Hai uns minutos que rematei de ver o cuarto capítulo desta miniserie de seis, pero vou comentala antes de que termine, porque penso que calquera afeccionado ao xénero de terror non debe deixala pasar e os que non o sexan, a non ser que non resistan certo tipo de escenas realmente desagradables, sanguentas, asquerosas e fortes, creo que tampouco porque é unha serie das boas e con moita calidade. Non e precisamente o xénero de terror un dos que máis se prodigan nos nosos televisores, son moito máis habituais no cine e na novela, pero parece que polas razóns que sexan, non é o xénero máis elixido para os produtores televisivos. Moita memoria teño que facer para recordar series deste xénero e máis nos últimos tempos, fora de “True Blood” (que aínda teño pendente de ver, so sei que é de vampiros, que a poñen moi ben e pouco máis) non se me ocorren moitas máis. Aviso xa antes tamén, para que ninguén o vexa sen querer, que esta vez o vídeo vai ao final, así que aqueles que prefiran non velo, que non lle dean ao botonciño do play. Tamén dicir que sempre fun moi afeccionado a este xénero, penso que xa o dixen algunha vez, pero tamén engado que nos últimos anos, sobre todo no cine, non vin nada que me gustara ou sorprendera demasiado pola súa calidade. Agora todo converteuse nunha especie de competición para ver quen consegue que haxa máis sangue na pantalla ou a ver quen inventa a forma máis brutal ou impresionante de asasinar xente en primeiros planos, concursos de vísceras pero pouco terror de verdade. Penso que habería que cambiar o xénero e meter todas estas películas nun novo xénero “de asco ou de repulsión”, pero non de terror. Aínda que respecto a todos os afeccionados a este tipo de cine, a min, persoalmente non me gustan nada. Pero non porque me resulten desagradables (algunhas si, iso teño que recoñecelo), senón porque me parecen faltas de imaxinación, de innovación, de algo máis que moitas das de antes si que tiñan. Hai uns meses a literatura puxo de moda aos vampiros, claro que uns algo especiais, que case non matan xente, que andan de día polas rúas e van a clase como todos os demais, o único distinto é que, se non recordo mal, cando lles da o sol, brillan un pouco ou botan como chispas ou algo así. Penso que todos sabedes a que me estou a referir, a unha saga literaria de grandes ventas e que chegou ao cine, pensadas para un público moi determinado tamén e dentro diso non estaban mal, lin un par delas, a min non me gustaron demasiado, pero...
Xa me estou a liar e voume do tema, que o de hoxe é comentar unha serie de televisión. Outra faceta do terror que se puxo de moda nestes meses tamén gracias, sobre todo, á literatura, é o tema dos zombis, os mortos viventes. Algunhas destas novelas xa as lin e a maior parte delas gustáronme bastante, tamén é un tema moi manido e usado desde sempre en infinidade de novelas, pero en algunhas delas (penso, por exemplo, nun dos primeiros comentarios que fixen, o de “Apocalipsis Z” de Manuel Loureiro) gustáronme bastante. Pois a serie de hoxe ten como tema central ese, a looita dos poucos humanos que sobreviviron contra os mortos viventes, ou non, igual non é ese o tema central de verdade, logo me explico. Falo dunha miniserie de seis episodios que se titula “The walking dead” (“Os mortos camiñantes”) que está a emitir nestes momentos Fox os venres pola noite. A min estáme a parecer do mellor do xénero que teño visto en moito tempo, cunha grande orixinalidade no plantexamento, cunha produción e direción impecables, un desenvolvementos dos episodios xenial e con moitos momentos de gran tensión, deses que te fan aguantar uns segundos a respiración ou incluso soltar un pequeno ou gran taco (mental ou vocal, as veces é imposible aguantarse) en máis dunha ocasión. É deses casos nos que eu digo que é auténtico cine levado á pequena pantalla, cousa que cada vez prodúcese máis, malo para o cine, pero bo para a televisión. Estreouse ao mesmo tempo en 120 países e dobrado en 33 idiomas, o que pode dar unha idea do que os produtores da mesma esperaban, rondando os 300 millóns de espectadores en todo o mundo.
