jueves, 26 de abril de 2012

"El lector de cadáveres", Antonio Garrido




Buscando algún libro para regalar neste pasado Nadal atopeime co que vou comentar hoxe. Non coñecía ao autor, pero o título e a portada chamáronme a atención e animeime a botarlle unha ollada. Lido o resumo da contraportada o meu interese creceu, tiña boa pinta, unha boa historia e ao final foi o regalo para un dos meus cuñados. A verdade é que non sei se a ten lido xa ou non, pero se o fixo espero que lle gustara tanto como a min. Pareceume unha boa historia, unha lectura interesante e moi amena, ademais de aportar unha boa cantidade de datos ben metidos dentro do argumento. O autor é Antonio Garrido e a novela “El lector de cadáveres”.

Antonio Garrido naceu en Linares (Xaén) en 1963. As súas lecturas de xuventude foron os grandes clásicos de todos os tempos: Walter Scott, Stevenson, Dumas, Salgari ou Jack London. As súas primeiras intencións eran dedicarse á escritura e a novela, pero en certo momento decidiuse por estudar Enxeñería. Posteriormente dedicouse á docencia e publicou varios traballos de carácter técnico. Este rumbo cambiou no ano 2001, cando durante unha viaxe por Alemaña unha historiadora faloulle dun manuscrito esquecido que acabou dando lugar a súa primeira novela, “La escriba”, publicada en 2008. Esta novela tivo un gran éxito, traducida a trece idiomas e gañadora de varios premios internacionais. É unha novela que podemos incluír dentro do xénero de suspense histórico e aventuras, que parece ser o mundo no se que vai mover o autor. En 2007 empezou a traballar na súa segunda novela, esta que comento hoxe, seguindo esa mesma liña. Actualmente compaxina o seu traballo como escritor co de profesor na Universidade Politécnica de Valencia e na Universidade Cardenal Herrera da mesma cidade, ademais de participar en conferencias, ponencias ou talleres de novela histórica. “El lector de cadáveres” chegou ás librerías a finais do ano 2011.

Como dixen ao principio cando collín a novela e lin o resumo da historia chamoume a atención, pero o primeiro foi ler as liñas iniciais, falando de que nos ía contar un relato sobre o primeiro xuíz forense da historia. Quizais o traballo de forense hai uns anos non era tan coñecido como agora, hoxe, creo que gracias á televisión, temos unha idea de como traballan; ben, máis ou menos, que xa sabemos que nas series sempre esaxeran as cousas un pouco. Claro que coa cantidade de CSI, de investigadores e series policiacas e de novelas con este tipo de personaxes todos temos unha certa idea de que fan. Así que iso de ler “o primeiro forense” fixo que un certo interese aparecera por ler esa novela que parecía ter máis de histórica que outra cousa e ademais dun autor descoñecido para min. Xa digo que é máis que unha novela histórica, con máis elementos e moi variada, con outras vías de interese que lle dan unha certa orixinalidade.

Imos coñecer a vida de Ci Sóng, un personaxe histórico que tamén chegou a coñecemento de Garrido tamén por casualidade. Podedes ler a historia competa no epílogo final. O autor foi invitado a un congreso de ciencia forense no cal unha das ponencias falaba deste personaxe que atraeu poderosamente a Garrido. Descubriu que tiña unha gran cantidade de libros sobre formas de morrer, marcas deixadas nos cadáveres e unha boa cantidade de información sobre investigación forense. Consultou gran parte deste material, así como sobre a época na que viviu, formas de vida, organización social e todo o que puidera ser interesante para o desenvolvemento da súa historia. O traballo de recollida e revisión de información ten pinta de ter sido inxente e laborioso, pero creo que o seu reflexo na novela é realmente bo. A cantidade de información que o lector vai recibir sobre a época e todo o que a rodea, así como sobre a investigación forense nese momento é moita e toda ela bastante interesante, polo menos para min, e ben introducida dentro do desenvolvemento do argumento, sen resultar excesivamente pesada nin prolixa. Isto xa é un punto ao seu favor. Iso si, matizar que o protagonista é un personaxe histórico, que case todo o que se conta sobre a vida na China da época tamén, pero non a propia historia de Ci Sóng, unha historia que o autor novela partindo de todos eses datos e á que engade unha serie de elementos creados por el. Isto non lle resta nin un ápice de interese, escapando da crónica histórica para darnos un relato ameno, interesante e cunha boa dose de intriga.

Estamos en China no século XIII. Ci Sóng provén dunha familia humilde, vive no campo pero ao seu pai ofrécenlle unha praza de funcionario na cidade e vai con el, mentres o seu irmán queda a cargo das terras da familia. Pero por cuestións que descoñecemos vese obrigado a volver ao pobo, algo que non lle gusta. Ci é unha persoa ambiciosa que non quere vivir de cultivar arroz, na súa etapa na cidade empezou a estudar e acompañar a un xuíz e forense, traballo para o que demostra ter grandes calidades. A súa gran ilusión e empeño é retomar os seus estudos e converterse nun dos xuíces e investigadores da corte do emperador, e non deixará que nada impida esa meta. Vive amargado no pobo, maltratado polo seu irmán, traballando no campo de sol a sol e con poucas metas no horizonte. Ao principio da historia descobre un cadáver no campo de arroz no que traballa e iso fai que as cousas cambien un pouco. Por razóns que teredes que ler vese obrigado a escapar do pobo coa súa irmá enferma (chamada Terceira, unha rapaza débil pero á que se sente moi unido). A súa idea é volver á cidade, retomar os seus estudos na prestixiosa Academia Ming e cumprir os seus soños. Claro que todo isto non será fácil, vai atoparse cunha grande cantidade de problemas, de impedimentos, de situacións que tentará superar so gracias á súa ansia de ser ese “gran lector de cadáveres” que proclama o título.

Como dixen Ci Sóng existiu e viviu na mesma época na que transcorre a historia. A súa vida evidentemente non foi como se nos conta na mesma, o autor engade ademais ao personaxe algúns elementos para darlle algo máis de interese ou dramatismo ou para poder desenvolver dunha forma máis sinxela a idea que ten na cabeza. Como exemplo xa ao principio da historia descubrimos que Ci padece analxesia conxénita, unha rara enfermidade que fai que non poida sentir dor en absoluto, algo que será unha avantaxe nalgúns momentos e non tanto noutros, pero que é importante para o argumento. Tamén a maior parte dos personaxes parten da historia real do momento, mentres que outros foron creados polo novelista para completar esa historia que se ía formando na súa imaxinación.

A novela empeza coa aparencia de estar dentro do xénero histórico, pero vainos ofrecer moito máis, pouco a pouco vaise convertendo nunha historia de aventuras ao máis puro estilo clásico (ese que Garrido coñece moi ben polas súas lecturas de xuventude) e de repente pasa a meterse de cheo tamén no xénero da novela negra, unha historia de suspense. Esta mistura non resulta para nada estraña e está moi ben levada. A conxunción de datos históricos coas aventuras e desventuras do protagonista de repente únese a unha serie de asasinatos estraños e brutais. Sóng verase obrigado a participar na investigación dos mesmos descubrindo as cousas case ao mesmo tempo que o lector. A historia está contada en primeira persoa, así que protagonista e lector case son cómplices no longo camiño que levará á resolución destes asasinatos aparentemente incomprensibles. Suspense histórico e aventuras, unha mistura que neste caso resulta bastante ben. Neste sentido destacaría dúas cousas, a amenidade e o interese polos datos históricos, referidos non so á ciencia forense, senón tamén ás formas de vida da sociedade chinesa do século XIII. Tras moitas novelas históricas sobre a Idade Media europea non está para nada mal cambiar un pouco o marco e ler sobre épocas e lugares algo máis lonxanos e quizais descoñecidos para a maior parte dos lectores. Por iso mesmo recomendo que visitedes o blog do autor sobre a novela, onde poderedes atopar moitos máis datos interesantes sobre a mesma: www.ellectordecadaveres.es

Gustoume moito o libro e atrapoume desde o principio. A pesar diso algunhas cousas non me convenceron completamente. Entre elas a grande cantidade de desgracias e problemas polos que ten que pasar o protagonista, quizais case quedando no límite do esaxerado nalgúns momentos, algo que incluso pode chegar a saturar un pouco ao lector. A pesar diso o interese non decrecía demasiado por eses outros aspectos que comentei referidos ao mundo oriental que aportan esa nota adicional. Os demais personaxes son todos eles interesantes e fundamentais na trama, iso si, non hai ningún prescindible ou que estea de máis e todos eles aportan algo á historia. Non falo deles porque entón tería a tentación de contar cousas de máis pero quedo co adiviño, o profesor Ming e co personaxe feminino máis importante da historia. A parte histórica resultoume máis que interesante (ampliando os coñecementos que adquirín con outra novela ambientada no mesmo sitio e que comentei ao principio deste blog, “Ginko, a primeira doutora”) e intégrase perfectamente con esa historia de asasinatos que terá ao lector pendente de descubrir ao culpable.

Unha novela recomendable, garante un bo rato de entretemento para calquera lector, cun tema orixinal, unha boa e interesante recreación histórica e un personaxe que me encantou coñecer. Agora queda na lista de pendentes a primeira obra do mesmo autor, xa vos direi que me pareceu.





jueves, 19 de abril de 2012

"The Big Bang Theory"


A maior parte dos vídeos desta serie aparecen desactivados para insertalos, so atopei estes tres.



Hai uns anos, cando había moitas menos canles de televisión, era fácil estar ao tanto das series que emitían. Agora é algo case imposible, moitas máis canles e moitísimas máis series que aparecen case cada semana, series novas, temporadas dalgunhas anteriores..., unha cantidade inxente que é imposible de controlar a non ser que un teña todo o día para pasar diante do televisor. No meu caso isto non é posible, nin me gustaría, claro, con un ou dous capítulos por noite imos tirando, algúns de estrea e outros gravados, que hai moitas máis cousas que facer, evidentemente. A serie de hoxe non é nova, todo o contrario, a súa primeira temporada é do ano 2007 e neste momento a canle TNT está a emitir a súa quinta temporada. Algúns dos meus irmáns cansaron de recomendarme que a vira hai tempo, pero a verdade é que nunca lle prestei demasiada atención. Raro, porque é unha comedia pura e normalmente gústanme este tipo de series, pero entre unhas cousas e outras nunca me puxera con ela. Desde hai unhas semanas a isto das nove menos cuarto deume por ver algún capítulo e teño que dicir que me ten enganchado completamente e pásoo realmente ben véndoa. Falo de “The Big Bang Theory”

É desas que duran vinte minutos e nun completo ton de comedia, e desde o meu punto de vista realmente boa, divertida e cun aire bastante orixinal en moitos sentidos. Pode tomar elementos de moitas outras, pero o resultado é algo novidoso, sobre todo no sentido de por onde busca moitos dos momentos de humor. Nalgúns cerca da típica comedia de adolescentes americanos, pero ao mesmo tempo completamente lonxe deste tipo de humor para darlle un aire distinto. Isto vén dado por como son os protagonistas, pola ambientación e a gran cantidade de detalles que a reforzan, polas cousas que din e sobre todo por como as din e polas distintas situacións que se producen en cada episodio. Iso si, é desas que antes de decidir se un vai seguila ou non ten que ver cinco ou seis capítulos, ten que ver como son os personaxes e as súas características, que son a base dos argumentos e a gracia dos mesmos. Se un ve un capítulo solto pode quedar un pouco sorprendido e incluso atónito, estrañado, pero se a seguimos descubriremos uns personaxes marabillosos dentro dun mundo simpático, moi preto a ao mesmo tempo lonxe da nosa realidade cotiá.

A serie céntrase en cinco personaxes, catro homes e unha muller. Eles son auténticos xenios nos seus campos, todos eles relacionados coa ciencia e todos con algunhas características comúns. Calquera deles respondería perfectamente ao estereotipo completamente esaxerado do friki por excelencia. Todos teñen un coeficiente intelectual moi por riba da media, e incluso entre eles hai diferencias e iso lévalles a ter máis dun problema dentro da sociedade que ou non comprenden ou que nos os comprende a eles. Por causas do destino chegan a ser amigos, o que vai sacalos da súa vida individual e separada que quizais levaran ata ese momento pola súa intelixencia, vivindo case como inadaptados sociais. Os catro son moi novos e traballan na Universidade Cal Tech de Pasadena, realizando investigacións de moi diversos tipos, cada un no seu campo. Sheldon Cooper é o centro do grupo e para min o protagonista, o que máis destaca neste cuarteto. Aos once anos xa estaba na Universidade, dúas licenciaturas e un doutorado, un auténtico xenio centrado na física teórica, algo que el considera superior a calquera cousa, o máis importante. O seu compañeiro de piso é Leonard Hofstadter, algo menosprezado por Sheldon porque se dedica á física experimental, xa que cree que é inferior e máis inútil que a teórica. Podemos dicir que dentro do grupo Leonard é o que máis se achega ao que podemos considerar normal no sentido de que é o máis capaz de entender máis ou menos as convencións sociais e a vida da xente que os rodea. Dentro dese mundo de xenialidade soe ser a voz da razón, o que pon nalgunhas ocasións a dose necesaria de normalidade para non rematar mal. Aínda así é unha persoa tímida, apocada e con medo a moitas cousas, moitos destes medos provocados por unha nai realmente impresionante que o trata sempre con demasiada condescendencia. Howard Holowitz é o terceiro integrante do grupo, ao que todos tratan como inferior ao resto porque so é enxeñeiro e non ten un doutorado, a pesar de ser tamén un xenio no seu campo. Sempre desesperado por ter relacións con mulleres, obsesionado ante calquera oportunidade que se lle presente e capaz de calquera cousa por conseguir deitarse cunha rapaza. Raj Koothrappali é o cuarto, vén da India, fuxindo un pouco da súa familia, o seu pai é xinecólogo e quere que o seu fillo siga o seu camiño, pero el non quixo iso e dedicouse á astrofísica, campo no que, como o resto, é unha eminencia. O seu maior problema e que non é capaz de falar con mulleres, ou simplemente abrir a boca se hai unha muller presente. Soamente pode facelo cando toma algunha bebida con alcohol, desde o primeiro trago o seu problema desaparece e compórtase dunha forma moi distinta. E Penny é a rapaza que vén alterar, e moito, o mundo ordenado deste cuarteto. Será a veciña do apartamento enfronte do de Sheldon e Leonard (que enseguida sentirá atracción por ela) e que non ten nada que ver con eles en case ningún sentido. vén a Los Ángeles para ser actriz, pero de momento traballa de camareira. Todos quedarán prendidos dela en moitos sentidos, excepto Sheldonn, ao que so lle chama a atención a súa forma de vida e a súa intelixencia, tan distinta da que ten el. Penny non entende demasiado ben a estes rapaces ao principio, pero pouco a pouco iralles collendo cariño e entrarán a formar parte da súa vida dunha forma moi cercana.

Todo xira ao redor destes cinco personaxes, cada un cunhas características moi determinadas e case fixas, aínda que nalgunhas cousas evolucionarán un pouco e a presencia de Penny supoña moitos cambios que cada un aceptará a súa maneira. Como dixen o centro é Sheldon, un xenio que se sente moi, pero moi, por riba do resto dos mortais, incluso dos seus amigos. É unha persoa moi especial, cuns rituais fixos que ninguén pode alterar, non comprende á sociedade nin os convencionalismos sociais, que respecta a medias e so cando lle interesa. Repelente, prepotente, faltón, sen molestarse en entender aos demais e poñendo o seu por riba de absolutamente todo, obseso da orde e a disciplina... É o único de todos eles para o que a presencia de mulleres na súa vida é algo completamente innecesario e, polo tanto, incapaz de entender que os demais as necesiten. É curioso como un personaxe como o seu acabe resultando simpático e divertido, sendo o que soporta a maior parte da comicidade de cada episodio coas súas reaccións, as súas palabras ou as súas accións, a min paréceme realmente xenial. Leonard é o seu compañeiro de piso, con dificultades, porque convivir con Sheldon é todo un reto varias veces ao día e todos os días. É o que comprende algo mellor á sociedade e todas as complicacións que teñen as dinámicas sociais, que as veces tenta explicar ao seu amigo sen demasiado éxito. Howard y Raj están case sempre con eles, aportando moitos outros elementos cómicos ás historias. E Penny é moitas veces a voz da razón, ao principio alucina con todo o que fan, pero pouco a pouco vainos entendendo, aínda que so a veces, facendo que a súa capacidade de sorpresa sexa ilimitada.


Un elemento importante dentro da serie son as afeccións que comparten estes catro xenios. Para os afeccionados aos cómics (hai unha tenda que é un dos lugares habituais para o desenvolvemento das historias), ás series ou ao cine de ciencia ficción (“Star Trek” ou “Galactica” son dúas constantes) ou aos videoxogos a serie é un pozo sen fondo de referencias a estes campos. Non quere dicir que un non poida vela sen ser afeccionado a este mundo, pero si o é será moito mellor. Ademais dos seus experimentos a súa vida céntrase en xogar partidas de ordenador ou consola sempre a xogos moi coñecidos. Ao longo dos argumentos as referencias son constantes, tanto en diálogos como en outras moitas cousas. Asisten a festas disfrazados de superheroes, as súas casas están cheas de monecos, carteis, xoguetes ou case calquera artigo que faga referencia a estas cousas. Atención a Howard, as súas fibelas do cinto sempre son homenaxes a este mundo, así como o pin que leva sempre no colo da súa camiseta (atención tamén ao tipo de roupa que leva este en concreto, porque é todo un espectáculo). Tamén atentos ás camisetas de Sheldon, todas relacionadas con este mundo. “A guerra das galaxias” é outro deses clásicos que adoran, a cama de Howard está coroada por dúas espadas láser de guerreiro Jedi. Direi que este é un mundo que a min tamén me gusta, así que sempre estou pendente deste tipo de detalles.

Ademais das súas aventuras e desventura, as conversas sobre física e ciencia son constantes. Nas súas casas e despachos hai taboleiros cheos de ecuacións, fórmulas e demais cuestións deste tipo. Como curiosidade comentar que todas as referencias que aparecen a estas cousas son reais, a serie está asesorada por científicos, físicos ou matemáticos. Todas as referencias ao mundo científico son reais e aderezan moitas das súas conversas e chistes.

Unha das cousas que máis me gusta é a linguaxe que usan, completamente lonxe do que poden usar uns rapaces da súa idade (salvo Penny, claro). Outra xenialidade dos guionistas, como dicir cousas que se poden dicir cunha palabra usando frases cheas de palabras cultas sen parecer pedantes buscando sempre a comicidade. De aí que Penny case nunca entenda o que lle di Sheldon, claro. As veces as súas conversas chegan a tal nivel que é imposible non botar unha sonora risa.

E os actores moi ben todos eles. Na súa maior parte veñen do mundo da televisión e non son caras demasiado coñecidas. En papeis secundarios atoparemos a veces a actores e actrices máis coñecidos, tamén doutras series. Nalgúns casos aparecerán en papeis puntuais científicos máis ou menos coñecidos, entre eles nesta quinta temporada contaran coa presencia de Stephen Hawking. Sheldon é Jim Parsons e tamén aquí sigo a quedarme con el, paréceme un bo actor de comedia que interpreta o seu personaxe dunha forma xenial, atención as súas posturas, as súas caras e todo en xeral. Comentar que gañou o Emmy ao mellor actor de serie de comedia nos anos 2010 e 2011, e o Globo de Ouro na mesma categoría no 2011. Conste que o resto non lle vai á zaga.

Ben, esta vez creo que me estendín máis do habitual, pero recoñezo que o paso realmente ben con esta serie e podería dicir algunhas cousas máis. Orixinal en moitos momentos, dando unha versión case intelectual das típicas series de rapaces novos. Cuns guións intelixentes cunha boa mistura entre o humor evidente e esperable e o completamente inesperado, non creo que haxa ninguén capaz de, polo menos, non sorrir coas historias deste cinco personaxes e todas as cousas que lles pasan. Como dixen ao principio é desas que tras ver catro ou cinco episodios quedas enganchado e cada vez a cousa faite máis gracia a causa de ir coñecendo máis e máis a estes cinco amigos. Eu cheguei tarde a ela e agora estou a retomala desde o principio, seguro que moitos dos que pasan por aquí xa a coñecen, pero se non é así non vola perdades, case seguro que vos fará pasar un máis que no rato.

jueves, 12 de abril de 2012

"El exótico hotel Marigold"



Outra de cine en pouco tempo, ou non imos en varios meses ou caen dúas case na mesma semana, cousas da carteleira, do tempo ou que non se nos ocorre outra cousa que facer. De todos modos a esta de hoxe tiñámoslle ganas desde que a vira anunciada na televisión. Un bo grupo de actores e unha historia que parecía entretida e simpática, ademais de dicir algo ao espectador. Pois non me equivoquei, gustounos bastante e disfrutamos da proxección. É outra historia parecida no ton á última que comentei, “Intocable”, no sentido de facernos pensar un pouco sobre as nosas vidas, sobre como poden cambiar nun momento dado e, sobre todo, pensar en que hai que aproveitar todos os momentos e tentar ver o lado bo das cousas. É outra historia optimista, “El exótico Hotel Marigold”.

Neste caso estamos ante unha produción inglesa. Está baseada nunha novela de Deborah Moggach titulada “These foolish things”, por certo, novela que estiven a buscar traducida pero que non apareceu. O director é John Madden, quizais a súa cinta máis coñecida sexa “Shakespeare in love”. Non sei que tal estará a novela pero teño un certo interese na súa lectura, aínda que me da a impresión de que non vai ser algo sinxelo de conseguir.

A historia é simple, sete xubilados ingleses que non saben demasiado ben que facer coas súas vidas vense tentados de pasar a última parte das mesmas nun luxoso hotel que se anuncia en diversos medios, na India. Ben, os sete non, porque unha delas acaba aí case por obriga. Douglas e Jean son un matrimonio que investiu todos os seus aforros na empresa da súa filla, aforros que non volveron ver e que limitan moito as súas posibilidades económicas, polo que deciden realizar a viaxe case como a súa única opción. Tras anos xuntos a súa relación non parece marchar todo o ben que debería, el é calado, tímido e case acomodado; ela é máis protestona, parece que so sabe queixarse e estar pouco conforme con todo o que a rodea. Evelyn enviuvou recentemente, unha muller que dependeu durante toda a súa vida do seu marido absolutamente para todo e que agora se sente algo perdida. Acepta a viaxe como como unha forma de tentar tomar as rendas da súa vida e facer algo por si mesma. Graham é un xuíz do Tribunal Supremo que, cansado de asistir a festas de xubilación dos seus colegas, decide viaxar á India, na que viviu cando era máis novo, como unha forma de recuperar algunhas cousas desa vida anterior. Jean é a viúva alegre, farta de coidar aos seus netos e sentíndose nova marcha en busca de novas aventuras amorosas e, por que non, dalgún novo marido adiñeirado. Norman sería case a versión masculina da anterior, ve como a súa vida vai rematando pero non quere resignarse a ser maior e quere seguir disfrutando das relacións de parella, así que ve a India como un novo mundo cheo de oportunidades. E Muriel é a que vai máis ou menos obrigada por unha operación de cadeira que debe facer o máis pronto posible, ofréceselle a posibilidade de, para non ter que esperar meses, ir facer a mesma a ese país, onde lla farán moito antes. É unha muller cunha serie de ideas algo anticuadas, racista, firme e pouco dada a convivir cos que non son como ela. Por último temos a Sonny, o rapaz indio que ten un soño que compartía co seu pai, converter o Hotel Marigold no mellor lugar para que todo aquel que queira descansar e gozar dun lugar privilexiado poda facelo. Sonny é un soñador que procura ver todo da forma máis optimista posible, a pesar de que a realidade choca contra esas ilusións. A súa máxima é que ao final todo ten que saír ben, e se non o fai é porque aínda non é o final.

Estes oito personaxes forman o núcleo central da historia. Cada un deles cunha personalidade e unha forma de actuar ben distinta e quizais representando unha serie de tópicos ou de formas de ser moi determinadas. Douglas, calado, discreto, case sempre pelexando entre o que cre que debe facer e o que lle gustaría, pero aceptando con resignación a súa situación. A súa muller, Jean, pouco dada a aceptar as cousas como veñen e disfrutar delas, sempre queixándose e tentando impoñer as súas opinións. Muriel, seria, firme e, ao mesmo tempo, vivindo con moito medo a todo o que sae da súa rutina ou da súa forma de ver a vida. Evelyn, dubidando sempre, con medo a todo o que descoñece que é moito por como viviu antes, pero ao mesmo tempo decidida e con ganas de vivir o que lle queda da mellor forma posible e, a poder ser, distinta da súa vida anterior. Madge, alegre e vividora, sen querer aceptar o que a sociedade considera máis “adecuado” para ela, e Norman case igual pero no seu lado masculino, engadindo un gran medo a vivir so e sen afecto. Graham, decidido a recuperar unha parte da súa vida que estaba escondida e que ao principio tenta ocultar. E Sonny, alegre, optimista e soñador, empeñado en loitar contra todo o que se lle poña por diante con tal de conseguir o que quere.

E o outro protagonista é o “exótico Hotel Marigold”. A el chegan todos estes personaxes buscando un lugar marabilloso no que descansar, vivir comodamente e disfrutar deses anos de vida que teñen por diante. Pero é evidente que a propaganda case sempre engana, xa que en absoluto será o que esperan. O que atopan é un edificio nun estado case ruinoso, con habitacións non en demasiado bo estado, un lugar con moitas posibilidades pero que tamén parece estar nos últimos tempos da súa vida. Un lugar case como eles, acabado, pero claro, o tempo demostrará que isto non é así. Cada un irá atopando o seu lugar nese novo mundo, tanto na India como no interior de cada un deles. E o marco no que pasa todo, a India, co seu caos, o seu ruído e as súas xentes e costumes, filmado como un lugar ideal para o desenvolvemento das vidas destes personaxes. Con cousas que non entenderán, que non aceptarán nun principio pero que irán vendo doutras maneiras a medida que saen, conviven e coñecen ese novo mundo para a maior parte deles.

Quizais unha das mellores cousas da historia sexan os actores, neles aséntase a maior parte da película. Boas interpretacións duns actores e actrices moi coñecidos e que, desde o meu punto de vista, bordan cada un dos personaxes. Todos eles grandes do cine inglés e internacional. Tres son para min os máis destacados. Judi Dench é Evelyn, unha actriz capaz de interpretar a mulleres de gran carácter ou a, como aquí, a outras que aparentemente son algo máis débiles ou están algo perdidas na súa vida, as rendas sempre as levou o seu marido e agora, pouco a pouco, ten que ser ela a que as tome. Sonny é Dev Pattel, coñecido entre algunha e outra cousa polo seu papel protagonista en “Slumdog millonaire”, o rapaz que coas súas caras, os seus xestos e o seu optimismo é capaz de que a cousa máis inmunda poida verse con bos ollos, unha actitude que vai contaxiar a case todos os seus novos hóspedes. E deixo para o final á máis destacada, a que creo que domina por completo a pantalla cada vez que aparece, transmitindo unha sensibilidade enorme, Maggie Smith é Muriel. A muller que quere que a atenda un médico inglés ou que non sexa un indio o que a leve na cadeira de rodas pero que se ve obrigada a ir á India se quere unha cadeira nova. Destacada porque en realidade creo que é o personaxe máis interesante, o que ten máis matices e o que cambia algo máis ao longo da historia.

Unha película simpática e entretida. Con escenas que provocarán o sorriso en máis dunha ocasión polas situacións que terán que vivir, polos diálogos e algunhas cousas máis. Un canto á vida, ao goce da mesma en calquera momento, sen distinguir idades, situacións ou formas de afrontala. Parecida nalgunhas cousas á que comentei antes desta, “Intocable” e distinta tamén noutras. Unha historia chea de optimismo e alegría de vivir, de buscar en cada momento a mellor forma de facelo, sen amargarse ou sumirse na tristeza, ou facéndoo so cando é estritamente necesario. Contándonos que hai que enfrontarse ás cousas e buscar o lado bo, que moitas veces está aí e non é tan complicado atopalo. Nalgunhas críticas lin que a cualificaban de demasiado tópica, é posible que nalgúns aspectos sexa así, pero tamén creo que as veces os tópicos, se están usados dun modo axeitado, non son sempre malos. Claro que hai cousas esperables, e outras non tanto, e que xoga con cousas que posiblemente xa temos visto nalgunhas outras ocasións, pero non creo que teña que ser algo necesariamente negativo. Ten algunha sorpresa, pero o mellor é ver como estes personaxes enfrontan esta nova situación e como van saíndo dela, aprendendo unha serie de leccións que lles serán útiles non so a eles, algunhas tamén poderán valerlle ao espectador. A min gustoume bastante e recoméndoa, sobre todo tendo en conta que a carteleira está chea de historias bastante baleiras, cheas de acción, efectos especiais e poucas cousas máis, creo que está danos algo máis que todo iso.

miércoles, 4 de abril de 2012

"El mapa del tiempo", Félix J. Palma



Esta novela de hoxe levaba tempo na miña lista de pendentes, pero entre unhas cousas e outras sempre ía quedando atrás. O meu irmán recomendarame que a lera varias veces e non facía máis que insistir en que tiña que facelo, que a el gustáralle moito e que estaba moi ben. Así que me puxen con ela antes de que apareceran outras que volveran deixala nesa interminable lista de historias para ler. E a verdade é que me gustou moito, entretida, ben escrita, orixinal por momentos e con moitas sorpresas para o lector. Decidín lela xa entre outras cousas porque forma parte dunha triloxía da que recentemente apareceu a segunda, así que tampouco tiña ganas de deixala para moito máis adiante e en breve poreime coa segunda. Falo dunha historia dun autor español, Félix J. Palma e a novela de hoxe é “El mapa del tiempo”.

É un autor nado en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) en 1968. Lector desde a súa infancia e xuventude, gran afeccionado ao xénero fantástico e de aventuras, co que está moi relacionada a súa obra. Con vinte anos publicou o seu primeiro relato no fanzine de ciencia ficción BEM. A partir deste momento escribiu varios relatos curtos que se publicaron en diversas revistas do xénero de fantasía e ficción. En 1998 a editorial Artiflex edita a súa primeira novela curta, “El amante de vidrio”. Decide vivir da literatura e influenciado por Cortázar deixa de lado a ciencia ficción en busca dunha fantasía máis sutil e simbólica, buscando o seu propio camiño. Dedicarase case en exclusiva ao mundo do conto, cos que gañara varios premios. En 1998 reúne varios destes contos no volume “El vigilante de la salamandra”. Tivo unha boa acollida de público e crítica, recoñecéndoo como un bo autor de contos, orixinais e inquietantes, con gran dominio do estilo e dos recursos da narrativa breve. “Métodos de supervivencia” foi o seu seguinte libro, publicado en 1999, unha nova colección de historias con aire sobrenatural. En 2001 publica a primeira novela, “La hormiga que quiso ser astronáuta”, unha historia xuvenil que el mesmo quere diferenciar do resto da súa obra; rozando o costumismo, preto da novela urbana pero sen deixar de lado o toque fantástico. Por esa época colabora no “Diario de Cádiz” cunha columna de opinión á que dará o seu toque persoal. En 2002 aparece unha nova colección de contos, “Las interioridades”, coa que gaña o premio Tiflos de conto, separándose un pouco do tráxico e fantástico para achegarse ao absurdo, cuns contos cun toque humorístico que case non aparecera ata ese momento. “Los arácnidos” (2004) será galardoado co Premio Iberoamericano de Relatos Cortos de Cádiz, considerado no seu momento pola crítica como do mellor no xénero. En 2005 aparece a súa segunda novela, “Las corrientes oceánicas”, coa que gaña o Premio de Novela Luis Berenguer, unha traxicomedia ben acollida pola crítica de novo. No 2008 publícase a novela de hoxe, “El mapa del tiempo”, gañadora do XL Premio Ateneo de Sevilla e que se convertera nun dos seus maiores éxitos a todos os niveis. Pronto foi traducida a varias linguas e o seu éxito continúa a día de hoxe. A máis recente, deste mesmo ano e segunda do que o autor chama “Triloxía Victoriana” é “El mapa del cielo”.

“El mapa del tiempo” transcorre no Londres do ano 1896, unha época a medio camiño entre a realidade e a fantasía, entre o clásico e o moderno, un momento histórico importante en plena evolución cara á modernidade. Tres historias cun denominador común, neste caso un personaxe, H. G. Wells, o famoso autor de “La máquina del tiempo”. Tras a súa publicación parece que a xente cre que é algo factible, e aí temos á compañía de Viaxes Temporais Murray, que pola módica cantidade de cen libras permite realizar unha viaxe ao ano 2000, a un momento fundamental para a historia da humanidade no que os robots dominan o mundo e enfróntanse aos seres humanos comandados polo capitán Dereck Shackleton. A novela está dividida en tres partes non independentes, Wells aparece en todas elas en maior ou menor medida, pero é fundamental nelas; e algúns dos personaxes terán tamén algunha intervención nas demais. Na primeira o novo nobre Andrew Harrington decide rematar coa súa vida a causa da morte da súa amada, unha prostituta chamada Mary Kelly, vítima de Jack o Destripador. Este suicidio non chegará a bo término cando descobre a posibilidade de viaxar oito anos cara atrás no tempo para salvala antes de que sexa brutalmente asasinada. Na segunda o protagonismo será para a inconformista rapaza Claire Haggerty, forzada a levar unha vida de convencionalismos sociais da que quere fuxir sexa como sexa. Para isto realizará a famosa viaxe ao ano 2000, onde pretende quedar e onde namorará perdidamente do aguerrido e valente capitán Shackleton, un amor a través dos séculos. Na terceira será Wells o que terá que enfróntarse a un viaxeiro do futuro que pretende matar a tres famosos autores (os outros dous son Henry James e Bram Stoker) antes de que publiquen as súas máis famosas novelas para poder facelo el mesmo.

Non é sinxelo contar algo sobre a novela sen desvelar demasiadas cousas, quizais neste caso sexa moito máis complicado que en outras porque o autor xoga constantemente co lector. Como en outras historias Palma recorre a unha boa cantidade de personaxes reais para forxar a súa historia. O eixo central é H. G. Wells, o famoso novelista de ciencia ficción, adiantado ao seu tempo e ao que coñeceremos desde os principios da súa vida. Creo que, a pesar de que ao principio era eu algo reticente a esta historia, consegue reflectilo dunha forma bastante crible e cercana, nunha sobria homenaxe a este autor fundamental do xénero. Unha homenaxe non so a el, senón tamén á creación literaria, á figura do novelista. Gustáronme moito as partes nas que o propio Wells pensa ou reflexiona sobre o feito de escribir, sobre os seus personaxes ou o desenvolvemento dunha historia ou, sobre todo, como tomará o lector o que el ten na súa cabeza. Ou tamén o medo a morrer, a desaparecer, sen deixar constancia por escrito de todas as historias que el cre que pode contar, ou facelo sen chegar a escribir a súa gran novela. Creo que demostran un gran aprecio polo autor, polo feito de ser novelista, creador e tamén polo lector. Constantes tamén as referencias de todo tipo que o bo afeccionado poderá ver con moito agrado. Non so nas partes que falan da famosa máquina do tempo que todos recoñeceremos como a que aparece na mellor versión da novela, titulada por aquí no seu momento como “O tempo nas súas mans” e protagonizada por Rod Taylor, un clásico inmellorable. Tamén poderemos atopar referencias a boa cantidade de tópicos do cine de ciencia ficción chamado de serie B, os robots, os soldados do futuro, as armas...

Non é so unha novela de ciencia ficción, podemos engadir elementos de xéneros como a de aventuras, a novela sentimental ou de acción. Varias historias de amor aparecen na historia, perfectamente plasmadas e tecidas, grandes sentimentos cada un dun tipo pero todos eles profundos e case reais dentro do desenvolvemento das distintas tramas. Teremos persecucións, asasinatos, disparos e algo de intriga, un pouco de todo e todo moi ben construído dentro das disintas historias. Como dixen varios personaxes irán atopándose nesas tres partes, casualidades, azar, obriga..., pero sempre dun modo transparente e lóxico para o lector, nada forzado. Curiosa resultoume a sensación durante a lectura, cunha perfecta conxunción entre a novela de aventuras ou ciencia ficción máis clásica, a de toda a vida e a novela moderna, máis movida e quizais menos previsible. Aquí radica outro dos méritos da historia, que non me pareceu nada previsible e incluso cando parecía que si o autor sorprendíanos cun novo xiro nunha dirección inesperada. Neste sentido o narrador da historia non é que sexa omnisciente, senón que sabe todo e máis. Dirixe ao lector e en máis dunha ocasión fala directamente con el, xa sexa para aclarar algo ou para facer que nos fixemos nalgún detalle. O autor, a través deste narrador, xoga co lector case como se fora un marionetista que non so move aos seus personaxes, senón tamén a cada un dos seus lectores mentres teña a novela nas súas mans. En máis dunha ocasión asomará á nosa cara un sorriso como resultado destes enganos, enganos que non so sufrirá o lector, senón tamén a maior parte dos personaxes.

Outra das cousas que me gustou moito foron os personaxes, non so a interacción entre eles, senón tamén o deseño, a presentación e a forma de traballar con eles por parte do autor. Misturando perfectamente os tópicos dos personaxes das novelas desa época cunha grande dose de orixinalidade que fai que sexan perfectamente cribles e xeniais. Sobre todo porque en máis dunha ocasión non van comportarse como esperamos, engadindo sorpresas e interese á lectura. Aparte de Wells (que me encantou) quedo con dous deles, sen dar demasiadas razóns para non desvelar algunhas cousas. Un deles é o fundador da empresa de viaxes temporais, Gilliam Murray, un dechado de imaxinación, un home complexo cheo de moi diversos tipos de sentimentos. O outro que me gustou foi o inspector de Scotland Yard Colin Garrett, unha mente privilexiada inmersa nun mundo brutal e cruel.

En canto ao estilo narrativo, outro punto máis ao seu favor. A fluidez é constante, sempre está a pasar algo e non é sinxelo deixar de ler en máis dun momento. A forma de contar é un engadido a unha historia que atrapa ao lector nesa rede de imaxinación e realidade que iremos atopando pouco a pouco. Ademais xunta perfectamente o aire narrativo desas novelas victorianas cunha forma de contar moito máis actual, nada pedante (podería ser un risco) e ao mesmo tempo, completamente crible dentro das características de cada un dos personaxes. Nalgúns sitios lin que certos lectores consideraban que as súas máis de seiscentas páxinas eran algo esaxerado e sobrábanlle algunhas, a min non se me fixo nada larga, ao contrario, quizais duroume menos tempo do que me gustaría. Ten ademais unha forma de escribir moi visual, cinematográfica, de tal xeito que é moi fácil para o lector imaxinar non so a cada unha das persoas que aparecen na historia, senón tamén os lugares, a cidade, as rúas...

Para min unha das novelas máis entretidas que lin nos últimos tempos, amena, interesante e chea de sorpresas, de xiros que poderán arrancar algunha expresión atónita no lector ante o que pasa. Simpática en máis dun momento, apaixonante noutros e sempre buscando a atención e complicidade do lector. Cunha historia perfectamente deseñada e uns personaxes moi atractivos para o lector. Unha homenaxe as novelas de ciencia ficción de toda a vida, sen demasiadas pretensións intelectuais (para o meu gusto un dos defectos dalgunhas historias do xénero) e ás historias de aventuras que recordo con gran cariño da miña adolescencia, á que me levou en máis dun momento. Unha pena non tela lido antes, pero ben, non me pasará o mesmo coa máis recente, “El mapa del cielo”, que caerá en breve nas miñas mans. Moi recomendable para pasar un bo rato, de verdade.


jueves, 29 de marzo de 2012

"American Horror Story"



Hai xa catro meses que terminei de ver a serie que vou comentar hoxe, pero recentemente a cadea “Cuatro” empezou a emitila, así que pode ser un bo momento para deixar algunhas cousas sobre ela. A serie de hoxe é “American Horror Story”, na súa primeira temporada, por que parece que dará lugar a unha segunda sen unha data concreta de estrea.

Por comentarios anteriores xa sabedes que o terror é un dos temas que me gustan, xa sexa en cine, televisión ou literatura. Como comentei nalgunha ocasión ultimamente non hai demasiadas cousas en ningún destes terreos que me chamara demasiado a atención. No campo da novela destacaría algunhas de zombis máis ou menos entretidas e con algúns elementos novidosos que me gustaron bastante, sobre todo a triloxía de Manuel Loureiro, “Apocalipsis Z”. En televisión e casualmente dentro do mesmo tema quedo con “The walking dead”, que sobre todo na súa segunda temporada estame resultando incluso mellor que a primeira. En cine a verdade é que levo bastante tempo sen ver nada que me chame a atención nin un pouco. Ven esto a que a serie de hoxe está dentro desta temática, o terror. Viña avalada por moi boas críticas desde o seu país e como bo afeccionado púxenme a vela en canto Fox empezou coa emisión.

O tema en si non é nada novidoso. Parte do típico argumento de casa maldita na que tiveron lugar unha serie de asasinatos no pasado e na que pasan todo tipo de cousas raras e sinistras. Tentarei non desvelar case nada do argumento, aínda que non é demasiado sinxelo facer un comentario da mesma sen facelo, contar demasiado sería malo para os que empezaron vela e contar pouco pode non animar a algúns lectores a facelo. Aínda partindo dunha idea non demasiado orixinal creo que no seu desenvolvemento ten algúns elementos algo novidosos en canto ao tratamento e a forma que poden facer que destaque un pouco. A min persoalmente os primeiros capítulos gustáronme bastante e engancháronme, pero creo que a partir do cinco ou seis foi perdendo un pouco de interese. Aínda así rematei de vela porque non quería quedar sen coñecer o desenlace, ademais de que seguía a ter, sobre todo, algún personaxe que si me gustou moito e que mencionarei algo máis adiante. Ao principio parecía ter algo máis do que me foi demostrando despois, un certo aire que si daba algo de medo, de tensión provocada sobre todo polo descoñecemento das cousas e algúns momentos que si eran realmente desacougantes para o espectador. Cando un vai véndoa descobre que en máis dun capítulo é quizais demasiado repetitiva e alonga demasiado algunhas cousas, podendo chegar a cansar lixeiramente. Claro que todo isto non é máis que unha opinión persoal.

Os protagonistas centrais son a familia Harmon, formada por tres persoas. Ben é o pai da familia, un psiquiatra que en certo momento engana a súa muller. A causa disto e buscando a reconciliación a familia marcha a vivir de Boston a Los Ángele, onde mercan a un prezo marabilloso unha impresionante casa na que el ademais instalará a súa consulta. Vivian é a súa esposa, moi dolida con Ben polo engano e á que lle custa algo superar esa situación. Acepta o cambio sobre todo polo ben da súa filla, Violet, unha adolescente que tamén estará algo afectada por todo iso. A casa é o centro de atención de toda a historia, un personaxe máis, cheo de misterios, sorpresas, violencia e caos. Xa as primeiras escenas do primeiro capítulo farán que o espectador quede cheo de interrogantes e de momentos que irá entendendo a medida que avancen os capítulos. Desde o principio unha serie de personaxes irán aparecendo nas súas vidas, provocándolles algúns deles máis dun sobresalto. Adelaide Langdon será unha das primeiras, unha rapaza con síndrome de Down que aparece na súa casa cando quere e ronda por ela como se fóra súa. Constance Langdon é a súa nai, unha gran señora que vive coa súa filla na casa do lado, unha veciña algo rara, estraña, con aires de gran señora e que tardaremos algo en colocar dentro da historia. Tamén aparecerá desde o principio Tate, un rapaz que se converterá no primeiro paciente de Ben, violento, estraño e desconcertante. E Moira, unha muller que aparece en canto eles entran na casa para desempeñar o cargo de ama de chaves, traballo que leva realizando desde hai moitos anos. Todos eles desconcertarán ao espectador ata que poida ir colocándoos dentro dunha historia que é máis complicada do que parece nun principio. Sabemos desde os primeiros capítulos que non hai demasiado dous homes morreron na casa, algo que a vendedora ten que comunicar aos Harmon, unha morte violenta que é a que fai que o prezo da mesma sexa tan baixo, pero hai moitas cousas máis que nin eles nin nós sabemos e que teremos que descubrir pouco a pouco.

Para min unha das mellores cousas da serie son os actores. A verdade é que todos eles están realmente ben, a media é alta e algúns destacan moi por riba dos demais. Case todos eles son caras coñecidas, unhas máis que outras, pero hai dous que veñen directamente do cine. O papel de Ben Harmon está interpretado por Dylan McDermott con moita convicción, torturado pola situación que xerou co seu comportamento, loitando por tentar salvar a súa familia ao mesmo tempo que fai o seu traballo, cuns pacientes realmente complicados e estraños e tentando salvar da mellor forma posible as distintas situacións coas que se vai atopando. Non é un actor que me guste demasiado, a verdade, pero neste caso convenceume completamente. Moi ben tamén Connie Britton no papel da súa muller, Vivian, aínda que neste caso non vou dicir moito máis porque iso implicaría contar demasiado, pero me gustou moito, agoniada, torturada e asustada pola cantidade de cousas que lle van pasar dentro da casa. Pero por riba de todos, para min, está a actriz que interpreta o papel de Constance Langdon, polo que Jessica Lange (unha das grandes actrices do cine americano) gañou varios premios, entre eles o Globo de Ouro. É o personaxe que máis me impresionou e está realmente xenial, moi por riba dos demais, enchendo a pantalla cada vez que aparece. É imposible quitarlle a vista de enriba e non estar pendente de cada un dos seus xestos, das súas miradas ou actitudes. Para min ela quita máis o sono que calquera dos demais e que calquera das cousas que poidan pasara na casa. Fría e distante nalgún momentos, preocupada noutros e arrepiante nalgúns máis. Creo que ela é, con moito, do mellor da serie e merece a pena vela enteira so para disfrutar da súa presencia. Outro dos personaxes que destacará é Moira, a ama de chaves, da que non vou dicir nada porque de novo sería contar demasiado, pero atentos a ela. E, por suposto, a casa é o personaxe central, o núcleo de todo o que ocorreu e ocorre, a que provoca todo, escura, misteriosa e desconcertante.

Como dixen ao principio empecei a vela con bastantes ganas, as críticas eran boas e por todas partes dicían que era moi boa, do mellor do xénero nos últimos anos. Os primeiros capítulos parecéronme bastante bos, tanto na historia como na dirección, moi cinematográfica e ben feita. Todas es escenas están realizadas con idea de desconcertar e asustar ao espectador e teñen moi bos momentos en xeral. Especial atención aos títulos de crédito iniciais, moi ben feitos. Unha vez que un sabe máis ou menos por onde van os tiros creo que perde un pouco de interese e estiran a trama quizais demasiado. Esta primeira temporada está formada por doce capítulos, a min sóbranme dous en realidade, creo que quedaría máis redonda. Dentro do tema das casas malditas non está mal e ten algúns elementos novidosos, aínda que tamén xoga con moitos outros que temos visto antes, moitos deles en plan homenaxe ou recordo para afeccionados. Eu penso en historias como “El resplandor” ou “La semilla del diablo” e outros clásicos. Un dos seus defectos tamén podería ser, nalgún momento, a quizais excesiva cantidade de personaxes que iremos descubrindo, importantes algúns, pero demasiado anecdóticos outros. Tendo en conta o pouco atractivas que son ultimamente as series deste xénero creo que está un pouco por riba da media e merece a pena vela. Os seus defectos quizais sexan menores que as súas virtudes e a balanza queda máis ou menos equilibrada, salvo nalgúns momentos (que non podo contar, claro). Os últimos capítulos decepcionáronme un pouco e aínda que nalgúns medios falan dun final autoconclusivo, a min non me pareceu tal; é máis, está prevista unha segunda temporada que non sei moi ben por onde irá, aínda que teño algunha idea ao respecto. O mellor da serie son os actores, practicamente todos eles, algúns momentos e plantexamentos da historia e máis dun xiro levemente inesperado e sorpresivo na mesma. A idea é boa, pero peca de repetitiva nalgúns capítulos, o guión baixa un pouco e iso, aínda que non fai que perdamos o interese si que pode cansar algo. Xa me diredes que pensades.

domingo, 25 de marzo de 2012

"Intocable"



Tras algún tempo volvemos ao mundo do cine, que a última película que apareceu por aquí foi xa hai uns meses. Xa apetecía, así que está fin de semana, tras botar un ollo á carteleira e chegar a un acordo familiar alá fomos. E mereceu moito a pena, unha cinta con bastante que dicir, que nos gustou moito a todos e desas que hai que ir ver. É desas nas que saes do cine vendo as cousas de outra maneira, pensando que o que hai que facer é deixar de lamentarse e disfrutar todo o posible da vida, sacando partido a todo e sen deixarse levar demasiado polos malos momentos, os pequenos ou grandes tropezos que se nos van poñendo diante. Aínda así todos somos conscientes de que o que temos visto é ficción, aínda que esta é desas que ao principio pon “inspirado nunha historia real”. Falo dunha película estreada hai creo que tres semanas pero que eu recomendaría que se tedes opción tedes que ver, non creo que vos decepcione. O título é “Intocable”.

Cando vin os trailers en televisión xa me chamou a atención. Avalada por dezaoito millóns de espectadores na súa país de orixe, Francia, unha das cintas máis taquilleiras da súa cinematografía e con varios premios tanto dentro como fóra do seu país. Ademais algúns coñecidos e coñecidas que foran vela comentáranme que era do mellor que viran nos últimos meses. Tendo en conta que a carteleira estaba chea neste momento de historias pouco apetecibles non había demasiado onde elixir e ademais a esta tiñámoslle ganas. Vimos varias comedias francesas destes últimos anos e en maior ou menor medida todas nos gustaran moito, sobre todo as desta liña, a de tratar en ton de comedia cousas que non parecen ser demasiado simpáticas ou divertidas.

A causa dun accidente Philippe, un dos protagonistas, quedou tetrapléxico. A historia comeza cando está a buscar unha persoa para que estea con el todo o día, traballando como enfermeiro, asistente, axudante e para todo o que necesite. É millonario e vive nunha gran casa rodeada de todo tipo de luxos pero ademais da súa enfermidade hai outras cousas na súa vida que fan que viva sumido nunha profunda tristeza e amargura. Un home culto, gran lector, afeccionado á música clásica e cunha vida anterior polo que entendemos máis que apaixonada e interesante. Ao principio da historia vemos como está seleccionando entre varios candidatos a esa persoa, xa que tivo varios e ningún lle durou demasiado, entre o mal humor e o esixente que é todos acaban marchando. Aparece entón Driss, un rapaz de cor que vemos como vive nas aforas de París, con moitos problemas sociais e de adaptación, delincuente e rodeado dun ambiente que non deixa entrever nada bo para el nin para a súa familia. Driss so quere que lle firmen o papel do paro rexeitándoo para poder seguir cobrando, pero é evidente que iso non vai pasar. Driss compórtase ante Philippe con naturalidade, dicindo as cousas como lle saen, case sen pensar e sen darse conta das limitacións qu este ten. A Philippe isto gústalle, faille gracia e decide contratalo a proba durante un mes a ver que pasa. Driss alucina coa casa na que vai vivir, coas cousas que hai e, sobre todo, con algunhas das cousas que terá que facer como parte do seu traballo. Loxicamente a partir deste momento, e pouco a pouco, a vida dos dous vai cambiar, sobre todo a de Philippe, que por fin atopa a alguén que non o trata con pena, con condescendencia, senón que tenta dentro do posible tratalo como unha persoa máis. Pero non é so o trato, desde o principio veremos como Driss é unha persoa enormemente alegre, capaz de sacar un sorriso a calquera coas súas palabras o formas de actuar, unha alegría que será contaxiosa para todos os que viven nesa gran mansión.

Parece que imos ver a historia de sempre, persoa con problemas que consegue cambiar, redimirse ou ver a vida doutra maneira gracias a unha persoa que sae na súa axuda e coa que non parece ter demasiado que ver. En certo sentido é, non o vou negar, pero ao mesmo tempo ten algo especial, distinto, algo que fai que se estea algo lonxe dese tipo de historias. Non hai redención, non hai un momento máxico onde todo cambie radicalmente, son pequenos cambios, pequenas cousas que van descubrir ambos, máis Philippe, evidentemente. A súa vida non vai cambiar, pero si e moito a forma de vela, a forma de facer as cousas, de gozar das cousas que quizais antes non vira ou non quería ver, de dar pequenos pasos cara adiante para, desde a súa situación, facer cousas que antes non é que non quixera facer, é que non se lle ocorreran. E sobre todo aprenderá a rir, de si mesmo e dos demais, a rir con Driss que é capaz de ver con humor case calquera situación. Pero o que fai que sexa máis distinta é o ton xeral da historia. En ningún momento busca a vágoa fácil, a emotividade forzada ou esas situacións que case fan que o corazón estea apertado no peito. É unha historia emotiva e optimista, alegre por riba de todo, chea de humor en todo momento. Poucas situacións están presentes para despertar a compaixón, senón todo o contrario, busca a alegría. Ten moitos momentos de humor negro (non vou contar ningún, mellor velos) realmente inesperados e orixinais, chistes que incluso poderían parecer de mal gusto pero que dentro do contexto no que se producen non poden máis que provocar unha sonora gargallada. Incluso os momentos nos que predomina o sentimento son suaves, case leves, case pasando de lado e nunca buscando o sentimentalismo. Non vou dicir que sexa realista, pero case parece máis crible que moitas outras do mesmo tipo. Ten momentos realmente xeniais, pero a media alta mantense durante toda a historia. A visita a unha pinacoteca ou unha conversa sobre música clásica que están a escoitar son dous dos máis destacados neste sentido para min, pero habería moitos outros.

É a quinta película que dirixen e escriben a medias Eric Toledano e Olivier Nakache. O papel de Philippe está interpretado por un coñecido e destacado actor francés, François Cluzet, realmente xenial no papel do home obrigado a vivir nunha cadeira de rodas e que so pode mover a cabeza, nada fácil, pero so cos seus ollos e expresión é capaz de transmitir desde unha profunda tristeza á maior das alegrías, os seus sorrisos ou os seus ollos chorosos fan que o espectador comparta eses mesmos sentimentos con el. Driss está interpretado por un actor con bastantes películas no seu país e ao que vin recentemente noutra que me gustou moito, “Micmacs”, Omar Sy. Impresionante de verdade, premiado co César en Francia ao mellor actor por este papel. A enerxía que transmite, sempre enerxía positiva, as súas actitudes, as súas formas de falar ou de moverse son do mellor da historia. Consegue reflectir tal cantidade de sensacións, de sentimentos, de optimismo que fan que ata o espectador sinta esas mesmas cousas. Encantoume, de verdade, e pareceume en todo momento que conseguía con creces o que se pretendía. Non so neses momentos, senón tamén nos que ten que estar máis serio, triste ou preocupado, unha das interpretacións máis completas que vin nos últimos meses, máis que destacable. O resto dos actores tamén están realmente ben. Sacando aos dous protagonistas gustaríame destacar tamén o papel de Yvonne (interpretado por Anne Le Ny), a muller algo maior que se encarga da casa e de estar pendente de todas as necesidades da mesma; a presencia de Driss na súa vida tamén fará que cambie algunhas cousas e decida tomar a iniciativa nalgúns aspectos da súa vida diaria.

Creo que é unha película completamente recomendable, aquí gustounos moitísimo a todos e sobre todo, como dixen, por tratar algo que parece o de sempre pero dunha maneira algo distinta. É un optimismo contaxioso, unhas ganas de vivir e disfrutar que farán que despois lle demos algunhas voltas a certos aspectos das nosas vidas. O sorriso é case permanente ao longo das case dúas horas que dura (que se me pasaron nun suspiro) e os risos sonoros estarán presentes en varios momentos. Non sei por que, pero teño a impresión de que vai ser desas que en breve terá a súa versión americana (posiblemente innecesaria), esperemos que non a destrocen e sexan capaces de manter ese mesmo aire.

jueves, 22 de marzo de 2012

"Falling Skies" e "Terranova"

Non imos agora a descubrir a Steven Spielberg, director, guionista, produtor..., un home que desde o principio apareceu case como o novo rei Midas de Hollywood, que todo o que tocaba convertíao en éxito. Non vou nesta ocasión a facer unha recensión biográfica porque sería case imposible resumir toda a súa carreira nunhas poucas liñas. Recoñézome un incondicional de todo o que fixo, e incluso nas máis frouxas ou irregulares había algo bo que destacar. Se teño que elixir algunhas penso que me quedaría con “El color púrpura”, “La lista de Schindler”, “1941” o “Salvar al soldado Ryan”, sen deixar de lado unha das súas primeira producións para a televisión, “El diablo sobre ruedas”, simple e aterradora ao mesmo tempo. Aínda teño pendente a súa última película, “War Horse”, pero caerá un día destes. Os seus primeiros traballos como director foron para a pequena pantalla, un mundo no que agora colabora bastante como produtor ou guionista, e traballando bastante, a verdade, porque son varias as producións destes últimos anos coas que ten algo que ver. Hoxe vou comentar dúas desas series nas que interveu. Son dúas series que me decepcionaron un pouquiño, sobre todo tendo en conta de quen veñen, porque de ambas esperaba algo máis. Non é que estean mal, pero creo que lles falta algo, ese punto a maiores que poden facelas destacar. Tanto é así que unha delas cancelouse recentemente por falta de audiencia e a outra posiblemente terá unha segunda temporada para o mes de xuño por Estados Unidos; ían cancelala tamén, pero a presión de certos grupos de seguidores fixo que ao final decidiran facela. Os dous últimos grandes éxitos de Spielberg neste medio estaban relacionados coa Segunda Guerra Mundial, notábase neles a influencia de “Salvar al soldado Ryan” e estaban realmente ben, falo de “Hermanos de sangre” e “The Pacific”. Neste caso as dúas de hoxe están relacionadas cun campo que domina á perfección, a ciencia ficción, en dous sentidos diferentes.

Falo de “Falling Skies” e de “Terranova”. A primeira entra no mundo das invasións extraterrestres e a segunda transcorre nun tempo pasado, moi pasado, coa terra dominada aínda polos dinosauros. Como podedes ver o que dicía ao final do parágrafo anterior cúmprese, os extraterrestres (“Encuentros en la tercera fase”, unha maravilla) e os dinosauros (“Parque Jurásico” e as súas continuacións) son dous elementos moi presentes na cinematografía de Spielberg.



“Falling Skies” parte do momento no que a terra está a ser invadida por unhas naves extraterrestres que a conquistan en pouco tempo, como sempre, mais grandes, máis fortes e con mellores armas. Por un lado teñen uns robots soldado que son os que se enfrontan cos humanos e outros seres con varias patas a medio camiño entre os insectos e os lagartos. Ademais secuestran aos nenos que atopan para implantarlles un xugo nas costas que fai que estean completamente dominados por eles, usándoos como escravos. Varios grupos de superviventes moi heteroxéneos van organizándose para tentar acabar cos invasores. Baixo unha estrutura militar enfróntase con eles cos poucos medios dos que dispoñen e cada pequena vitoria é un paso adiante. Desprázanse en grupos máis ou menos organizados, nos que os civís están ao cargo dos militares, que son os que levan a voz cantante. O protagonista é un profesor de historia, Tom Mason, que ademais usa os seus coñecementos das antigas batallas da historia para afrontar esta nova guerra. Ten tres fillos, pero un deles foi capturado polos invasores, co que o seu rescate é un dos elementos centrais da historia. Como dicía antes, esta é a que por presión dos seus seguidores, que non querían quedarse sen ter un final, terá en verán deste ano unha segunda temporada. Aínda así a primeira so consta de dez capítulos.

Tom Mason está interpretado por un coñecido actor de televisión, Noah Wyle, o doutor Carter de “Urxencias”. Aquí está un dos problemas que ten, que non me resultou demasiado crible nese papel entre home reflexivo e home de acción que ten que interpretar, como se nalgúns momentos faltáralle algo de carácter ou decisión, restando algo de credibilidade á historia. O resto dos actores imos dicir que manteñen unha liña discreta, sen destacar nin para ben nin para mal.


“Terranova” apareceu con moitas expectativas e aires de gran produción. Dous dos temas máis usados por Spielberg aparecen nela, a loita entre o home moderno e os dinosauros e os descubrimentos científicos que fan posible esta relación. Estamos no ano 2149, nun mundo preto da aniquilación debido á mala calidade do aire e a superpoboación. Todos teñen que vivir cun respirador que fai que poidan saír á rúa e os matrimonios están limitados a ter dous fillos. Neste mundo temos á familia Shannon, Jim é policía, a súa muller Elisabeth é unha famosa doutora e teñen tres fillos: Josh, Maddy e Zoe. Precisamente o punto de partida é a detención de Jim e o seu posterior encerro no cárcere debido a esa terceira filla, prohibida polas leis e á que esconden ata que son descubertos. Pero uns científicos crean un portal temporal cara ao pasado, en concreto 85 millóns de anos cara atrás, a época dos grandes dinosauros, os bosques e un mundo sen contaminación e completamente salvaxe. Así farán unha serie de “peregrinacións” de xente escollida cara a ese pasado como unha forma de empezar de novo par tentar borrar os erros cometidos. Nunha delas a familia Shannon é elixida, sobre todo a causa da necesidade de médicos e investigadores en Terranova. Jim terá que fuxir do cárcere, non están dispostos a marchar sen el. Claro está, conseguirao e ao final dese primeiro episodio atoparemos aos cinco nesa nova terra, coa oportunidade de empezar de novo e construír un mundo mellor non so para eles. A vida alí non será fácil, non so polos dinosauros, senón tamén polos propios seres humanos. As mentiras, intrigas, os delitos...seguen existindo, así que nese mundo mellor o ser humano segue a ser máis ou menos igual. Cando eles chegan xa son moitos os que viven alí, pero hai un grupo, os Sextos (chamados así porque chegaron na sexta peregrinación) viven fóra do recinto protexido, enfrontándose co resto da poboación sen que saibamos moi ben as razóns do seu comportamento. Gobernada polo comandante Nathaniel Taylor case como se fora un destacamento militar, algo necesario tendo en conta o mundo que os rodea, o día a día non será sinxelo e as cousas que pasaban no mundo do que veñen seguirán máis ou menos igual, engadindo a todo iso a todo tipo de criaturas salvaxes ás que terán que enfrontarse.

Como no caso anterior, actores non demasiado coñecidos de nome, pero si moitas caras habituais do medio. Quizais o máis coñecido sexa o actor que fai o papel do “gobernador” de Terranova, Stephen Lang, o xeneral que dirixía aos soldados de “Avatar”. E tamén podemos aplicar o dito, en xeral actuacións que se quedan nunha gama media, sen destacar demasiado en ningún sentido. Esta é a que foi cancelada recentemente porque a audiencia e críticas que estaba a ter non compensaban o gasto realizado. Rodada en Australia, cuns efectos especiais que visto o visto no cine non chaman demasiado a atención pero que non están mal, ben ambientada e cuns capítulos que requiren máis de mes e medio de traballo cada un, demasiado diñeiro para os resultados obtidos.

Curiosamente neste caso o comentario que fago pode aplicarse as dúas. Ambas presentan case as mesmas virtudes e os mesmos defectos. Non son moitas neste momento, fronte a outros anteriores, nos que teñamos “series familiares” para elixir. Antes eran moitas as que podían verse en familia e penso que isto é algo que se perdeu desde hai uns anos, agora ou son case series para maiores ou enfocadas directamente a adolescentes (e destas poucas podo destacar, a verdade). Digo isto porque estas dúas vémolas cos nosos fillos, e a eles gústanlles ou, polo menos, resúltanlles entretidas, máis que outras. Ambos queixáronse da suspensión na produción. Neste sentido non están mal, son entretidas, pero poderían ir algo máis aló. As ideas argumentais non son malas, nada innovador na idea central pero si no que podería haber ao redor delas. Onde está o problema entón? Pois que lles falta forza, sobre todo narrativa, están lixeiramente exentas de emoción nos argumentos, na dirección e nas interpretacións. Xa dixen que non é que sexan malas, pero quizais a expresión “algo neutras” poida definilas. Fáltalles convicción, non reflicten demasiado ben a tensión dos argumentos, que en ambos casos presentan situacións interesantes. “Desgana” quizais sexa a palabra que se lles poida aplicar. Poderían ser dúas boas series cun par de puntos máis neses sentidos sobre todo, dirección e interpretacións. Non son aburridas e non están mal para pasar un rato, teñen algúns bos momentos e incluso hai capítulos que destacan un pouco por riba da media. Aquí, por exemplo, esperamos con algunhas ganas a segunda temporada de “Falilng Skies” porque nos deixaron a medias e queremos saber, en caso de que o teña, o final. No caso de “Terranova” creo que nos imos quedar coas ganas de que a cousa remate, pero hai uns días comenteille aos meus fillos que a suspendían e non quixeron deixar de vela, así que seguiremos a ver se lle dan un final ou fan como con outras, rematou e fóra, non hai un final que peche mellor ou peor a historia. Recomendables para unha noite en familia (por riba dos dez ou doce anos, que algo de violencia teñen e os extraterrestres e os dinosauros poden provocar algún pesadelo) sen pedir demasiado. Non sei se as vistes ou non, a ver se me dicides algo.

viernes, 16 de marzo de 2012

"El temor de un hombre sabio", Patrick Rothfuss


Alá polo mes de xullo do ano 2010 empezaba un comentario por este blog do mesmo modo que o fago hoxe. Non me gustan as triloxías, nin en literatura, nin en cine..., non imos incluír as series, aínda que podería con ese costume que teñen agora de rematar as temporadas algunhas delas deixándote cun gran interrogante ata o ano seguinte. Neste caso triloxías (peor cando son máis de tres, claro) literarias. Por que? Pois se te gustou mal porque te deixa coa intriga ata, como mínimo, un par de anos despois e se non o fixo pois incluso peor, porque eu son dos que non soen deixar nada sen terminar e cando sae o seguinte sempre caio na tentación de lelo, máis que nada por se mellora a cousa, que as veces pasa. O peor é cando pasa máis tempo e case tes que reler o anterior para poder entender todo, aínda que a verdade é que se o autor sabe facer ben as cousas en moitas ocasións non tes que facelo, porque xa el encárgase de dar os datos suficientes como para que vaias recordando a historia. Ven isto a conto porque a novela que vou comentar hoxe é a segunda entrega dun caso destes, o autor é Patrick Rothfuss e a novela titúlase “El temor de un hombre sabio”.

Como digo ao principio a primeira entrega desta saga apareceu alá polo ano 2010 e podedes ver o comentario no mes de xullo dese ano neste mesmo blog. O seu título era “El nombre del viento”, e se ledes ou recordades o que escribín naquel momento, aínda que me resultou entretida non quedou entre as que máis me gustaron. Aquela primeira entrega non me parecera, fronte a cantidade de comentarios aparecidos naquel momento, tan boa como moitos dicían. Comentaba que era unha novela decente de xénero fantástico pero con demasiados elementos xa coñecidos ou parecidos a outras historias doutros xéneros, conformando algo que non me atrapara demasiado, pero que lera enteira porque a pesar diso tiña bos momentos. Non me gusta deixar as historias a medias e tiña suficientes elementos ou podíanse ver algunhas cousas que podían facer pensar que a súa continuación podería estar ben, polo menos tan entretida como esta primeira. Así que a pouco de saír editada díxenme que tiña que lela, apareceu a finais do ano pasado na editorial Plaza & Janes. A terceira non ten data de publicación e de momento aparece co título provisional de “Las puertas de piedra”.

Teño que dicir que esta vez non me equivoquei ao darlle unha segunda oportunidade ao autor, esta segunda entrega gustoume moito máis que a primeira, pareceume mellor en todos os sentidos, en canto a orixinalidade, entretemento, acción, intriga e interese. Parece un desenvolvemento algo máis maduro, tendo en conta que o protagonista é algo maior, aínda que non demasiado. Agora a historia está máis centrada, máis enfocada ao que nos quere contar, sen as divagacións que poderían aparecer antes, cuns personaxes moito máis definidos e reflectidos cunhas historias máis novidosas e orixinais. Aínda así ten dous ou tres momentos nos que a lectura pode facerse algo lenta, quizais para demasiado nalgúns momentos da historia que poden facer que o lector canse un pouco de pasar demasiadas páxinas para algo que podería resolverse nalgunhas menos. Neste sentido a primeira pecaba moito máis disto que comento, era unha novela de algo máis de oitocentas páxinas á que, na miña opinión, poderíamos quitarlle cerca de duascentas. Neste caso pode resultar peor, estamos ante unha historia que supera en pouco as mil duascentas páxinas, pois creo que poderían quitar esas mesmas duascentas e quedaría algo máis redonda. Non vou dicir en que momentos sobrábanme, porque pasa da metade da historia en adiante e como sempre non me gusta desvelar demasiadas cousas.

Volvemos evidentemente ao mesmo protagonista, o músico, mendigo, ladrón, estudante, mago, heroe e asasino da primeira, e neste caso podemos engadirlle o título de aventureiro xa que nese sentido os cambios de lugar son unha constante na mesma, xa non transcorre a historia centrada nos seus anos de Universidade, en certo momento verase obrigado a deixala para emprender unha viaxe que o levará a coñecer outros pobos, outras persoas e unha boa cantidade de situacións que son as que lle dan esa variedade e interese que ten o desenvolvemento do argumento. De novo ao principio atopámonos con Kvothe, Bsat e o Cronista na taberna que dirixe o primeiro. A historia completa está dividida en tres libros que son os tres días durante os que o protagonista estalle a relatar a historia ao Cronista para que se poida conservar por escrito, así que estamos ante o segundo día e neste caso os momentos que transcorren na taberna son moito menores e máis breves, centrándose moito máis nas aventuras de Kvothe. É unha lenda que todos coñecen, heroe e vilán a partes iguais e dependendo de quen e como conten a historia, quizais iso sexa o que lle leva a contala, para deixar constancia de como foi en realidade. Xa sabemos pola anterior que a maior parte da xente pensa que está morto, pero el cambiou o nome e dirixe unha taberna na que se esconde nunha aldea perdida, sen que saibamos aínda moi ben por que, pero podemos ir facéndonos unha idea. Aí, na Roca de Guía, descubriremos a segunda parte da súa vida.

A historia comeza onde rematou a anterior, Kvothe segue na Universidade e os primeiros capítulos seguirán centrados nese momento da súa vida, pero agora a narración cambia algo e faise máis interesante. Xa non é un novato e moitas das cousas que nos contaba “El nombre del viento” agora xa son coñecidas polo lector, co cal esa parte da historia é algo máis directa e máis centrada nos distintos personaxes, tanto el como os seus amigos, inimigos, profesores... Segue obsesionado con atopar datos sobre os Amyr e os Chandrian (os asasinos da súa familia) e certos acontecementos farán que se vexa obrigado a deixar por un tempo os seus estudos e o lugar que foi o seu fogar nos últimos tempos. A súa viaxe vai levalo en primeiro lugar ás terras do maer Alverón, no reino de Vintas, unha corte chea de novidades para el, de novos personaxes e de situacións nas que terá que usar todo a súa intelixencia para saír con ben. De aí terá que ir ao bosque de Eld, ao reino dos Fata..., e algúns sitios máis. Toda esta viaxe estará chea de aventuras, de situacións inesperadas de problemas que terá que solucionar e que farán que o Kvothe que coñeceremos ao rematar esta parte sexa un personaxe máis adulto, máis preparado para moitas cousas e con maiores e mellores coñecementos, mantendo aínda así a súa xuventude e as características esenciais do personaxe.

Se da anterior comentaba que me parecía unha historia para lectores máis novos nesta direi que xa non o e tanto, aínda que segue a ser unha lectura apropiada para todas as idades. Esta quizais sexa algo máis violenta, as escenas de loita teñen unha presencia importante na historia e tamén algúns momentos relacionados co espertar de Kvothe ao sexo e os coñecementos que adquirirá sobre as mulleres en moitos sentidos, algo que case descoñecía por completo. De todos modos en ningún momento a linguaxe é excesiva nin demasiado explícita pero si, como xa comentei, é unha historia algo máis adulta en moitos sentidos que a anterior.

Esta si que me gustou, resultoume unha historia moito máis entretida, amena e variada que a primeira. Quizais como dixen antes ao non ter o autor que darnos tanta información sobre a vida ou o funcionamento da Universidade puido centrarse máis en outros aspectos máis interesantes para o lector. Ademais da primeira a parte da infancia de Kvothe resultárame algo tópica, nesta segunda parte as cousas son máis novidosas e mellores e mellor desenvolvidas. Hai moitos elementos que lle dan interese, non so dentro do desenvolvemento da historia, senón que algúns personaxes van evolucionar algo máis, imos a coñecelos máis e iso fai que sexa máis interesante. Toda a parte da viaxe do protagonista está na liña das boas novelas de aventuras, tanto no que pasa como na forma de contalo. Nalgúns momentos, aínda sendo unha historia de xénero fantástico, tiña a impresión de estar a ler algunha das novelas de aventuras que me fascinaron cando era máis novo, un tanto máis ao seu favor. Non se me fixo nada longa, e iso que o número de páxinas ou o volume cando o vemos nunha librería pode chegar a asustar. Xa comentei que quizais nun par de momentos pode resultar un pouquiño repetitiva ou empezar a contarnos algunhas cousas que poden non interesar demasiado, pero o querer saber que vai ocorrer a continuación fará que tomemos a lectura con calma e algo de humor (que tamén está presente nalgúns momentos da historia). Hai máis dunha liña dentro do argumento que me gustou moito, non vou mencionar porque sería contar cousas que é mellor ler, pero sobre todo desde que marcha da Universidade a narración gana en axilidade, interese, acción e consegue por completo manter a atención do lector. Pódese ler sen ter lido “El nombre del viento”? Penso que non, así que se non o fixestes xa sabedes o que vos toca. Cando a rematedes xa me diredes algo, espero os vosos comentarios.



jueves, 8 de marzo de 2012

Blue Bloods, Familia de Policías



As series son unha das constantes da televisión, desde os seus principios estiveron presentes e a día de hoxe a cantidade delas que podemos ver é inmensa. Iso fai, evidentemente, que haxa absolutamente de todo e é difícil pensar nalgún tema, profesión ou situación que non pasara por algunha ou varias delas. Creo que o tema máis tratado desde sempre foi o da policía, dunha cidade, dun país ou internacional, da igual. Xa sexan policías de uniforme, de paisano, axentes das brigadas científicas... Digo isto porque a serie da que vou falar hoxe ten ese aire das de hai anos, daquelas nas que os policías de uniforme e a investigación eran o centro de todo. Unha das que máis e mellor recordo deixáronme é “Canción triste de Hill Street”, que seguramente moitos afeccionados recordarán. ¿Como esquecer aquela despedida do sarxento trala reunión diaria para distribuír as tarefas: “Teñan coidado aí fóra”? Pois a de hoxe creo que lle debe moito a esta, ten case o mesmo aire e unha dinámica moi parecida, pero tamén algunha cousa que a diferencia. Aínda así ten o aire dunha produción de hai algúns anos, un certo encanto que fai que pareza das de antes, sen demasiados toques científicos e máis centrada na investigación pura e dura dos casos, así como nos personaxes, quizais unha das mellores cousas que ten. Falo de “Blue Bloods”, que lle engadiron por aquí un “Familia de policías”. Neste momento a canle FoxCrime está a emitir a segunda temporada.

Tivo un éxito destacable na súa primeira temporada polo Estados Unidos e aquí de momento so apareceu polos canles de pago, a ver se algunha das gratuítas decide emitila, porque aínda non sendo nada do outro mundo, está algo por riba da media e merece a pena. No seu éxito algo terán que ver os seus creadores, Mitchell Burgess e Robin Green. Dous nomes que non lle soarán a case ninguén pero que están detrás doutras dúas series que case marcaron unha época no mundo da pequena pantalla: “Doutor en Alaska” e “Os Soprano”. Dous produtos que moita xente recordará e polos que non pasa o tempo. Eta última produción súa quizais non estea á mesma altura que as dúas mencionadas, pero si uns pasos por detrás.

A historia transcorre na cidade de Nueva York e céntrase no corpo de policía desta gran cidade. Como dato interesante e curioso dicir que o corpo de policía desta gran cidade está formado por máis de 35.000 axentes, un número nada despreciable, máis ben impresionante. Dentro do mesmo a historia parte dunha familia na que case todos os seus integrantes forman ou formaron parte deste corpo, a familia Reagan. O avó, Henry, está xa xubilado e o seu fillo, Frank é o Xefe de Policía da cidade, o gran xefe do que dependen todas as comisarías. Frank ten catro fillos, tres homes e unha muller. Os tres varóns son policías, aínda que desde o comezo sabemos que un deles morreu asasinado pouco tempo antes de que comece a historia. Danny é o maior, detective de paisano con moita experiencia e coñecido por resolver os casos usando en máis dunha ocasión métodos pouco ortodoxos. Jamie é o irmán pequeno, que deixa os seus estudos de Dereito para facerse policía, nun principios dos que de uniforme patrullan a cidade. Erin é a única muller, e non é policía, aínda que está relacionada coa lei, traballa como axudante do fiscal e en máis dunha ocasión os seus casos terán relación coas investigacións dos seus irmáns. É unha persoa recta e seria, que aplica a lei ao pe da letra, algo que vai provocar máis dun enfrontamento co seu irmán Danny, que ten a idea de que calquera método é valido para atrapar a un criminal. Ao redor deles algúns personaxes fixos máis da familia, a muller e fillos de Danny ou a filla de Erin serán elementos importantes nalgúns momentos das distintas historias; así como a axente Jackie Curatola, a compañeira de Danny na comisaría na que traballa ou o sarxento Anthony Renzulli, que será o encargado de acompañar ao novato Jamie nas súas patrullas.

Cada episodio circulará ao redor dun caso criminal que terán que resolver e no que normalmente dunha forma ou doutra todos estarán implicados. Ademais diso na primeira temporada teremos un fío común a todos os capítulos, a historia do Templario Azul, unha especie de grupo dentro da policía e que parece ter algo que ver coa morte do fillo de Frank (aínda que esta historia terá altibaixos na temporada, quedando un pouco diluída case ata o final). Ademais de resolver os crimes o interese da mesma reside nas relacións familiares entre todos os Reagan. A unión preside as súas relacións, reúnense para comer ou cear polo menos un día á semana, asisten a actos, partidos ou celebracións todos xuntos, son unha gran familia moi unida. Claro que iso non impide que entre eles haxa discusións, problemas e enfrontamentos que lle dan bastante interese ás historias. Os personaxes están bastante ben definidos e penso que son unha das mellores cousas da mesma, a que lle da o aire de ser algo distinto ás habituais series do mesmo estilo. Cada un ten a súa forma de ser, de actuar, de comportarse, aínda que iso non evita ao final que as cousas sempre rematen ben, claro está.

Investigacións de roubos, asasinatos, crimes máis ou menos brutais, drogas, terrorismo ou a inevitable presencia da mafia, xa sexa italiana ou rusa son algúns dos elementos centrais dos argumentos. Normalmente bastante ben desenvolvidos e tentando manter a atención do espectador, algo que consegue a maior parte das veces. Todo isto aderezado co inevitable aire americano, tanto no sentido de ensalzar o espírito do país en situacións complicadas como en dar unha idea de que a familia é o máis importante e as relacións familiares están por riba de todo. Por iso comentaba que parecía unha serie de hai algúns anos, porque en moitos sentidos é bastante tradicional, con todo o bo e o malo desa idea.

En canto aos actores poucas caras coñecidas, pero unha delas destaca por riba de todas as demais. Neste caso o protagonista central é un actor que saltou á fama gracias á televisión e aínda que tentou algunha cousas no cine nunca tivo tanto éxito como nas series. Creo que case todos recordaredes a serie “Magnum, investigador privado”, protagonizada por Tom Selleck, aquel home alto, cunha gran presencia e un tremendo bigote. Tivo moito éxito con ela e de aí pasou a algunhas outras, pero nunca con tanta audiencia como nesa primeira (por culpa da cal parece que non puido interpretar ao aventureiro Indiana Jones, que quizais cambiara a súa carreira). Aquí interpreta ao elemento central da familia, o Xefe de Policía Frank Reagan, exemplo de integridade, de seriedade, de calma, un home que xamais perde os papeis, disposto a enfrontarse con quen sexa (incluso co alcalde ou coa prensa) para defender as súas dúas familias, a de verdade e ao corpo de policía de Nueva York. É un actor que sempre me gustou e aquí a verdade é que está realmente ben, coa súa altura e o seu porte, xa sexa de traxe e abrigo escuro ou co uniforme enche a pantalla e a súa presencia destaca por riba de todas as demais. Do resto dicir que algunhas son caras coñecidas do medio televisivo e que todos están bastante ben, cumprindo perfectamente cos seus papeis.

Unha serie algo por riba da media habitual, recuperando aquelas de antes centradas en policías, sen demasiados elementos de investigación científica como ocorre con algunhas das de agora, incluso mantén ese aire na forma de filmala. Os casos son interesantes e conseguen manter a atención e a intriga. Ben tamén no desenvolvemento das relacións familiares entre todos os integrantes dos Reagan, todos eles personaxes algo máis complexos do que pode parecer nun principio. A min gustoume bastante a primeira temporada, aínda non empecei coa segunda pero seguramente mantén a mesma liña. Recomendable sobre todo para os que lles gusten as series cun certo aire clásico aderezadas con algúns elementos algo máis actuais. Espero que vos guste. 

jueves, 1 de marzo de 2012

"Libertad", de Jonathan Franzen


Tiña lido moi boas críticas da novela que vou comentar hoxe, por todas partes aparecía como unha das grandes novelas americanas do século XXI, unha novela que tiña o respaldo do público e a crítica do seu país e moi esperada por aquí tendo todo isto en conta. ¿Non vos pasou nunca que tras ler este tipo de cousas tomades algo con grandes expectativas e logo parece que non responde a elas? Pois algo así pasoume con esta lectura, quizais a culpa sexa miña por crearme ese marco de ir ler algo moi bo. Claro que isto non sempre se cumpre, hai veces que coincides con todo iso que tiñas lido antes, pero tamén é certo, polo menos no meu caso, que non é a primeira vez que me pasa. Non é que a lectura non me gustara, pero a verdade esperaba algo máis, ese punto que distingue o digamos normal do resto das cousas. Como sempre isto é unha opinión persoal, pero curiosamente falei dela con outras persoas e a maior parte coincidiu comigo. A novela de hoxe titúlase “Libertad” e o autor é Jonathan Franzen, editada en castelán por Salamandra.

É un novelista e ensaísta nado no ano 1959 en Illinois (Estados Unidos) de nai estadounidense e pai sueco. Criouse nun barrio de Saint Louis e graduouse en alemán en 1981. Como parte da súa formación estudou varios anos en Alemaña. Despois da súa graduación casou e trasladouse a vivir a Boston, onde inicia a súa carreira como novelista. Os primeiros intentos non tiveron demasiado éxito e en 1987 marcha a Nueva York, onde consegue publicar a súa primeira novela, “Ciudad veintisiete” en 1988, que tivo un certo éxito de crítica. A seguinte foi “Movimiento fuerte” (1992), centrada nunha familia disfuncional. En 2001 aparece “Las correcciones”, unha novela de crítica social con gran éxito de crítica e público e que lle deu a fama da que goza neste momento. Gañou o Premio Nacional ao mellor libro de ficción, o Premio do New York Times na mesma categoría e chegou a ser finalista do Pulitzer do ano seguinte, ademais de algúns outros premios. Como curiosidade foi seleccionado para o club de lectura que organiza a famosa presentadora de televisión americana Oprah Winfrey; algo que ao final non gustou demasiado a Franzen que considerou que o público americano vería a súa novela como algo destinado so a mulleres. Foi un dos libros de ficción máis vendidos da década. “Libertad” apareceu no seu país no ano 2010, por aquí a finais do 2011. Tamén foi elixido de novo para o club de lectura de Oprah e Franzen apareceu no programa, incluso o presidente Obama alabou a súa nova novela.

“Libertad” era unha novela moi esperada tendo en conta o éxito da anterior. ¿Que nos conta nesta ocasión o autor? A historia céntrase en cinco personaxes, catro pertencentes á mesma familia e o quinto é un amigo presente na vida da familia. Patty e Walter Berglund con o núcleo central da historia, xunto cos seus dous fillos, Jessica e Joey. O outro protagonista en discordia é o amigo de xuventude de Walter, Richard Katz, que naquela época tamén coñeceu a Patty. De todos eles quizais sexa Jessica a que menos incidencia ten dentro da historia, a irmá eclipsada en todos os sentidos (incluso dentro da historia) polo especial e estraño irmán que ten, Joey. Patty é o centro da historia na maior parte do relato e ao redor da que xiran todos os demais personaxes. Walter está profundamente namorado dela case desde que se coñeceron e consegue tras moitos problemas casar con ela, aínda que Patty nunca ou case nunca alcanzará a felicidade completa. Richard sempre será o verdadeiro amor de Patty, pero desde que o coñece ela sabe que posiblemente non é o mellor para ela. Richard é músico independente, cun éxito importante pero en círculos minoritarios, case un radical que vive exclusivamente para si mesmo. Quizais o único que lle importa a Richard sexa a súa amistade con Walter, un home completamente distinto a el, preocupado polo futuro do planeta en moitos sentidos, cunha gran conciencia ecolóxica. Ambos están unidos por unha grande amistade, quizais algo estraña debido ao distintos que son en todos os sentidos, tanto en formas de actuar como de pensar, pero quizais sexa esa diferencia a que máis os une. Jessica é case a boa filla, mentres Joey é todo o contrario, continuamente enfrontado coa súa nai e digamos que soportado polo seu pai, aínda que lle ten un gran respecto. Tres xeracións familiares pasarán pola novela. A primeira xeración (os pais de Patty e Walter) mostrando dous patróns opostos. Os pais de Patty son unha familia rica e acomodada, politicamente influíntes pero con verdadeiros problemas, sobre todo de relación, cos seus fillos. Os pais de Walter son de clase algo máis baixa e máis preocupados por cuestións sociais e políticas, algo máis revolucionarios. Patty é un personaxe complexo, con grandes altibaixos en toda a súa vida e loitando con cousas que non entende demasiado ben, gran xogadora de baloncesto nos seus anos escolares, deporte que ten que deixar debido ás lesións, outro elemento de frustración no desenvolvemento da súa vida. Walter é un home case imperturbable, tranquilo e comprometido coa ecoloxía e a superpoboación, preocupado polo futuro do planeta. Entre eles e as súas vidas, os seus soños, obxectivos, problemas, alegrías e tristezas, enfrontamentos e algunhas cousas máis circulará esta historia. Forman un matrimonio algo máis combativo, escapando lixeiramente do estereotipo norteamericano e por iso non demasiado ben entendido polos seus veciños de Ramsey Hill, a zona na que viven nunha parte da historia. A terceira xeración estará representada polos seus fillos, dúas persoas distintas nalgúns aspectos e moi parecidas noutros. Imos coñecelos a todos nun sentido completo, a todos os niveis e vistos por eles mesmos e polos demais, dándonos unha visión completa e complexa de todos eles.

É unha novela crítica, pero ao mesmo tempo algo deprimente, o aire de conformismo social que se respira en case toda a historia é preocupante dentro dunha sociedade que parece estar inmersa nunha situación de liberdade case descafeinada. Ata os máis revolucionarios acaban conformándose con pequenas vitorias pírricas e pouco importantes, dándolles moita máis importancia e transcendencia da que realmente teñen. O tema da ecoloxía e a preocupación polo crecemento da poboación mundial, por exemplo, aparecen como un dos elementos centrais en certo momento pero vistos case como algo ridículo, un douche algo a cambio de algo no que non se sabe moi ben quen sae gañando máis (ou si se sabe, que é aínda peor). Son moitas delas preocupacións sociais light, con tan pouca transcendencia real que deixan un sabor amargo no lector.

Os personaxes quedáronseme a medio camiño entre o estereotipo e a caricatura, sobre todo algúns dos principais. Nalgúns momentos parecen demasiado reais, mentres en outros as súas formas de actuar ou de tomar decisións poden parecer pouco coherentes co que temos lido ou pensado anteriormente (quizais de fondo estea a idea da pouca coherencia e congruencia da nosa sociedade actual). De entre todos eles quizais quedo co músico Richard Katz, que parece ser, a pesar de vivir nun egoísmo case constante enfrontado a súa preocupación polo seu amigo Walter, dos poucos que realmente fai o que quere facer, polo menos durante algúns momentos, porque logo veremos como non é así. Joey é outro que destacaría, vivindo sempre entre o que fai e o que debería facer, buscando a aprobación duns pais (sobre todo da súa nai) que parece importarlle menos do que realmente lle importa.

Iso si, gustoume a nivel técnico e estrutural. A novela comeza cun breve capítulo no que coñeceremos case todo o que vai pasar. Nunhas poucas páxinas Franzen cóntanos a historia: Walter e Patty coñécense, casan, van vivir a Ransey Hill onde chaman a atención dos seus veciños pola súa forma de vivir, teñen dous fillos... (mellor lelo se vos interesa). Pero tras estas primeiras páxinas o autor vai desenvolver en profundidade todo iso que case xa sabemos, ademais visto desde cada un dos personaxes. Primeiro Patty daranos unha extensa visión de todo, desde a súa infancia e xuventude ata o momento actual. Pero logo cada un dos protagonistas que mencionei contaranos máis ou menos o mesmo pero desde o seu punto de vista e engadindo as súas propias ideas e experiencias persoais. Así teremos unha idea completa e global de todos eles, das súas vidas, do que pasaron e pensaron, coñeceremos todos os niveis das súas vidas, os máis claros e os máis escuros para descubrir que ao final todos actúan exercendo esa liberdade que da título á novela nun camiño cheo de erros e equivocacións, de pequenos triunfos e grandes fracasos. O estilo de Franzen é directo e sen demasiadas concesións, quizais algo seco nalgúns momentos e repetitivo (como a mesma vida dos seus personaxes) noutros. Como digo esta forma de contarnos a historia é unha das cousas que máis me convenceron.

¿Por que non chegou a atraparme? ¿Por que ese lixeiro desencanto ante as expectativas que tiña? A verdade é que non conseguín meterme demasiado dentro da historia. Algúns dos personaxes principais non chegaron a cativarme como para que me interesara demasiado á historia. Algunhas situacións ou divagacións de carácter político, social ou ecolóxico parecéronme algo longas e reiterativas. Nalgúns momentos pareceume algo pesada e demasiado extensa, páxinas que lía sen demasiado interese alternando con outras que realmente me interesaron. Nalgúns momentos deume a impresión de estar nunha montaña rusa, con continuas subidas e baixadas pero sen o predominio dalgún destes momentos. Hai certas relacións familiares, sobre todo as de Patty ou Walter coa súas respectivas familias, que se estenderon demasiado. Outras, como a de Joey cos seus pais, parecéronme moito máis interesantes. Algúns coñecidos comentáronme que a deixaron ás poucas páxinas, pero tampouco é iso. Creo que ten grandes e bos momentos, alternados case ao 50% con outros algo peores. Non creo en absoluto que sexa unha mala novela, recomendaríaa a algúns dos meus coñecidos, pero ao mellor é demasiado “americana” par ao gusto do outro lado do océano neste momento. Xa me diredes algo os que a tiñan lido ou teñan pensado facelo.