Agora os nosos alumnos e alumnas de 4º teñen como lectura obrigatoria nesta segunda avaliación “Soldados de Salamina”, de Javier Cercas. Voulles dar algunha información tanto sobre o autor como sobre a súa obra e espero que, tras lela, apareza algún comentario sobre a lectura que están a realizar. A ver se vos vale de algo.
Javier Cercas naceu en Ibahernando (Cáceres) no ano 1962. En 1969 trasladouse coa súa familia a Girona, onde estudou cos Maristas. En 1985 licenciouse en Filoloxía Hispánica na Universidade Autónoma de Barcelona e máis tarde doutorouse. Desde 1989 é profesor de literatura española na Universidade de Girona. A súa cuarta novela, “Soldados de Salamina”converteuno nun autor recoñecido e moi lido. É colaborador habitual da edición catalana e do suplemento dominical de “El País”. É gañador de varios premios e a súa obra foi traducida a máis de vinte linguas.
A súa primeira obra é un libro de contos, “El móvil” (1987), despois escrebe “El inquilino” (1989), “El vientre de la ballena” (1997) e no 2001 a xa mencionada anteriormente. No ano 2005 publica “La velocidad de la luz” e no 2009 “Anatomía de un instante”. Ademais publicou ensaios, crónicas, coleccións de artigos e obras que comprenden textos de varios tipos.
“Soldados de Salamina” é unha novela plantexada como unha investigación histórica realizada polo propio periodista sobre un episodio da vida dunha figura real da historia española, o ideólogo da Falanxe e escritor Rafael Sánchez-Mazas, aquel no que este logra escapar de ser fusilado por milicianos, a búsqueda da identidade deste personaxe constitúe a trama central da obra.
O núcleo central é este personaxe, un escritor case olvidado ademais de fundador da Falanxe e como escapou do seu fusilamento. A Guerra Civil xa estaba rematando e as tropas nacionais están chegando a Cataluña. As tropas republicanas empezan a retirada e Sánchez-Mazas está preso en Barcelona. Consegue escapar de un fusilamento colectivo e cando saen na súa busca polo monte un miliciano anónimo atópao, pero lle perdoa a vida. O protagonista escapa e consegue axuda dun grupo de payeses, que ademais son desertores do exército republicano e todos se agochan no monte, contando coa axuda dos pais de dous deles. Ao rematar a guerra terá que axudalos, e non so a eles, senón tamén a amigos e compañeiros deles, aos que axuda a saír do cárcere.
O narrador é un Javier Cercas que non é o mesmo que firma o libro. Hai cousas do autor neste personaxe pero non son a mesma persoa. O narrador queda seducido polas historias dos superviventes, do olvido no que caeron todos os que morreron por defender as súas ideas, as de unha república legalmente instaurada. É un recordo de aqueles que non so non teñen unha rúa co seu nome en España, tampouco teñen unha pensión ou unha ficha limpa de antecedentes penais. É un recordo do medio millón de españois que tiveron que cruzar a fronteira con Francia ante a chegada das tropas nacionais.
A obra une a realidade e a ficción, todas as historias e os personaxes teñen a mesma forza e as veces Sánchez-Mazas non é máis que unha escusa para relatar outras historias, como a de Miralles, o excombatente ao que atopa nun asilo de Francia, a do escritor chileno Roberto Bolaño e, incluso a noiva de Cercas.
Todo isto aderezado cunha serie de reflexións sobre o autor literario, a obra, o traballo, o periodismo e unha serie de temas que se van desgranando pouco a pouco a medida que avanzamos na lectura e que nos descobre un mundo cheo de inxustizas e que da bastante que pensar. E todo motivado, en parte, por unha extraña entrevista inicial co fillo do que será o “protagonista” da historia, Rafael Sánchez Ferlosio.
A novela leva máis de trinta edicións e foi levada ao cine e estreada en España no ano 2003 polo realizador e guionista David Trueba, protagonizada entre outros por Ariadna Gil, Ramón Fonteseré, María Botto ou Diego Luna.
Espero que este breve resumo e comentario axude aos meus alumnos e aos que non o son a entender mellor a historia, e senón, para iso están os comentarios, que espero.
jueves, 25 de febrero de 2010
Soldados de Salamina
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario