincante de David. Ademais haberá varios sospeitosos nun lugar onde todo o mundo se coñece pero ao mesmo tempo, onde máis de un ten moito que ocultar. Hunter iniciará unha relación de amistade cunha profesora do colexio do pobo, unha muller que podería ser importante na súa vida, unha vida que el pensa que xa non pode ir a ningún lado e está completamente perdida. Pero ese primeiro asasinato non será o único e o protagonista terá que poñerse a traballar contrarreloxio, deixar de lado toda a súa dor e problemas persoais para impedir que o asasino que anda solto siga matando mulleres.


A historia está bastante ben, non é excesivamente orixinal pero cumpre con creces o obxectivo de entreter ao lector e mantelo nun certo (alto nalgúns momentos) estado de tensión. Para min o mellor da novela é a construción dos personaxes. David Hunter paréceme un protagonista atractivo, un home vulnerable, que non o sabe todo é que ten un gran atractivo persoal, ademais de moitos coñecementos sobre a materia que domina, que ademais están explicados unha linguaxe non demasiado científica e moi facilmente comprensible para o lector. Ao redor del todos os demais tamén están moi ben deseñados e metidos dentro da historia, cada un coa súa función, pero nunca ningún dun xeito anecdótico, non sobra ningún e todos son importantes para a historia. Coñecemos a vida das vítimas, o que fai que aparezan como máis preto do lector, non son descoñecidos que aparecen de repente mortos en medio do bosque, antes saberemos algo das súas vidas, de como son, como viven..., son persoas reais, de carne e oso que fan que a tensión da lectura creza en cada páxina. A historia está bastante ben plantexada, con misterio e intriga, imprescindibles no xénero, e algunha sorpresa. Xunto co central, gustáronme bastante os personaxes do cura e do xefe de policía que logrará que Hunter volva ao seu traballo anterior. Hai pequeno detalles que son fundamentais para a historia, polo que a lectura faise máis interesante e os pequenos interrogantes van contestándose pouco a pouco ata chegar a un final que pode considerarse como “sorpresivo”. A algúns, os afeccionados á televisión, podería recordarlles a unha serie que ten o mesmo elemento central e que tamén está baseada nunha serie de novelas de Kathy Reich, falo do personaxe da doutora Brennan e da serie “Bones”, aínda que nesta hai máis conceptos científicos, máis investigación de laboratorio e esas cousas. As similitudes quedan no tema da antropoloxía forense, xa que no libro que comento as cousas son máis sinxelas, simples e directas, sen tanta parafernalia científica, o que fai, polo menos para min, que resulten máis entretidas.


Xa digo, unha novela negra moi entretida, tensa e interesante, cunha tensión que fai que a partires de certo momento non queiras deixar de ler, non sexas capaz de deixar aos personaxes nun momento no que o que menos queres é non saber que vai pasar despois e como non, recomendable para os afeccionados ao xénero.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=LdxGMR2OizA&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario