miércoles, 15 de septiembre de 2010

"Maldito karma", de David Safier

karma.jpgsafier.jpgParece que estamos nun ano de sorpresas editoriais, quero dicir que levamos uns meses de novelas de autores e autoras descoñecidos con primeiras novelas que se converten en éxitos editoriais, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Non me vou parar a mencionalos, porque máis ou menos todos sabemos cales son, algúns deles xa apareceron por estes comentarios e outros, posiblemente, aparecerán máis adiante. Digo isto porque a novela que vou comentar hoxe está dentro deste grupo. “Maldito karma” é a primeira novela de David Safier, un autor novel que viu como a súa obra converteuse nun gran éxito de ventas en todos os países nos que se vai publicando. Ademais entramos tamén nun xénero que aínda non aparecera por aquí, a novela “satírica” ou que pretende facer sorrir ao lector e que ademais ten (como case todas as do xénero en calquera época) unha certa carga crítica que é precisamente un dos motivos centrais da historia, criticar actitudes ou comportamentos tentando ridiculizalos ou esaxeralos cara ao lector, pero nesas hipérboles sempre podemos atopar comportamentos tanto nosos como daqueles que nos rodean. Teño que dicir que me pareceu unha novela máis que simpática, moi entretida e que conseguiu facerme sorrir máis dunha vez, así que penso que merece a pena.


David Safier é un autor alemán nacido en Bremen en 1966. Estudou periodismo e traballou logo na radio e na televisión. A partir do ano 1996 empeza a traballar como guionista de programas de televisión, co que empezou a ser coñecido no seu país, realizando varias series e comedias de situación. Por este traballo recibiu varios premios, como o Grimme ou o Premio TV en Alemaña, ademais dun Emmy nos Estados Unidos. En 2007 publica a súa primeira novela, “Maldito Karma” que é un gran éxito de ventas en todos os países nos que aparece. En 2009 publícase en España, onde tamén sobe rapidamente aos primeiros postos. A súa seguinte novela, que aparecerá pronto en castelán é “Jesús me quiere” e en marzo de 2010 saiu en Alemaña a terceira “Plötzlich Shakespeare” (que viría a ser algo así como “De repente Sakespeare”).


A historia que nos conta a novela é simple. A protagonista é Kim Lange, que é nese momento a presentadora máis famosa da televisión alemá. Claro que esa fama ten un prezo, o seu fracaso como nai, esposa e compañeira de traballo. Tanto é así que non acode á festa do quinto cumpreanos da súa filla porque prefire ir a unha entrega de premios, na que ademais pode levarse o galardón dese ano. A relación co seu marido está moi deteriorada, un home ao que quixo moito no seu momento pero ao que foi deixando de lado a cambio do éxito. E o mesmo lle pasa á relación coa súa filla, unha pequena á que case non ve, coa que case non fala e á que non atende, senón que é o seu marido o que ten que encargarse de todo o que ten que ver coa vida familiar. Os seus compañeiros de traballo tampouco é que sintan demasiado aprecio por ela, unha muller capaz de calquera cousa por medrar e ascender no seu traballo, deixando de lado a todos e a todo. Gaña o premio e engana ao seu marido esa mesma noite cun atractivo presentador, pero nun momento a vida pode darte unha sorpresa e, de repente todo remata. Un lavabo dunha estación espacial rusa cáelle enriba da cabeza e aí remata todo, morrendo case instantaneamente. Esperta de repente con dúas antenas e seis patas, é unha formiga. A razón, o propio Buda aparéceselle trala morte para dicirlle que acumulou tal cantidade de mal karma durante a súa vida que agora deberá empezar de novo, se quere ir avanzando para poder morrer en paz e marchar dunha vez terá que acumular bo karma, e iso solo se consegue con boas obras, algo que non sabe se será capaz de conseguir. O resto teredes que lelo, porque penso que realmente merece a pena e ides pasar un bo rato.


Ante todo comentar que todo o asunto do karma está tomado con ese sentido do humor que preside toda a historia, que polo que acabades de ler non é máis que unha ficción simpática e completamente ficticia e fantástica. Tampouco é necesario crer en reencarnacións, relixións nin nada por ese estilo, para nada é unha novela relixiosa que pretenda ensinar algo relacionado con este tema. O que de verdade pretende é facer unha reflexión desde un punto de vista humorístico de cales deberían de ser as prioridades da nosa vida, o que de verdade é importante, o que realmente facemos con ela e o que, desde o punto de vista do autor, deberiamos facer quizais para ser mellores persoas e disfrutar un pouco máis da vida. Moitos verán nalgunhas situación escenas e momentos da súa propia vida ou da dos que os rodean, pero sempre nun ton simpático e intranscendente que ao mesmo tempo esconde cousas importantes e non tan divertidas. O personaxe central, ademais, non é nada esaxerado nin fóra da realidade, podemos atopar máis dunha persoa así ou parecida (e incluso moito peor) e todo o que lle vai ocorrer está encamiñado a que tanto ela mesma como o lector reflexionen un pouco sobre unha serie de temas que están bastante ben plantexados: o ritmo da vida moderna, as relacións persoais, a amistade, o amor á familia, o respecto á xente, as mentiras..., a lista podería ser extensa. Para os afeccionados á televisión nalgunhas cousas recordoume a unha serie que ten unha liña parecida, “Me llamo Earl”, na que o protagonista estaba convencido, tras un accidente, de que a vida dependía do karma, que marcaba que se un fai cousas boas pásanlle cousas boas e se as fai malas pois lle pasan cousas malas. Con esa idea dedícase a tentar arranxar todos os erros que cometeu na súa vida, que foron moitos, para conseguir que a súa vida mellore. De paso recoméndoa para aqueles que non a coñezan, ademais de que tamén ten un ton de comedia algo histriónica, pero moi divertida.


É unha novela breve, non chega ás 300 páxinas que se le con moito agrado e facilidade, bastante ben plantexada e na que no hai un momento no que non pase nada. Os personaxes principais son catro ou cinco e todos eles moi ben construídos para que o lector saiba en todo momento como pensan e por que actúan como o fan. De todos modos, de todos eles, quédome cun personaxe histórico que aparece de vez en cando acompañando á protagonista nas súas “aventuras”, creo que os mellores momentos sobre todo en comicidade están reservados para el, moitos deles convertidos en notas a pe de páxina realmente divertidas. Hai tempo que non lía unha historia que me fixera sorrir, anos creo eu, pero esta conseguiuno non poucas veces. Non é que sexa para rir a gargalladas, pero si que me mantivo durante toda a lectura cun sorriso na boca, e algunha risa en alto tamén apareceu algunha vez. Certo é que non ten nada de realista, é case unha fábula longa onde en realidade algúns animais son persoas reencarnadas, pero como xa dixen, esta ficción que pode parecer ridícula nalgúns momentos esconde moitas realidades. Non quero contar moito máis, porque como sempre a gracia está en lela, pero si que é unha desas novelas que recomendaría, tanto para pasar un bo rato como para pensar un pouco por onde queremos levar as nosas vidas, non vaia ser que nos reencarnemos nunha formiga, ou algo peor.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=2yhj88atX0g&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario