jueves, 1 de marzo de 2012

"Libertad", de Jonathan Franzen


Tiña lido moi boas críticas da novela que vou comentar hoxe, por todas partes aparecía como unha das grandes novelas americanas do século XXI, unha novela que tiña o respaldo do público e a crítica do seu país e moi esperada por aquí tendo todo isto en conta. ¿Non vos pasou nunca que tras ler este tipo de cousas tomades algo con grandes expectativas e logo parece que non responde a elas? Pois algo así pasoume con esta lectura, quizais a culpa sexa miña por crearme ese marco de ir ler algo moi bo. Claro que isto non sempre se cumpre, hai veces que coincides con todo iso que tiñas lido antes, pero tamén é certo, polo menos no meu caso, que non é a primeira vez que me pasa. Non é que a lectura non me gustara, pero a verdade esperaba algo máis, ese punto que distingue o digamos normal do resto das cousas. Como sempre isto é unha opinión persoal, pero curiosamente falei dela con outras persoas e a maior parte coincidiu comigo. A novela de hoxe titúlase “Libertad” e o autor é Jonathan Franzen, editada en castelán por Salamandra.

É un novelista e ensaísta nado no ano 1959 en Illinois (Estados Unidos) de nai estadounidense e pai sueco. Criouse nun barrio de Saint Louis e graduouse en alemán en 1981. Como parte da súa formación estudou varios anos en Alemaña. Despois da súa graduación casou e trasladouse a vivir a Boston, onde inicia a súa carreira como novelista. Os primeiros intentos non tiveron demasiado éxito e en 1987 marcha a Nueva York, onde consegue publicar a súa primeira novela, “Ciudad veintisiete” en 1988, que tivo un certo éxito de crítica. A seguinte foi “Movimiento fuerte” (1992), centrada nunha familia disfuncional. En 2001 aparece “Las correcciones”, unha novela de crítica social con gran éxito de crítica e público e que lle deu a fama da que goza neste momento. Gañou o Premio Nacional ao mellor libro de ficción, o Premio do New York Times na mesma categoría e chegou a ser finalista do Pulitzer do ano seguinte, ademais de algúns outros premios. Como curiosidade foi seleccionado para o club de lectura que organiza a famosa presentadora de televisión americana Oprah Winfrey; algo que ao final non gustou demasiado a Franzen que considerou que o público americano vería a súa novela como algo destinado so a mulleres. Foi un dos libros de ficción máis vendidos da década. “Libertad” apareceu no seu país no ano 2010, por aquí a finais do 2011. Tamén foi elixido de novo para o club de lectura de Oprah e Franzen apareceu no programa, incluso o presidente Obama alabou a súa nova novela.

“Libertad” era unha novela moi esperada tendo en conta o éxito da anterior. ¿Que nos conta nesta ocasión o autor? A historia céntrase en cinco personaxes, catro pertencentes á mesma familia e o quinto é un amigo presente na vida da familia. Patty e Walter Berglund con o núcleo central da historia, xunto cos seus dous fillos, Jessica e Joey. O outro protagonista en discordia é o amigo de xuventude de Walter, Richard Katz, que naquela época tamén coñeceu a Patty. De todos eles quizais sexa Jessica a que menos incidencia ten dentro da historia, a irmá eclipsada en todos os sentidos (incluso dentro da historia) polo especial e estraño irmán que ten, Joey. Patty é o centro da historia na maior parte do relato e ao redor da que xiran todos os demais personaxes. Walter está profundamente namorado dela case desde que se coñeceron e consegue tras moitos problemas casar con ela, aínda que Patty nunca ou case nunca alcanzará a felicidade completa. Richard sempre será o verdadeiro amor de Patty, pero desde que o coñece ela sabe que posiblemente non é o mellor para ela. Richard é músico independente, cun éxito importante pero en círculos minoritarios, case un radical que vive exclusivamente para si mesmo. Quizais o único que lle importa a Richard sexa a súa amistade con Walter, un home completamente distinto a el, preocupado polo futuro do planeta en moitos sentidos, cunha gran conciencia ecolóxica. Ambos están unidos por unha grande amistade, quizais algo estraña debido ao distintos que son en todos os sentidos, tanto en formas de actuar como de pensar, pero quizais sexa esa diferencia a que máis os une. Jessica é case a boa filla, mentres Joey é todo o contrario, continuamente enfrontado coa súa nai e digamos que soportado polo seu pai, aínda que lle ten un gran respecto. Tres xeracións familiares pasarán pola novela. A primeira xeración (os pais de Patty e Walter) mostrando dous patróns opostos. Os pais de Patty son unha familia rica e acomodada, politicamente influíntes pero con verdadeiros problemas, sobre todo de relación, cos seus fillos. Os pais de Walter son de clase algo máis baixa e máis preocupados por cuestións sociais e políticas, algo máis revolucionarios. Patty é un personaxe complexo, con grandes altibaixos en toda a súa vida e loitando con cousas que non entende demasiado ben, gran xogadora de baloncesto nos seus anos escolares, deporte que ten que deixar debido ás lesións, outro elemento de frustración no desenvolvemento da súa vida. Walter é un home case imperturbable, tranquilo e comprometido coa ecoloxía e a superpoboación, preocupado polo futuro do planeta. Entre eles e as súas vidas, os seus soños, obxectivos, problemas, alegrías e tristezas, enfrontamentos e algunhas cousas máis circulará esta historia. Forman un matrimonio algo máis combativo, escapando lixeiramente do estereotipo norteamericano e por iso non demasiado ben entendido polos seus veciños de Ramsey Hill, a zona na que viven nunha parte da historia. A terceira xeración estará representada polos seus fillos, dúas persoas distintas nalgúns aspectos e moi parecidas noutros. Imos coñecelos a todos nun sentido completo, a todos os niveis e vistos por eles mesmos e polos demais, dándonos unha visión completa e complexa de todos eles.

É unha novela crítica, pero ao mesmo tempo algo deprimente, o aire de conformismo social que se respira en case toda a historia é preocupante dentro dunha sociedade que parece estar inmersa nunha situación de liberdade case descafeinada. Ata os máis revolucionarios acaban conformándose con pequenas vitorias pírricas e pouco importantes, dándolles moita máis importancia e transcendencia da que realmente teñen. O tema da ecoloxía e a preocupación polo crecemento da poboación mundial, por exemplo, aparecen como un dos elementos centrais en certo momento pero vistos case como algo ridículo, un douche algo a cambio de algo no que non se sabe moi ben quen sae gañando máis (ou si se sabe, que é aínda peor). Son moitas delas preocupacións sociais light, con tan pouca transcendencia real que deixan un sabor amargo no lector.

Os personaxes quedáronseme a medio camiño entre o estereotipo e a caricatura, sobre todo algúns dos principais. Nalgúns momentos parecen demasiado reais, mentres en outros as súas formas de actuar ou de tomar decisións poden parecer pouco coherentes co que temos lido ou pensado anteriormente (quizais de fondo estea a idea da pouca coherencia e congruencia da nosa sociedade actual). De entre todos eles quizais quedo co músico Richard Katz, que parece ser, a pesar de vivir nun egoísmo case constante enfrontado a súa preocupación polo seu amigo Walter, dos poucos que realmente fai o que quere facer, polo menos durante algúns momentos, porque logo veremos como non é así. Joey é outro que destacaría, vivindo sempre entre o que fai e o que debería facer, buscando a aprobación duns pais (sobre todo da súa nai) que parece importarlle menos do que realmente lle importa.

Iso si, gustoume a nivel técnico e estrutural. A novela comeza cun breve capítulo no que coñeceremos case todo o que vai pasar. Nunhas poucas páxinas Franzen cóntanos a historia: Walter e Patty coñécense, casan, van vivir a Ransey Hill onde chaman a atención dos seus veciños pola súa forma de vivir, teñen dous fillos... (mellor lelo se vos interesa). Pero tras estas primeiras páxinas o autor vai desenvolver en profundidade todo iso que case xa sabemos, ademais visto desde cada un dos personaxes. Primeiro Patty daranos unha extensa visión de todo, desde a súa infancia e xuventude ata o momento actual. Pero logo cada un dos protagonistas que mencionei contaranos máis ou menos o mesmo pero desde o seu punto de vista e engadindo as súas propias ideas e experiencias persoais. Así teremos unha idea completa e global de todos eles, das súas vidas, do que pasaron e pensaron, coñeceremos todos os niveis das súas vidas, os máis claros e os máis escuros para descubrir que ao final todos actúan exercendo esa liberdade que da título á novela nun camiño cheo de erros e equivocacións, de pequenos triunfos e grandes fracasos. O estilo de Franzen é directo e sen demasiadas concesións, quizais algo seco nalgúns momentos e repetitivo (como a mesma vida dos seus personaxes) noutros. Como digo esta forma de contarnos a historia é unha das cousas que máis me convenceron.

¿Por que non chegou a atraparme? ¿Por que ese lixeiro desencanto ante as expectativas que tiña? A verdade é que non conseguín meterme demasiado dentro da historia. Algúns dos personaxes principais non chegaron a cativarme como para que me interesara demasiado á historia. Algunhas situacións ou divagacións de carácter político, social ou ecolóxico parecéronme algo longas e reiterativas. Nalgúns momentos pareceume algo pesada e demasiado extensa, páxinas que lía sen demasiado interese alternando con outras que realmente me interesaron. Nalgúns momentos deume a impresión de estar nunha montaña rusa, con continuas subidas e baixadas pero sen o predominio dalgún destes momentos. Hai certas relacións familiares, sobre todo as de Patty ou Walter coa súas respectivas familias, que se estenderon demasiado. Outras, como a de Joey cos seus pais, parecéronme moito máis interesantes. Algúns coñecidos comentáronme que a deixaron ás poucas páxinas, pero tampouco é iso. Creo que ten grandes e bos momentos, alternados case ao 50% con outros algo peores. Non creo en absoluto que sexa unha mala novela, recomendaríaa a algúns dos meus coñecidos, pero ao mellor é demasiado “americana” par ao gusto do outro lado do océano neste momento. Xa me diredes algo os que a tiñan lido ou teñan pensado facelo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario