Xa comentei en máis dunha ocasión que un dos recursos máis usados, sobre todo nos últimos tempos, para escribir unha novela é coller un momento histórico, un feito puntual ou un personaxe e desenvolver toda unha trama de ficción ao redor del. Este tipo de historias existiron sempre, pero parece que agora están máis de moda, sobre todo dentro dese gran xénero que acolle multitude de obras distintas que se denomina novela histórica. É un xénero tan amplo que nel cabe de case todo, moitas destacables e outras non tanto. En parte o autor e a novela que vou comentar están, nesta ocasión, cerca deste xénero mencionado, pero penso que esta vez o resultado non se pode meter dentro deste, senón que máis ben fixo, creo que de forma completamente consciente, unha novela de aventuras, e máis que destacable, a verdade. A novela é “Motín na Bounty” e o autor John Boyne. No meu caso fixen a lectura nunha versión traducida ao galego de publicación recente na editorial FaktoríaK, e tamén podedes atopala en castelán en versión rústica ou de peto en Ediciones Salamandra.
Non é o primeiro comentario que fago dunha obra deste autor, así que a parte biográfica vouma aforrar e como noutros casos remítome a algún anterior. So engadirei que a súa última novela, aínda sen publicar por aquí, é xa número un no seu país, o título en inglés é “Noah Barleywater runs away”, que viría a ser algo así como “Noah Barleywater vaise correndo”, máis ou menos. Penso que cando apareza tamén a lerei, porque teño que recoñecer que cada vez me gusta máis. A primeira que lin, “O neno do pixama a raias” xa dixen que non me entusiasmou, despois foi “A casa do propósito especial” que me gustou bastante máis. Esta de hoxe publicouna entre estas dúas mencionadas, no ano 2008 e, de momento, é a que máis me gustou das tres e unha das novelas máis entretidas que lin nos últimos meses. Vamos como este é un deses autores que parece que colleu como norma o dito no parágrafo anterior. En todas elas colle unha serie de feitos ou personaxes históricos para recrear unha historia de ficción, pero quizais esta sexa a que máis se centra neses personaxes reais, aínda que a historia non sexa tal e como el nola conta, xa que neste caso parece como se fóra máis unha especie de escusa para contar algo dunha forma distinta a como foi e centrándose en, digamos, outras cousas. Digo isto porque a maior parte dos personaxes da novela son históricos, pero non así o protagonista que lle dá unión real a todos eles, convertendo o feito nunha máis que boa novela de aventuras.
A historia do motín da Bounty é bastante coñecida, non é a primeira novela que trata o tema, pero ademais ten nada máis e nada menos que tres versións cinematográficas bastante parecidas no seu desenvolvemento, pero non exactamente iguais. A primeira é do ano 1935 protagonizada por Charles Laughton e Clark Gable (unha moi boa película, a verdade), outra no ano 1962 con Marlon Brando no papel principal e a última de 1984 con Mel Gibson e Anthony Hopkins. Non me centrarei en ningunha delas, pero as tres merecen a pena se un e afeccionado ás películas de aventuras no mar. Recrean, igual que a novela, un feito histórico. O 23 de decembro de 1787 a Bounty sae de Inglaterra baixo o mando do capitán William Bligh nunha longa viaxe ata Tahití para recoller árbores do pan e levalos ás colonias para alimentar cos seus froitos aos escravos que traballaban nas plantacións de azucre. O capitán Bligh tiña 33 anos e servira ás ordes do famoso capitán James Cook. A viaxe foi longa e difícil, chegando ao seu destino o 25 de outubro de 1788. Ao chegar á illa pasan alí unha longa temporada, varios meses, que fixeron que grande parte da tripulación acostumárase a levar unha vida relaxada e a manter relacións coas mulleres de Tahití, vivindo moito mellor que na súa lugar de orixe e moito mellor que no barco. Saen de volta o 4 de abril de 1789, pero o día 28 prodúcese o motín que dá título ao libro, dirixido por Fletcher Christian. Os amotinados deixaron ao capitán e a 18 mariñeiros leais a el nun bote mentres eles regresaban a Tahití.
Ben, pois o autor colle esta historia e introduce un elemento novo, de ficción, que vai funcionar como fío condutor da mesma. Este será John Jacob Turnstile, un rapaz que irá como asistente do capitán en toda a viaxe. John é un neno duns 12 anos, orfo, que vive nas rúas de Portsmouth traballando como ladrón e algunhas cousas máis para un tal señor Lewis, que ten ao seu cargo a varios nenos do mesmo tipo que o protagonista, recollidos das rúas e malvivindo ás ordes deste home que os utiliza sobre todo como ladróns, pero tamén como algunhas cousas máis sórdidas que descubriremos a medida que avancemos na lectura. Ao principio da historia John é sorprendido cando tenta roubar un reloxo nunha librería ao señor Zéla. A policía deteno, méteo no cárcere e será xulgado e condenado a pasar unha boa temporada na cadea. Pero antes diso mantivera unha conversa con aquel ao que lle rouba e cando John pensa que o seu destino está marcado este home aparece de novo para tentar salvalo. O señor Zéla ofrécelle, a cambio da cadea, que se embarque como axudante do capitán Bligh na Bounty, xa que o asistente que este tiña rompeu as pernas pouco antes de partir. John dálle unhas voltas ao asunto, nunca estivo no mar nin saíu da cidade na que sobrevivía, pero a perspectiva é moito mellor que pasar unha longa temporada no cárcere, así que decide aceptar a oferta. Nada máis embarcarse, descubrirá que quizais non está feito para iso, é o último mono do barco e os primeiros días de travesía son un auténtico inferno. Ademais todos trátano bastante mal, rinse del e métense con todo o que fai, pero pronto establecerá unha boa relación co capitán da nave, unha relación que, no fondo, será a súa salvación en todos os sentidos. Este será o protagonista da historia e o que nos vai ir contando como se desenvolven os acontecementos, como vai sabendo case todo o que pasa no barco, das intrigas, rancores e distintas situacións que desembocarán no motín. Ao mesmo tempo, a pesar da distancia de idade e formación, terá unha relación bastante especial co capitán do barco, nalgúns momentos case de amistade, sobre todo porque ao capitán o pobre John recórdalle ao seu fillo que deixou en Inglaterra, xunto coa súa muller, á que lle escribe cartas moi habitualmente.
A historia penso que está moi ben contada, dunha forma amena e divertida en moitos momentos, en máis dun pasaxe algunha risa escapóuseme mentres lía, sobre todo coas intervencións, pensamentos e aventuras do protagonista. En certos momentos recordoume a algunhas das mellores pasaxes des historias de Charles Dickens, sobre todo tendo en conta que a situación de John mentres está ás ordes do señor Lewis mentres vive como ladrón, recordan a varias das novelas deste autor, pero véxoo máis como unha homenaxe que como unha imitación. Todos os protagonistas están moi ben definidos e teñen intervencións destacables na historia, desde os oficiais ata os mariñeiros, pero destacan por riba de todos dous, o asistente John e o capitán Bligh, cada unha coa súa forma de ser. A un quédalle moito por aprender na vida, pero esta viaxe convertérase nunha das máis rápidas de facelo. O capitán, o típico inglés, calmado, sobrio e preocupado polo seu barco e a súa tripulación, sempre tentando contemporizar para non ter que usar métodos violentos cos mariñeiros para impor a disciplina, algo que vista a historia real tamén responde á realidade. Xa comentei que me gusta moito como escribe John Boyne, un estilo que destaca sobre todo pola súa fluidez, a facilidade e por conseguir unha narración que parece fácil pero que en realidade non o é. Teño que dicir que a novela enganchoume desde o principio, está chea de momentos moi bos, tristes e duros uns e divertidos outros. A historia de John Jacob é a historia dunha aprendizaxe a marchas forzadas dun rapaz que acabará a historia convertido nun home, de alguén que parecía non ter máis futuro que o cárcere e a delincuencia, pero que gracias a esa viaxe chegará a ser unha persoa completamente distinta ao que el mesmo imaxinaba.
Penso que é unha boa novela de aventuras, ao estilo das clásicas pero cunha linguaxe máis actual e moderna, preto non so de Dickens, senón tamén de autores clásicos do xénero de aventuras como Verne (que tamén ten unha novela sobre o tema, “Los amotinados de la Bounty”) ou Salgari, dos que se nota en moitos momentos a influencia. É unha novela ideal para un público xuvenil, sempre que sexa algo afeccionado a ler, porque senón as algo menos de cincocentas páxinas que ten botarán a máis de un para atrás. Pero ao mesmo tempo creo que incluso a eses non afeccionados á lectura, se lle dan unha oportunidade, poderá chegar a gustarlles e enganchalos. Pero tamén penso que un lector adulto poderá disfrutar moito dunha historia que ten moitas máis cousas das que pode parecer. A min, persoalmente, do que lin estes últimos meses, é das que máis me gustaron, así que aí queda a recomendación.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=OtmV2tpbnjA&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=MEmZ_A0UTrA&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=g5QER2wu0lg&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
No hay comentarios:
Publicar un comentario