Hai xa uns cantos anos o que estaba de moda nas series de televisión era a comedia, tiñamos comedias familiares, comedias de situación, comedias de parellas, eran as que dominaban por completo a programación. Pero como todo neste mundo as cousas soen ir por modas, e de repente case desapareceron este tipo de produtos. Podemos ver como agora a tendencia é polas series policiacas, ou de forenses, xunto coas de avogados e algunhas cousas máis dese tipo, normalmente todas bastante serias e con pouco humor. A verdade é que boto de menos algunhas daquelas de antes que o único que pretendían era conseguir o sorriso do espectador, e non por nada, pero a verdade é que aínda que hai algunhas agora, poucas son as que realmente fan que me ría con ganas. Esta de hoxe é unha serie relativamente recente, porque no seu país de procedencia, os Estados Unidos, vai pola súa sexta temporada e aquí están a emitir a quinta en Fox. Ata este verán, salvo os afeccionados que nos dedicamos a navegar por aí buscando noticias de novas series ou os que revisamos a programación dos canais de pago mirando cada novidade que aparece para ver se merece a pena, pouca xente a coñecía. Pero creo que foi a Sexta a que emitiu algunha das primeriras temporadas, e fixo que moita xente empezara a coñecela e a gustar dela, polo menos por comentarios que teño oído por algúns sitios. Chámase “Cómo conocí a vuestra madre”
A primeira temporada é do ano 2005, e xa dixen que agora están a emitir por alá a sexta. Ademais non son temporadas curtas, cada unha ronda os 20 episodios de media hora de duración, como dixen antes a duración daquelas comedias de hai xa anos, duración curta para manter o interese do espectador, que as veces é o máis complicado nunha comedia. Así os episodios son bastante rápidos, sempre está a pasar algo e non hai un momento de descanso na acción, nada de perder o tempo en cousas anecdóticas, céntrase na acción, nos personaxes e as relacións entre eles.
Parte dunha idea algo orixinal. No ano 2030 o personaxe principal, Ted Mosby, cóntalle aos seus dous fillos adolescentes todo o que pasou ata que coñeceu a súa nai. Visto así non parece nada demasiado atrainte nin divertido, pero hai que ter en conta que o relato comeza cando Ted toma a decisión de ter noiva, non directamente de cando coñeceu á súa muller e nai dos seus fillos. A narración polo tanto parte do presente da acción pero se desenvolve en tempo pasado, cos fillos sentados nun sofá, escoitando todas as aventuras amorosas do seu pai e dos seus amigos, que tamén teñen moito protagonismo na acción. Mediante saltos no tempo vai contar todas as súas aventuras, absolutamente todas, desde as máis longas ás máis curtas ou case anecdóticas. Os seus fillos pensan que cada nova historia que lles conta vai ser a definitiva, aquela que fixo que eles estiveran alí nese momento, pero non, a verdade é que se van cansar de escoitar e esperar á resolución. Pode parecer cansado para o espectador, que a verdade (polo menos a min pásame) está desexando saber dunha vez quen é a nai, como a coñeceu e que pasou, pero de momento (en breve comezarei a ver esta sexta a ver se aparece xa) non se fai nada pesado. As historias sentimentais de Ted sempre son distintas, algunhas longas, outras desesperadas cando ve que os seus amigos casan e el aínda non ten nin noiva estable, outras divertidas..., sempre hai algo entre desesperado, ridículo e cómico nelas, e todas merecen a pena. O mellor da serie son os personaxes e as situacións que se desenvolven entre eles, algunhas reais e cribles, outras histriónicas, outras ridículas e outras incribles, pero podo garantir que todas son divertidas e sen máis pretensión que esa, divertir, non pretende ser un libro sobre as relacións de parella nin a amistade, aínda que son ideas que sobrevoan moitos momentos así como outros temas, é imposible non facelo, pero sigo pensando que o obxectivo básico é divertir.
Ted Mosby (o actor Josh Radnor), como comentei, é o protagonista da trama, pero iso non quere dicir que sexa o máis importante. É o que da pe para todo, pero podemos dicir que hai cinco protagonistas e todos teñen o seu momento. Sairán algo máis adiante. Este é un rapaz novo, arquitecto de profesión, aínda que traballa pouco como tal. O seu maior problema, pensa demasiado as cousas e actúa con pouca naturalidade, improvisación e paixón. Ten que telo todo controlado e non quere que nada escape ao seu control. O seu obxectivo é conseguir o amor perfecto, a parella perfecta, algo que vaille custar conseguir máis do que pensa.
Marshall Eriksen (interpretado por Jason Segel) é amigo de Ted desde a universidade e noivo de “toda a vida” de Lily, prometidos e chegarán a casarse, o que provocará a desesperación de Ted xa que iso é o que el quere e non da conseguido. En xeral podemos dicir que, simplemente, é “bo”, completa e absolutamente bo. Ven dun pequeno pobo e dunha familia grande así que ademais de bo tamén é bastante inocente e aparentemente fácil de enganar, pero non é para tanto. Tras estudar para avogado quere traballar nunha empresa que defenda o medio ambiente, algo bastante difícil nos tempos que vive e na cidade de Nueva York.
Lily Aldrin (a actriz Alyson Hannigan) é a noiva de Marshall e tamén a gran amiga de Ted desde a universidade, onde se coñeceron os tres. Quere ser pintora, pero de momento é profesora de nenos pequenos. Tamén é bastante controladora, algo cotilla e encántalle gastar un diñeiro que normalmente non ten, case como unha compradora compulsiva.
Robin Schersbatsky (Cobie Smulders) é o primeiro e máis duradeiro amor de Ted ao principio da serie. É reporteira de profesión e canadense (que, por certo, como se pasan con eles). Aínda que saen moito tempo é completamente oposta a Ted, non quere relacións longas, non quere nenos, gústanlle as armas e, curiosamente, foi unha estrela do pop xuvenil no seu país, o que dará lugar a máis dun problema.
E deixo para o final ao quinto en discordia, Barney Stinson (o máis coñecido de todos os actores da serie, Neil Patrick Harris que foi unha estrela dunha serie cando era neno, “Un médico precoz”). Para min o mellor de todo e o que da lugar aos momentos máis divertidos. É un antigo hippie reconvertido en yuppie que case non se saca o traxe nin para durmir, máis que nada porque sostén a teoría de que de traxe liga máis. É todo o contrario de Marshall, non quere saber nada de matrimonios nin de parellas estables, un dos seus obxectivos na vida e deitarse con, polo menos, unha muller de cada nacionalidade. Ten libros e decálogos para case todo, pero sobre todo para ligar (“El libro de las jugadas”) e para as amistades (“El código de los colegas”) que rexen case toda a súa vida. É rico, aínda que non sabemos de onde lle ven o diñeiro. Ten moitas frases que se irán repetindo ao longo dos episodios como características súas. Visto así pode parecer un personaxe repulsivo, e hai que dicir que en certos momentos o é, pero hai que velo desde a óptica da comedia sen tentar trascendentalizar o seu comportamento. Penso que o mellor é ver varios capítulos da serie para darse conta do que quero dicir.
Cun aire parecido nalgunhas cousas á última gran serie cómica deste tipo, “Friends” aínda que claro está con moitas cousas que fan que sexa diferente e teña a súa propia identidade. Por riba de todo están as relacións entre estes cinco personaxes fixos, que precisamente por ser tan distintos entre eles da lugar a moitas situacións realmente simpáticas e divertidas. Calquera afeccionado á comedia non debería deixala pasar. Iso si, procurade empezar polo principio, porque senón non vai ser sinxelo entender algunhas das cousas que virán despois. Penso que realmente merece a pena como o que é, un mero entretemento sen máis pretensión que esa, entreter, e sempre pensarei, como moita xente, que é máis fácil facer chorar ao espectador que facelo sorrir ou rir de verdade, e con esta teño rido de verdade máis dunha vez. Recoméndovola, a ver que vos parece.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=1RK2-RhPR7Y&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=VqxApHNxlwY&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
No hay comentarios:
Publicar un comentario