domingo, 25 de marzo de 2012

"Intocable"



Tras algún tempo volvemos ao mundo do cine, que a última película que apareceu por aquí foi xa hai uns meses. Xa apetecía, así que está fin de semana, tras botar un ollo á carteleira e chegar a un acordo familiar alá fomos. E mereceu moito a pena, unha cinta con bastante que dicir, que nos gustou moito a todos e desas que hai que ir ver. É desas nas que saes do cine vendo as cousas de outra maneira, pensando que o que hai que facer é deixar de lamentarse e disfrutar todo o posible da vida, sacando partido a todo e sen deixarse levar demasiado polos malos momentos, os pequenos ou grandes tropezos que se nos van poñendo diante. Aínda así todos somos conscientes de que o que temos visto é ficción, aínda que esta é desas que ao principio pon “inspirado nunha historia real”. Falo dunha película estreada hai creo que tres semanas pero que eu recomendaría que se tedes opción tedes que ver, non creo que vos decepcione. O título é “Intocable”.

Cando vin os trailers en televisión xa me chamou a atención. Avalada por dezaoito millóns de espectadores na súa país de orixe, Francia, unha das cintas máis taquilleiras da súa cinematografía e con varios premios tanto dentro como fóra do seu país. Ademais algúns coñecidos e coñecidas que foran vela comentáranme que era do mellor que viran nos últimos meses. Tendo en conta que a carteleira estaba chea neste momento de historias pouco apetecibles non había demasiado onde elixir e ademais a esta tiñámoslle ganas. Vimos varias comedias francesas destes últimos anos e en maior ou menor medida todas nos gustaran moito, sobre todo as desta liña, a de tratar en ton de comedia cousas que non parecen ser demasiado simpáticas ou divertidas.

A causa dun accidente Philippe, un dos protagonistas, quedou tetrapléxico. A historia comeza cando está a buscar unha persoa para que estea con el todo o día, traballando como enfermeiro, asistente, axudante e para todo o que necesite. É millonario e vive nunha gran casa rodeada de todo tipo de luxos pero ademais da súa enfermidade hai outras cousas na súa vida que fan que viva sumido nunha profunda tristeza e amargura. Un home culto, gran lector, afeccionado á música clásica e cunha vida anterior polo que entendemos máis que apaixonada e interesante. Ao principio da historia vemos como está seleccionando entre varios candidatos a esa persoa, xa que tivo varios e ningún lle durou demasiado, entre o mal humor e o esixente que é todos acaban marchando. Aparece entón Driss, un rapaz de cor que vemos como vive nas aforas de París, con moitos problemas sociais e de adaptación, delincuente e rodeado dun ambiente que non deixa entrever nada bo para el nin para a súa familia. Driss so quere que lle firmen o papel do paro rexeitándoo para poder seguir cobrando, pero é evidente que iso non vai pasar. Driss compórtase ante Philippe con naturalidade, dicindo as cousas como lle saen, case sen pensar e sen darse conta das limitacións qu este ten. A Philippe isto gústalle, faille gracia e decide contratalo a proba durante un mes a ver que pasa. Driss alucina coa casa na que vai vivir, coas cousas que hai e, sobre todo, con algunhas das cousas que terá que facer como parte do seu traballo. Loxicamente a partir deste momento, e pouco a pouco, a vida dos dous vai cambiar, sobre todo a de Philippe, que por fin atopa a alguén que non o trata con pena, con condescendencia, senón que tenta dentro do posible tratalo como unha persoa máis. Pero non é so o trato, desde o principio veremos como Driss é unha persoa enormemente alegre, capaz de sacar un sorriso a calquera coas súas palabras o formas de actuar, unha alegría que será contaxiosa para todos os que viven nesa gran mansión.

Parece que imos ver a historia de sempre, persoa con problemas que consegue cambiar, redimirse ou ver a vida doutra maneira gracias a unha persoa que sae na súa axuda e coa que non parece ter demasiado que ver. En certo sentido é, non o vou negar, pero ao mesmo tempo ten algo especial, distinto, algo que fai que se estea algo lonxe dese tipo de historias. Non hai redención, non hai un momento máxico onde todo cambie radicalmente, son pequenos cambios, pequenas cousas que van descubrir ambos, máis Philippe, evidentemente. A súa vida non vai cambiar, pero si e moito a forma de vela, a forma de facer as cousas, de gozar das cousas que quizais antes non vira ou non quería ver, de dar pequenos pasos cara adiante para, desde a súa situación, facer cousas que antes non é que non quixera facer, é que non se lle ocorreran. E sobre todo aprenderá a rir, de si mesmo e dos demais, a rir con Driss que é capaz de ver con humor case calquera situación. Pero o que fai que sexa máis distinta é o ton xeral da historia. En ningún momento busca a vágoa fácil, a emotividade forzada ou esas situacións que case fan que o corazón estea apertado no peito. É unha historia emotiva e optimista, alegre por riba de todo, chea de humor en todo momento. Poucas situacións están presentes para despertar a compaixón, senón todo o contrario, busca a alegría. Ten moitos momentos de humor negro (non vou contar ningún, mellor velos) realmente inesperados e orixinais, chistes que incluso poderían parecer de mal gusto pero que dentro do contexto no que se producen non poden máis que provocar unha sonora gargallada. Incluso os momentos nos que predomina o sentimento son suaves, case leves, case pasando de lado e nunca buscando o sentimentalismo. Non vou dicir que sexa realista, pero case parece máis crible que moitas outras do mesmo tipo. Ten momentos realmente xeniais, pero a media alta mantense durante toda a historia. A visita a unha pinacoteca ou unha conversa sobre música clásica que están a escoitar son dous dos máis destacados neste sentido para min, pero habería moitos outros.

É a quinta película que dirixen e escriben a medias Eric Toledano e Olivier Nakache. O papel de Philippe está interpretado por un coñecido e destacado actor francés, François Cluzet, realmente xenial no papel do home obrigado a vivir nunha cadeira de rodas e que so pode mover a cabeza, nada fácil, pero so cos seus ollos e expresión é capaz de transmitir desde unha profunda tristeza á maior das alegrías, os seus sorrisos ou os seus ollos chorosos fan que o espectador comparta eses mesmos sentimentos con el. Driss está interpretado por un actor con bastantes películas no seu país e ao que vin recentemente noutra que me gustou moito, “Micmacs”, Omar Sy. Impresionante de verdade, premiado co César en Francia ao mellor actor por este papel. A enerxía que transmite, sempre enerxía positiva, as súas actitudes, as súas formas de falar ou de moverse son do mellor da historia. Consegue reflectir tal cantidade de sensacións, de sentimentos, de optimismo que fan que ata o espectador sinta esas mesmas cousas. Encantoume, de verdade, e pareceume en todo momento que conseguía con creces o que se pretendía. Non so neses momentos, senón tamén nos que ten que estar máis serio, triste ou preocupado, unha das interpretacións máis completas que vin nos últimos meses, máis que destacable. O resto dos actores tamén están realmente ben. Sacando aos dous protagonistas gustaríame destacar tamén o papel de Yvonne (interpretado por Anne Le Ny), a muller algo maior que se encarga da casa e de estar pendente de todas as necesidades da mesma; a presencia de Driss na súa vida tamén fará que cambie algunhas cousas e decida tomar a iniciativa nalgúns aspectos da súa vida diaria.

Creo que é unha película completamente recomendable, aquí gustounos moitísimo a todos e sobre todo, como dixen, por tratar algo que parece o de sempre pero dunha maneira algo distinta. É un optimismo contaxioso, unhas ganas de vivir e disfrutar que farán que despois lle demos algunhas voltas a certos aspectos das nosas vidas. O sorriso é case permanente ao longo das case dúas horas que dura (que se me pasaron nun suspiro) e os risos sonoros estarán presentes en varios momentos. Non sei por que, pero teño a impresión de que vai ser desas que en breve terá a súa versión americana (posiblemente innecesaria), esperemos que non a destrocen e sexan capaces de manter ese mesmo aire.

No hay comentarios:

Publicar un comentario