jueves, 22 de marzo de 2012

"Falling Skies" e "Terranova"

Non imos agora a descubrir a Steven Spielberg, director, guionista, produtor..., un home que desde o principio apareceu case como o novo rei Midas de Hollywood, que todo o que tocaba convertíao en éxito. Non vou nesta ocasión a facer unha recensión biográfica porque sería case imposible resumir toda a súa carreira nunhas poucas liñas. Recoñézome un incondicional de todo o que fixo, e incluso nas máis frouxas ou irregulares había algo bo que destacar. Se teño que elixir algunhas penso que me quedaría con “El color púrpura”, “La lista de Schindler”, “1941” o “Salvar al soldado Ryan”, sen deixar de lado unha das súas primeira producións para a televisión, “El diablo sobre ruedas”, simple e aterradora ao mesmo tempo. Aínda teño pendente a súa última película, “War Horse”, pero caerá un día destes. Os seus primeiros traballos como director foron para a pequena pantalla, un mundo no que agora colabora bastante como produtor ou guionista, e traballando bastante, a verdade, porque son varias as producións destes últimos anos coas que ten algo que ver. Hoxe vou comentar dúas desas series nas que interveu. Son dúas series que me decepcionaron un pouquiño, sobre todo tendo en conta de quen veñen, porque de ambas esperaba algo máis. Non é que estean mal, pero creo que lles falta algo, ese punto a maiores que poden facelas destacar. Tanto é así que unha delas cancelouse recentemente por falta de audiencia e a outra posiblemente terá unha segunda temporada para o mes de xuño por Estados Unidos; ían cancelala tamén, pero a presión de certos grupos de seguidores fixo que ao final decidiran facela. Os dous últimos grandes éxitos de Spielberg neste medio estaban relacionados coa Segunda Guerra Mundial, notábase neles a influencia de “Salvar al soldado Ryan” e estaban realmente ben, falo de “Hermanos de sangre” e “The Pacific”. Neste caso as dúas de hoxe están relacionadas cun campo que domina á perfección, a ciencia ficción, en dous sentidos diferentes.

Falo de “Falling Skies” e de “Terranova”. A primeira entra no mundo das invasións extraterrestres e a segunda transcorre nun tempo pasado, moi pasado, coa terra dominada aínda polos dinosauros. Como podedes ver o que dicía ao final do parágrafo anterior cúmprese, os extraterrestres (“Encuentros en la tercera fase”, unha maravilla) e os dinosauros (“Parque Jurásico” e as súas continuacións) son dous elementos moi presentes na cinematografía de Spielberg.



“Falling Skies” parte do momento no que a terra está a ser invadida por unhas naves extraterrestres que a conquistan en pouco tempo, como sempre, mais grandes, máis fortes e con mellores armas. Por un lado teñen uns robots soldado que son os que se enfrontan cos humanos e outros seres con varias patas a medio camiño entre os insectos e os lagartos. Ademais secuestran aos nenos que atopan para implantarlles un xugo nas costas que fai que estean completamente dominados por eles, usándoos como escravos. Varios grupos de superviventes moi heteroxéneos van organizándose para tentar acabar cos invasores. Baixo unha estrutura militar enfróntase con eles cos poucos medios dos que dispoñen e cada pequena vitoria é un paso adiante. Desprázanse en grupos máis ou menos organizados, nos que os civís están ao cargo dos militares, que son os que levan a voz cantante. O protagonista é un profesor de historia, Tom Mason, que ademais usa os seus coñecementos das antigas batallas da historia para afrontar esta nova guerra. Ten tres fillos, pero un deles foi capturado polos invasores, co que o seu rescate é un dos elementos centrais da historia. Como dicía antes, esta é a que por presión dos seus seguidores, que non querían quedarse sen ter un final, terá en verán deste ano unha segunda temporada. Aínda así a primeira so consta de dez capítulos.

Tom Mason está interpretado por un coñecido actor de televisión, Noah Wyle, o doutor Carter de “Urxencias”. Aquí está un dos problemas que ten, que non me resultou demasiado crible nese papel entre home reflexivo e home de acción que ten que interpretar, como se nalgúns momentos faltáralle algo de carácter ou decisión, restando algo de credibilidade á historia. O resto dos actores imos dicir que manteñen unha liña discreta, sen destacar nin para ben nin para mal.


“Terranova” apareceu con moitas expectativas e aires de gran produción. Dous dos temas máis usados por Spielberg aparecen nela, a loita entre o home moderno e os dinosauros e os descubrimentos científicos que fan posible esta relación. Estamos no ano 2149, nun mundo preto da aniquilación debido á mala calidade do aire e a superpoboación. Todos teñen que vivir cun respirador que fai que poidan saír á rúa e os matrimonios están limitados a ter dous fillos. Neste mundo temos á familia Shannon, Jim é policía, a súa muller Elisabeth é unha famosa doutora e teñen tres fillos: Josh, Maddy e Zoe. Precisamente o punto de partida é a detención de Jim e o seu posterior encerro no cárcere debido a esa terceira filla, prohibida polas leis e á que esconden ata que son descubertos. Pero uns científicos crean un portal temporal cara ao pasado, en concreto 85 millóns de anos cara atrás, a época dos grandes dinosauros, os bosques e un mundo sen contaminación e completamente salvaxe. Así farán unha serie de “peregrinacións” de xente escollida cara a ese pasado como unha forma de empezar de novo par tentar borrar os erros cometidos. Nunha delas a familia Shannon é elixida, sobre todo a causa da necesidade de médicos e investigadores en Terranova. Jim terá que fuxir do cárcere, non están dispostos a marchar sen el. Claro está, conseguirao e ao final dese primeiro episodio atoparemos aos cinco nesa nova terra, coa oportunidade de empezar de novo e construír un mundo mellor non so para eles. A vida alí non será fácil, non so polos dinosauros, senón tamén polos propios seres humanos. As mentiras, intrigas, os delitos...seguen existindo, así que nese mundo mellor o ser humano segue a ser máis ou menos igual. Cando eles chegan xa son moitos os que viven alí, pero hai un grupo, os Sextos (chamados así porque chegaron na sexta peregrinación) viven fóra do recinto protexido, enfrontándose co resto da poboación sen que saibamos moi ben as razóns do seu comportamento. Gobernada polo comandante Nathaniel Taylor case como se fora un destacamento militar, algo necesario tendo en conta o mundo que os rodea, o día a día non será sinxelo e as cousas que pasaban no mundo do que veñen seguirán máis ou menos igual, engadindo a todo iso a todo tipo de criaturas salvaxes ás que terán que enfrontarse.

Como no caso anterior, actores non demasiado coñecidos de nome, pero si moitas caras habituais do medio. Quizais o máis coñecido sexa o actor que fai o papel do “gobernador” de Terranova, Stephen Lang, o xeneral que dirixía aos soldados de “Avatar”. E tamén podemos aplicar o dito, en xeral actuacións que se quedan nunha gama media, sen destacar demasiado en ningún sentido. Esta é a que foi cancelada recentemente porque a audiencia e críticas que estaba a ter non compensaban o gasto realizado. Rodada en Australia, cuns efectos especiais que visto o visto no cine non chaman demasiado a atención pero que non están mal, ben ambientada e cuns capítulos que requiren máis de mes e medio de traballo cada un, demasiado diñeiro para os resultados obtidos.

Curiosamente neste caso o comentario que fago pode aplicarse as dúas. Ambas presentan case as mesmas virtudes e os mesmos defectos. Non son moitas neste momento, fronte a outros anteriores, nos que teñamos “series familiares” para elixir. Antes eran moitas as que podían verse en familia e penso que isto é algo que se perdeu desde hai uns anos, agora ou son case series para maiores ou enfocadas directamente a adolescentes (e destas poucas podo destacar, a verdade). Digo isto porque estas dúas vémolas cos nosos fillos, e a eles gústanlles ou, polo menos, resúltanlles entretidas, máis que outras. Ambos queixáronse da suspensión na produción. Neste sentido non están mal, son entretidas, pero poderían ir algo máis aló. As ideas argumentais non son malas, nada innovador na idea central pero si no que podería haber ao redor delas. Onde está o problema entón? Pois que lles falta forza, sobre todo narrativa, están lixeiramente exentas de emoción nos argumentos, na dirección e nas interpretacións. Xa dixen que non é que sexan malas, pero quizais a expresión “algo neutras” poida definilas. Fáltalles convicción, non reflicten demasiado ben a tensión dos argumentos, que en ambos casos presentan situacións interesantes. “Desgana” quizais sexa a palabra que se lles poida aplicar. Poderían ser dúas boas series cun par de puntos máis neses sentidos sobre todo, dirección e interpretacións. Non son aburridas e non están mal para pasar un rato, teñen algúns bos momentos e incluso hai capítulos que destacan un pouco por riba da media. Aquí, por exemplo, esperamos con algunhas ganas a segunda temporada de “Falilng Skies” porque nos deixaron a medias e queremos saber, en caso de que o teña, o final. No caso de “Terranova” creo que nos imos quedar coas ganas de que a cousa remate, pero hai uns días comenteille aos meus fillos que a suspendían e non quixeron deixar de vela, así que seguiremos a ver se lle dan un final ou fan como con outras, rematou e fóra, non hai un final que peche mellor ou peor a historia. Recomendables para unha noite en familia (por riba dos dez ou doce anos, que algo de violencia teñen e os extraterrestres e os dinosauros poden provocar algún pesadelo) sen pedir demasiado. Non sei se as vistes ou non, a ver se me dicides algo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario