miércoles, 4 de abril de 2012

"El mapa del tiempo", Félix J. Palma



Esta novela de hoxe levaba tempo na miña lista de pendentes, pero entre unhas cousas e outras sempre ía quedando atrás. O meu irmán recomendarame que a lera varias veces e non facía máis que insistir en que tiña que facelo, que a el gustáralle moito e que estaba moi ben. Así que me puxen con ela antes de que apareceran outras que volveran deixala nesa interminable lista de historias para ler. E a verdade é que me gustou moito, entretida, ben escrita, orixinal por momentos e con moitas sorpresas para o lector. Decidín lela xa entre outras cousas porque forma parte dunha triloxía da que recentemente apareceu a segunda, así que tampouco tiña ganas de deixala para moito máis adiante e en breve poreime coa segunda. Falo dunha historia dun autor español, Félix J. Palma e a novela de hoxe é “El mapa del tiempo”.

É un autor nado en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) en 1968. Lector desde a súa infancia e xuventude, gran afeccionado ao xénero fantástico e de aventuras, co que está moi relacionada a súa obra. Con vinte anos publicou o seu primeiro relato no fanzine de ciencia ficción BEM. A partir deste momento escribiu varios relatos curtos que se publicaron en diversas revistas do xénero de fantasía e ficción. En 1998 a editorial Artiflex edita a súa primeira novela curta, “El amante de vidrio”. Decide vivir da literatura e influenciado por Cortázar deixa de lado a ciencia ficción en busca dunha fantasía máis sutil e simbólica, buscando o seu propio camiño. Dedicarase case en exclusiva ao mundo do conto, cos que gañara varios premios. En 1998 reúne varios destes contos no volume “El vigilante de la salamandra”. Tivo unha boa acollida de público e crítica, recoñecéndoo como un bo autor de contos, orixinais e inquietantes, con gran dominio do estilo e dos recursos da narrativa breve. “Métodos de supervivencia” foi o seu seguinte libro, publicado en 1999, unha nova colección de historias con aire sobrenatural. En 2001 publica a primeira novela, “La hormiga que quiso ser astronáuta”, unha historia xuvenil que el mesmo quere diferenciar do resto da súa obra; rozando o costumismo, preto da novela urbana pero sen deixar de lado o toque fantástico. Por esa época colabora no “Diario de Cádiz” cunha columna de opinión á que dará o seu toque persoal. En 2002 aparece unha nova colección de contos, “Las interioridades”, coa que gaña o premio Tiflos de conto, separándose un pouco do tráxico e fantástico para achegarse ao absurdo, cuns contos cun toque humorístico que case non aparecera ata ese momento. “Los arácnidos” (2004) será galardoado co Premio Iberoamericano de Relatos Cortos de Cádiz, considerado no seu momento pola crítica como do mellor no xénero. En 2005 aparece a súa segunda novela, “Las corrientes oceánicas”, coa que gaña o Premio de Novela Luis Berenguer, unha traxicomedia ben acollida pola crítica de novo. No 2008 publícase a novela de hoxe, “El mapa del tiempo”, gañadora do XL Premio Ateneo de Sevilla e que se convertera nun dos seus maiores éxitos a todos os niveis. Pronto foi traducida a varias linguas e o seu éxito continúa a día de hoxe. A máis recente, deste mesmo ano e segunda do que o autor chama “Triloxía Victoriana” é “El mapa del cielo”.

“El mapa del tiempo” transcorre no Londres do ano 1896, unha época a medio camiño entre a realidade e a fantasía, entre o clásico e o moderno, un momento histórico importante en plena evolución cara á modernidade. Tres historias cun denominador común, neste caso un personaxe, H. G. Wells, o famoso autor de “La máquina del tiempo”. Tras a súa publicación parece que a xente cre que é algo factible, e aí temos á compañía de Viaxes Temporais Murray, que pola módica cantidade de cen libras permite realizar unha viaxe ao ano 2000, a un momento fundamental para a historia da humanidade no que os robots dominan o mundo e enfróntanse aos seres humanos comandados polo capitán Dereck Shackleton. A novela está dividida en tres partes non independentes, Wells aparece en todas elas en maior ou menor medida, pero é fundamental nelas; e algúns dos personaxes terán tamén algunha intervención nas demais. Na primeira o novo nobre Andrew Harrington decide rematar coa súa vida a causa da morte da súa amada, unha prostituta chamada Mary Kelly, vítima de Jack o Destripador. Este suicidio non chegará a bo término cando descobre a posibilidade de viaxar oito anos cara atrás no tempo para salvala antes de que sexa brutalmente asasinada. Na segunda o protagonismo será para a inconformista rapaza Claire Haggerty, forzada a levar unha vida de convencionalismos sociais da que quere fuxir sexa como sexa. Para isto realizará a famosa viaxe ao ano 2000, onde pretende quedar e onde namorará perdidamente do aguerrido e valente capitán Shackleton, un amor a través dos séculos. Na terceira será Wells o que terá que enfróntarse a un viaxeiro do futuro que pretende matar a tres famosos autores (os outros dous son Henry James e Bram Stoker) antes de que publiquen as súas máis famosas novelas para poder facelo el mesmo.

Non é sinxelo contar algo sobre a novela sen desvelar demasiadas cousas, quizais neste caso sexa moito máis complicado que en outras porque o autor xoga constantemente co lector. Como en outras historias Palma recorre a unha boa cantidade de personaxes reais para forxar a súa historia. O eixo central é H. G. Wells, o famoso novelista de ciencia ficción, adiantado ao seu tempo e ao que coñeceremos desde os principios da súa vida. Creo que, a pesar de que ao principio era eu algo reticente a esta historia, consegue reflectilo dunha forma bastante crible e cercana, nunha sobria homenaxe a este autor fundamental do xénero. Unha homenaxe non so a el, senón tamén á creación literaria, á figura do novelista. Gustáronme moito as partes nas que o propio Wells pensa ou reflexiona sobre o feito de escribir, sobre os seus personaxes ou o desenvolvemento dunha historia ou, sobre todo, como tomará o lector o que el ten na súa cabeza. Ou tamén o medo a morrer, a desaparecer, sen deixar constancia por escrito de todas as historias que el cre que pode contar, ou facelo sen chegar a escribir a súa gran novela. Creo que demostran un gran aprecio polo autor, polo feito de ser novelista, creador e tamén polo lector. Constantes tamén as referencias de todo tipo que o bo afeccionado poderá ver con moito agrado. Non so nas partes que falan da famosa máquina do tempo que todos recoñeceremos como a que aparece na mellor versión da novela, titulada por aquí no seu momento como “O tempo nas súas mans” e protagonizada por Rod Taylor, un clásico inmellorable. Tamén poderemos atopar referencias a boa cantidade de tópicos do cine de ciencia ficción chamado de serie B, os robots, os soldados do futuro, as armas...

Non é so unha novela de ciencia ficción, podemos engadir elementos de xéneros como a de aventuras, a novela sentimental ou de acción. Varias historias de amor aparecen na historia, perfectamente plasmadas e tecidas, grandes sentimentos cada un dun tipo pero todos eles profundos e case reais dentro do desenvolvemento das distintas tramas. Teremos persecucións, asasinatos, disparos e algo de intriga, un pouco de todo e todo moi ben construído dentro das disintas historias. Como dixen varios personaxes irán atopándose nesas tres partes, casualidades, azar, obriga..., pero sempre dun modo transparente e lóxico para o lector, nada forzado. Curiosa resultoume a sensación durante a lectura, cunha perfecta conxunción entre a novela de aventuras ou ciencia ficción máis clásica, a de toda a vida e a novela moderna, máis movida e quizais menos previsible. Aquí radica outro dos méritos da historia, que non me pareceu nada previsible e incluso cando parecía que si o autor sorprendíanos cun novo xiro nunha dirección inesperada. Neste sentido o narrador da historia non é que sexa omnisciente, senón que sabe todo e máis. Dirixe ao lector e en máis dunha ocasión fala directamente con el, xa sexa para aclarar algo ou para facer que nos fixemos nalgún detalle. O autor, a través deste narrador, xoga co lector case como se fora un marionetista que non so move aos seus personaxes, senón tamén a cada un dos seus lectores mentres teña a novela nas súas mans. En máis dunha ocasión asomará á nosa cara un sorriso como resultado destes enganos, enganos que non so sufrirá o lector, senón tamén a maior parte dos personaxes.

Outra das cousas que me gustou moito foron os personaxes, non so a interacción entre eles, senón tamén o deseño, a presentación e a forma de traballar con eles por parte do autor. Misturando perfectamente os tópicos dos personaxes das novelas desa época cunha grande dose de orixinalidade que fai que sexan perfectamente cribles e xeniais. Sobre todo porque en máis dunha ocasión non van comportarse como esperamos, engadindo sorpresas e interese á lectura. Aparte de Wells (que me encantou) quedo con dous deles, sen dar demasiadas razóns para non desvelar algunhas cousas. Un deles é o fundador da empresa de viaxes temporais, Gilliam Murray, un dechado de imaxinación, un home complexo cheo de moi diversos tipos de sentimentos. O outro que me gustou foi o inspector de Scotland Yard Colin Garrett, unha mente privilexiada inmersa nun mundo brutal e cruel.

En canto ao estilo narrativo, outro punto máis ao seu favor. A fluidez é constante, sempre está a pasar algo e non é sinxelo deixar de ler en máis dun momento. A forma de contar é un engadido a unha historia que atrapa ao lector nesa rede de imaxinación e realidade que iremos atopando pouco a pouco. Ademais xunta perfectamente o aire narrativo desas novelas victorianas cunha forma de contar moito máis actual, nada pedante (podería ser un risco) e ao mesmo tempo, completamente crible dentro das características de cada un dos personaxes. Nalgúns sitios lin que certos lectores consideraban que as súas máis de seiscentas páxinas eran algo esaxerado e sobrábanlle algunhas, a min non se me fixo nada larga, ao contrario, quizais duroume menos tempo do que me gustaría. Ten ademais unha forma de escribir moi visual, cinematográfica, de tal xeito que é moi fácil para o lector imaxinar non so a cada unha das persoas que aparecen na historia, senón tamén os lugares, a cidade, as rúas...

Para min unha das novelas máis entretidas que lin nos últimos tempos, amena, interesante e chea de sorpresas, de xiros que poderán arrancar algunha expresión atónita no lector ante o que pasa. Simpática en máis dun momento, apaixonante noutros e sempre buscando a atención e complicidade do lector. Cunha historia perfectamente deseñada e uns personaxes moi atractivos para o lector. Unha homenaxe as novelas de ciencia ficción de toda a vida, sen demasiadas pretensións intelectuais (para o meu gusto un dos defectos dalgunhas historias do xénero) e ás historias de aventuras que recordo con gran cariño da miña adolescencia, á que me levou en máis dun momento. Unha pena non tela lido antes, pero ben, non me pasará o mesmo coa máis recente, “El mapa del cielo”, que caerá en breve nas miñas mans. Moi recomendable para pasar un bo rato, de verdade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario