miércoles, 17 de abril de 2013

"Solo el silencio", R.J. Ellory



Hoxe déixovos unha nova novela do xénero negro que tamén me chegou por recomendación paterna. Non é exactamente un exemplo perfecto do xénero e algúns críticos e o propio autor falan dela como unha forma especial dentro deste xénero, como un thriller a cámara lenta, no que o núcleo central é outro e non a historia de asasinatos, resolución de misterios ou captura dun desapiadado asasino, aínda que de todo isto ten, claro. O autor é R. J. Ellory e a novela titúlase “Solo el silencio”, editada no ano 2011 por RBA Libros. Un autor que non coñecía e que me gustou bastante, sobre no sentido de como xoga con moitos dos lugares comúns do xénero para facer algo lixeiramente distinto en moitos sentidos.

A primeira sorpresa foi descubrir que non é un autor americano, algo que se me pasou pola cabeza cando estaba a ler a súa novela. Roger Jon Ellory é inglés, nado en 1965 en Birmingham. Tras uns primeiros anos marcados polo abandono do seu pai antes do seu nacemento ou a morte da súa nai, pasar por diferentes internados e rematar estudando na súa cidade natal. É diplomado en artes gráficas e deseño, abandonando a universidade antes de licenciarse. Aos 17 anos foi arrestado por caza furtiva e condenado a prisión. Interesouse polo deseño gráfico, a fotografía e a música, actualmente forma parte dun grupo musical. Entre as súas influencias á hora de escribir recoñece as de Conan Doyle, Tolkien ou Stephen King e doutros importantes autores de ficción, xénero ao que é afeccionado. Comezou a súa primeira novela con 22 anos. Entre 1987 e 1993 escribiu máis de vinte novelas, a maior parte delas rexeitadas polas editoriais. Por esa razón deixou de escribir, pero retomou a actividade no ano 2001. Empezou a traballar como oficinista e dedicou as súas horas libres a escribir de novo. Entre 2001 e 2003 rematou tres novelas, “Candlemoth” foi unha delas e conseguiu publicala en 2003, cun certo éxito dentro e fóra do seu país. Desde aí ata 2013 publicou dez novelas máis, gañando algúns premios de certa importancia. A que vos deixo hoxe é a súa quinta novela nesta serie, con gran éxito, traducida a vinte idiomas e con varias nominacións e premios gañados, incluso chegará ao cine. Polo que vin é, de momento, a única que se pode ler en castelán. Como curiosidade dicir que hai uns anos descubriuse que baixo varios pseudónimos o propio autor dedicábase a dar boas valoracións e críticas das súas novelas en páxinas web de ventas, como Amazon. Chegaba a cualificalas de xeniais, magníficas ou de obras mestras modernas, ao mesmo tempo que atacaba a algúns dos seus competidores.

A novela transcorre no pequeno pobo de Augusta Falls, en Georgia, ao sur dos Estados Unidos a finais dos anos 30, chegando case ata os nosos días. O protagonista central é Joseph Vaughan, que nese momento so conta con doce anos de idade, nun mundo dominado pola ameaza da Alemaña nazi e o principio da Segunda Guerra Mundial. Aos seus poucos anos verase inmerso nun mundo de tristeza e violencia. O primeiro golpe é a morte do seu pai, quedando so coa súa nai nunha pequena granxa das aforas do pobo e con poucos recursos económicos. Ademais diso empezarán a aparecer cadáveres de nenas brutalmente asasinadas. Tras secuestralas o asasino mátaas e mutílaas salvaxemente, deixándoas despois onde calquera poderá atopalas. Joseph, pensando nas nenas e sobre todo nunha das súas veciñas, decide formar unha patrulla con varios dos seus compañeiros, os Vixiantes, para tentar atopar á persoa que está a facer esas barbaridades, pero todos os seus esforzos non chegarán a bo porto. Os asasinatos continúan, a policía de varios condados está completamente desorientada, non teñen pistas nin a máis mínima idea de quen está a facer estas cousas. Joseph non ten demasiados amigos e a relación coa súa profesora vaise facendo cada vez máis estreita. Ela ve algo nel, un talento especial que non quere que desaproveite. A Joseph gústalle escribir e ela será a encargada de que desenvolva ese potencial que ten, animándoo, dándolle lecturas e conseguindo que participe nalgúns concursos. Pero nada serve, nin a patrulla nin o traballo policial. Joseph vai crecendo, a súa vida vai cambiando en moitos sentidos e os asasinatos non paran. Incluso el será un dos que atope a unha das nenas salvaxemente asasinadas. Todo fai pensar que ten que ser alguén que pertenza a algún dos pobos que están preto aos lugares onde van aparecendo, pero a policía segue sen pistas. En certo momento un veciño parece ser o asasino, varios obxectos das nenas mortas aparecen no seu poder, por fin parece que todo rematou. Pero cincuenta anos despois, tras moitas cousas, os asasinatos non paran. Rematará algunha vez? Quen é o brutal asasino? Toda esta historia, acompañada da vida de Joseph Vaughan, que é un dos núcleos centrais da historia.

A min a novela gustoume bastante. Está escrita con sobriedade, sen demasiados excesos e ao mesmo tempo lese dunha forma fluída e a historia faise interesante. Como dixen ao principio nalgúns sitios falan dela como un thriller a cámara lenta, polo que está lonxe da típica historia do xénero. Aquí non temos pistas, investigacións nin moito menos acción, disparos ou esas cousas. Se lle quitamos o compoñente do asasino en serie podería ser unha historia case igual de interesante pero na que quedarían sen explicar algunhas reaccións, situacións ou formas de comportarse dalgúns personaxes. Os asasinatos das nenas son un fío central da vida de Joseph que se vai alongando a través do tempo e que ten unha gran influencia en todo o que lle vai pasar ao longo da historia. Pero a trama está centrada neste personaxe principal, na súa vida desde a súa infancia nese pequeno pobo ata case o final, cando vive en Nueva York. Ao longo de todo ese tempo coñeceremos todo o que lle pasa, que non será pouco. Non é unha novela negra nun sentido preciso, é un relato narrativo que ten como detonante das situacións a ese asasino en serie de nenas. A historia é interesante e está ben desenvolvida e será imposible que non nos preguntemos varias veces quen pode ser ese brutal asasino, pero ao mesmo tempo interesaranos moito a vida de Joseph e o que lle vai pasando, como vai desenvolvéndose e todos os problemas que terá. Ademais diso todos os personaxes que xiran ao redor del son importantes, desde os que están ao seu lado nos seus primeiros anos ata os que irán aparecendo a medida de que crece.

Como curiosidade comentar que antes de ler a novela non vira nada da vida do autor nin das súas influencias. Cando estaba a ler os primeiros capítulos pensei que me recordaba en moitas cousas a algunhas historias dun dos meus autores favoritos, Stephen King. En concreto moitos dos momentos dese principio trouxeron á miña memoria un dos seus mellores relatos curtos, “Verano de corrupción”, de onde saíu unha das mellores películas que toman os seus contos como base, “Cuenta conmigo”. Esa relación que se establece entre Joseph e os seus amigos, a complicidade e moitas das situacións que pasan semellaban en moito a esa historia. Todo quedou máis claro cando lin que este autor era unha das influencias que el mesmo recoñecía, é imposible non darse conta.

Como dixen, unha novela negra algo distinta ao habitual, sen moitos dos elementos típicos do xénero e con outros que si aparecen, con cousas engadidas que fai que sexa interesante e entretida. Creo que podería gustar aos afeccionados ao xénero, pero tamén a moitos que non o sexan, porque como dixen é máis a narración dunha vida completa que a investigación desa decena de asasinatos. Lese con interese e creo que consegue atrapar ao lector nesa vida de continuos altibaixos, con bos e malos momentos. Sobre todo porque cando empezamos a ler estamos ao mesmo tempo coñecendo o final e o principio da historia, partimos como lectores do final para ir vendo como se vai desenvolvendo todo, pero non quero contar máis porque penso que merece a pena que a leades. Anotarei ao autor, creo que as súas outras novelas poden resultar apetecibles.

No hay comentarios:

Publicar un comentario