miércoles, 24 de noviembre de 2010

"El profesor", de John Katzenbach

nullnull

Sei, porque xa o comentei nalgunha ocasión, que facer algo novo no xénero da novela negra é algo difícil e complicado, é un xénero con multitude de novelas e moitas delas son grandes obras, así que a innovación é complicada e ten que ir sempre por algún outro lugar que simplemente o argumento. Poño isto porque a novela que vou comentar hoxe pertence a este xénero e tenta dar un aire novo nalgúns sentidos, aínda que penso que un pouco fallida nalgúns aspectos (e, como sempre, é a miña opinión persoal). Digamos que non é que non me gustara, entretívome, pero ten algunhas cousas que non me convenceron completamente, sobre todo se as comparamos con algunha das outras obras do mesmo autor, que aínda que non lin todas si varias, e non vou poñer esta entre as que máis me gustaron. Falo dunha historia de recente publicación, o seu autor, John Katzenbach e a novela titúlase “El profesor”.



John Katzenbach é periodista e escritor. Naceu en 1950 e empezou traballando sobre todo como periodista especializado en temas criminais, traballando para varios dos periódicos máis coñecidos dos Estados Unidos. En certo momento deixou esta profesión para dedicarse por enteiro á literatura e a traballar como guionista de cine. Varios dos seus libros leváronse á gran pantalla con resultados desiguais. Entre outras “Llamada a un reportero” (baseada na novela “Al calor del verano”), “Causa justa” (protagonizada por Sean Connery) ou “La guerra de Hart” (con Bruce Willis). A maior parte das súas novelas foron todas grandes éxitos de ventas. A primeira, “Al calor del verano” é do ano 1982 e ademais das mencionadas antes na súa versión de cine, quizais a de maior éxito ata o momento foi “El psicoanalista”, do ano 2002. Esta que comento hoxe é, ata o momento, a súa última novela. Algunhas delas foron nominadas aos Premios Edgar de novela negra. Actualmente vive na zona de Massachussets. A maior parte das súas novelas son thrillers relacionados coa psicoloxía clínica ou en algunha das súas outras versións, con plantexamentos normalmente bastante orixinais.



Antes de comentar algo do libro dicir que as veces as traducións dos títulos quizais non sexan as máis adecuadas para facernos unha idea do que imos ler, como, penso eu, neste caso. O título orixinal é “What comes next”, que viría a ser algo así como “Que ven despois”, e ademais fai referencia a unha páxina web básica na historia. Os que xa fixeran a lectura ou vaian facelo despois disto xa me dirán se o título que lle puxeron por aquí lles parece axeitado, a min, a verdade, non demasiado.



Aqueles que non a leron poden seguir este comentario con calma, porque o pouco que vou contar da historia non lles vai desvelar nada que non poida ser lido nas primeiras páxinas, así que tranquilos. Comeza con un dos protagonistas, Adrian Thomas, facendo unha visita a un médico, que non lle da unhas noticias demasiado boas, ten unha enfermidade terminal parecida ao Alzheimer que acabará cos seus recordos e coa súa vida en pouco tempo. Esta noticia vai levalo a unha situación de depresión que o leva directamente á idea do suicidio, acrecentada ademais por unha situación familiar na que todos aqueles que estaban preto del morreron de forma violenta, a súa esposa, o seu fillo e o seu irmán. Ao mesmo tempo temos á, digamos, protagonista central, a adolescente Jennifer Higgins, con unha moi mala situación familiar. Por un lado está a súa nai, Mary, coa que non ten demasiados problemas máis aló dos normais para a súa idade. Pero por outro lado temos ao seu padrastro, Scott, un psicólogo que esconde moito máis do que parece. Esta situación fai que xa tentara escaparse de casa en varias ocasións e esta coa que comeza a historia parece que será unha máis. Pero non, cando sae de casa disposta a marcharse tras moita preparación vai ser vítima dun secuestro. Os secuestradores son Michael e Linda, unha parella algo excéntrica na súa forma de comportarse e cunhas historias detrás entre siniestras e escandalosas. O obxectivo do secuestro veremos como non será a petición de rescate nin nada do habitual, Jennifer vaise converter na protagonista da “Serie 4”, un programa que ambos emiten por internet a través dunha páxina web de pago por subscrición, a mencionada algo máis arriba “whatcomesnext.com”, que, como dicía, dá título ao libro na súa versión orixinal. Este secuestro terá unha testemuña, aínda que tardará algo en darse conta do que viu, Adrian, e converterase nun estímulo para loitar contra as ideas que ten de acabar coa súa vida trala noticia da súa enfermidade. Tras un inicio algo titubeante entrará en escena a policía Terri Collins, axente do pobo que terá moitas dúbidas coa testemuña de Adrian e con unhas probas que non son completamente definitivas. ¿Que pasará con Jennifer? Iso teredes que lelo, porque eu non volo vou contar.



A última novela que lera deste autor, “El psicoanalista” gustárame bastante, un plantexamento bastante orixinal, unha forma máis que decente de manter a tensión e algunhas sorpresas para o lector, a verdade é que pareceume unha novela destacable. Non me pasou o mesmo con esta, que hai que recoñecer que é bastante máis simple que a anterior. Por un lado a historia non é demasiado complexa, o que tampouco é que sexa malo, claro. Pero penso que presentaba unha serie de posibilidades pouco explotadas. Ademais ten un elemento que non quero mencionar directamente no proceso da trama, a investigación e a forma de actuar de Adrian que non me gustou nin me convenceu demasiado. Cando haxa outros lectores xa comentaremos isto, porque mencionalo directamente sería sacarlle demasiado interese á novela. A idea xeral gustoume bastante e a forma de desenvolver todo o proceso do secuestro e do programa en internet así como as intervencións de aqueles que pagan para velo paréceme do máis interesante da novela, é nisto onde penso que quizais podería centrarse un pouco máis. A verdade é que esta idea estremece un pouco, máis que nada porque é máis que posible que estea a pasar algo parecido ou non estea demasiado lonxe tal e como van algunhas cousas nesta sociedade. Con todo isto non quero dicir que non me gustara, entretívome e mantívome nunha certa tensión durante máis dun momento, pero penso que algunhas situacións están pouco aproveitadas e outras poderían ser doutra maneira. Todo isto dito desde a miña propia opinión e consideración, claro está, supoño que o autor tería as súas razóns para facer as cousas deste xeito. Aínda así, tras ler varias novelas deste xénero ultimamente non é das que máis me convenceron, espero as vosas opinións, a ver se coincidimos ou non, que todo é cuestión de gustos.






No hay comentarios:

Publicar un comentario