Hai autores e novelas polas que non pasa o tempo e que debería de ser de lectura máis que recomendada para todos os afeccionados á lectura. Hoxe saen ao mercado un montón de novelas de xénero histórico, moitas boas, outras decentes e outras mellor non perder o tempo, pero este xénero existe desde hai moito tempo, e hai novelas que as novas xeracións deberían de coñecer. Tamén aqueles que no seu momento non fixeron algunhas desas lecturas deberían de poñelas na súa lista, porque estou seguro de que non van perder o tempo. A novela e o autor do que vou comentar algo hoxe está dentro desta categoría, polo menos para min, aquela das lecturas que un debería de facer, e non so da novela de hoxe, senón dalgunha das outras que ten, xa que en xeral todas merecen a pena. O autor é Noah Gordon e a novela que comento é “El médico”. É unha desas novelas que deixan un bo gusto cando un remata e que queda entre as que penso que merece a pena reler nalgún momento, penso que gustará tanto ou máis que a primeira vez, e moitos dos autores posteriores a el creo que teñen moito que agradecerlle.
Noah Gordon é un novelista nacido en Worcester (Massachusetts) en 1926. Estudiou na Universidade de Boston, licenciándose en Periodismo e Letras. En 1951 casou e empezou a colaborar en varias publicacións do seu país. Tamén traballou no campo do periodismo científico. Antes disto ingresou no exército durante a Segunda Guerra Mundial, traballando en servizos administrativos en San Francisco. Tamén empezou a carreira de medicina, que era o que os seus pais querían que fixera e os temas médicos inspiraron grande parte da súa novelística. A comezos dos anos 50 empezou a traballar como editor en Nueva York e tamén en varias publicacións. A principios dos 60 estableceuse na súa cidade natal traballando como reporteiro para un dos periódicos locais. A súa primeira novela é “El rabino” (1965). Outras das súas obras son “El comité de la muerte” (1969) e “El diamante de Jerusalén” (1979). A novela que lle deu éxito internacional, publicada en 1986 é a que comento hoxe, “El médico”, con dúas continuacións posteriores, “Chamán” (1992) e “La doctora Cole” (1996). O conxunto das tres constitúe case unha historia da medicina desde a Idade Media ata a actualidade a través dos integrantes dunha mesma familia. As tres foron auténticos éxitos de ventas. Hai tamén un proxecto de levar a primeira delas ao cine, pero de momento parece un proxecto algo parado. Nos Estados Unidos non está considerado so un autor de best-sellers, senón que aparece como un dos mellores escritores contemporáneos, galardoado pola Sociedade de Historiadores Americanos co prestixioso premio James Fenimore Cooper, ademais doutros premios internacionais en España, Italia ou Alemaña. No ano 2000 publica “El último judío”, no 2002 un libro para nenos titulado “Sam y otros cuentos de animales” e no 2007 apareceu a súa última novela, “La bodega”, curiosamente ambas transcorren en España, país do que se considera namorado e que visitou en varias ocasións. Nunhas declaración recentes di que probablemente non publique nada máis, xa que pensa que é maior e non quere empezar nada que non poida rematar, dado que as súas novelas normalmente teñen unha certa extensión, pero nunca se sabe, porque ao mesmo tempo di que escribe todos os días, así que esperemos que aínda apareza algunha máis.
“El médico” é a primeira novela dunha especie de triloxía na que case fai unha historia da medicina, teño que dicir que aínda que as outras dúas non están nada mal esta é a que máis me gustou con algo de diferencia. Vainos contar a vida de Rob J. Cole, un rapaz nacido en Londres, fillo dunha familia de carpinteiros. Aos nove anos quedará orfo e terá que facerse cargo dos seus catro irmáns, tentando atoparlles novos fogares, xa que el non pode con todo. Estamos no ano 1020, principios da Idade Media, a época favorita para as novelas históricas. A súa nai morreu a consecuencia dun parto, pero Rob ten un “don” que vai percibir en varias ocasións, como por exemplo cando colle a man da súa nai no momento da morte, este don será o que marcará a súa vida. Antes de ser vendido como escravo será acollido por Henry Croft, coñecido co alcume do Barbeiro. Este home recorre Inglaterra facendo un pequeno espectáculo e traballando ademais como cirurxián, dentista, barbeiro e algunhas cousas máis, ademais de vender a “Panacea Universal”, un medicamento que teoricamente cura calquera enfermidade. Empezará como axudante e aprendiz, fará xogos malabares, debuxar caricaturas, contar historias e calquera cousa que provoque a atención do público. O Barbeiro morre dun ataque ao corazón tras varios anos de traballo e Rob herda o carro e o instrumental. A súa ilusión desde hai tempo é curar á xente, pero sabe que cos coñecementos que adquiriu neses anos non lle chega, quere ser un médico de verdade e para iso ten que estudar, cousa que non é fácil nesa época. Coñece entón a un médico xudeu que lle conta que hai escolas de medicina en Córdoba, Toledo e Persia, onde os médicos aprenden dos árabes. Atopase con dous problemas, un é que están moi lonxe, o outro que non aceptan a cristiáns nesas escolas. Decidido a non deixarse vencer polas adversidades farase pasar por un xudeu, converténdose en Jesse Ben Benjamín. Empezará unha viaxe desde Londres a Constantinopla de diversas maneiras e con moitas aventuras que hai que ler, porque ademais son do mellor da novela. O resto é mellor lelo, porque merece moito a pena.
É unha novela longa, como case todas as do xénero, pero que se le cunha rapidez asombrosa. O personaxe central é estupendo, con todos os cambios que van aparecendo na súa vida e todos os problemas que vai atopando. Os procesos de aprendizaxe que terá, non so no campo da medicina, son moi bos e están perfectamente trenzados para conformar unha historia xenial de superación, dor, sufrimento, penas e alegrías e moitas aventuras. Un personaxe moi intenso pero que en ningún momento aparece como algo irreal ou esaxerado, senón todo o contrario, parece moi real. Non faltará, claro está, algunha historia de amor e sobre todo un sentido da amistade que está por riba de case todas as cousas. Tamén é central todo o proceso no que pretende localizar e recuperar aos seus irmáns, a única familia que lle queda e que é moi importante para el. Esta é outras desas novelas que estou a comentar ultimamente que penso que son de lectura imprescindible para todos os afeccionados ao xénero e que marcaron unha liña a seguir para todos os autores deste tipo de xéneros que apareceron despois e seguen a aparecer, porque penso que é un dos xéneros dos que máis novelas se están a publicar nos últimos anos. Conseguide lela, non vos vai decepcionar en absoluto.
Esta excepcional novela lévanos desde a Inglaterra do século XI ata o esplendor de Persia e a idade dourada das civilizacións árabe e xudía, tras os pasos épicos e aventureiros de Rob Cole, un home que quere vencer á enfermidade e á morte, aliviar a dor dos demais e aprender os segredos da medicina. Unha viaxe polo tempo e o espazo, unha experiencia única a través dun relato imprescindible.
Boísima recomendación.
ResponderEliminarA min encantóume