Lin “La sombra del viento” moito tempo despois de que fora todo un éxito de vendas, non por nada, simplemente coincidiu así. Non vai ser esta novela de Carlos Ruiz Zafón o motivo deste comentario, pero paréceme unha boa forma de comezar. A verdade é que me encantou a historia, a forma de contala e sobre todo as imaxes que conseguía plasmar coas súas palabras. Pouco despois decidín ler algunha das súas novelas anteriores, e a primeira foi “El palacio de la medianoche”. Xa vira que as súas primeiras novelas estaban consideradas case como “literatura xuvenil”, por iso afrontei a súa lectura como un paso previo para usala como lectura para algún dos grupos das miñas clases. Ademais era unha novela relativamente curta, pouco máis de duascentas páxinas, que é o primeiro no que se fixa o alumnado antes de enfrontarse á lectura.
É unha novela publicada no ano 1994 e é a súa segunda novela. A acción transcorre en Calcuta, no ano 1916. Conta a historia de dous bebés que son salvados por un home, que os entrega a súa avoa, que posteriormente pola seguridade dos mesmos, os separa. A acción trasládase ao ano 1932, no que Ben cumpre 16 anos e ten que abandonar o orfanato no que estivo a vivir, igual que o resto dos seus amigos, cos que ten un club que os mantén unidos ante todo o que lles sucede. Pouco antes de ter que marchar, coñece a Sheere, que lles conta misteriosas historias da súa propia familia que todos deciden investigar, perseguidos por un home misterioso.
Este sería, evidentemente, un resumo moi breve dunha historia chea de misterios, de situacións límite. Non deixa de ser unha máis que decente novela de aventuras bastante animada e entretida, con situacións que levan aos personaxes a demostrar a súa valentía e, sobre todo, o poder da amistade que hai entre eles tras todos eses anos no orfanato e o forte lazo que se establece coa nova personaxe feminina que aparece nas súas vidas.
Tras lela, considerei que sería unha boa lectura para algún dos meus grupos, non é demasiado complicada, a linguaxe utilizada é sinxela e ademais xa nesta segunda novela aparece ese estilo culto pero non de xeito esaxerado, usando fabulosas imaxes para describir situación, personaxes..., e toda a historia vai fluíndo dun xeito sinxelo e fácil de comprender. É unha lectura que me parece axeitada para estes alumnos e por iso é a que están a facer nestes momentos os meus alumnos de 3º de PDC. Como acaban de empezar aínda non podo dicir que é o que lles está a parecer, pero espero en breve aumentar este comentario con aqueles que eles me fagan ou os que poidan facer directamente neste blog (que é o que máis me gustaría, a verdade, a ver se o convertemos nun novo vehículo de comunicación para a nosa relacións).
A min persoalmente a novela gustoume bastante, o desenvolvemento da historia é rápido, todo transcorre en pouco tempo de xeito fluído e creo que consegue atrapar ao lector para ver como se van desenvolvendo as peripecias deste grupo heteroxéneo de personaxes, cada un coas súas características, cualidades e capacidades.
Xa vos direi que lles pareceu a eles, ou mellor, a ver se o din eles nos comentarios.
sábado, 20 de febrero de 2010
El Palacio de la Medianoche
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario