viernes, 26 de julio de 2013

"The Following"


Hai tempo que non tocaba o tema das series de televisión. Como xa dixen anteriormente a verdade é que non vemos demasiadas novas ultimamente, metidos de cheo nas novas temporadas de outras das que somos seguidores. Así que hoxe imos de novo cunha serie que cumpre moitas das ideas que teño postas por aquí sobre este tema, actores coñecidos, algún que ven directamente do cine, un bo guión, unha gran realización, boas interpretacións e unha historia que te atrapa case desde a primeira imaxe. Hai pouco que rematamos de ver a primeira temporada de “The Following” e aínda teño na cabeza máis dunha escena, máis dun momento que me deixou atónito. Iso si, que alguén lle diga aos guionistas que as formas que teñen ultimamente de rematar as temporadas é case unha ofensa ao espectador, que agora teño que esperar meses para poder ver que pasa, tras unha escena final que te deixa con ganas de moito máis. E non pasa so con esta, senón con case todas, señores guionistas, que non son formas, home.

Estamos ante un thriller que podería parecer do máis típico, unha máis. Asasino en serie, axente do FBI retirado e alcohólico e case todas as constantes do xénero. Pero xa desde o primeiro capítulo veremos que nos atopamos cunha nova e orixinal volta de torca na forma de tratar o tema e, sobre todo, en como xoga co espectador para conseguir que manteña a atención. E xa vos digo que aquí a mantivemos en todo momento, que chegamos a ter o corazón nun puño desde o principio ata o final. Creo que desde o personaxe de Hannibal Lecter ningún asasino televisivo ou cinematográfico conseguira poñerme os pelos de punta de tal maneira, sentindo cara a el unha estraña mistura entre atracción e repulsión difícil de conseguir. Creo que aquí radica un dos grandes méritos da serie. Xogando con dúas constantes do xénero, o asasino en serie e o policía retirado, consegue facer algo novo, darlle un desenvolvemento completamente inesperado e cheo de sorpresas, de momentos que farán que soltes unha exclamación ou case saltes no sofá, porque sempre esperaremos o inesperado e incluso algo máis.

Joe Carroll é o asasino. Empezamos a historia con el no cárcere e conseguindo escapar da mesma tras unha brutal e sanguenta fuga. Xa de paso digo que non vou contar nada que non se descubra ao pouco de empezar a serie, que xa sabedes que non me gusta nada que me destripen as historias, así que eu tento facer o mesmo. Ryan Hardy é o axente do FBI que o atrapou no seu momento, pero lle custou caro, unha puñalada preto do corazón cando se enfrontaba a el fixo que tivera que deixar o seu traballo a causa do implante dun marcapasos. Agora vive inmerso no alcohol e a depresión, pero a fuga de Carroll fará que teña que volver á acción. En primeiro lugar porque foi el o que o atrapou e en segundo porque o propio asasino quere que participe no xogo. Carroll é un profesor de literatura, obsesionado co Romanticismo e sobre todo coa figura de Edgar Allan Poe, un dos grandes da época. Ademais diso quere ser escritor, aínda que a primeira novela que publicou non tivo o éxito que buscaba, senón case todo o contrario. É violento, desapiadado e asasinou a varias mulleres de forma brutal antes de que Hardy puidera detelo. Pero o máis destacado é que posúe unha personalidade hipnótica, coas súas miradas e as súas palabras é capaz de conseguir case todo o que quere e se propón, incluso escapar do cárcere de máxima seguridade no que se atopa. Carroll vai concibir todo como se fora unha nova novela que está a escribir e coa que pretende alcanzar o éxito que se lle resistiu coa primeira. Unha novela na que Hardy é o protagonista e el o antagonista, manexando os fíos e deixando pouco espazo á improvisación, tentando ter todo calculado e previsto, pero claro, iso é case imposible. Para iso, ademais consegue que varias persoas do exterior colaboren con el, xente que foi visitalo ao cárcere e aos que, con esa gran personalidade que ten, convence para que traballen con el como elementos da súa vinganza. Iso fai que en todo momento non saibamos que pensar como espectadores, porque nunca saberemos se calquera dos que rodean a Hardy ou van aparecendo están do lado de Carroll ou non, unha das mellores cousas da serie e que fai que a tensión sexa moi alta. Do mesmo modo, como ben dixeron os meus irmáns, non lle collades demasiado cariño aos personaxes, porque pronto veredes que aos guionistas non lles doe nada facer desaparecer ou morrer a calquera deles, outra das cousas que farán que saltemos máis dunha vez no sofá.

Outra das mellores cousas da serie son os actores. De novo o protagonista provén directamente do mundo do cine e é outro deses que sempre me gustan e que aquí está realmente ben. O papel de Ryan Hardy é para o coñecido Kevin Bacon, un todoterreno que pasou do musical ao drama pasando pola comedia, tocando case todos os xéneros, incluso un par de boas cintas de terror. É un actor que sempre cumpre e gusta, pero aquí está xenial, cumprindo á perfección co seu papel e transmitindo ao espectador cos seus xestos, miradas e agonías, todo aquilo que o guión pídelle. O papel de Carroll é para James Purefoy. Xenial tamén encarnando a ese asasino frío, calculador e cun punto de loucura que fai que sexa completamente crible na súa actuación. Podería parecer que non, pero en todo momento parécenos que o que fai, o que pensa e o que di podería ser moi ben dunha persoa real. A súa obsesión por Poe, polo Romanticismo máis negro e violento fai del un personaxe que creo que quedará como un dos mellores dentro do mundo televisivo. E ao redor destes dous unha boa cantidade de personaxes que non me atrevo a considerar secundarios, porque non hai un so que non teña unha participación importante dentro de toda esa tea de araña que Carroll constrúe ao seu redor. Todos eles, tanto os que están con Hardy como os que están con Carroll (sobre todo estes, que dan calofríos máis dunha vez) conforman un mundo que desconcertará ao espectador. De todos eles quedo con dous, o axente do FBI que está ao lado de Hardy en todo momento, Mike Weston, e Emma Hill, da que non vou dicir nada de nada, xa o veredes.

A serie xoga con todos os tópicos deste tipo de historias, pero consegue darlle tales xiros que fai que sexa, desde o meu punto de vista, moi orixinal, creativa e sorprendente. A introdución dos relatos de Poe dun modo directo e constante é outro elementos que fai que me guste máis, xa que está entre os meus escritores favoritos e creo que todos os seus contos foron das primeiras cousas que lin cando era algo máis novo e que volvo ler algunha vez. O desenvolvemento da historia e as interpretacións son realmente sobresaíntes e farán que sexa difícil verse un so capítulo, porque sempre quereremos saber algo máis, non poderemos deixar a cousa colgada. A tensión chega a extremos que farán que manteñamos a respiración máis dunha vez, a as veces demasiado para soportalo, soltando unha boa exclamación cando eses momentos rematen. Unha das mellores cousas que ten é o guión e a forma de desenvolvelo, xa que as sorpresas serán constantes, é difícil dicir iso de “xa sei que vai pasar” porque aínda que esperemos algo normalmente as cousas non irán polo camiño que nos podemos seguir na nosa cabeza. É máis, irán por sitios completamente inesperados pero completamente lóxicos dentro do argumento, sen pasarse en ningún momento.


Rematada a primeira temporada espero con moitas ganas a segunda, esperando que manteñan a mesma liña, aínda que me parece bastante difícil. Se non a vistes no seu momento recomendo que busquedes a forma de facelo, do último que teño visto tanto neste xénero como noutros creo que é do mellor, completamente recomendable.

jueves, 11 de julio de 2013

"Star Trek. En la oscuridad"


“O espazo, a última fronteira. Estas son as viaxes da nave estelar Enterprise, buscando novos mundos, novas civilizacións, para chegar a onde ningún home chegou nunca”
Con esta introdución dáme que moitos dos meus lectores saberán por onde vai o comentario de hoxe. Era o inicio dunha serie que marcou unha época, creo que a primeira á que me enganchei dunha maneira fel e aínda sen ser un “trekkie” con todas as da lei, confeso que é desas que non esquecerei nunca. Cando saímos do cine contáballe aos meus fillos a cantidade de horas que pasaba cos amigos xogando a ela, como nos tornábamos para interpretar aos distintos personaxes e pasábamos horas con iso. Daba igual que fora con monequiños tipo Madelman, paseando pola rúa ou sentados no balcón da miña cosa mirando ao ceo como se estivéramos na ponte de mando da Enterprise. Hoxe poden xogar a ela coas súas consolas, pero para min non é o mesmo, quizais sexa máis espectacular, pero a dose de imaxinación que gastábamos naquelas longas tardes non ten prezo.

Coa calor que estamos a pasar por aquí, que me ten morto, este pasado domingo decidimos prescindir da praia e recorrer ao aire acondicionado dunha sala de cine, que non se estaba nada mal. Ademais acababan de estrear “Star Trek. En la oscuridad” e non podía deixala pasar, esta non é para ver na casa, hai que disfrutar dela nunha gran pantalla de cine, y como é norma nesta familia, non en 3D, claro.

A min persoalmente gustoume moito, pero como dixen antes, son fan incondicional da serie e creo que tanto esta como a anterior xuntan perfectamente un aire moderno cun respecto á mesma, a súa forma de actuar e de aparecer ante nós. Ao saír alguén comentaba que ben podían modernizar un pouco os traxes, tanto os uniformes militares como os que usan na nave, pero non, iso non se pode facer, sería case como cambiar as cores do traxe de Superman ou darlle a Batman un atuendo multicolor. Hai cousas que non se deben tocar demasiado, modernizar si, pero cambiar radicalmente non. Non soamente mantén ese espírito nas formas, senón tamén en como se comportan os personaxes, en como actúan e en case todo.

