domingo, 19 de septiembre de 2010

"Un mundo sin fin", Ken Follet

nullnullHai uns días aparecía por aquí unha máis que coñecida novela de Ken Follet, aproveitando a estrea da serie baseada nela hoxe imos comentar outra do mesmo autor coa que, digamos, ten unha certa relación.


Hai autores que non decepcionan nunca, ou mellor imos dicir, case nunca, porque este comentario de hoxe é dunha novela dun deses autores que, neste caso, decepcionoume un pouco. Como dixen en máis dunha ocasión, todo o escrito aquí son opinións subxectivas que parten soamente dos meus gustos e lecturas persoais, claro está. Cando fixen o comentario de “Los pilares de la tierra” dixen que era unha das miñas novelas favoritas, non so dentro do xénero histórico, senón que é unha desas lecturas que me encheu, satisfixo e das poucos que teño en mente repetir nalgún momento. A reseña biográfica do seu autor, Ken Follet, xa a fixen no momento no que comentei esta novela, así que non vou repetila agora, a aquel comentario remítome. Tamén dicía que era un dos meus autores favoritos e que practicamente todo o que lin del gustoume ou, polo menos, entretívome bastante, pero coa novela de hoxe teño sentimentos opostos, porque por un lado segue a gustarme o autor e non cambio a miña idea sobre el, pero “Un mundo sin fin” teño que dicir que me decepcionou un pouco, sobre todo vindo de quen ven e sendo unha especie de continuación da mencionada lago máis arriba.


“Un mundo sin fin” anunciouse como unha continuación de “Los pilares de la tierra”, cando exactamente non o é. Non temos aos mesmos personaxes nin aos seus descendentes como pasa noutras novelas que parten deste tipo de idea (penso, por exemplo, en Noag Gordon e a historia da familia Cole que aparece reflectida durante varios séculos). Estas dúas novelas, que ben poderían transcorrer en dous lugares completamente distintos, teñen en común que ambas transcorren no mesmo lugar, o priorato de Kingsbridge, pero cunha longa temporada de diferencia e poucos, por non dicir ningún, personaxes en común. A primeira transcorre entre 1135 e 1174 e máis ou menos todos coñecemos a historia da construción da catedral que é o centro da historia. Esta suposta continuación parte de 153 anos despois, coa catedral xa rematada, claro, concretamente no ano 1327 comeza a historia. Así que o primeiro “erro” foi dicir que era unha continuación, cando non o é. Esta ambientada no mesmo lugar, nos finais da Idade Media, case dous séculos despois de que rematara a construción da famosa catedral e ten algúns momentos e situacións (igual demasiados) que recordan á primeira.


