Normalmente o verán non é unha boa época para o cine, a carteleira está chea de cine de calidade mediana, segundas, terceiras ou enésimas continuacións de outras anteriores ou versións en cine de series de hai anos. Xa comentei algunha vez que parece que aos guionistas lles falta algo de imaxinación ou que tantos pasaron á televisión que xa non quedan demasiados bos para o cine. De todos modos de vez en cando temos algo distinto, medianamente orixinal e que pode aportar algunhas cousas ao panorama cinematográfico. Eu penso que a película que vou comentar hoxe entra dentro deste apartado, algo destacable dentro dese panorama veraniego lixeiramente decepcionante. Tamén comento que ao saír do cine tivemos unha pequena discusión familiar, a min gustoume moito, pero ao resto da unidade familiar digamos que a deixou algo máis indiferente e non provocou tanta paixón. Digo isto porque entendo perfectamente a cuestión, non é unha película fácil de entender, sobre todo se a un non lle gusta demasiado a ciencia ficción, porque iso si, ficción é unha das palabras que a pode definir perfectamente e ten que ir un coa mente aberta e preparado para ver algo completamente fóra da realidade, pero en gran medida, iso é o cine, ou non ? A película en cuestión é “Origen”, dirixida por Christopher Nolan e protagonizada por Leonardo Di Caprio.
A ver se son capaz de esbozar nada máis o argumento, porque unha das cousas que ten é que é mellor non contar demasiado e deixar que sexa o espectador o que vaia sacando as súas propias conclusións, xa que iso si, deixa bastantes cousas á interpretación do que a está a ver, cousa que por un lado está ben e por outro non tanto. No fondo non deixa de ser unha cinta de ladróns no sentido máis clásico, unha película de timos e estafas no que un grupo de xente especializada cada un no seu campo monta un equipo para enganar a outras persoas e roubarlles algo, ou deixarlles algo, que tamén é posible. Donald Cobb (interpretado por Leonardo Di Caprio) é un ladrón, o mellor no seu campo, a extracción de valiosos segredos do subconsciente das persoas cando estas están durmidas e a soñar. Introdúcese nos seus soños, momento no que a mente é vulnerable, e manipula esas situacións ata chegar a conseguir aquilo que lle encargan as persoas que o contratan. A súa habilidade fai que sexa contratado por grandes corporacións para o campo da espionaxe industrial, pero iso fai que viva como un fuxitivo, que tivera que abandonar a súa familia e sexa buscado en case todas partes. Agora terá a oportunidade de levar a cabo un traballo que lle permita redimirse e volver a súa casa, un último traballo complicado e perigoso, o máis perigoso de todos os que ten feito e que pode significar o todo ou a nada. Para iso reunirá un novo equipo, no sentido máis clásico dos grupos de ladróns do cine so que adaptado a este novo xiro argumental, xente que é capaz de meterse nos soños da xente para intervir como personaxes neles. Uns deseñan os escenarios do soño, outros (os falsificadores) son capaces de meterse nos soños e facerse pasar por outras persoas, outros controlan e dirixen ese soño para intervir cando sexa necesario. Isto é “Origen” e o mellor é velo para saber por onde irá todo isto, que parece complicado pero non o é tanto. Xa un clásico da nosa literatura dixo aquilo de que “a vida é soño e os soños soños son”.
A historia, aínda que o pareza, non é demasiado complicada de seguir se somos conscientes de que estamos a ver unha historia de ciencia ficción, de soños, de soñadores, de soños dentro de soños e de cousas que se van complicando cada vez máis. Espero que non teñades a mala sorte que tiven eu. Na sala na que a vin o son da banda sonora e os efectos estaba moito máis alta que a dos diálogos, o que facía que en algúns momentos fora complicado seguilos, perdendo máis dunha explicación do que estaba a pasar. Porque nese sentido é imprescindible seguir as conversas entre eles, porque nos van explicar todo o lío do traballo que realizan e as súas condicións. Se a iso sumamos que a dobraxe do personaxe oriental non é (penso eu) nada boa porque por momentos tampouco se lle entendía demasiado, teño que dicir que por moito que me esforcei tiven que substituír algunhas palabras coa miña imaxinación e supor algunhas das cousas.
Christopher Nolan creo que está a converterse nun dos mellores directores para este cine que mistura a acción con algúns elementos intelixentes e novos, sempre con algo distinto que aportar ao xénero, demostrando que se pode facer un cine comercial e, ao mesmo tempo intelixente e innovador en varios aspectos. De entre as súas cintas destacaría “Memento” (moi orixinal) que foi a que lle deu recoñecemento. Logo foi o encargado de tentar revitalizar ao personaxe de Batman, sobre todo coa segunda, “El caballero oscuro”, que está entre as miñas favoritas no xénero. E antes unha cinta de magos, “El truco final”, que tampouco estaba nada mal. O que se pode dicir é que colle xéneros moi tocados e dálles un aire novo e algo distinto, o que non está nada mal. Ademais neste caso tamén é o guionista da historia, así que non se lle pode pedir moito máis.
Do protagonista masculino pouco podo dicir. Xa nun comentario anterior falaba de que era un dos meus actores favoritos, cada personaxe que colle ten credibilidade e sobriedade e penso que vai aprendendo día a día, escollendo os seus papeis e acertando normalmente. Aquí fai perfectamente o personaxes de Donald Cobb, un home con algunha complexidade e algúns aspectos escuros que quedan ben interpretados, bastante sobrio e sen demasiados excesos, creo que está moi ben no papel. O resto dos actores tamén son destacables, aínda que algo menos coñecidos, moitos deles de cara e habituais en moitos papeis secundarios, pero o certo é que o peso da historia recae completamente en Di Caprio, que se non recordo mal sae en case todas as escenas da mesma.
A cinta ten un ritmo trepidante que non cae en ningún momento e atrapa ao espectador nese marasmo de soño e realidade, sen saber moi ben as veces que é o que está a ver en cada momento. O espectáculo tamén e outra constante, as escenas de acción están moi ben filmadas, sen caer en esa moda de rapidez e confusión que aparece nalgunhas películas do xénero, que non sabes moi ben que está a pasar. Sigo pensando que o estilo “Matrix” de filmacións en cámara moi lenta fixo algo de ano ao cine e hai directores que abusan demasiado dun recurso que as veces queda ben pero outras resulta demasiado efectista e repetitivo. Aquí temos algúns momentos que usan ese recurso e algún cansa un pouco, pero pouco, máis que nada porque cando é longo vai alternalo con outros momentos de máis movemento. Además, sen explicar a razón, está xustificado polo argumento. De todos modos hai algunhas escenas que usan este tipo de cámara que resultan máis que bos e fan que un non saiba ben para onde ver, porque a cantidade de cousas que se moven pola pantalla despaciño son inmensas, e algunhas son importantes. Como dixen algo máis arriba pode verse como unha mera cinta de acción moi espectacular, co cal pode gustar ao afeccionado ao xénero, pero se consegue entender a grandes rasgos a historia poderá disfrutar máis da mesma.
Duás horas e media que se ven como un xogo, cheas de detalles que non se deben perder e unha estrutura que parece complicada pero que en realidade non o é tanto. Un puzzle que parece moi complexo e difícil pero que poderá resolverse con algo de atención e imaxinación. As imaxes e as situacións impactan ao espectador as veces como golpes nas súas mentes, inquieta tamén por momentos e algunhas escenas son incomensurables pola espectacularidade. Podo dicir que é desas cintas que a un ou o atrapan ou fan que a rexeite por completo (non tanto, espero), cada un sacará as súas propias conclusións, pero penso que merece a pena que vaiades a vela ao cine (nunca en casa, esta é das que non se poden ver na televisión), seguro que veredes os vosos soños doutra maneira.
No hay comentarios:
Publicar un comentario