A historia transcorre pouco despois de rematar a anterior, seguimos cos mesmos personaxes e a mesma idea, so cambia o antagonista neste caso. Se antes asistimos a como se foron coñecendo os distintos personaxes, en como chegaron a ser máis ou menos os que coñecemos na serie clásica, agora estamos ante unha nova aventura. Coñecemos antes como chegaron a contactar Kirk e Spock, amigos agora enfrontados a unha nova ameaza que pode acabar coa Federación e todo o que ten ao seu redor. As misións que teñen son de paz, coñecer novos mundos, estudalos pero nunca intervir ou darse a coñecer, algo bastante difícil como veremos ao principio da nova historia, realmente bo, divertido e espectacular. Pero claro, ten que aparecer pronto o malvado que quere acabar co mundo, neste caso un personaxe que é outra das constantes da saga e do que non vou desvelar o nome para non romperlle a sorpresa aos seguidores que vaian vela, porque primeiro aparece cun nome e logo co outros que nos vai soar moito.

Houbo moitos intentos de levar á serie ao cine, os primeiros cos mesmos actores da serie. O primeiro aló polo ano 1979 e con varias entregas máis en anos posteriores. Estas tiñan case o mesmo encanto da televisión e seguían a mesma liña con algo máis de espectacularidade e case co mesmo encanto, catro películas entre ese ano e 1986. en 1996 e 1998 apareceron de novo cos personaxes das novas entregas da serie, que parecía seguir a ser o mesmo pero para min xa non o era tanto, aínda que tampouco estaban mal.

No ano 2009 aparece J.J. Abrams e decide contarnos a historia de case todos os personaxes pero desde un principio anterior incluso á serie clásica. Imos velos antes das súas viaxes polo espazo buscando novos mundos e civilizacións. Algo de medo me daba, pero quedaba un pouco apagado cando vin quen ía encargarse desas novas historias. Creo que Abrams está preto de ser o novo Spielberg do cine americano, sobre todo en canto a espectacularidade e bo facer, buscando contarnos cousas a medio camiño entre o clásico e o moderno. Iso si, non creo que teña a xenialidade de Spielberg, pero en canto a bordar a mistura entre entretemento e calidade creo que está bastante cerca. Gustoume moito esa nova entrega e como dixen ao principio creo que ten a medida xusta entre a homenaxe a un clásico aderezado coas posibilidades que nos ofrecen as novas tecnoloxías. Vimos como se coñecían Kirk e Spock e tiñan a súa primeira aventura, que ten a súa continuidade agora, no 2013 con esta nova entrega que ademais ten pinta, iso espero, de non ser a última.

En canto aos actores repiten nos principais papeis os mesmos que na primeira. Todos eles gustáronme bastante nesa, así que nesta seguen a mesma liña. Destes quedo con Zachary Quinto no papel de Mr. Spock, que non debe de ser nada fácil actuar tentando manter esa cara de impasible todo case todo o tempo. Iso si, para min, dous destacan por riba do resto, e curiosamente ambos son ingleses. Cando xogabamos de pequenos o papel máis desexado e para o que había que pelexarse curiosamente non era o de ningún dos protagonistas, senón o de Scotty, o encargado de facer que a nave funcionara e que era case sempre o centro de moitos dos bos momentos da serie. Pois aquí pasa o mesmo, as escenas máis simpáticas son as que o teñen como principal. Aquí, como antes, está interpretado por Simon Pegg, un actor inglés de comedia que sempre me gusta. Pero o mellor da historia é o antagonista, interpetado por Benedict Cumberbatch, o xenial Sherlock da serie da BBC (que realmente merece a pena e nos ten a moitos esperando pola súa terceira temporada) e que soa agora para unha versión de Frankenstein que parece que dirixirá Guillermo del Toro (con esa mistura non creo que a deixe pasar, aínda que a historia está xa quizais demasiado tocada). Cando el aparece na historia come todo o que ten ao seu redor, un gran actor que estivo moito tempo centrado no teatro e que agora deleitanos coas súas aparicións no cine máis ou menos breves.

A min gustoume moito pero son fan da serie. Coa mistura perfecta entre a homenaxe e as novidades, mantendo en moitos sentidos o aire da mesma, aderezado cuns máis que convincentes efectos especiais e sen romper co clásico en moitos sentidos. As dúas horas e algo que dura pasáronseme nun suspiro. Unha boa unión entre unha historia decente (algo do que este tipo de cine prescinde en ocasións) cunhas boas doses de acción e efectos especiais que non quedan por riba do argumento. O que sexa con tal de ver voar de novo á Entreprise, a miña nave favorita do cine (a segunda, como podedes imaxinar é o Falcón Milenario), e ver renovados a Kirk, Spock, Scotty, Uhura, o doutor ou Sulu. Espero que a seguinte siga a mesma liña, non a perderei.





jueves, 13 de junio de 2013

"Tiempo de cenizas", Jorge Molist



En xuño de 2011 comentei unha novela de xénero histórico, “Prométeme que serás libre”, de Jorge Molist. Das últimas que teño lido do xénero foi das que máis me gustaron por razóns que expuña naquel comentario, sobre todo pola perfecta conxunción entre unha historia interesante e amena e unha gran cantidade de datos históricos perfectamente introducidos dentro da mesma. Tamén vía que era evidente que era de esperar unha continuación por unha serie de feitos que quedaban algo colgados e cuns personaxes que deixaban as súas historias sen rematar. Recentemente apareceu esa esperada continuación e, evidentemente, pasou ás primeiras da lista de lecturas pendentes. Unha vez rematada reafírmome en todo o que dicía naquel comentario, segue a ser unha das miñas favoritas dentro do xénero case polas mesmas razóns expresadas naquel momento. Hoxe vos deixo un comentario de “Tiempo de cenizas”, de recente aparición no mercado editorial.

A recensión biográfica de Jorge Molist vouma aforrar nesta ocasión, ao comentario de hai un par de anos remítome porque o único que se podería engadir é a publicación desta novela de hoxe, a máis recente do autor.

Estamos a finais do século XV, unha época apaixonante entre os últimos momentos da Idade Media co seu escurantismo e as novas luces do Renacemento. Unha época histórica chea de contrastes onde se mistura a relixión opresora e castigadora coas ansias de vivir, de coñecer, de romper coas cadeas impostas polos clérigos e a Inquisición. Continuamos coa historia do protagonista central da anterior entrega, Joan Serra de Llafranc, aquel home ao que uns piratas deixaron case sen familia cando atacaron o tranquilo pobo de pescadores no que vivía. Matan ao seu pai, raptan á súa nai e irmás e o único que lle pide o seu pai antes de morrer é que lle prometa que sempre tentará ser un home libre. Unha promesa complicada de cumprir, xa que verá que a súa liberdade sempre estará delimitada polas súas débedas con outras persoas, as súas obrigas familiares ou militares, a atención ao seu negocio e moitos condicionantes máis. Tras todas as aventuras da primeira novela atoparémonos agora con Joan que conseguiu o primeiro e fundamental dos obxectivos da súa vida, casar coa muller da que namorou nada máis vela, Anna. Viven xuntos en Roma, rexentando unha librería e coa protección do Papa e os catalani, o grupo social e militar que domina a cidade. Pero non todo é tranquilidade na súa vida soñada, xa que hai situacións na cidade que fan que teña que vivir pendente de moitas cousas. Por un lado temos ao Papa Alexandro VI, da familia Borgia, que conta cun bo número de inimigos na cidade, xente que quere terminar co seu poder e o seu dominio. Pero o seu poderoso exército, dirixido polo seu fillo Juan Borgia, ten as cousas ben atadas. O primeiro problema ven deste home precisamente, que quere deitarse con Anna, a muller de Joan, a costa do que sexa. Esta situación provocaralle un bo número de problemas e será o detonante de moitas das cousas que lle ocorrerán a continuación. O seu gran amigo, Miquel Corella, segue ao seu lado, pero agora a súa forma de actuar depende en gran medida do que os Borgia queiran, xa que é o primeiro ao mando do seu exército, o home ao que recorren para solucionar calquera tipo de problema, custe o que custe. Ademais disto Joan aínda debe cumprir os seis meses que lle quedan pendentes de galeras, algo que o levará a participar en varias das guerras de conquista máis importantes da época ao servizo do exército español. Todo isto vai levalo de Roma a Florencia, Nápoles e Barcelona nunha serie de aventuras perfectamente enlazadas dentro do argumento. Un continuo movemento sempre en busca desa liberdade que lle prometeu ao seu pai no seu leito de morte e que tanto lle custa atopar e disfrutar. Cando as cousas parece que van mellorando sempre aparece algo que fai que se torzan, algo que pode estar ou non directamente relacionado con el ou a súa familia, xa que moitas veces son as propias circunstancias históricas as que farán que a súa vida de un xiro completo.

Como no caso da novela anterior gustoume moito pola perfecta unión entre feitos históricos e a propia narración de ficción que nos está a contar o autor. A cantidade de personaxes reais que van desfilando polas súas páxinas é maior que a dos personaxes de ficción e sempre aparecen dunha forma lóxica e crible para o lector. É máis, hai algún que non parece real, pero me levei unha boa sorpresa cando lin o epílogo final, moi interesante por certo, e descubrir que non eran unha creación do autor, senón unha recreación da historia. Polas súas páxinas desfilarán a maior parte dos integrantes da familia Borgia, o monxe Savonarola en Florencia, Maquiavelo será outro dos importantes da historia, o Gran Capitán e outros moitos entrarán a formar parte directa da vida do noso protagonista. Do mesmo modo viaxaremos por Roma, Nápoles, Florencia ou Barcelona, tomaremos parte en varias conquistas e intrigas, tanto do Papado como dos distintos reinos da época, todas elas partindo de feitos históricos. Creo que a labor de investigación de Molist é realmente impresionante, pero para min o máis xenial é a forma que ten de meter todos eses datos e feitos dentro dunha historia crible para o lector. É evidente que Joan, Anna e todos os integrantes da súa familia non existiron, pero meténdoos dentro dos demais non é imposible pensar que ben poderían ter pasado as súas vidas tal e como as conta o autor.

Outra das cousas que máis me gustaron da historia e que xa comentei anteriormente é a forma de pensar e actuar dos personaxes. Joan non é un heroe ao uso, perfecto e íntegro, para nada. Aparece ante nos como unha persoa normal, cun bo fondo pero vítima das súas paixóns e desexos de vinganza, tanto ante situacións inxustas ou que manchan a honra da súa familia como ante outras que quizais non o sexan tanto, pero que son importantes para a forma de vida que el quere. Tampouco é a novela un cúmulo de desgracias constantes como ocorre con outras do xénero. Evidentemente hai e son moitas pero sen que aparezan ante o lector como un folletín esaxerado e case incrible. Creo que un dos méritos do autor é que consegue que vexamos aos personaxes como persoas reais, cos seus defectos e as súas virtudes, coas súas alegrías e tristezas e con miserias e cousas positivas. Todos eles son cribles, polo menos para min como lector, e algo lonxe de moitos dos tópicos do xénero.

A acción é constante e non decae en ningún momento. Sempre está a pasar algo e moitos acontecementos van subindo en intensidade ata chegar ao punto máis alto para pasar a un leve momento de calma, sabendo que as cousas non van quedar así. Moitos personaxes da primeira parte, algúns que aparecían so ao principio, volverán agora para continuar a relación, mala ou boa, con Joan. Un dos que máis botaba de menos porque me gustara bastante é o seu irmán, co que volveremos a ter contacto e do que saberemos algo máis do que fixo ao longo dese tempo.

E non podo deixar de comentar de novo outro dos temas que centraban boa parte da primeira parte e continúa nesta. O tema dos libros, da librería, o traballo con eles, a impresión, a distribución de libros prohibidos e como se ían apañando para burlar á Inquisición, tema que aparece moito sobre todo cando os nosos protagonistas están en Barcelona. Segue a verse por parte do autor un cariño, un amor pola letra impresa que aparece en todas e cada unha das páxinas da súa novela. Como falan deles, como os tratan e, sobre todo, a súa importancia para o desenvolvemento da persoa e da sociedade, un elemento as veces tan poderoso ou máis que as armas.

Para min unha das mellores historias de novela deste xénero que teño lido nos últimos tempos. Ten absolutamente de todo e contado dunha forma tremendamente entretida e fluída, tanto que a pesar de ser unha novela longa pasóuseme nun suspiro. Amor, honor e deshonor, traizón, lealdade, amistade, guerras..., unha interminable lista de temas e situacións que non é fácil plasmar nestas liñas. Non deixo de recomendala e regalala cando teño oportunidade, gran historia que non poderá de deixar de gustar a todo bo lector e creo que os que non o sexan poderán afeccionarse á lectura coa gran historia do home que so busca unha cousa na súa vida e en todo o que fai, ser un home libre. Teredes que ler a historia de Joan Serra de Llafranc para saber se o conseguirá ou non.

miércoles, 5 de junio de 2013

"A evolución de Calpurnia Tate", Jacqueline Kelly

Polo meu traballo teño un continuo e constante contacto con moitas novidades de literatura xuvenil. Xa comentei máis dunha vez que unha gran maioría das cousas que nos chegan persoalmente non me gustan nada. Case sempre son demasiado simples, con historias planas e personaxes que responden a uns esquemas fixos e continuamente repetidos. Tampouco é que queira cousas demasiado complicadas, certo é que o noso alumnado, en xeral, non se caracteriza por ser grandes lectores, aínda que hai que dicir que sempre hai varias excepcións que rompen esta afirmación. Por iso teño por costume acudir aos grandes clásicos do xénero, que case sempre garanten un certo éxito de crítica e público. De todos modos, de vez en cando, aparecen algunhas novelas que si merecen a pena, que non tratan ao lector como se fora un simplón e propóñenlle historias e personaxes atractivos. É o caso da novela que vou comentar hoxe, boa novela de xénero xuvenil pero tamén moi adecuada para calquera tipo de lector. Tiña boa referencias dela e chegoume estes días nunha tradución ao galego realizada por Carlos Acevedo para a editorial Faktoría K de Libros, editada hai moi pouco tempo. Desde aquí o meu recoñecemento a esta editorial que está a caracterizarse por realizar interesantes traducións de libros entretidos e amenos, pensados para todo tipo de lectores e que sempre pensarei que son a mellor maneira de atraer a lectores en galego, con obras que lles chamen a atención e lles gusten, sobre todo pensando no lector xuvenil, o xerme de novas xeracións de lectores. A autora da novela é Jacqueline Kelly e titúlase “A evolución de Calpurnia Tate”, unha historia que está a atrapar a lectores de todo o mundo.

Jacqueline Kelly nace en Nova Zelandia en 1964, pero moi pronto trasladouse coa súa familia a Vancouver, en Canadá. Gran lectora desde nena, tamén mostrou moita interese polo mundo da ciencia, chegando a gañar un premio escolar á idade de doce anos. Algo máis tarde trasládanse a vivir a El Paso, Texas, nos Estados Unidos, onde se licenciou en Bioloxía e posteriormente trasladouse a Galveston para estudar Medicina. Máis tarde licenciouse tamén en Dereito. En 2001 publica nunha revista rexional o seu primeiro relato, pero foi a edición en 2009 desta a súa primeira novela á que lle deu o recoñecemento internacional, gañando o Premio Newbery Medal. Exerce a Medicina desde hai tempo e dedica a maior parte do seu tempo libre a escribir.

Estamos no último ano do século XIX, nunha zona rural de Texas, nos Estados Unidos. Alí vive Calpurnia Tate, a cuarta dunha familia de sete irmáns e a única muller entre todos eles, e máis coñecida como Callie Vee. A súa familia é de clase media alta, dedicada ao cultivo e procesado do algodón. Vive nunha gran casa cos seus irmáns, os seus pais e o outro gran protagonista da historia, o seu avó. Un home que dedicou a maior parte da súa vida a traballar, a levantar ese gran negocio do algodón que agora leva o seu fillo. Tras deixar iso listo dedícase á súa gran paixón, o naturalismo, o estudio das plantas e os animais, a clasificar, seleccionar e realizar experimentos dentro dun laboratorio no que case todo o mundo ten prohibida a entrada. Callie, aos seus pouco máis de once anos, non está en absoluto de acordo coa vida que a época e a súa nai téñenlle marcada. Non lle gusta cociñar, coser ou bordar, non quere ir ás clases de piano e a outro tipo de actividades pensadas para a súa educación como unha señorita que a súa nai lle marca. O avó sempre foi un personaxe que provoca en todos unha sensación e medio camiño entre o respecto e o medo, pero Calpurnia sabe ou cre que pode ser o único que lle pode botar unha man para empezar un certo cambio na súa vida. A raíz dunha conversa con el sobre a novela de Charles Darwin “A orixe das especies” (unha obra que será unha constante dentro da novela) o avó decídese a dar renda solta ás ansias de saber da súa neta. Ademais dun exemplar do libro para que o lea, unha lectura que lle resultará á súa idade certamente árida, dálle un caderno en branco para que anote todas as súas observacións, para que se vaia convertendo nunha pequena naturalista, termo que ela ao principio nin entende. A raíz disto é cando empezará esa evolución á que fai referencia o título. Calpurnia irá crecendo na súa forma de ser, na súa valentía para enfrontarse con cousas pero sen deixar de lado o respecto aos seus pais, sobre todo a súa nai, e o que eles cren que é o mellor para ela. Irá crecendo rapidamente, coas súas anotacións, as súas excursións co avó e o traballo con el no laboratorio, pero cunha actitude que a levará a crecer. El nunca lle dará as cousas feitas, terá que ser ela a que camiñe ao seu lado, a que experimente e chegue a conclusións, pronto aprenderá que preguntarlle algo ao avó non ten demasiado sentido porque case nunca contestará directamente, fará que ela chegue á resposta correcta.

Darwin e a súa obra é un dos elementos centrais da historia, tanto no sentido da evolución das especies como no da evolución da nosa protagonista en busca do seu propio camiño. Cada capítulo vai encabezado por unha cita de Darwin, máis ou menos relacionada co que iremos a ler, un dato interesante e curioso máis a ter en conta. É unha evolución non demasiado lenta, claro está, porque a novela non é demasiado longa tampouco. Os cambios vanse producindo pouco a pouco, pero son sempre importantes. Unha evolución enfocada a romper o que se espera dunha rapaciña da época, algo que ven exemplificado por algunha das súas amigas e as súas formas de ver a vida e as cousas dunha forma radicalmente distintas ás de Callie.