Partimos dun día do mes de novembro de 1327, no que catro nenos entran para xogar nunha zona do bosque á que teñen prohibido o acceso. Estes van a ser os catro personaxes principais da historia, dous nenos e dúas nenas unidos por unha amistade da infancia que van ver como unha serie de acontecementos van marcar toda a súa vida posterior. Gwenda é filla dun ladron; Caris unha nena tremendamente intelixente, áxil e rápida de mente que ten como maior ilusión ser doutora e logo temos a dous irmáns de carácter e físico completamente opostos. Merthin é un rapaz moi intelixente, que soña con inventar cousas, sempre pensando; mentres o seu irmán Ralph é cruel, vingativo, malo ata a médula en todos os sentidos. Na súa escapada ao bosque escoitan ruído de loita e escóndense, vendo unha pelexa entre un cabaleiro e dous soldados. Os soldados morren e o cabaleiro enterra algo nesa zona do bosque para despois ingresar como monxe no mosteiro de Kingsbridge. O contido dese obxecto oculto, un documento que garda unha información fundamental, terá un papel moi importante na vida deses catro nenos. Entre eles continuará unha relación na que todos os sentimentos, tanto positivos como negativos, terán cabida: amor, odio, vinganza, rancor... Nas súas vidas haberá momentos de bonanza, alternando con outros de fame; anos de guerra e peste... Caris é filla dun mercader de la e as súas ansias de ser doutora (idea que ten desde pequena) non frearán ante a prohibición de que unha muller estude ou desempeñe ese traballo. O sono empeza cando traballe cunha curandeira, acusada nalgún momento de bruxería, o que traerá consigo fortes enfrontamentos da rapaza coa igrexa, que non acepta moitas das cousas que ela defende ou fai. Ademais quere ser unha muller independente, non quere casar nin pasar a vivir baixo as ordes e desexos dun marido. Estes serán dous dos fíos fundamentais da historia, o seu desexo de ser doutora e o amor que sente por Merthin, amor que ela non quere aceptar de modo convencional, querendo manter unha relación distinta e pouco aceptada tanto pola sociedade como polo propio Merthin. Este comezará a traballar como aprendiz de carpinteiro, pero a súa destreza, intelixencia, talento e inventiva farán que se converta no mellor arquitecto da zona, tendo que superar moitos problemas, sobre todo a loita contra os que mandan na súa cidade, que non aceptan de moi bo grado tanto as súas innovacións como o seu carácter, que choca contra unha sociedade ríxida e demasiado tradicional. Ralph, o outro irmán, é a antítese total do mesmo, é perverso, cruel, sempre movido pola vinganza e o desexo de alcanzar rango de nobreza, algo que quere, sobre todo, para facer e desfacer as cousas e ás persoas ao seu antollo. Todos eles conforman unha historia de amor, intrigas, vinganzas, asasinatos, guerras, idas e voltas, violencia e tamén, claro está, bos momentos de alegría e felicidade.


A historia non está mal, pero teño que dicir que me decepcionou un pouco en varios sentidos. Non é exactamente que non me gustara, entretívome bastante, que xa é máis do que podo dicir de outras novelas, incluso do mesmo estilo ou xénero, que me soen gustar case todas, pero creo que non está á altura da anterior e incluso que está lonxe dela. Non lle podo negar unha gran labor de ambientación histórica e penso que esa é unha das razóns polas que me gustou, a labor de recollida de datos e a plasmación da vida medieval en case todos os estamentos sociais está moi ben, como sempre no autor. Pero tras a outra, a verdade é que esperaba algo máis. Os catro personaxes principais creo que teñen un defecto, e é que son bos moi bos ou malos moi malos, demasiado esaxerados nalgúns comportamentos e actitudes e non me pareceron tan “reais” como en “Los pilares...”. Xa sei que as comparacións son odiosas, e normalmente é así e non son demasiado dado a elas, pero se se vende como unha continuación penso que é inevitable compara ambas. Nalgúns momentos pareceume case un “folletín” de calidade media baixa, un montón de desgracias unha tras outra con poucos momentos para saír un pouco cara arriba que incluso me cansou algo. Quizais por iso hasta se me fixo un pouco longa e ata me sobraron algunhas, non poucas, páxinas. Iso si, non se me fixo pesada, é entretida e se le ben, pero tendo en conta de quen ven penso que non está á altura. Quizais iso é o malo de ter o listón tan alto ou de escribir por compromiso buscando as boas ventas tendo en conta a fama da novela da que parte, case podo dicir que percibín falta de ganas ña hora de escribir ou incluso de cariño do autor polos seus personaxes, non sei moi ben como expresalo, como se fora máis unha imposición da editorial que algo que saíra do corazón do autor. Espero que a publicación da súa última novela, unha triloxía que promete bastante, traia de novo ao Follet que me “conquistou” con case todas as súas novelas anteriores. Non sei se máis lectores coincidirán comigo nestes puntos de vista, sei que moitos non porque no seu momento comenteina con máis xente que a lera e algúns pensaban coma min e outros non, iso é o bo de todas estas cousas, que cada un faga unha lectura cos seus propios puntos de vista e saque as súas conclusións, eu limítome a dar a miña opinión.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=cofVtpAIodE&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario