Buscando algún libro
para regalar neste pasado Nadal atopeime co que vou comentar hoxe.
Non coñecía ao autor, pero o título e a portada chamáronme a
atención e animeime a botarlle unha ollada. Lido o resumo da
contraportada o meu interese creceu, tiña boa pinta, unha boa
historia e ao final foi o regalo para un dos meus cuñados. A verdade
é que non sei se a ten lido xa ou non, pero se o fixo espero que lle
gustara tanto como a min. Pareceume unha boa historia, unha lectura
interesante e moi amena, ademais de aportar unha boa cantidade de
datos ben metidos dentro do argumento. O autor é Antonio Garrido e a
novela “El lector de cadáveres”.
Antonio Garrido naceu en
Linares (Xaén) en 1963. As súas lecturas de xuventude foron os
grandes clásicos de todos os tempos: Walter Scott, Stevenson, Dumas,
Salgari ou Jack London. As súas primeiras intencións eran dedicarse
á escritura e a novela, pero en certo momento decidiuse por estudar
Enxeñería. Posteriormente dedicouse á docencia e publicou varios
traballos de carácter técnico. Este rumbo cambiou no ano 2001,
cando durante unha viaxe por Alemaña unha historiadora faloulle dun
manuscrito esquecido que acabou dando lugar a súa primeira novela,
“La escriba”, publicada en 2008. Esta novela tivo un gran éxito,
traducida a trece idiomas e gañadora de varios premios
internacionais. É unha novela que podemos incluír dentro do xénero
de suspense histórico e aventuras, que parece ser o mundo no se que
vai mover o autor. En 2007 empezou a traballar na súa segunda
novela, esta que comento hoxe, seguindo esa mesma liña. Actualmente
compaxina o seu traballo como escritor co de profesor na Universidade
Politécnica de Valencia e na Universidade Cardenal Herrera da mesma
cidade, ademais de participar en conferencias, ponencias ou talleres
de novela histórica. “El lector de cadáveres” chegou ás
librerías a finais do ano 2011.
Como dixen ao principio
cando collín a novela e lin o resumo da historia chamoume a
atención, pero o primeiro foi ler as liñas iniciais, falando de que
nos ía contar un relato sobre o primeiro xuíz forense da historia.
Quizais o traballo de forense hai uns anos non era tan coñecido como
agora, hoxe, creo que gracias á televisión, temos unha idea de como
traballan; ben, máis ou menos, que xa sabemos que nas series sempre
esaxeran as cousas un pouco. Claro que coa cantidade de CSI, de
investigadores e series policiacas e de novelas con este tipo de
personaxes todos temos unha certa idea de que fan. Así que iso de
ler “o primeiro forense” fixo que un certo interese aparecera por
ler esa novela que parecía ter máis de histórica que outra cousa e
ademais dun autor descoñecido para min. Xa digo que é máis que
unha novela histórica, con máis elementos e moi variada, con outras
vías de interese que lle dan unha certa orixinalidade.
Imos coñecer a vida de
Ci Sóng, un personaxe histórico que tamén chegou a coñecemento de
Garrido tamén por casualidade. Podedes ler a historia competa no
epílogo final. O autor foi invitado a un congreso de ciencia forense
no cal unha das ponencias falaba deste personaxe que atraeu
poderosamente a Garrido. Descubriu que tiña unha gran cantidade de
libros sobre formas de morrer, marcas deixadas nos cadáveres e unha
boa cantidade de información sobre investigación forense. Consultou
gran parte deste material, así como sobre a época na que viviu,
formas de vida, organización social e todo o que puidera ser
interesante para o desenvolvemento da súa historia. O traballo de
recollida e revisión de información ten pinta de ter sido inxente e
laborioso, pero creo que o seu reflexo na novela é realmente bo. A
cantidade de información que o lector vai recibir sobre a época e
todo o que a rodea, así como sobre a investigación forense nese
momento é moita e toda ela bastante interesante, polo menos para
min, e ben introducida dentro do desenvolvemento do argumento, sen
resultar excesivamente pesada nin prolixa. Isto xa é un punto ao seu
favor. Iso si, matizar que o protagonista é un personaxe histórico,
que case todo o que se conta sobre a vida na China da época tamén,
pero non a propia historia de Ci Sóng, unha historia que o autor
novela partindo de todos eses datos e á que engade unha serie de
elementos creados por el. Isto non lle resta nin un ápice de
interese, escapando da crónica histórica para darnos un relato
ameno, interesante e cunha boa dose de intriga.
Estamos en China no
século XIII. Ci Sóng provén dunha familia humilde, vive no campo
pero ao seu pai ofrécenlle unha praza de funcionario na cidade e vai
con el, mentres o seu irmán queda a cargo das terras da familia.
Pero por cuestións que descoñecemos vese obrigado a volver ao pobo,
algo que non lle gusta. Ci é unha persoa ambiciosa que non quere
vivir de cultivar arroz, na súa etapa na cidade empezou a estudar e
acompañar a un xuíz e forense, traballo para o que demostra ter
grandes calidades. A súa gran ilusión e empeño é retomar os seus
estudos e converterse nun dos xuíces e investigadores da corte do
emperador, e non deixará que nada impida esa meta. Vive amargado no
pobo, maltratado polo seu irmán, traballando no campo de sol a sol e
con poucas metas no horizonte. Ao principio da historia descobre un
cadáver no campo de arroz no que traballa e iso fai que as cousas
cambien un pouco. Por razóns que teredes que ler vese obrigado a
escapar do pobo coa súa irmá enferma (chamada Terceira, unha rapaza
débil pero á que se sente moi unido). A súa idea é volver á
cidade, retomar os seus estudos na prestixiosa Academia Ming e
cumprir os seus soños. Claro que todo isto non será fácil, vai
atoparse cunha grande cantidade de problemas, de impedimentos, de
situacións que tentará superar so gracias á súa ansia de ser ese
“gran lector de cadáveres” que proclama o título.
Como dixen Ci Sóng
existiu e viviu na mesma época na que transcorre a historia. A súa
vida evidentemente non foi como se nos conta na mesma, o autor engade
ademais ao personaxe algúns elementos para darlle algo máis de
interese ou dramatismo ou para poder desenvolver dunha forma máis
sinxela a idea que ten na cabeza. Como exemplo xa ao principio da
historia descubrimos que Ci padece analxesia conxénita, unha rara
enfermidade que fai que non poida sentir dor en absoluto, algo que
será unha avantaxe nalgúns momentos e non tanto noutros, pero que é
importante para o argumento. Tamén a maior parte dos personaxes
parten da historia real do momento, mentres que outros foron creados
polo novelista para completar esa historia que se ía formando na súa
imaxinación.
A novela empeza coa
aparencia de estar dentro do xénero histórico, pero vainos ofrecer
moito máis, pouco a pouco vaise convertendo nunha historia de
aventuras ao máis puro estilo clásico (ese que Garrido coñece moi
ben polas súas lecturas de xuventude) e de repente pasa a meterse de
cheo tamén no xénero da novela negra, unha historia de suspense.
Esta mistura non resulta para nada estraña e está moi ben levada. A
conxunción de datos históricos coas aventuras e desventuras do
protagonista de repente únese a unha serie de asasinatos estraños e
brutais. Sóng verase obrigado a participar na investigación dos
mesmos descubrindo as cousas case ao mesmo tempo que o lector. A
historia está contada en primeira persoa, así que protagonista e
lector case son cómplices no longo camiño que levará á resolución
destes asasinatos aparentemente incomprensibles. Suspense histórico
e aventuras, unha mistura que neste caso resulta bastante ben. Neste
sentido destacaría dúas cousas, a amenidade e o interese polos
datos históricos, referidos non so á ciencia forense, senón tamén
ás formas de vida da sociedade chinesa do século XIII. Tras moitas
novelas históricas sobre a Idade Media europea non está para nada
mal cambiar un pouco o marco e ler sobre épocas e lugares algo máis
lonxanos e quizais descoñecidos para a maior parte dos lectores. Por
iso mesmo recomendo que visitedes o blog do autor sobre a novela,
onde poderedes atopar moitos máis datos interesantes sobre a mesma:
www.ellectordecadaveres.es
Gustoume moito o libro e
atrapoume desde o principio. A pesar diso algunhas cousas non me
convenceron completamente. Entre elas a grande cantidade de
desgracias e problemas polos que ten que pasar o protagonista,
quizais case quedando no límite do esaxerado nalgúns momentos, algo
que incluso pode chegar a saturar un pouco ao lector. A pesar diso o
interese non decrecía demasiado por eses outros aspectos que
comentei referidos ao mundo oriental que aportan esa nota adicional.
Os demais personaxes son todos eles interesantes e fundamentais na
trama, iso si, non hai ningún prescindible ou que estea de máis e
todos eles aportan algo á historia. Non falo deles porque entón
tería a tentación de contar cousas de máis pero quedo co adiviño,
o profesor Ming e co personaxe feminino máis importante da historia.
A parte histórica resultoume máis que interesante (ampliando os
coñecementos que adquirín con outra novela ambientada no mesmo
sitio e que comentei ao principio deste blog, “Ginko, a primeira
doutora”) e intégrase perfectamente con esa historia de asasinatos
que terá ao lector pendente de descubrir ao culpable.
Unha novela recomendable,
garante un bo rato de entretemento para calquera lector, cun tema
orixinal, unha boa e interesante recreación histórica e un
personaxe que me encantou coñecer. Agora queda na lista de pendentes
a primeira obra do mesmo autor, xa vos direi que me pareceu.
No hay comentarios:
Publicar un comentario