Dicía ao principio que moitas veces recorría aos grandes clásicos da literatura xuvenil para as miñas lecturas de clase. Pois unha das cousas que ten esta novela é que parece de hai moito máis tempo do que ten en realidade, e coméntoo como algo positivo. Ten un aire a clásico, a novela de antes tanto nos personaxes, na forma de desenvolvelos, como na historia, a medio camiño entre a seriedade narrativa e o entretemento, pero sempre con algo que dicir e aportar, sempre con algo que fará pensar un pouco ao lector. Ten un aire clásico que quizais sexa unha das cousas que fixeron que me gustara tanto, a verdade. Polo menos ten algo que dicir, algo que contar sen caer en historias simples, con gran cantidade de temas que podemos usar en debates posteriores á lectura ou simplemente pensar nelas. Os primeiros amores dos seus irmáns, a relación de todos eles e en especial de Callie coa súa nai, as pequenas trasnadas de xuventude, os roces de todos os días cos amigos e a familia, as alegrías e decepcións cotiás, a responsabilidade (moi boa a historia dos pavos)... Como se pode ver non está nada baleira de contido.

Gustoume moito e recoméndoa, é máis, quedará anotada como unha das lecturas para algún dos grupos do curso que vén, para este xa é un pouco tarde, a punto de rematar xa. Unha novela que creo que a autora pensou para todo tipo de públicos aínda que poida quedar encaixada na literatura xuvenil, co que moitos lectores adultos perderán unha historia que creo que merece a pena e que disfrutarán. Creo que seguir esa viaxe evolutiva de Calpurnia Tate é algo que calquera bo lector debería coñecer. Ten momentos realmente divertidos e outros máis entrañables e sensibles, pero nunca pasa algo que non teña sentido. Non quero contar moito máis, pero teño en mente máis dun momento que recordarei pasado un tempo. Teño rido bastante con moitas das historias que se desenvolven e seguín con ganas esa evolución de Callie ata un punto no que seremos nos, como lectores, os que case lle deamos unha continuación, ou ¿será a autora a que nola dea? Iso xa o veremos, pero queda anotada como novelista a seguir, así que esperaremos a súa seguinte novela.




martes, 14 de mayo de 2013

"Iron Man 3"



Hoxe unha de cine, que hai xa algún tempo que non cae ningunha. Os que se pasen habitualmente por este blog seguramente estarían esperando algún tipo de comentario sobre a película de hoxe, xa que desde que empecei con estes comentarios creo que non deixei ningunha, ou polo menos ningunha das máis coñecidas. A miña afección ao cómic e por extensión ao cine de superheroes é ben coñecida, así que era raro que tardara en aparecer por aquí un comentario sobre a última estrea do xénero, a terceira entrega de “Iron Man”, esta vez cun máis que atinado cambio de director que fai que, posiblemente, sexa a mellor das tres en varios sentidos. Non vou negar que a miña favorita é a primeira, sobre todo pola sorpresa, polo ben feita que estaba e porque sigo a pensar que a elección do actor protagonista é a mellor de todas as cintas do xénero, non haberá outro “Home de aceiro” ao que non lle podamos poñer a cara de Robert Downey Jr., moi complicado será para aquel que pretenda recoller o papel.

Hai xa uns días que a vimos e gustounos a todos. Ímonos atopar nesta entrega a un Tony Stark esgotado e agoniado, con continuos ataques de ansiedade e cunha vida complicada e perdendo algo o rumbo. O enfrontamento final da película anterior déixao realmente preocupado e fastidiado, o ter que enfrontarse con algo que descoñecía e ao que lles custou vencer fai que perda algo desa prepotencia, desa chulería que o caracteriza para que o vexamos algo máis humano, sobre todo máis vulnerable. Quizais o mellor desta entrega é que estaremos máis tempo pendentes de Stark e menos de Iron Man e os seus traxes. Aquí o verdadeiro protagonista é a persoa e a súa forma de actuar cando non ten o seu marabilloso traxe posto. Isto non quita que apareza, claro, senón non sería quen é, pero haberá máis momentos de actuación sen parefernalia que con ela. O centro da historia é a reconstrución da persoa, do Stark que foi, é e quere ser e deixando un pouco de lado os seus inventos e traxes voadores. As escenas da metade de película co rapaz ao que se atopa parecéronme realmente boas, rompendo un pouco coa dinámica habitual do personaxe e ao mesmo tempo sen romper coa súa forma de ser, impagable o cinismo e a prepotencia do amigo Stark, que fará que ríamos ben a gusto en máis dunha ocasión. Como sempre o enfrontamento cun antagonista perverso e malvado, que canto máis malos sexan mellor e un invento revolucionario pero que hai que perfeccionar. Ao mesmo tempo o Mandarín é un terrorista internacional que está a cometer atentados nos Estados Unidos, unha serie de fortes e misteriosas explosións que haberá que investigar e controlar. Os personaxes son case os mesmos das anteriores, engadindo a estes antagonistas, que van cambiando en cada unha, dando máis variedade ás historias. Por suposto, ademais de todo isto, Stark é un home intelixente e preparado para todo, veremos como o traxe e todo o seu potencial non son imprescindibles na súa vida e pode saír con ben de varios problemas sen ter que depender del. Esta é outra das cousas que fai que sexa distinta ás anteriores e dálle un aire especial que nos gustou moito. Como digo non lle quita nada de espectacularidade, porque a ten a moreas, sobre todo na última media hora de proxección.

Os actores son os mesmos das anteriores. Impagable Robert Downey Jr. no papel de Tony Stark. Como dixen antes creo que é a mellor elección en todas as historias de superheroes levadas ao cine, parece que o personaxe creouse para el e na miña lista ocupa o primeiro lugar (seguido de Hugh Jackman como Lobezno, claro está). Coméntase que igual no segue coa serie, pois creo que lles vai custar atopar a outro actor que sexa capaz de substituilo cun mínimo de garantías, a verdade. O resto dos actores principais son os mesmos das anteriores, cambiando so os antagonistas centrais do heroes. Aquí temos a Guy Pearce como Aldrich Killian, o cerebro da trama que quere dominar o mundo e ao seu lado o Mandarín, maxistral e sorprendentemente interpretado por o máis que coñecido Ben Kingsley. Por certo xenial no seu papel e con máis dunha sorpresa.

Neste caso temos cambio de director. As dúas anteriores estaban dirixidas por Jon Favreau, que ademais gardábase un pequeno papel como Happy Hogan, o gardaespaldas de Tony Stark e que segue aparecendo nesta reconvertido en xefe de seguridade. Neste caso a batuta é para Shane Black, que ademais figura tamén como guionista. Nesta segunda faceta coñecerémolo por ter escrito os guións de algunhas das mellores películas de acción dos últimos anos, desde a saga de “Arma Letal”, “El último boy scout” ou a xenial pero pouco entendida “El último gran héroe”. Como director de momento o seu traballo é menor en canto a cantidade, a súa primeira película foi “Kiss Kiss, Bang Bang” e esta é a segunda, pero creo que promete. A pesar de non estar centrada nas escenas de acción sabe manter perfectamente o ritmo en todo momento, non hai un ratiño de calma en calquera sentido e en canto parece habela sempre rompe completamente. Ademais o guión ten grandes momentos para este tipo de cine, claro, momentos que chegarán a sorprender máis dunha vez ao espectador tanto polo inesperado como polo simpático. Atentos a unha escena da parte final que é realmente xenial.

Creo que é unha das mellores series en canto a cine de superheroes e ocupa un dos primeiros postos na miña lista de favoritas. Do primeiro lugar non poden saír as últimas de Batman, pero o segundo é para estas, sobre todo polo seu actor protagonista e o ritmo que teñen. En todo momento teñen ao espectador disfrutando dunha das cousa nas que debe destacar o cine, o entretemento e ademais con calidade. Son do mellor no xénero de cine non so de superheroes, senón do cine de acción e de buscar que o espectador estea atento e disfrutando dun auténtico espectáculo que ademais non está completamente baleiro de contido. Neste caso hai algunhas cousas máis que as escenas de acción e Robert Downey dálle ese punto a maiores de calidade que ten este Iron Man. Hai momentos realmente divertidos, sempre apoiados nese cinismo que é unha constante do protagonista, ese estar por riba do resto dos mortais, sentirse superior e aínda por riba demostralo en todo momento, aínda que nesta verase máis cerca do resto das persoas, algo que lle vai custar bastante asimilar. Imprescindible para os seguidores deste tipo de cine, pero como dixen outras veces, creo que calquera que queira pasar algo máis de dúas horas moi entretidas e divertidas tamén disfrutará dela. Recomendada.


miércoles, 17 de abril de 2013

"Solo el silencio", R.J. Ellory



Hoxe déixovos unha nova novela do xénero negro que tamén me chegou por recomendación paterna. Non é exactamente un exemplo perfecto do xénero e algúns críticos e o propio autor falan dela como unha forma especial dentro deste xénero, como un thriller a cámara lenta, no que o núcleo central é outro e non a historia de asasinatos, resolución de misterios ou captura dun desapiadado asasino, aínda que de todo isto ten, claro. O autor é R. J. Ellory e a novela titúlase “Solo el silencio”, editada no ano 2011 por RBA Libros. Un autor que non coñecía e que me gustou bastante, sobre no sentido de como xoga con moitos dos lugares comúns do xénero para facer algo lixeiramente distinto en moitos sentidos.

A primeira sorpresa foi descubrir que non é un autor americano, algo que se me pasou pola cabeza cando estaba a ler a súa novela. Roger Jon Ellory é inglés, nado en 1965 en Birmingham. Tras uns primeiros anos marcados polo abandono do seu pai antes do seu nacemento ou a morte da súa nai, pasar por diferentes internados e rematar estudando na súa cidade natal. É diplomado en artes gráficas e deseño, abandonando a universidade antes de licenciarse. Aos 17 anos foi arrestado por caza furtiva e condenado a prisión. Interesouse polo deseño gráfico, a fotografía e a música, actualmente forma parte dun grupo musical. Entre as súas influencias á hora de escribir recoñece as de Conan Doyle, Tolkien ou Stephen King e doutros importantes autores de ficción, xénero ao que é afeccionado. Comezou a súa primeira novela con 22 anos. Entre 1987 e 1993 escribiu máis de vinte novelas, a maior parte delas rexeitadas polas editoriais. Por esa razón deixou de escribir, pero retomou a actividade no ano 2001. Empezou a traballar como oficinista e dedicou as súas horas libres a escribir de novo. Entre 2001 e 2003 rematou tres novelas, “Candlemoth” foi unha delas e conseguiu publicala en 2003, cun certo éxito dentro e fóra do seu país. Desde aí ata 2013 publicou dez novelas máis, gañando algúns premios de certa importancia. A que vos deixo hoxe é a súa quinta novela nesta serie, con gran éxito, traducida a vinte idiomas e con varias nominacións e premios gañados, incluso chegará ao cine. Polo que vin é, de momento, a única que se pode ler en castelán. Como curiosidade dicir que hai uns anos descubriuse que baixo varios pseudónimos o propio autor dedicábase a dar boas valoracións e críticas das súas novelas en páxinas web de ventas, como Amazon. Chegaba a cualificalas de xeniais, magníficas ou de obras mestras modernas, ao mesmo tempo que atacaba a algúns dos seus competidores.

A novela transcorre no pequeno pobo de Augusta Falls, en Georgia, ao sur dos Estados Unidos a finais dos anos 30, chegando case ata os nosos días. O protagonista central é Joseph Vaughan, que nese momento so conta con doce anos de idade, nun mundo dominado pola ameaza da Alemaña nazi e o principio da Segunda Guerra Mundial. Aos seus poucos anos verase inmerso nun mundo de tristeza e violencia. O primeiro golpe é a morte do seu pai, quedando so coa súa nai nunha pequena granxa das aforas do pobo e con poucos recursos económicos. Ademais diso empezarán a aparecer cadáveres de nenas brutalmente asasinadas. Tras secuestralas o asasino mátaas e mutílaas salvaxemente, deixándoas despois onde calquera poderá atopalas. Joseph, pensando nas nenas e sobre todo nunha das súas veciñas, decide formar unha patrulla con varios dos seus compañeiros, os Vixiantes, para tentar atopar á persoa que está a facer esas barbaridades, pero todos os seus esforzos non chegarán a bo porto. Os asasinatos continúan, a policía de varios condados está completamente desorientada, non teñen pistas nin a máis mínima idea de quen está a facer estas cousas. Joseph non ten demasiados amigos e a relación coa súa profesora vaise facendo cada vez máis estreita. Ela ve algo nel, un talento especial que non quere que desaproveite. A Joseph gústalle escribir e ela será a encargada de que desenvolva ese potencial que ten, animándoo, dándolle lecturas e conseguindo que participe nalgúns concursos. Pero nada serve, nin a patrulla nin o traballo policial. Joseph vai crecendo, a súa vida vai cambiando en moitos sentidos e os asasinatos non paran. Incluso el será un dos que atope a unha das nenas salvaxemente asasinadas. Todo fai pensar que ten que ser alguén que pertenza a algún dos pobos que están preto aos lugares onde van aparecendo, pero a policía segue sen pistas. En certo momento un veciño parece ser o asasino, varios obxectos das nenas mortas aparecen no seu poder, por fin parece que todo rematou. Pero cincuenta anos despois, tras moitas cousas, os asasinatos non paran. Rematará algunha vez? Quen é o brutal asasino? Toda esta historia, acompañada da vida de Joseph Vaughan, que é un dos núcleos centrais da historia.

A min a novela gustoume bastante. Está escrita con sobriedade, sen demasiados excesos e ao mesmo tempo lese dunha forma fluída e a historia faise interesante. Como dixen ao principio nalgúns sitios falan dela como un thriller a cámara lenta, polo que está lonxe da típica historia do xénero. Aquí non temos pistas, investigacións nin moito menos acción, disparos ou esas cousas. Se lle quitamos o compoñente do asasino en serie podería ser unha historia case igual de interesante pero na que quedarían sen explicar algunhas reaccións, situacións ou formas de comportarse dalgúns personaxes. Os asasinatos das nenas son un fío central da vida de Joseph que se vai alongando a través do tempo e que ten unha gran influencia en todo o que lle vai pasar ao longo da historia. Pero a trama está centrada neste personaxe principal, na súa vida desde a súa infancia nese pequeno pobo ata case o final, cando vive en Nueva York. Ao longo de todo ese tempo coñeceremos todo o que lle pasa, que non será pouco. Non é unha novela negra nun sentido preciso, é un relato narrativo que ten como detonante das situacións a ese asasino en serie de nenas. A historia é interesante e está ben desenvolvida e será imposible que non nos preguntemos varias veces quen pode ser ese brutal asasino, pero ao mesmo tempo interesaranos moito a vida de Joseph e o que lle vai pasando, como vai desenvolvéndose e todos os problemas que terá. Ademais diso todos os personaxes que xiran ao redor del son importantes, desde os que están ao seu lado nos seus primeiros anos ata os que irán aparecendo a medida de que crece.

Como curiosidade comentar que antes de ler a novela non vira nada da vida do autor nin das súas influencias. Cando estaba a ler os primeiros capítulos pensei que me recordaba en moitas cousas a algunhas historias dun dos meus autores favoritos, Stephen King. En concreto moitos dos momentos dese principio trouxeron á miña memoria un dos seus mellores relatos curtos, “Verano de corrupción”, de onde saíu unha das mellores películas que toman os seus contos como base, “Cuenta conmigo”. Esa relación que se establece entre Joseph e os seus amigos, a complicidade e moitas das situacións que pasan semellaban en moito a esa historia. Todo quedou máis claro cando lin que este autor era unha das influencias que el mesmo recoñecía, é imposible non darse conta.

Como dixen, unha novela negra algo distinta ao habitual, sen moitos dos elementos típicos do xénero e con outros que si aparecen, con cousas engadidas que fai que sexa interesante e entretida. Creo que podería gustar aos afeccionados ao xénero, pero tamén a moitos que non o sexan, porque como dixen é máis a narración dunha vida completa que a investigación desa decena de asasinatos. Lese con interese e creo que consegue atrapar ao lector nesa vida de continuos altibaixos, con bos e malos momentos. Sobre todo porque cando empezamos a ler estamos ao mesmo tempo coñecendo o final e o principio da historia, partimos como lectores do final para ir vendo como se vai desenvolvendo todo, pero non quero contar máis porque penso que merece a pena que a leades. Anotarei ao autor, creo que as súas outras novelas poden resultar apetecibles.

jueves, 4 de abril de 2013

"Los últimos días"



Hai xa un tempo que apareceu por aquí o último comentario sobre cine, unha actividade que tiñamos un pouco deixada de lado. Estas últimas vacacións, tendo en conta o bo tempo que tivemos, fun dúas veces ao cine, así que o comentario de hoxe é sobre unha das películas que vimos. A outra, “G. I. Joe, la venganza” non é máis que un mero entretemento do que pouco máis se pode dicir que iso, pero a verdade é que a carteleira tampouco deixaba demasiada marxe para a elección. Tampoco somos demasiado afeccionados ao cine español, pero vimos o trailer e chamounos a atención. Relacionado con isto, un pequeno aparte. A ver se os encargados de montar os trailers córtanse un pouco. Ultimamente case non é necesario ir ver a película, con velo case te chega porque practicamente todo o importante ou central da historia aparece nel. O trailer non debería ser máis que un reclamo, unha forma de chamar a atención do espectador para que vaia ver a cinta, pero é algo que case te podes aforrar, porque salvo o final contan case todo. Fomos ver “Los últimos días”, cine español con vocación internacional que non está nada mal. Por algún lado lin que agora falan de facer cine á americana, unha afirmación que non me gusta demasiado. Eu prefiro pensar en que están a facer un cine que se pode exportar, que calquera espectador de case calquera sala do mundo pode ver e disfrutar con el. Creo que incluso os espectadores de aquí estamos un pouco cansos de ver case sempre o mesmo e se queren que a xente vaia ás salas teñen que pensar en facer cousas algo máis entretidas e que chamen a outro tipo de espectador. Nestes últimos anos houbo unha serie de historias que responden a xéneros como a acción, o terror ou a ciencia ficción, xéneros que non aparecían demasiado polas salas con firma española. Están aparecendo novos directores que, normalmente con financiación na súa maior parte estranxeira ou con actores de fóra, están a conseguir abrir portas que ata agora estaban pechadas.

Estamos en Barcelona na época actual. A historia céntrase en dous personaxes, que son os que levaran o peso da mesma. Por un lado temos a Marc, un rapaz que traballa nunha empresa de software na que pasa máis horas que na súa casa, onde espera por el Julia, a súa parella, que traballa nunha xoguetería dun centro comercial. Por outro lado temos a Enrique, un executivo de alto nivel que é o encargado de facer funcionar empresas, de apertar aos traballadores e de botar a aqueles dos que poden prescindir. Dous personaxes completamente distintos que nunca pensaron que poderían ter algún tipo de relación e moito menos que ían pasar unha verdadeira, violenta e perigosa aventura. Algo raro está a pasar en todo o mundo, xente que ten pánico a saír da casa, suicidios e estraños fenómenos. Algo hai no aire que provoca que a xente sufra unha grave especie de ataques de agorafobia que rematan coa morte cando se atreven a saír ao exterior. Ante isto todos vense obrigados a vivir nas súas casa, igrexas, hospitais ou o lugar onde os collera o momento no que todo o mundo vese afectado. A Marc e Enrique atoparémolos no edificio no que o primeiro traballa e o segundo é o encargado dos axustes de persoal. Enrique é un home duro, seco e individualista, que vai ao seu sen pensar en ninguén máis, capaz de pisar a calquera e de pasar por riba de calquera con tal de conseguir o que quere. En certo momento Marc descobre que Enrique ten un GPS e decide falar con el, pedirlle a súa axuda ou colaboración para tentar saír de aí. Marc quere ir a súa casa, quere ver se Julia aínda está alí e recuperala. Enrique ten un obxectivo distinto, tamén quere saír, pero a súa idea é ir a zona da Vila Olímpica. Cada un ten cousas que o outro quere e conseguen chegar a un acordo bo para os dous, pero tan frouxo como o momento no que viven. Así empezará unha viaxe polos túneles do metro, os sumidoiros e o subsolo da cidade. Uns lugares cheos de xente, de persoas desesperadas que non se atreven a saír e aliméntanse do que poden. Grupos violentos, xente perdida, de todo atoparán nesa especie de odisea pola Barcelona subterránea.

O peso da historia recae nos dous actores principais e son eles os que levan a voz cantante en todo momento. Enrique está interpretado por José Coronado, para min un dos mellores actores, sobre todo en certo tipo de papeis, do panorama español. Creo que a primeira vez que me fixei nel foi vendo unha serie española de hai xa uns anos e que non estaba nada mal, “Periodistas”. Ultimamente especializado en papeis de home duro e algo violentos, impecable en “No habrá paz para los malvados” ou “La caja 507” por exemplo. Aquí segue esa liña e gustoume moito o papel que interpreta en todos os sentidos, os xestos, as caras, a voz, sempre convincente e enchendo a pantalla coa súa presencia, tanto que cando non aparece parece que falta algo e a película perde un pouco. O outro papel principal, o de Marc, está interpretado por Quim Gutiérrez, un actor que empezou en series da televisión catalá e que agora está a facer algo de cine. Non o vira antes e gustoume por momentos, un pouquiño irregular desde o meu punto de vista. Ten escenas realmente boas e outras, sobre todo en canto a matices de voz, que me deixaron algo máis frío, pero aínda así tamén está ben. O outro papel cunha certa relevancia, aínda que moito menor, é o de Julia, a actriz Marta Etura. As poucas escenas que ten resólveas moi ben.

Os directores da historia son ademais os guionistas, os irmáns Álex e David Pastor. Dous novos directores e escritores dos que non oíra falar demasiado. Despois de varias curtas, a súa primeira película foi “Infectados” (2009) que non vin pero que segue a liña de cine de ficción e terror. A de hoxe é a súa segunda historia longa e vendo o éxito que está a ter e a súa posible saída internacional non creo que sexa a última. A historia está ben levada, cos momentos xustos de tensión metidos cada pouco ao longo da mesma. As escenas de acción son as xustas e están ben rodadas e incluso temos algunha sorpresa inesperada. Quizais o único que non me gustou moito foi un uso algo esaxerado do flash-back. Vannos contar a historia con continuos saltos cara atrás no tempo para que vaiamos entendendo o que está a pasar pero en algunha ocasión algún deles en lugar de explicar fai que caia nunha certa repetición. As escenas máis impactantes e logradas son as de unha Barcelona baleira, desolada e nun camiño cara á destrución que non parece ter volta atrás. O uso dos efectos especiais creo que está feito na súa xusta medida, sen dominar por riba da historia. Creo que en xeral fixeron un bo traballo e anotarei para estar pendente das súas futuras producións.

A película gustoume bastante. Nalgunhas críticas lin opinións de todo tipo. Algúns falan dun uso esaxerado de certos tópicos de historias parecidas, algo que pode ser certo, pero que tampouco me parece un defecto en si mesmo. É máis, creo que ten unha boa mistura entre certas ideas orixinais e o uso de camiños xa coñecidos, algo que pode quedar tamén no terreo da homenaxe a clásicos do xénero apocalíptico. Outros falan de fallos no guión ou de cousas pouco lóxicas ou cribles, o que tamén é certo, pero que alguén me diga que historia deste tipo non os ten. Ningunha delas soportaría unha análise en profundidade de algo que, no fondo, non ten máis intención que a de entreter ao espectador. E iso é algo que consegue, estivemos atentos, entretidos, tensos e pendentes da historia, algo que vai no seu favor. Quizais podemos botar de menos algo máis de desenvolvemento, algún personaxe con algo máis de peso ou algunhas ideas que poderían alongarse algo máis para darlle un pouco máis de peso á cinta, pero é o que hai e tal cal é gustounos.

Eu recoméndoa aos afeccionados ao xénero, non creo que os decepcione. Creo que é un bo paso cara a unha cinematografía algo distinta á habitual e que pode facer que certo tipo de público que escapa das salas simplemente por ser española volva a elas.

miércoles, 27 de marzo de 2013

"La reina descalza", Ildefonso Falcones




As dúas novelas anteriores do autor de hoxe apareceron por aquí ao pouco tempo de empezar con este blog, alá polo mes de marzo de 2010. Non podía deixar pasar a terceira, de moi recente aparición no mercado editorial e esperada cunhas certas ganas por parte dos lectores habituais do xénero. De momento está a ter boas ventas e as críticas son de todo tipo, como soe suceder. A min gustoume por momentos, noutros non tanto e creo que repite en demasiados momentos esquemas das anteriores, sen engadir demasiadas novidades, así que me gustou algo menos que as outras dúas. O autor é Ildefonso Falcones e a novela que nos acaba de deixar é “La reina descalza”, editada por Grijalbo.

Ildefonso Falcones é avogado e exerce a súa profesión en Barcelona. A súa primeira novela, “La catedral del mar” (2006) chegou a ter un gran éxito e foi publicada en máis de corenta países, recibindo varios premios. A súa segunda novela, “La mano de Fátima” apareceu no 2009 e repetiu a liña do anterior. Nestes momentos é un dos autores máis vendidos e lidos en varios países e as súas novelas son garantía de éxito. “La reina descalza” é a máis recente, publicada apenas hai unhas semanas e de momento leva a mesma liña de ventas que as anteriores.

Sevilla, 1748. Caridad é unha escrava negra que chega ao porto de Cádiz tras unha viaxe desde Cuba na que acompaña ao seu amo. Pero na travesía este morre e antes de facelo entrégalle un documento no que lle da a liberdade. En Cuba dedicábase a traballar co tabaco, cunha dura vida de escrava, obrigada a deitarse co seu amo, que entregaba aos seus fillos tras o nacemento. Agora está soa en España, sen saber moi ben a onde ir nin que facer coa súa vida. Unha muller triste, calada e taciturna, tan acostumada a recibir ordes que non se ve capaz de facer case nada por iniciativa propia. Animada por un sacerdote que a ía con ela na viaxe acaba en Sevilla, buscando o Convento dos negros, un lugar no que cre que poderán axudala. Pero a súa chegada a Sevilla é practicamente secuestrada por un home que a obriga a prostituírse, levando unha vida moi parecida á que levaba en Cuba. Todo cambia cando coñece a Melchor Vega, un patriarca xitano, seco, serio e cabeza da familia Vega. Para el dedicarase a traballar co tabaco co que contrabandea e a cantar, algo que a Melchor lévao a un mundo cheo de paz e de sentimentos. Pero ademais coñecerá a Milagros Carmona, unha rapaza xitana que será unha das que conseguirán que a vida de Caridad dea un xiro e cambie, pasando a considerarse cada día máis unha persoa. Vivirá no barrio de Triana, onde están confinados todos os xitanos de Sevilla, dedicándose de forma legal ao traballo da forxa e de forma ilegal sobre todo ao contrabando de tabaco, un xénero que está controlado por completo polo Estado. Milagros Carmona é a neta de Melchor, unha rapaza vital, alegre, gran bailarina e cantante que ademais de dedicarse a ir por Sevilla nas festas a ler a boaventura á xente tamén actúa coa súa familia en festas de nobres da cidade. Está namorada de Pedro García, un amor imposible, xa que os Vega e os García son dúas familias que están enfrontadas dentro do mundo dos xitanos. Melchor Vega pasou unha boa tempada nas galeras condenado por culpa dos García, algo que nunca lles poderá perdoar. Así que vive dentro dun amor imposible moi preto duns Romeo e Xulieta xitanos. Ao redor deles outros personaxes de maior ou menor importancia, desde Ana Vega, unha xitana con gran carácter, orgullosa da súa raza e nai de Milagros, ata fray Joaquín, un crego sevillano namorado perdidamente de Milagros. Todos eles conformarán unha historia chea de desgracias, violencia e drama que van a máis a medida que avanzamos na lectura. Todo comeza coa orde do Rei de España de meter no cárcere aos xitanos, separando a familias e levando aos homes a un sitio a ás mulleres e os nenos pequenos a outro. Iso fará que Caridad estea, de repente, soa, perdida e con poucas expectativas, sen saber que facer. Pero todo irá cambiando pouco a pouco, separacións, reencontros e todo tipo de situacións, unhas máis inesperadas que outras.

Estamos ante unha novela, como no caso das dúas anteriores, que non é, para min, exactamente unha novela histórica, aparece dentro do xénero de ficción histórica. Transcorre a mediados do século XVIII e circula ao redor de moitos datos reais, pero os personaxes e o desenvolvemento da historia é ficción, non hai un so personaxe con certo peso dentro da historia que responda á realidade. Por suposto que iso non é ningún defecto e é de destacar o traballo de investigación do autor sobre varios aspectos da historia. Por un lado o tema dos xitanos, que son os auténticos protagonistas da historia. Atoparemos datos sobre a súa forma de vida e os seus costumes, aínda que creo que nalgúns momentos pode caer en certos tópicos ou lugares comúns e tampouco é que se aborde demasiado en profundidade a vida deste pobo. Se é interesante toda a persecución por parte das autoridades que sufriron naquela época, os encarceramentos, as prohibicións de realizar moitos tipos de actividades e incluso de viaxar, os castigos e a violencia que se exerceu sobre eles. Na novela moito máis reflectido no mundo das mulleres que no dos homes, que son as auténticas protagonistas da maior parte dos feitos que nos vai contar. Interesante tamén todo o que nos aporta o autor sobre o mundo do tabaco, xa un monopolio estatal naquela época. O cariño con que Caridad trátao, tócao ou traballa con el. O contrabando, levado polos xitanos na súa maioría, pero tendo detrás á igrexa, que é a que puña o diñeiro e consumíao na súa maior parte, sen ter que pasar polos estancos estatais. Tamén aporta datos, en menor medida, sobre os teatros do XVIII, o seu funcionamento e como eran as funcións, que gustaba e que non, quen os levaba e como era a vida dalgúns dos actores. A vida en Madrid en 1750 tamén será outro aspecto sobre o que teremos bastantes e interesantes datos. Nese sentido toda esa información resultoume atractiva, aportoume cousas que descoñecía e está bastante ben introducida dentro da historia.

No que se refire á historia en si non terminou de gustarme completamente, é máis, pareceume algo excesivamente simple. Nas dúas novelas anteriores algúns comentarios dicían que unha das cousas que lles gustaran menos era que as desgracias que lle sucedían aos protagonistas eran continuas, quizais demasiadas para ser cribles, demasiado concentradas nunhas poucas persoas. Pois nesta creo que pasa o mesmo pero levado a un punto un pouco máis alto. Nalgúns momentos parecía estar a caer no folletín puro e duro, nas desgracias e na violencia un pouco sen sentido, en levar as cousas a extremo demasiado extremos, chegando a resultar excesivo, polo menos desde o meu punto de vista. Hai certos momentos, sobre todo a mediados da historia, que parecen algo esaxerados e incluso innecesarios para o transcorrer da historia. Poucas son as alegrías que teñen os personaxes, sumidos nunha vida chea de decepcións e tristezas, moitas delas ademais esperadas xa polo lector, quizais deixa demasiadas portas pechadas a algunha sorpresa e como lectores imos esperando case todo o que vai pasando.

Ademais tendo en conta o título a protagonista central parece ser Milagros Carmona, pero para min non foi o personaxe que máis me gustou. Engadiría antes tamén que algúns non están tan desenvolvidos como outros, a pesar de ser importantes, outro aspecto que non me convenceu demasiado e no que me pareceu que a historia afrouxaba un pouco. As veces non están tan claras as motivacións de algúns e algunhas deles para facer o que fan, o que pode desconcertar un pouco ao lector, ou parecerlle que os actos que realizan poden ser algo esaxerados ou desmedidos para o que sabemos deles. De todos modos gustáronme moito dous dos personaxes centrais e parte da historia que se centra neles dous foi a que, con diferencia, máis me gustou de toda a novela. Creo que Melchor e Caridad comen a todos os demais, cada un coas súas característica e a súa forma de actuar fixeron que tivera ganas de seguir lendo, cousa que non sei se pasaría se faltaran ou a súa participación na historia fora menor.

“La reina descalza” é unha lectura máis ou menos entretida. Non chega a facerse pesada ao longo das súas algo máis de setecentas páxinas aínda que creo que ten momentos moito mellores que outros e nalgúns o autor alóngase demasiado. Non chegou, en xeral, a atraparme como os dous anteriores aínda que si o fixo algo máis que outras do mesmo xénero. Caridad e Melchor, como dixen, parécenme o mellor da historia, a parte que máis me gustou e que atraeu, chea de matices e de bos momentos. A outra parte, a historia de Milagros a algún dos outros personaxes non o fixo tanto, non me resultou atrainte ou interesante, quizais algo máis tópica e esperada. A novela lese con agrado, pero creo que está algo por debaixo das súas dúas historias anteriores. Recomendable para pasar un bo rato e, iso si, saber máis dunha cousa interesante sobre a vida do século XVIII.

jueves, 7 de marzo de 2013

"El abuelo que saltó por la ventana y se largó", Jonas Jonasson



A novela de hoxe levaba tempo na miña lista de pendentes, pero unha amiga e compañeira púxose con ela e recomendouma, subiu algúns postos e foi unha das miñas últimas lecturas. Simpática, divertida, cínica, sarcástica e algunhas cousas máis pódense dicir dela, sobre todo que se le cun sorriso continuo nos labios. Tivo un gran éxito no momento da súa publicación, a mediados do ano pasado e podedes atopala na editorial Salamandra. O autor é Jonas Jonasson e a novela “El abuelo que saltó por la ventana y se largó”.

Pär-Ola Jonas Jonasson é un autor sueco nado en 1961 en Växjö, no sur de Suecia. Estudou sueco e castelán na universidade de Gotemburgo e posteriormente traballou como periodista en diversos medios. En 1996 fundou OTW, unha compañía de medios de comunicación coa que tivo bastante éxito, chegando a ter máis de cen empregados. A finais do 2003 podemos dicir que se farta de vivir so para traballar e por razóns médicas e persoais vese obrigado a vender a súa empresa no 2005 e cambiar radicalmente de vida. Trasládase a Sörmland, na costa sur de Suecia e posteriormente marcha a vivir a Suíza, onde se concentrou en escribir un libro, aquel que tiña na súa cabeza desde había tempo. De aí saíu esta de hoxe que é a súa primeira novela, publicada en Suecia no 2009. O libro foi un gran éxito tanto no seu país como nos que se foi publicando posteriormente. Desde o ano 2010 vive co seu fillo na illa sueca de Gotland. A novela foi traducida a máis de 30 idiomas e, posiblemente, sexa levada ao cine. Traballa agora na súa segunda novela. Como el mesmo comenta, hai que ser moi valente para ser un escritor sueco e escribir unha novela que non pertenza ao xénero negro e tirar polo camiño do sarcasmo e a ironía.

O protagonista central da historia é Allan Karlsson. Vive nun xeriátrico e o día da festa do seu cen cumpreanos, á que asistirá todo o mundo (alcalde, prensa...) decide escapar. Non é un plan preconcibido, non á algo que tivera pensado durante un tempo. Poucos minutos antes de que vaian avisalo para que vaia á festa que lle teñen preparada abre a fiestra da súa habitación e marcha sen ter claro nin a onde nin para que, so sabe que quere marchar de alí. Os seus anos son moitos, a súa axilidade pouca, pero moitas as súas ganas de vivir. En zapatillas e sen nada máis que o posto escapa do lugar onde vive, o lugar no que non quere morrer. Ponse a andar e chega á estación de autobuses, onde pide un billete para calquera sitio, aquel para o que lle alcance o diñeiro que leva enriba. Un rapaz pídelle que lle garde unha maleta mentres vai ao baño e Allan ve a oportunidade de conseguir algo de roupa e sabe Deus que máis. Así que colle a maleta, moi pesada por certo, sobe ao autobús e vaise. O que non sabe é que na maleta hai cincuenta millóns de coroas que pertencen a un grupo de delincuentes, Never Again. A partir de aquí todo converterase nunha gran e moi divertida aventura para o lector chea de novos personaxes, situacións ridículas ou perigosas e un montón de peripecias que non vou contar en absoluto, o mellor é lelas e deixar que o sorriso ou incluso algo máis apareza na cada do lector.

A narración irá alternando as distintas situacións que Allan terá que afrontar, xunto con algúns compañeiros de viaxe que se irá atopando, coa propia historia deses cen anos de vida que carga ás súas costas. Moitas cousas coñeceremos de toda esa vida e nesa historia radica, para min, unha das xenialidades da novela. Converterase case noutra historia do século XX (moito máis divertida e curiosa que a triloxía de Ken Follet que comentei hai pouco) con este curioso personaxe como eixo central. Allan certo día decide, porque si, marchar de Suecia e ir a coñecer mundo. Pero non pequenas viaxes, non, grandes e complicadas viaxes por case todo o mundo. Ao longo dos mesmos irá tomando contacto con case todos os grandes personaxes da historia do século XX a nivel mundial e terá certa participación nalgúns dos grandes acontecementos do século. Esta parte do relato pareceume realmente xenial, divertida, amena e incluso crible nalgúns momentos, claro que noutros non. Pero non creo que esa fora a intención do autor, evidentemente non é unha novela histórica, pero Jonasson soubo cruzar ao seu protagonista cunha serie de personaxes reais conseguindo un relato máis que curioso e que consegue que o lector imaxine case todas as situacións. Iso non lle resta ningún valor ao relato do momento actual, de como Karlsson vai coa súa maleta por Suecia adiante atopándose cunha serie de personaxes tamén interesantes e curiosos. Todos eles, desde os delincuentes, os policías, os xuíces e aqueles que se fan os seus amigos, forman un conxunto que se combina á perfección. De todos eles, ademais, coñeceremos o suficiente para ver como todos os seus actos están perfectamente xustificados, non son so seres ridículos dentro dunha historia que pode parecelo. Evidentemente non estamos ante un relato realista, é completamente fantástico pero con tal dose de realidade que ata a presenza dun elefante como un elemento importante pareceranos completamente lóxica.

A historia e a súa lectura conteñen simpatía, diversión e risas pero sobre todo sarcasmo e ironía. A forma na que a maior parte dos personaxes históricos están tratados fará imposible que non riamos, ao mesmo tempo que en todos eles aparece un leve aire de crítica ante moitas das decisións que tomaron durante as súas vidas. Como dixen antes non vou mencionar a ningún para non desvelar demasiado, porque unha das mellores cousas que ten a historia é o elemento sorpresa. Leremos pensando que xa non poderá pasarlle nada máis ao amigo Allan, pero o autor sempre será capaz de sorprendernos con algo máis, con un paso adiante na historia que nunca, ou case nunca, esperaremos. Ao final descubriremos como o máis importante é a amistade, a felicidade e as boas relacións entre as persoas, que todo, ata o máis dramático, ten arranxo e que nunca nada está perdido pase o que pase, ao día seguinte sempre sae o sol e se as cousas non se arranxan dunha maneira farano doutra, aínda que para iso teñamos que mentir, inventar historias ou falsear a realidade.

A verdade é que gustoume moito a novela, xenial para pasar un bo rato, tanto que ata se me fixo curta e tivera lido máis con moito agrado. O estilo é sinxelo, fluído e áxil, sempre está a pasar algo e nada pasa porque si. Veremos como ata os momentos máis estraños ou ridículos volverán de repente para arranxar, ou estropear algo. Os personaxes parecéronme todos xeniais, desde o protagonista ata a enfermeira que Allan non soporta e que lle fai a vida imposible. Todos eles teñen algunha participación importante no relato, e ademais, de todos eles coñeceremos, en maior ou menor medida, algo das súas vidas que fará que saibamos moito máis sobre eles do que o propio autor conta. E non esquezamos ese aire de humor negro que está presente en toda a historia, xogando con elementos como a morte ou a violencia e sempre dándolle a intención de provocar o sorriso ou o asombro. Creo que moi recomendable para pasar un bo rato, estou seguro de que vai gustarvos e, sobre todo, de que os vai sorprender en máis dun momento. Lede a historia de Allan e os seus amigos, xa me diredes que tal.

jueves, 28 de febrero de 2013

"Dexter", as novelas de Jeff Lindsay






Unha das primeiras series que comentei neste blog, polo mes de febreiro de 2010 foi “Dexter”, da que agora estou a ver a sétima temporada, que nalgúns momentos estame a decepcionar un pouco, rizando o rizo demasiado creo eu. Aínda así o personaxe segue a ser fascinante e segue a ter case o mesmo tirón que nas anteriores. Claro que algunha desas temporadas deixou o listón tan alto que non é sinxelo polo menos manterse. Como digo a pesar de esa lixeira decepción sígoa con ganas, esperando a ver como resolven as cousas. Dexter forma parte xa do mundo televisivo, unha serie con orixinalidade, dureza e moi pouco condescendente co espectador, como dicía naquel comentario, é fascinante ver como os guionistas conseguen que sintamos unha certa empatía e simpatía por un personaxe como el. Hoxe non vou falar da serie, que iso xa tocou, pero si de algo que seguramente os verdadeiros afeccionados xa coñecen pero que moitos outros non. É un personaxe de novela inicialmente, dunha serie de novela que teñen como autor a Jeff Lindsay. Tras o éxito da publicación da primeira a produtora Showtime decidiu iniciar a serie, cunha primeira temporada que segue máis ou menos esa novela. Logo digamos que se inspira nalgunhas situacións e momentos do resto das novelas, pero segue argumentos propios, sempre mantendo aos personaxes centrais e todas as características dos mesmos.

Jeff Lindsay é o seudónimo de Jefrey P. Freundich, novelista e dramaturgo nado en Florida en 1952. É licenciado en literatura pola Universidade de Middlebury. Posteriormente realizou un máster en dirección teatral. Nos seus inicios traballou como actor e músico. É autor de máis de vinte obras de teatro, algunhas musicais, e varias producións de televisión e de cine. Nalgunhas delas colabora coa súa dona, Hilary Hemingway, sobriña do coñecido novelista. Tras varias novelas e traballos en periódicos de Florida, a fama chegoulle coa publicación de “El oscuro pasajero” en 2004, primeira das novelas dedicadas ao personaxe de Dexter e que serviu de base para a serie de televisión. Por esa novela foi nominado a un premio para novelistas noveles, pero foi eliminado do mesmo ao ver que tiña novelas anteriores publicadas con seudónimo. Outras novelas da serie son “Querido Dexter” (2006), “Dexter en la oscuridad” (2008), “Dexter por decisión propia” (2010) e a última traducida e que remato de ler hai pouco é “El asesino exquisito”. En inglés a última é “Double Dexter”, do 2011.

Que teñen en común as novelas e a serie? Como comentei a primeira temporada da serie parte da primeira das novelas, seguíndoa cunha certa fidelidade en canto a aspectos argumentais e ás características básicas do personaxe. Do mesmo modo a maior parte dos personaxes das historias en papel aparecen na serie máis ou menos coas mesmas características. A súa irmá, os outros forenses, os axentes da policía de Miami, o misterioso irmán do protagonista, a súa noiva e futura esposa xunto cos dous fillos desta... Practicamente todos están nas novelas, pero tras a primeira temporada toman camiños distintos e non podemos dicir que algunha delas estea baseada nas novelas posteriores. Si que teñen momentos tomados de algunha delas, asasinos que aparecen nalgún momento poden converterse nos protagonistas televisivos, pero en ningún caso asociemos cada unha das entregas editadas coas que podemos ver en televisión. Tamén, en xeral, as formas de comportarse destes personaxes que xiran ao redor do protagonista son comúns a ambas. Se vimos a serie e logo lemos as novelas veremos como le poñemos cara ao mesmo tempo que lemos a todos os personaxes. Deborah é tan mal falada, seca e borde nun sitio como no outro; Masuka é igual de friki e insoportable en ambas. Teñamos en conta que Lindsay, o creador de todo este mundo, participa de forma activa en todos e cada un dos episodios da serie. En ambos casos o éxito dos dous medios foi unha sorpresa para todos. Non esperaban que poñer como protagonista a un asasino en serie que traballa coa policía e encárgase de calmar os seus instintos matando a xente que segundo o código que lle ensinou o seu pai adoptivo meréceo chegara a ter o público que ten. Así que de momento temos seis novelas e sete temporadas de serie, a oitava chegará á televisión americana a mediados de ano.

E, que distingue ao Dexter de papel do da pequena pantalla? Pois a pesar de ter o mesmo aire son algo distintos. Podemos dicir que o da televisión, evidentemente, está algo máis suavizado que o das novelas, máis preto e máis simpático para o espectador. Os seus actos aparecen como algo máis xustificados, máis razoados e lóxicos. Na serie nese sentido é máis suave o personaxe, incluso chegando a sufrir nalgún momento por aquilo que fai. Ese código que o seu pai ensinoulle é a base do seu comportamento e incluso esfórzase por ter sentimentos humanos. O Dexter das novelas é, se cabe, moito máis escuro, máis negro e máis cruel. Os diálogos internos con ese escuro pasaxeiro que vive no seu interior son moito máis directos, máis crueis e xustificando máis a violencia na que vive inmerso. Este outro Dexter non so non entende a maior parte dos comportamentos sociais da xente que lle rodea, senón que se burla deles, ridiculízaos e os seus intentos por comportarse como o resto parecen case ridículos. É moito máis cínico con ese tipo de actuacións, con todo o que ten que facer para encaixar nunha sociedade que non entende porque non é capaz de sentir o mesmo que os demais. Neste sentido é moito máis frío e moito máis cínico, máis directo. Case todo o que lle rodea pode converterse en algo que ridiculizar, case como se o mundo fora unha gran obra de teatro onde el, que non está mediatizado por todos eses sentimentos humanos, dirixe todo ao seu antollo e ri de todo. Todo isto cambia nalgún momento, pero non vou contar nin en cal nin en que novela. O Dexter das novelas está en estado puro, sen pulir nin suavizalo para que non apareza ante o espectador como un asasino desapiadado. Nas novelas dependendo de que estea a facer ou en onde estea case temos dous personaxes distintos, que falan de formas distintas e ven a realidade tamén de dúas formas. Por un lado temos ao solitario, que so está acompañado do seu escuro pasaxeiro, unha constante en cada páxina, frío, seco e directo. Por outro lado temos ao que está obrigado a socializar para que ninguén sospeite del, que cara afora compórtase como o home ideal pero que cando lemos o que pensa en realidade non é máis que un cínico completo e total, practicamente sen un so momento de sentimentos humanos.

 As novelas son máis ou menos curtas, ao estilo da clásica novela negra de toda a vida. Directas e sen demasiadas cousas fóra da historia principal. Os personaxes están perfectamente deseñados e plantexados, todos teñen a súa función. Ademais de centrarse no personaxe principal en cada unha delas temos a un asasino en serie que se converte no antagonista de Dexter, aquel ao que o seu escuro pasaxeiro ten máis ganas de coller e de matar. Incluso, aínda mantendo os rituais básicos que coñecemos da serie, os seus asasinatos non son tan estéticos, por dicilo dalgunha maneira, como vemos na televisión, aquí máis dunha vez convértense en algo brutal, ou máis brutal. A verdade é que se ven como auténticos asasinatos que como rituais produto dunha necesidade interior e unha liberación.

Dous Dexter parecidos pero distintos. Se sodes seguidores da serie eu vos recomendaría que tentarades ler as novelas, empezando loxicamente pola primeira, a máis parecida ao que coñecemos. Logo verémolas dunha maneira distinta, novas aventuras do señor Morgan e a súa escuridade interior. Eu volas recomendo, por certo, toda elas editadas por Umbriel ou Books 4 Pockett.