jueves, 12 de abril de 2012

"El exótico hotel Marigold"



Outra de cine en pouco tempo, ou non imos en varios meses ou caen dúas case na mesma semana, cousas da carteleira, do tempo ou que non se nos ocorre outra cousa que facer. De todos modos a esta de hoxe tiñámoslle ganas desde que a vira anunciada na televisión. Un bo grupo de actores e unha historia que parecía entretida e simpática, ademais de dicir algo ao espectador. Pois non me equivoquei, gustounos bastante e disfrutamos da proxección. É outra historia parecida no ton á última que comentei, “Intocable”, no sentido de facernos pensar un pouco sobre as nosas vidas, sobre como poden cambiar nun momento dado e, sobre todo, pensar en que hai que aproveitar todos os momentos e tentar ver o lado bo das cousas. É outra historia optimista, “El exótico Hotel Marigold”.

Neste caso estamos ante unha produción inglesa. Está baseada nunha novela de Deborah Moggach titulada “These foolish things”, por certo, novela que estiven a buscar traducida pero que non apareceu. O director é John Madden, quizais a súa cinta máis coñecida sexa “Shakespeare in love”. Non sei que tal estará a novela pero teño un certo interese na súa lectura, aínda que me da a impresión de que non vai ser algo sinxelo de conseguir.

A historia é simple, sete xubilados ingleses que non saben demasiado ben que facer coas súas vidas vense tentados de pasar a última parte das mesmas nun luxoso hotel que se anuncia en diversos medios, na India. Ben, os sete non, porque unha delas acaba aí case por obriga. Douglas e Jean son un matrimonio que investiu todos os seus aforros na empresa da súa filla, aforros que non volveron ver e que limitan moito as súas posibilidades económicas, polo que deciden realizar a viaxe case como a súa única opción. Tras anos xuntos a súa relación non parece marchar todo o ben que debería, el é calado, tímido e case acomodado; ela é máis protestona, parece que so sabe queixarse e estar pouco conforme con todo o que a rodea. Evelyn enviuvou recentemente, unha muller que dependeu durante toda a súa vida do seu marido absolutamente para todo e que agora se sente algo perdida. Acepta a viaxe como como unha forma de tentar tomar as rendas da súa vida e facer algo por si mesma. Graham é un xuíz do Tribunal Supremo que, cansado de asistir a festas de xubilación dos seus colegas, decide viaxar á India, na que viviu cando era máis novo, como unha forma de recuperar algunhas cousas desa vida anterior. Jean é a viúva alegre, farta de coidar aos seus netos e sentíndose nova marcha en busca de novas aventuras amorosas e, por que non, dalgún novo marido adiñeirado. Norman sería case a versión masculina da anterior, ve como a súa vida vai rematando pero non quere resignarse a ser maior e quere seguir disfrutando das relacións de parella, así que ve a India como un novo mundo cheo de oportunidades. E Muriel é a que vai máis ou menos obrigada por unha operación de cadeira que debe facer o máis pronto posible, ofréceselle a posibilidade de, para non ter que esperar meses, ir facer a mesma a ese país, onde lla farán moito antes. É unha muller cunha serie de ideas algo anticuadas, racista, firme e pouco dada a convivir cos que non son como ela. Por último temos a Sonny, o rapaz indio que ten un soño que compartía co seu pai, converter o Hotel Marigold no mellor lugar para que todo aquel que queira descansar e gozar dun lugar privilexiado poda facelo. Sonny é un soñador que procura ver todo da forma máis optimista posible, a pesar de que a realidade choca contra esas ilusións. A súa máxima é que ao final todo ten que saír ben, e se non o fai é porque aínda non é o final.

Estes oito personaxes forman o núcleo central da historia. Cada un deles cunha personalidade e unha forma de actuar ben distinta e quizais representando unha serie de tópicos ou de formas de ser moi determinadas. Douglas, calado, discreto, case sempre pelexando entre o que cre que debe facer e o que lle gustaría, pero aceptando con resignación a súa situación. A súa muller, Jean, pouco dada a aceptar as cousas como veñen e disfrutar delas, sempre queixándose e tentando impoñer as súas opinións. Muriel, seria, firme e, ao mesmo tempo, vivindo con moito medo a todo o que sae da súa rutina ou da súa forma de ver a vida. Evelyn, dubidando sempre, con medo a todo o que descoñece que é moito por como viviu antes, pero ao mesmo tempo decidida e con ganas de vivir o que lle queda da mellor forma posible e, a poder ser, distinta da súa vida anterior. Madge, alegre e vividora, sen querer aceptar o que a sociedade considera máis “adecuado” para ela, e Norman case igual pero no seu lado masculino, engadindo un gran medo a vivir so e sen afecto. Graham, decidido a recuperar unha parte da súa vida que estaba escondida e que ao principio tenta ocultar. E Sonny, alegre, optimista e soñador, empeñado en loitar contra todo o que se lle poña por diante con tal de conseguir o que quere.

E o outro protagonista é o “exótico Hotel Marigold”. A el chegan todos estes personaxes buscando un lugar marabilloso no que descansar, vivir comodamente e disfrutar deses anos de vida que teñen por diante. Pero é evidente que a propaganda case sempre engana, xa que en absoluto será o que esperan. O que atopan é un edificio nun estado case ruinoso, con habitacións non en demasiado bo estado, un lugar con moitas posibilidades pero que tamén parece estar nos últimos tempos da súa vida. Un lugar case como eles, acabado, pero claro, o tempo demostrará que isto non é así. Cada un irá atopando o seu lugar nese novo mundo, tanto na India como no interior de cada un deles. E o marco no que pasa todo, a India, co seu caos, o seu ruído e as súas xentes e costumes, filmado como un lugar ideal para o desenvolvemento das vidas destes personaxes. Con cousas que non entenderán, que non aceptarán nun principio pero que irán vendo doutras maneiras a medida que saen, conviven e coñecen ese novo mundo para a maior parte deles.

Quizais unha das mellores cousas da historia sexan os actores, neles aséntase a maior parte da película. Boas interpretacións duns actores e actrices moi coñecidos e que, desde o meu punto de vista, bordan cada un dos personaxes. Todos eles grandes do cine inglés e internacional. Tres son para min os máis destacados. Judi Dench é Evelyn, unha actriz capaz de interpretar a mulleres de gran carácter ou a, como aquí, a outras que aparentemente son algo máis débiles ou están algo perdidas na súa vida, as rendas sempre as levou o seu marido e agora, pouco a pouco, ten que ser ela a que as tome. Sonny é Dev Pattel, coñecido entre algunha e outra cousa polo seu papel protagonista en “Slumdog millonaire”, o rapaz que coas súas caras, os seus xestos e o seu optimismo é capaz de que a cousa máis inmunda poida verse con bos ollos, unha actitude que vai contaxiar a case todos os seus novos hóspedes. E deixo para o final á máis destacada, a que creo que domina por completo a pantalla cada vez que aparece, transmitindo unha sensibilidade enorme, Maggie Smith é Muriel. A muller que quere que a atenda un médico inglés ou que non sexa un indio o que a leve na cadeira de rodas pero que se ve obrigada a ir á India se quere unha cadeira nova. Destacada porque en realidade creo que é o personaxe máis interesante, o que ten máis matices e o que cambia algo máis ao longo da historia.

Unha película simpática e entretida. Con escenas que provocarán o sorriso en máis dunha ocasión polas situacións que terán que vivir, polos diálogos e algunhas cousas máis. Un canto á vida, ao goce da mesma en calquera momento, sen distinguir idades, situacións ou formas de afrontala. Parecida nalgunhas cousas á que comentei antes desta, “Intocable” e distinta tamén noutras. Unha historia chea de optimismo e alegría de vivir, de buscar en cada momento a mellor forma de facelo, sen amargarse ou sumirse na tristeza, ou facéndoo so cando é estritamente necesario. Contándonos que hai que enfrontarse ás cousas e buscar o lado bo, que moitas veces está aí e non é tan complicado atopalo. Nalgunhas críticas lin que a cualificaban de demasiado tópica, é posible que nalgúns aspectos sexa así, pero tamén creo que as veces os tópicos, se están usados dun modo axeitado, non son sempre malos. Claro que hai cousas esperables, e outras non tanto, e que xoga con cousas que posiblemente xa temos visto nalgunhas outras ocasións, pero non creo que teña que ser algo necesariamente negativo. Ten algunha sorpresa, pero o mellor é ver como estes personaxes enfrontan esta nova situación e como van saíndo dela, aprendendo unha serie de leccións que lles serán útiles non so a eles, algunhas tamén poderán valerlle ao espectador. A min gustoume bastante e recoméndoa, sobre todo tendo en conta que a carteleira está chea de historias bastante baleiras, cheas de acción, efectos especiais e poucas cousas máis, creo que está danos algo máis que todo iso.

No hay comentarios:

Publicar un comentario