Antes de comentar o libro de hoxe gustaríame facerlle unha recomendación a algunhas editoriais sobre as reseñas e comentarios que publican nas contraportadas e solapas dos seu libros. Xa o pensei hai algún tempo con algúns trailers de cine, que se os ves case non é necesario que vaias ver a película, porque cha contan case enteira ou polo menos descobren máis do necesario. Agora pásame algo parecido con máis dun libro. Este en concreto que comento hoxe, se un le a contraportadas xa descobre o misterio da historia, porque o deixa ben clariño,co cal o núcleo central da mesma queda desvelado, perdendo moito interese. Está ben que nos conten algo, señores editores, pero so o xusto para despertar o interese do lector, non para resolverlle o misterio, sobre todo se falamos de novela negra, claro. Procurarei non facer o mesmo con este comentario de hoxe.
Como sempre tede en conta que estes comentarios son absolutamente subxectivos, marcados polos meus gustos e lecturas anteriores. Digo isto porque a novela de hoxe, a pesar de que me entretivo algo, non creo que aporte nada ao xénero (xa sei que en novela negra non é fácil facelo) e non pasou para min de ser unha historia decentiña, pero que me decepcionou un pouco. Cando o vin na librería chamoume moito a atención, a historia pintaba ben e parecía que me ía gustar moito máis do que o fixo. Falo de “La biblioteca de los muertos”, de Glenn Cooper.
É a primeira novela deste autor, do cal, por certo e tras moito navegar, non puiden atopar a data d nacemento. Naceu en Nueva York e licenciouse en arqueoloxía pola Universidade de Harvard. Tamén estudou Medicina e exerceu esta profesión. Como arqueólogo participou en varias escavacións, sobre todo en Inglaterra. Desilusionado do seu traballo como médico pasou a traballar como especialista en enfermidades infecciosas nun grupo de investigación en Indianapolis. Seguiu nesta liña durante un tempo, traballando nalgunha empresa farmacéutica. Empezou escribindo guións de cine, menciona uns vinte ata agora, vendendo algúns deles. Entrou na Escola de Cine da Universidade de Boston, pero non chegou a graduarse. Formou unha produtora xunto cun amigo, producindo algunha película. Esta primeira novela empezou como un guión máis, pero vendo as dificultades de convertela en película decidiu que fora unha novela. Consegue que a publiquen e ten un gran éxito de ventas no seu país e é traducida a varios idiomas. Agora dedícase á escritura a tempo completo, investigando, escribindo e lendo. Todos estes datos están extraidos dunha biografía que aparece na súa páxina web.
“La biblioteca de los muertos” transcorre en tres épocas distintas, aínda que a maior parte da historia desenvólvese na actualidade. Parte dun nacemento ocorrido na abadía de Vestis, na Bretaña. Aí, o sétimo día do sétimo mes do ano 777 nace Octavus, un neno que nace cunha maldición motivada por nacer nesa data e ser o sétimo fillo enxendrado por un sétimo fillo. A lenda di que nacerá cuns poderes inspirados polo diaño. Tras uns anos de vivir pechado en si mesmo, sen falar e vivindo na abadía, comeza case como un autómata a escribir nomes e datas aparentemente ao azar. Na segunda época, anos 40 do século XX, temos a unha serie de personaxes históricos reais que falan sobre un tremendo misterio que se é coñecido pola humanidade pode ser fatal para ela. E de aí pasamos ao momento actual. Estamos en Nueva York, onde a cidade está aterrorizada por unha serie de asasinatos. Todos están unidos por unha mesma característica, os mortos reciben unha postal por correo coa imaxe dun féretro e a data da súa morte. Temos a un posible asasino en serie, ao que a prensa vai chamar “o asasino do Xuizo Final”. A policía está perdida, os mortos non teñen nada en común e os asasinatos non seguen as mesmas pautas en ningún sentido. Así intervén o FBI, que case por obriga, encárgalle o caso ao protagonista da historia, o axente Will Piper, un dos maiores expertos en asasinatos en serie, pero que xa está no ocaso da súa carreira, a punto de xubilarse e rodeado de unha boa cantidade de problemas de todo tipo, persoais, familiares, de relacións... Será o seu último caso, así que está decidido a atrapar ao asasino custe o que custe, pero vaise atopar con máis dunha sorpresa en varios sentidos na súa investigación. Aínda que curiosamente, a seguinte novela deste autor, titulada “El libro de difuntos” retoma a este mesmo protagonista, ao que supoño que sacará do seu retiro, xubilación ou o que sexa, para resolver un novo caso.
A verdade é que como dixen ao principio a cousa tiña boa pinta e comecei a lela con bastantes ganas. A medida que ía pasando as páxinas as miñas expectativas ían caendo pouco a pouco. Recoñezo que a historia non é mala e precisamente tras ler o resumo e ver o libro atraíame, pero a lectura decepcionoume un pouco. Creo que non ten case nada novidoso, aínda que xa dixen que non é fácil no xénero, pero nalgún momento a cantidade de tópicos e ideas doutros libros creo que escurece ese bo plantexamento. A parte que transcorre no século VIII e algo máis adiante gustoume bastante, ten orixinalidade e chama a atención, pero o desenvolvemento posterior decepcionoume un pouco. Os personaxes da actualidade, case todos, son típicos, sobre todo o protagonista. Will Piper, o axente do FBI cos seus problemas persoais e todo o que o rodea creo que non aporta case nada, é igual a moitos outros de moitas novelas. O mesmo ocorre coa maior parte dos que o rodean, desde os seus xefes ata a súa compañeira. O camiño que segue a historia en torno a estes personaxes pareceume bastante previsible en case todo, engadindo ademais que a metade de novela, máis ou menos, case todo queda desvelado. Certo é que a partir dese momento a cousa toma un xiro algo “inesperado” (aínda que non demasiado) e con algunha orixinalidade, pero creo que está algo desaproveitada, podería dar algo máis de si. Se a isto lle sumamos o que comentei ao principio, se un le os comentarios que aparecen na edición do libro ás poucas páxinas o gran misterio queda resolto, perde bastante. En canto á forma se mantén dentro do xénero, non ten grandes cousas que comentar no estilo, fácil, sinxelo e ameno. Non é que non me gustara, entretívome, pero creo que hai moitas novelas do xénero que están por riba desta e que lin algunhas que sen tanta propaganda ou éxito de ventas parecéronme moito mellores. ¿Recomendaría a súa lectura? Se un so quere pasar un rato de lectura sen demasiadas pretensións si, pero se quere algo máis hai outras creo que moito mellores. De todos modos espero os vosos comentarios, tanto para confirmar o que penso dela como, sobre todo, aqueles que non estean de acordo, a ver se me fan vela doutra maneira.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=AQU1WdwW8As&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
No hay comentarios:
Publicar un comentario