jueves, 5 de agosto de 2010

"Yo mato", Giorgio Faletti

yomato.jpgfaletti.jpgOutro dos xéneros aos que son bastante afeccionado é a novela negra, de intriga, de investigación e asasinatos. Hai montóns de novelas deste xénero, algunhas grandes clásicos e outras que non resisten unha mínima análise, a verdade. Certo é tamén que non é fácil escribir unha novela deste xénero cunha certa orixinalidade, porque poderíamos dicir que está case todo escrito, pero as veces aparecen autores que lle dan un aire novo, uns personaxes algo distintos e, sobre todo, unhas situacións ou un desenvolvemento da historia que fan que mereza a pena a lectura. A novela que vou comentar hoxe estaría, para min, dentro deste grupo das que merecen a pena por varios aspectos. O autor é un italiano, chamado Giorgio Faletti e a novela que vou comentar é a primeira que publicou, “Yo mato”.


Giorgio Faletti naceu en Asti, unha cidade do Piamonte no noroeste de Italia, en 1950. É licenciado en Dereito e empezou profesionalmente no mundo da publicidade, pero pronto sentiu atracción polo mundo do espectáculo, actuando como cómico no cabaret do Derby, un local de culto en Milán. Posteriormente traballou en televisión nun programa dirixido por Rafaella Carrá na RAI, en 1982. En 1985 formará parte do elenco do programa cómico “Drive In”, onde creou o personaxe de Vito Catozzo, que chegou a ser todo un fenómeno social en Italia. Fixo tamén incursións no mundo da música como compositor, letrista e cantante. Obtivo o segundo premio e o premio da crítica do Festival de San Remo en 1994. Tamén compuxo cancións para outros coñecidos artistas italianos. No ano 2005 conduciu o programa “Nati a Milano” (“Nacido en Milán”) na RAI. Tamén é autor de varias pezas teatrais cómicas que tiveron bastante éxito. No ano 2002 escribe o seu primeiro libro. Curiosamente, vendo a súa traxectoria, non ten nada que ver co que fixera antes, nada cómico nin musical, todo o contrario, senón que é unha novela de misterio bastante dura e violenta. O título desta primeira historia é “Yo mato”, publicada en España no ano 2005. O seu debut no xénero foi un auténtico éxito editorial non so en Italia, senón tamén en outros países, como España ou Estados Unidos (onde se falou de facer unha versión cinematográfica que non sei se segue a ser un proxecto en marcha ou está parado). No ano 2004 publicou unha nova novela do mesmo xénero (que comentarei noutro momento) titulada “El tercer lado de los ojos” e no 2006 a terceira, “Fuera de un evidente destino”. Ten dúas novelas máis despois destas, a última de momento titulada “Io sono Dio” (“Yo soy Dios”) que supoño que en breve estarán publicadas por aquí, as anteriores tiveron bastante éxito e merecen a pena. Todas elas están editadas en castelán por Grijalbo e DeBolsillo.


Jean-Loup Verdier é o presentador dun programa de moita audiencia da radio de Montecarlo, un día recibe durante a emisión a chamada dun descoñecido que di que so coñece unha maneira de aguantar a mediocridade da xente, saír á rúa e matar. Ao principio todos creen que é unha broma, pero ao pouco tempo aparecen as primeiras mortes. A parella formada por o campión de Fórmula 1 Jochen Welder e a xogadora de xadrez Arijane Parker aparecen asasinados coas cabezas desolladas e unhas letras escritas con sangue no chan: “Eu mato...”. Desde ese momento ninguén dubida de que a ameaza é algo real, ningunha broma, real e brutal. O encargado da investigación será o xefe da policía de Montecarlo, o inspector Hulot, perdido nunha situación na que non hai motivos, pegadas nin pistas, sen poder saber quen vai ser a próxima vítima, sen saber que razóns levan ao asasino a arrincarlles a cara, nada de nada. Para iso vai pedir a colaboración de Frank Ottobre, un axente especial do FBI retirado, un home atormentado polo suicidio da súa esposa, razón pola cal se retirou e que pasa os días en Montecarlo cheo de remordementos. Aínda así é unha lenda no seu traballo, pero ao principio a pesar de todas as súplicas, non quere axudar na investigación. Ao mesmo tempo o pai de Arijane, a primeira vítima, un xeral do exército norteamericano, está disposto a investigar pola súa conta para cazar ao asasino. Deste xeito os tres tentarán atrapalo, aínda que vai seguir actuando, impasible e sen remorsos, enchendo a cidade de terror e horror.


Evidentemente non vou dicir que sexa nada orixinal no seu plantexamento, máis do mesmo, poderíamos dicir, pero ten unha serie de elementos que fan que sexa algo distinto e que mereza a pena. Por un lado temos aos personaxes, aos que o autor dá moita atención, non son meros elementos dentro da historia. Os tres principais están perfectamente desenvolvidos, son moi distintos e cada un ten as súas razóns para actuar como actúan. Pero non so eles, as vítimas e os secundarios tamén son moi importantes e todos aportan algo á historia. Todos os asasinados teñen algún elemento importante e a forma de actuar do asasino vai cambiando, non usa sempre os mesmos métodos, o que desconcerta á policía e lle dá un elemento máis de interese para o lector. É máis, o autor consegue que nalgunhas ocasión o lector se vexa afectado polos mesmos, dada a forma na que presenta a eses personaxes. Destacan por ser persoas reais, ou todo o reais que poden ser dentro dunha novela, que teñen problemas e cometen equivocacións, dubidan, e esas dúbidas desencadean traxedias. Os asasinatos son bastante crueis e brutais, e así aparecen na novela, certos momentos son verdadeiramente desagradables, pero contribúen perfectamente a dar esa idea de sen sentido que ten o asasino, que parece que actúa de forma aleatoria. Digo isto porque algúns momentos son bastante fortes, máis que noutras historias do xénero, e poden sorprender e facer que o lector sinta arrepíos ante eles. A maior parte dos personaxes secundarios son estupendos, e moitos deles serán fundamentais para resolver a trama, case todos teñen unha serie de peculiaridades que os fan máis que interesantes para o lector. Tamén destaca pola situación da historia no Principado de Mónaco, que se converte nun personaxe máis, as súas rúas, as terrazas, bares, edificios e tamén, de paso, aparece unha certa crítica no sentido de ser un paraíso fiscal e o lugar no que van refuxiarse moita xente de diñeiro.


O dito, unha boa historia que terá ao lector en tensión durante moito tempo, intrigado e atento, que se le con facilidade e interese, cun estilo directo e sen “cortarse un pelo” en moitos momentos, cuns protagonistas moi interesantes e algo distintos á norma do xénero, dos que coñeceremos partes da súa vida que lle dan máis interese e cercanía á historia, unha historia que estou seguro de que vos vai atrapar do mesmo xeito que atrapa a todos os que participan nela, interesante e recomendable. Espero que vos guste.

No hay comentarios:

Publicar un comentario