Xa estamos de novo por aquí tras unha temporada de descanso, que non é que no quixera escribir nada, pero andaba de vacacións e non era cousa de poñerse cos textos do blog, de vez en cando hai que descansar. E para a volta vou escribir algo sobre vinte novelas, unha serie completa de lecturas ideais para as vacacións e para momentos nos que un non quere romperse moito a cabeza. Todas teñen o mesmo protagonista, un monxe, e non un monxe calquera, non, senón que é un que se dedica a investigar asasinatos. Non teño lidas todas, claro, pero son lecturas que fago entre outras máis longas ou para descansar un pouco e estes días que estiven de vacacións levei un par delas comigo. Das vinte levo as seis primeiras, pero non me cansan nada, son moi entretidas e están moi ben. Falo das novelas de Fray Cadfael, vinte historias escritas por Ellis Peters, reeditadas recentemente por Ediciones Pámies.
Ellis Peters é un seudónimo da autora inglesa Edith Mary Pargeter, un dos varios nomes que usou para escribir unha extensa produción literaria que comprende varios xéneros. Naceu en Horsehay (Inglaterra) en 1913. Tiña ascendencia galesa, polo que moitas das súas historias transcorren nesa zona do país. Durante a Segunda Guerra Mundial traballou na Armada Real en funcións administrativas e recibiu a Medalla do Imperio Británico. En 1947 viaxou á República Checa e quedou fascinada por esta cultura, aprendeu o idioma e traduciu varias obras de prosa e poesía checa ao inglés. Dedicou case toda a súa vida á escritura, tanto de non ficción como de ficción, sempre ben documentada. Non foi á universidade, pero foi unha estudosa autodidacta en todas as áreas que lle interesaban e foi nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade de Birmingham. Un dos seudónimos (dos catro que usou) que máis fama lle deron foi o de Ellis Peters, co que escribiu a famosa serie de novelas de Fray Cadfael, moitas delas levadas ao cine e a televisión. Morreu en 1995 na súa cidade natal. A súa obra pertence a varias categorías, pero sobre todo ensaios e ficción histórica. De todos modos, a que máis fama lle deu é a serie de intriga medieval comentada aquí. A primeira delas é “Un dulce sabor a muerte”, publicada orixinalmente en 1977, e a última é do ano 1994, “La penitencia de fray Cadfael”, no medio outras dezaoito historias sempre co mesmo estilo e intriga. A acción orixinal das mesmas vai entre 1137 e 1145, en plena Idade Media, nun mosteiro inglés preto do País de Gales, na que transcorren algunhas delas, sobre todo pola orixe galesa do protagonista.
O protagonista de todas elas é Fray Cadfael, un personaxe curioso, cheo de misterios sobre a súa vida que iremos coñecendo pouco a pouco e que, coas súas capacidades deductivas vai resolver os asasinatos que se producen en cada unha das novelas. Vive na abadía de Shrewsbury, en Inglaterra. É un monxe algo distinto. Ingresa no mosteiro xa cunha idade avanzada tras unha vida chea de aventuras de todo tipo. Participou nas Cruzadas o que lle da unha grande cantidade de talentos e habilidades moi útiles para a súa vida relixiosa. É como se, tras vivir completamente todo o que pode vivir un home da súa época, decidira retirarse á tranquilidade da vida monástica para pasar a última parte da súa vida. Nel é o encargado do herbolario, habilidade que aprendeu en Terra Santa (onde incluso estivo preso en mans dos musulmáns), xunto con dous axudantes. Pero ademais é un gran observador da natureza humana, ten unha tremenda curiosidade por todo, un home enérxico, cun gran sentido da xustiza e a limpeza e a transparencia na vida dos homes, que non soporta o engano, as mentiras e a falsidade, é un home transparente e claro e quere que todos sexan como el. Varios abades pasarán pola súa vida monástica e todos acudirán a el para que actúe como médico forense, detective, médico dos vivos, conselleiro, diplomático..., case imprescindible e home para todo. A verdade é que é un dos mellores personaxes literarios que teño visto, non so como detective, senón como persoa, xa que as novelas non se centran so nos casos detectivescos, senón que o desenvolvemento dos personaxes e as súas características tamén son importantes.
Os elementos históricos tamén son importantes e están ben documentados, o que lle da máis realismo e credibilidade ás historia, que por certo é unha das cousas que máis destacan de todas as novelas, que son cribles, sen elementos fantásticos e todas transcorren cun aire de realidade máis que destacable. Ademais algúns dos personaxes que aparecen, sobre todo con mencións ou de forma indirecta, son históricos. A vida do protagonista é moi interesante, chea de aventuras e, como dixen, pouco a pouco iremos coñecendo detalles da mesma, sobre todo da que pasou antes de ingresar no mosteiro e que é a razón de todos os seus coñecementos e capacidades. Non vou desvelala aquí, porque o mellor e ler as novelas e ir facéndose unha idea máis completa de todo o que pasou, xa que en cada unha avanza cousas. Faise monxe cunha idade madura, o que lle dá un coñecemento da vida moi superior ao resto dos seus irmáns, máis familiarizado coa vida de fóra que eles. Ademais tamén lle dá unha visión da vida máis moderna, ampla e progresista, o que fará que máis dunha vez teña conflitos e problemas co resto dos irmáns e cos distintos abades que van pasando pola súa vida. Hai algúns personaxes que van aparecendo en máis dunha novela, o que lle dá máis homoxeneidade ás historias, tanto monxes como xente de fóra que viron influídas as súas vidas pola intervención de fray Cadfael e que van aparecendo de vez en cando. Destaca por exemplo Hugo Berengario, o axudante do sherif do condado co que terá que traballar máis dunha vez e ao que lle une unha boa amistade. Tamén son importantes as mulleres, ás que coñece ben porque na súa vida anterior tivo contacto con varias, algunhas van aparecer de novo na súa vida xa como monxe. Saberemos que mantivo relacións con varias, pero destacan tres por encima de todas que foron moi importantes na súa vida. Así tamén en case todas as novelas teremos algunha historia de amor entre personaxes directamente vinculados aos asasinatos que temos en todas, historias que sempre serán animadas e levadas a bo termo coa intervención do protagonista que sempre sentirá simpatía polos sentimentos reais e sinceros.
Varias delas foron levadas á televisión nos anos 90 en coidadas adaptacións que non tiven, de momento, a oportunidade de ver, pero digo o de coidadas primeiro porque son series inglesas daquelas da BBC que sempre tiñan bastante calidade e segundo porque o protagonista das mesmas é un dos grandes actores da televisión e do cine ingleses, Derek Jacobi (ao que coñecín hai moitos anos na espléndida serie “Yo, Claudio”).
Cada novela é unha historia independente e non é necesario seguir a orde de publicación, pero si recomendable, máis que nada polo que dixen algo máis arriba, porque en cada unha temos datos novos sobre o personaxe que axudan moito a facerse unha idea completa do mesmo. Por outro lado tamén hai unha serie de personaxes que van aparecendo en algunhas e sempre é mellor saber primeiro como se coñeceron e que foi o que levou á relación que teñen co protagonista. Así que aínda que non imprescindible eu recomendaría, pouco a pouco, seguir a orde na que se publicaron orixinalmente. Ademais en conxunto veremos a evolución vital dos personaxes, meténdonos na vida da Idade Media nun pequeno pobo e a abadía que o preside, unha época ben documentada pola autora.
O monxe detective é un personaxe xenial e as lecturas fanse cun gran agrado e son moi entretidas. Moi apropiadas para calquera idade, tanto que estou pensando en probar este curso que ven con algunha e os meus alumnos a ver que lles parece, aínda que penso que terán que gustarlles. Non son nada complicadas, pero iso non quere dicir que sexan simples. Sempre hai unha certa intriga para descubrir ao asasino e os seus motivos, en algunhas este vai ser algo máis evidente que en outras, pero aínda así sempre hai dúbidas e o lector tentará resolver o misterio antes que o protagonista. O estilo e sinxelo e fluído, cun certo aire medieval na linguaxe que fai que sexa moi imaxinativo para o lector. É fácil pechar os ollos e imaxinar a abadía, os salóns, os hortos, os pobos e todos os variados escenarios nas que se van a desenvolver. Penso que son unhas lecturas ideais para o verán, para desconectar un pouco e trasladarse á Idade Media de paso que tentamos resolver un, ou máis, asasinatos xunto co gran poder de observación e reflexión de fray Cadfael. Non faltan tampouco algúns momentos de acción con loitas, persecucións e momentos de tensión, así que teñen de todo. Ademais son case como aperitivos, non teñen máis de duascentas páxinas que se len con gran agrado, atención e disfrute, polo menos para min. Xa digo, estes días lin dúas e as demais estarán entre as lecturas para facer entre cousas máis longas ou complicadas, xeniais para entreterse sen moitas máis pretensións, pero tendo en conta que tamén son novelas históricas ben documentadas.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=aTDXiZ534-Y&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
No hay comentarios:
Publicar un comentario