En realidade é a adaptación duna novela gráfica de Robert Kirkman que non coñecía no seu momento, pero á que lle botei unha ollada tras ver a serie e pareceume magnífica. O argumento non se está demasiado lonxe dos grandes clásicos do xénero de zombis, partindo de ideas como a novela “Soy leyenda”, de Richard Matheson (que tivo recentemente unha versión en cine protagonizada por Will Smith e que tampouco estaba mal, aínda que me quedo coa antiga, con Charlton Heston). Penso que a maior fonte na que se inspirou é o maior clásico do xénero e que moitos copiaron, pero penso que ninguén superou, “La noche de los muertos vivientes” de George A. Romero, cinta que penso que ninguén que fixera unha película de zombis deixou de ver e que, aínda a pesar do seu branco e negro, creo que é a que vin sobre o tema que máis me “asustou”. O protagonista central da serie é un policía, Rick Grimes, que no primeiro episodio, tras recibir un disparo, entra en coma e esperta nun hospital baleiro, deserto, destruído, sen ter a máis mínima idea do que lle pasou. Xa antes de poder saír do hospital descobre a algúns deses zombis, o único que ve é a eles e a montóns de mortos, tanto dentro como fóra do hospital. A súa primeira idea é ir á súa casa e tentar atopar á súa familia, pero a súa casa está baleira e pola rúa so ve os lentos, cadenciosos e sinistros movementos deses mortos que camiñan e que van por el. Dúas persoas vano axudar nese momento de desesperación, un pai e o seu fillo que tentan sobrevivir pechados nunha casa e sen ter demasiado claro a onde ir. Algo pasou e a maior parte dos seres humanos xa non o son, agora son mortos que vagan polas rúas en busca de seres vivos para alimentarse. Rick o único que quere é atopar a súa familia, a súa muller e o seu fillo, que está convencido de que seguen vivos. Así que ese é o seu obxectivo e a medida que avanza irá descubrindo que non está so, que hai máis xente escondida, tentando sobrevivir, loitando polas súas vidas, saíndo so para tentar atopar comida, armas, medicinas, xente como el que non caeu nas mans dos “camiñantes”.
O produtor e director do primeiro episodio é Frank Darabont, un dos directores que máis soen gustarme, e que igual polo nome non recoñecedes, pero saberedes quen é cando diga que dirixiu cintas como “Cadena Perpetua”, “La milla verde”, “Frankenstein de Mary Shelley”, nominado tres veces ao Óscar como mellor director e cun gran número de premios menos coñecidos que este mencionado, pero non moito menos importantes. Nótase a súa man, sobre todo nese primeiro episodio que dirixe, pero os demais non lle van á zaga. Os actores tampouco son demasiado coñecidos, case todos eles fundamentalmente televisivos, pero aínda que non polo nome si veredes caras relativamente coñecidas. Todos eles están moi ben, convencen, asustan, pasamos o mesmo medo e tensión que eles porque nese sentido están moi ben, e moitas veces esa tensión e ese medo non teñen nada que ver con ter cerca a un zombi, senón máis ben por ter cerca a outro ser humano. Veremos como se vai formando un grupo moi heteroxéneo que tenta sobrevivir, como se van atopando con outros grupos tan diversos como eles e sobre todo como son as relacións entre as persoas que forman este grupo que será central no desenvolvemento da historia.
¿O verdadeiro terror da serie está nos zombis? Pois non por raro que pareza. Estes son os de sempre, boas maquillaxes, movéndose a cámara lenta, con eses ollos colgantes, os dentes ao aire e as caras descompostas, sen un brazo ou os dous e máis ou menos o de sempre. Neste caso penso que non son máis que a escusa para demostrar outras cousas e desenvolvelas. O que máis medo dá son as relacións que se xeran entre as persoas, entre os que están vivos e tentan sobrevivir. Temas como o racismo, a violencia de xénero, a envexa, o egoísmo, o rexeitamento por razóns de sexo, crenzas ou relixión, forma de ser ou de ver a vida están presentes en todos os capítulos. Son esas escenas e eses momentos entre os humanos as que son realmente fortes, estremecedoras e que asustan de verdade. A famosa frase de que “o home é un lobo para o home” está presente en moitos momentos e amosa como incluso en situacións nas que o fundamental sería a unión para a supervivencia non somos capaces de superar moitas cousas e centrarnos no realmente importante. Claro que tamén hai momentos para o amor, o cariño, a amistade, o respecto, a realización de actos desinteresados, a valentía e outros elementos positivos, non todo ía ser negación, pero a idea central que me queda tras ver cada capítulo é máis a anterior. Moitas situacións límite van levar á xente a comportarse como realmente é, sen correccións políticas, como verdadeiros egoístas que agora, máis que nunca, viven centrados en si mesmos.
Dito queda, como comentei ao principio, é case indispensable para os afeccionados ao xénero. A min estáme gustando moito e non son moitas as que conseguen deixarme ao final de cada episodio cunhas enormes ganas de ver o seguinte e chegar ao final para ver como remata, pero so me quedan dous que penso que ao igual que os catro anteriores non me van decepcionar en absoluto. Os que non sexan demasiado afeccionados e non teñan demasiados reparos ante escenas realmente desagradables e sanguentas penso que deberían darlle unha oportunidade, todo o comentado no parágrafo anterior da moito que pensar e está moi ben traballado, esas son as razóns básicas para recomendala.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=pzrBO-fM07I&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
No hay comentarios:
Publicar un comentario