Como estamos nun momento de certo parón no tema das series, xa que as novas temporadas e series chegarán en breve, hoxe imos volver ao tema do cine. Como non son estreas recentes vou comentar dúas películas que non é que sexan antigas, xa teñen un par de anos, pero estes días tirando de cousas que tiña gravadas vin as dúas e penso que merecen un comentario e unha recomendación para aqueles que non as viran, para que as recuperen en DVD ou as anoten cando aparezan por televisión. Poño as dúas xuntas porque comparten temática, as dúas transcorren na época da Segunda Guerra Mundial e teñen como tema central a situación dos xudeus durante este momento histórico. É un tema que non deixa de sorprenderme e asustarme, a verdade, sobre todo porque penso que ao igual que nestas historias que comento hai moitas outras parecidas que non chegaron a coñecerse e quedaron perdidas na historia, aínda que algunhas gracias ao cine e á literatura van chegando ata nos. Ambas son películas fortes, duras, tristes e arrepiantes, que provocan uns sentimentos de repulsión ante estas situacións que se produciron neses anos e, ao mesmo tempo, son historias de valentía (aínda que penso que para estas é unha palabra que se queda corta), de superación, de coraxe, de loita pola supervivencia...
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=FnRYQqp6oZw&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
A primeira titúlase “Resistencia”, estreada no ano 2008. Como a maior parte deste tipo de cintas, está baseada en feitos reais. Vainos contar a historia de catro irmáns en Bielorrusia durante a ocupación alemá. Estamos no ano 1941 e os seus propios compatriotas que traballan para os nazis toman parte no asasinato dos pais dos protagonistas. Eles logran escapar e van vivir aos bosques que rodean o lugar onde viven. Ao principio queren sobrevivir como poden, pero ao pouco tempo comezan a atopar a máis refuxiados dos que terán que facerse cargo. Empezan medio pedindo medio roubando comida para subsistir, pero tamén realizando pequenas escaramuzas contra os que asasinaron aos seus pais coa vinganza sempre presente nas súas mentes. Tuvia é o irmán maior, un home seco, non demasiado violento que o que quere fundamentalmente é conseguir que el e aqueles que están con el saian adiante. Non vivía co resto dos irmáns, está casado pero acode na súa axuda cando asasinan aos seus pais. Zus é o o seguinte, máis violento e centrado na loita, na vinganza contra os nazis, é o que quere pelexar e matar, o que provocará máis dun enfrontamento co seu irmán. E logo temos ao terceiro Asael, que queda entre os dous irmáns, admirando ao maior pero respectando tamén ao segundo, sen saber moi ben que é o que ten que facer, pero que terá que crecer a un ritmo moito máis rápido da idade que ten. O cuarto irmán chámase Aron, é o irmán pequeno, no que máis se nota o sufrimento provocado por unha situación que non entende demasiado ben. A medida que van sendo coñecidos na zona, o número de xudeus que acoden a eles para atopar refuxio e poder vivir vai crecendo dun modo alarmante, ata formar case unha pequena vila que terán que administrar, gobernar, alimentar e, sobre todo protexer. Esta é a historia dos irmáns Bielski, un relato que merece a pena e non deixaría pasar. O director é Edward Zwick, coñecido por cintas como “El último Samurai” ou “Diamante de sangre”, que tamén teñen ese aire épico desta mesma de hoxe. Os protagonistas son Daniel Craig (que xa non sacará de enriba o de ser “o novo James Bond”, que neste papel non me gusta demasiado pero que nesta película da vida a un personaxe sobre o que cae unha responsabilidade coa que non contaba e que supón unha tortura nalgúns momentos) que creo que fai un máis que decente papel, e Liev Schreiber, un actor normalmente para papeis secundarios pero que aquí penso que dá a medida do que podería facer se lle ofreceran outro tipo de actuacións. Todos están moi ben, provocan no espectador unha morea de sentimentos, as situacións de tensión son moitas e duras, pero terán que facer todo o posible, e algo máis para poder saír desa situación. Son case dúas horas e media de cine, pero que non se fan nada longas, é imposible non estar pendente da vida destes homes e mulleres en medio do monte, famentos, pasando invernos, loitando por vivir contra os alemáns e o bosque que os rodea e do que non poden saír.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=dxRckhIJoP0&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
A segunda transcorre na mesma época, pero noutro país distinto, neste caso Holanda. O director é Paul Verhoeven, un holandés que fixo varias cintas en USA cheas de efectos especiais e buscando a espectacularidade e a taquilla, coñecido por exemplo por “Instinto básico”, “Robocop”... Esta de hoxe é a súa última película ata o momento e para facela volveu a Holanda, ao mellor buscando facer algo distinto e con algo máis de calidade. E a verdade é que o conseguiu, porque é unha historia de guerra, de nazis, de espionaxe cun ritmo e unha historia que ten pegado ao espectador ao asento sen case poder respirar, as dúas horas e media longas de metraxe pasan case sen darse conta, porque o nivel de intranquilidade e tensión que provoca é moi alto. Polo que di o propio director está inspirada en feitos reais, non directamente baseada neles, o que quererá dicir que é unha interpretación algo libre dos feitos. Aínda así penso que é completamente crible, nada esaxerada e ben podería ser tal e como nola conta o propio director. Estamos no ano 1944 en Holanda, a protagonista é unha cantante xudía que vive escondida cunha familia holandesa, lonxe dos seus pais que están noutro sitio, pero a súa familia de acollida morre durante un bombardeo e terá que escapar para poder sobrevivir. Toma contacto cun home que lle ofrece a posibilidade de escapar xunto á súa familia, pero serán atopados polos alemáns, que acabarán con case todos. Ela escapa de novo e vai traballar coa resistencia, seducindo a un oficial nazi como parte da súa misión. Evidentemente as cousas vanse complicar nun xogo no que case ninguén é o que parece, un xogo de espionaxe, de enganos, de mentiras e falsidades no que ela verase metida sen saber moi ben en quen pode confiar e en quen non. A historia vaise complicando pouco a pouco, e o mellor é vela para saber que lle vai pasar. É unha película moi ben feita, moi coidada, elegante, sen demasiados adornos e artificios, directa e dura, o que dicía antes, unha historia real con persoas reais, coas súas virtudes e os seus defectos, tendo en conta que tanto unhas como os outros veranse acrecentados pola situación na que teñen que vivir. Hai escenas realmente duras, que lle doen máis ao espectador que aos actores, con situacións estremecedoras pero non é unha cinta excesivamente sanguenta, é máis unha guerra entre persoas polo poder, o diñeiro, a riqueza e, sobre todo, a supervivencia. Os actores son todos holandeses e non demasiado coñecidos, pero a protagonista, Carice Van Houten, destaca por riba de todos cunha excelente interpretación e fenomenalmente acompañada polo resto, xa que creo que están todos moi ben. O guión está perfectamente elaborado, nalgúns aspectos cun aire de película das de toda a vida, case daquelas de antes, en branco e negro, pero agora en color e máis directas nalgunhas cousas, claro. Unha película completamente recomendable para pasar dúas horas e media case sen darse conta.
Aínda que teñen certas cousas en común son bastante distintas. Dúas formas de ver unha parte da nosa historia recente que a min, tanto en cine como en literatura non é so que non me canse, senón que non deixa de estremecerme, arrepiarme e deixarme nun estado para o que non hai demasiadas palabras. Por pouco, xa que é unha historia algo máis movida e variada, gustoume máis a segunda, pero xa digo, por moi pouco. Se non as vistes aínda penso que son merecedoras de que o fagades, aínda que supoño que calquera día caerán por algunha das nosas televisións, anotádeas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario