lunes, 23 de agosto de 2010

Mis tardes con Margueritte

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=tupzxVT1ItQ&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Xa comentei hai non demasiado tempo que o tema do cine estaba a quedar un pouco escaso frente aos outros, pero imos poñerlle remedio, xa que teño tres películas en carteira que comentarei estes días, máis que nada porque son todas estreas recentes e así, se o comentario vos convence, poderedes ir velas. A primeira é a de hoxe, pero non é a primeira que vin, senón a última, pero vou comentala antes porque foi a que máis me gustou de todas e ademais, non sei noutras cidades, pero na miña está so nunha sala e non dos cines comerciais, senón nun deses pequenos nos que estrean cine “distinto” e non demasiado comercial e que gracias a Deus vai aguantando o tirón das outras multisalas. Xa digo, de entrada, que é a máis recomendable das que irán aparecendo, para min unha desas películas que hai que ver, polos actores, pola historia e porque ten moitas frases e moitos momentos que quedarán na cabeza e que farán pensar ao espectador en algunhas cousas. Falo dunha película titulada en España “Mis tardes con Margueritte”, unha película francesa dirixida por Jean Becker e protagonizada por Gerard Depardieu e Giséle Casadesus.


Está baseada nunha novela dunha autora francesa descoñecida para min, Marie-Sabine Roger, novela que tamén tentarei ler en canto a atope, creo que merecerá a pena. O título orixinal en francés, tanto da novela como da película é “La tête en friche”, que viría a ser algo así como “A cabeza erma (deserta ou despoboada)”, facendo referencia directa ás características do personaxe protagonista.


É a máis recente cinta de Jean Becker, un director bastante coñecido en Francia. Aquí, das súas últimas cintas poderíamos mencionar como a máis coñecida “Conversas co meu xardineiro”. Un director que normalmente céntrase nos sentimentos das persoas, cintas suaves e delicadas cheas de contido pero sen levar as cousas aos extremos en busca das vágoas fáciles e oportunistas, sempre cun certo aire de realidade e credibilidade. Alguén lle deu a novela para ler e recoñece que quedou prendido pola historia. Enseguida pensou en Depardieu para protagonizala, chamouno e mandoulle o libro e aos poucos días o actor xa tiña claro como sería o personaxe e estaba disposto a facela.


A historia é sinxela, unha desas historias moi habituais no cine de un encontro entre dúas persoas completamente distintas que por casualidade toman contacto. Moitas hai deste tipo en todas as cinematografías do mundo, pero a verdade é que esta ten un ton algo disinto, como máis crible ou real, sempre e cando pensemos que estamos no mundo do cine, claro. Eses encontros que cambian as vidas das persoas que os teñen, a un máis que ao outro, pero neste caso os dous serán os beneficiados. Germaine Chazes é un home duns cincuenta anos, case analfabeto e cun corazón de ouro, tanto que as veces a súa bondade pode chegar a metelo en pequenos problemas. Un home que traballa en varias cosas e marcado sobre todo polo desprezo da súa nai, que desde pequeno non o trata demasiado ben, por non dicir que case non o trata. Non é moi intelixente, pero tampouco é tonto, a súa falta de autoestima fomentada pola súa nai e algúns dos seus paisanos ten boa parte da culpa de que sexa como é. Cada día acode a un banco do parque do pobo no que transcorre a historia, un pequeno pobo francés onde todos se coñecen. Alí visita ás súas amigas as pombas, ás que lle pon nome para poder distinguilas e saber se hai algunha nova. Un día coincide cunha encantadora anciá coa que vai charlar. Así vaise establecer unha relación entre eles dous que é o centro da historia. Tras uns días de coñecemento e charlas ela vaille empezar a ler algúns dos libros que ten, e Germaine, que ten unha tremenda imaxinación substitúe a súa pouca capacidade para ler e entender o que le por esa imaxinación que fai que, pechando os ollos, poida ver na súa mente aquilo que Margueritte (con dúas T como ela mesmo di) le en voz alta. O primeiro libro será “A peste”, de Albert Camus, o libro que el empeza a vivir na súa cabeza, e desde ese momento xa non poderá volver atrás, quere seguir escoitando ese e os outros que virán posteriormente. Este é o centro da historia, non vou contar máis, porque é unha pena e, como sempre, o mellor é ir vela e disfrutar do que vai pasando. Certo é que é unha cinta con algúns tópicos, pero tratados dun xeito tan delicado e leve que parecen ata certo punto novos, creo que é o mellor da historia, o xeito de tratar esas cousas que temos visto noutras películas. Hai moitas referencias literarias a obras máis que coñecidas, pero como no caso anterior non son referencias nada pedantes nin esaxeradas, están perfectamente metidas dentro da historia con ese mesmo carácter de suavidade e normalidade que fai que sexa maravillosa. Germaine é un home bo, moito menos tonto que moitos dos que o rodean, que si teñen “mala idea”. Todo o que fai é por amor, un amor que non recibiu de pequeno pero que sabe dar a calquera dos que están ao seu lado, aínda que as veces ese desexo fai que diga ou faga cousas que non son demasiado acertadas.


Depardieu está fenomenal no seu papel, non imos descubrilo agora, e é un dos meus actores favoritos. Creo que borda o papel como noutras ocasións, pero conforma un Germaine completamente crible, nada esaxerado nin en xestos nin en movementos, un personaxe que está cheo de amor, cuns xestos e unhas caras que conmoven ao espectador como nos seus mellores papeis. Despois de facer case de todo e ter unha época de cine moi comercial parece que agora, aínda que segue a traballar moito, aparece máis en pequenas películas no seu país, en cintas máis “pequenas” e con menos repercusión mediática, pero non por iso peores, xa que esta en concreto paréceme estupenda. Un personaxe entrañable, tan grande no seu físico como nos seus sentimentos. E a química que se establece coa outra protagonista tamén é destacable, como se se coñeceran de toda a vida. As escenas entre eles dous destacan entre todas, un tan grande e forte fisicamente como pequena e débil ela, que parece que pode romper en calquera momento. Impresionante Giséle Casadesus, unha actriz moi coñecida en Francia que xa facía cine nos anos 30. Unha muller de máis de 90 anos que conmove so coa súa presencia, a súa mirada, os seus ollos e a súa cara fan que non poidas quitar a mirada dela na pantalla, unha muller tan feble en aparencia como forte na súa mente e nas súas ganas de compartir todo o que ten, que é moito, con Germaine.


E o mellor da película é o ton que ten. Xa dixen ao principio que non resulta nada esaxerada como outras que tratan temas parecidos. É unha cinta suave, leve e, sobre todo, optimista. Non é nada lacrimóxena porque é unha historia agradable tratada buscando máis o sorriso, que non a gargallada, claro, que a lágrima. Unha película sensible, de sentimentos ante todo, de bos sentimentos que fan que un estea no cine sempre cun sorriso na boca, un sorriso de felicidade, de optimismo e de amor á vida, iso é o fundamental. Outro director podería facer que choraramos como magdalenas porque o tema dá para iso, pero non, queda xusto no límite desas vágoas de felicidade, de sentirse tan ben como os que protagonizan unha historia preciosa. E por riba de todo a idea de que nunca é demasiado tarde para aprender, e non so as letras, senón moitas outras cousas importantes da vida, porque do protagonista tamén teremos moito que aprender e reflexionar. Se dixera máis estaría contando demasiado, porque sigo pensando que o mellor é ver o que pasa e como van pasando as cousas nas vidas dos dous protagonistas e os que os rodean.


Está chea de diálogos e frases que quedarán na cabeza do espectador cando saia do cine, frases que tampouco quero poñer aquí para que vos mesmos as escoitedes, pero non me resisto a poñer unha so como exemplo: “O que non recibe amor na súa infancia ten aínda moito por descubrir despois”, e iso é o que lle pasa a Germaine, que ten amor para recibir e dar a toneladas, e ese é un dos motivos centrais da súa vida. Eu diría que non a deixarades pasar entre a cantidade de estreas de cine comercial que inundan as nosas pantallas, estou seguro de que vos gustará e vos dirá moitas cousas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario