domingo, 26 de septiembre de 2010

Nurse Jackie

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=Yn6v7PafR6g&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Tras varios libros imos comentar algo de televisión. Hai un par de días que rematei de ver a primeira temporada da serie de hoxe, e teño a segunda para ver xa, porque teño que recoñecer que me gustou moito. É outra desas series algo distintas, que non seguen a liña digamos “boa” deste tipo de producións, vamos, que a protagonista non responde, para nada, a un termo bastante de moda nos últimos anos, ser “politicamente correcta”. Ao estilo doutras que apareceron por aquí non falamos de personaxes que sirvan de modelo a case ninguén, polo que penso que son algo máis reais que os marabillosos homes e mulleres que aparecen en moitas destas series americanas. Parece que en algunhas as cousas van cambiando por alá e abren a porta a outro tipo de persoas máis parecidas ás de verdade, cos seus problemas, as súas limitacións e unhas vidas máis parecidas ás reais. Iso si, sempre tendo en conta que estamos a falar de televisión, de ficción, que tampouco queremos que sexan demasiado reais. Falo de “Nurse Jackie”, unha serie que aquí está a emitir un dos canais de pago, en concreto Calle 13 e que espero que se emita por algún dos gratuítos para que todo o mundo poda disfrutala, porque merece a pena. Está producida por unha cadea digamos “especializada” neste tipo de personaxes algo lonxe do normal, algo sorpresivos e distintos; súas son series como “Dexter”, “Weeds” ou “Californication”, todas elas con protagonistas e personaxes que se saen algo do normal, a verdade.


Jackie Peyton é unha enfermeira que traballa nun hospital de Nueva York. Nun principio podería parecer unha máis desas moitas que aparecen polos nosos televisores con médicos, enfermeiras, pacientes e líos amorosos, pero non. Xa de entrada é adicta aos analxésicos, que esnifa, mastica, bebe e toma por case todos os medios posibles, así que aquí temos a primeira incorrección. Por outro lado está casada, ten dúas fillas e está liada co farmacéutico do hospital onde traballa, que é o seu principal subministrador. Ademais no hospital soamente hai unha doutora coa que mantén unha forte relación de amistade e sabe todo da súa vida, o seu matrimonio, os seus líos e as cousas que fai. É outro personaxe cunha especie de dobre vida e cun lado escuro que case ninguén coñece. Fóra do hospital é unha perfecta, case, esposa e nai; dentro é a perfecta enfermeira cun traballo estresante e que a absorbe completamente. Pero ninguén sabe realmente como é, leva case tres vidas ao mesmo tempo e nos momentos en que están a punto de tocarse aparecen montóns de problemas. No seu traballo ten o seu propio código ético, saltándose todo para conseguir os seus obxectivos, que basicamente parten do seu concepto da xustiza, que hai que dicir que á hora de tratar pacientes son sempre impecables e con eles no primeiro lugar das súas prioridades. Pero ao mesmo tempo ese código propio vaina levar a facer cousas que poden sorprender, ao principio, ao espectador. No primeiro episodio tira ao retrete a orella dun maníaco sexual, así que en certo modo, ela se converte en salvadora ou castigadora de moitos dos que pasan polas urxencias do “seu” hospital. Este traballo e a súa familia son as cousas que a levan a esa dependencia dos analxésicos, unha forma de levar o tremendo ritmo diario que leva e tratar unha doenza de costas que padece. É unha enfermeira excelente, mellor que moitos dos médicos cos que traballa, aos que trata moi mal, ela pensa que os médicos so fan diagnósticos, pero elas son as que curan de verdade aos enfermos. Algúns quixeron ver nela a unha versión feminina do coñecido doutor House, nada que ver, ela é moi humana cos seus pacientes, que son a súa prioridade fundamental e aos que pon por enriba de todo, por eles é capaz de facer calquera cousa, incluso xogarse o seu posto de traballo, a súa familia, amistades..., os pacientes son o primeiro.


A serie está dominada por un humor negro absolutamente xenial e, ao mesmo tempo, unha certa sensación de tristeza que fai da mesma algo realmente bo. Varios colectivos de enfermeiras puxeron o grito no ceo na súa estrea, dicindo que daba unha imaxe demasiado negativa do seu traballo, dicindo que nunca podería traballar como enfermeira tras violar todas as regras do código ético (e algunhas máis que non están nel). Non olvidemos, como contestou a cadea, que estamos ante unha serie de ficción para entreter, unha ficción nalgúns momentos tan esaxerada que é evidente que non ten nada que ver coa realidade. Por outro lado o seu éxito de público e, sobre todo de crítica (dous tipos de éxito que moitas veces non van xuntos) foi moi grande, cunha terceira temporada a punto de estrarse en Estados Unidos dentro de pouco. Para min, quizais xunto con “Weeds” (que algún día comentarei) unha das mellores comedias negras, cínicas, sarcásticas, cáusticas... que se poden ver neste momento na televisión.


Ademais non hai so un personaxe ademais dela que non haxa que destacar, porque todos son absolutamente xeniais e fundamentais para a serie. O marido ideal que nada sabe de como é en realidade a súa muller, dúas fillas tamén con certos problemas, sobre todo a maior que da pe a moitas situacións destacables. Logo temos ao persoal do hospital, que o mellor é que son todos distintos, cada un coa súa forma de ser e as súas cousas. De todos eles destacaría a dous que son case como os seus discípulos. Temos ao doutor Cooper, un médico novo, entre prepotente e despistado, pero sobre todo inseguro, con ínfulas de gran médico que vai chocar continuamente con Jackie, que pensa que é un bo médico pero ao que lle queda moito por aprender, e ela é a encargada de ensinarllo. E tamén a unha nova enfermeira, Zoey Barkow, inxenua, simpática e dicharacheira, un carácter que non vai nada co a da nosa protagonista e que ten algún dos mellores momentos cómicos (ou traxicómicos) da serie e que creo que é unha das mellores actrices da mesma. Ademais temos á doutora O´Hara, a confidente e amiga de Jackie, unha doutora á que lle gusta a boa vida, a roupa cara e tamén o seu traballo. Eddie é o farmacéutico co que Jackie ten unha relación clandestina, case con horarios fixos, escondidos no hospital e aproveitando a intimidade da farmacia para as súas relacións. Ademais destes varios personaxes fixos, dous enfermeiros e, sobre todo, Gloria Akalitis, unha antiga enfermeira que agora é a xefa, sempre de mal humor, sempre queixándose e tentando poñer a todos no seu sitio, sobre todo a Jackie, á que sempre presiona, sabendo que sempre vai responder.


Todos os actores están fenomenais nos seus papeis e non é fácil destacar a ningún deles, con unha excepción. A protagonista, Jackie Peyton, está interpretada por Eddie Falco, unha actriz que todos os afeccionados á televisión coñeceran polo seu papel nunha das mellores series dos últimos anos, “Los Soprano”, onde interpretaba un dos papeis principais, o da esposa do protagonista, Carmela Soprano, xenial e gañadora de tres premios Emmy. Ademais polo seu papel na serie de hoxe gañou este ano outro premio Emmy como mellor actriz protagonista nunha serie de comedia, ademais de outros premios televisivos menos coñecidos.


Unha serie máis que recomendable. Son episodios de algo menos de 30 minutos, que en máis dunha ocasión se me fixeron demasiado curtos, sobre todo porque teñen un ritmo normalmente alto, o que é outro dos seus méritos principais. Os casos médicos funcionan case como unha escusa para reflectir moitos comportamentos humanos, uns reprobables e outros admirables e sempre con máis dunha sorpresa que fai que quedes coa boca aberta. E ademais con momentos realmente divertidos, ou, moitos deles, traxicamente divertidos dentro desa liña de humor negro e pouco correcto. Creo que é unha serie distinta, algo lonxe do habitual, sobre todo dentro da temática de médicos, enfermeiras e hospitais, nada idílica nin ideal, con moi poucos dos tópicos habituais do xénero. Cun humor bastante negro, algo lonxe tamén da tónica habitual das comedias americanas, aínda que como dixen ao principio empezan a aparecer varias nesta liña, case todas elas destacables. Non sei se algunha das cadeas gratuítas animaranse a emitila, estade atentos porque de verdade que merece, e moito, a pena.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=7k0CExDtAZ8&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario