jueves, 4 de abril de 2013

"Los últimos días"



Hai xa un tempo que apareceu por aquí o último comentario sobre cine, unha actividade que tiñamos un pouco deixada de lado. Estas últimas vacacións, tendo en conta o bo tempo que tivemos, fun dúas veces ao cine, así que o comentario de hoxe é sobre unha das películas que vimos. A outra, “G. I. Joe, la venganza” non é máis que un mero entretemento do que pouco máis se pode dicir que iso, pero a verdade é que a carteleira tampouco deixaba demasiada marxe para a elección. Tampoco somos demasiado afeccionados ao cine español, pero vimos o trailer e chamounos a atención. Relacionado con isto, un pequeno aparte. A ver se os encargados de montar os trailers córtanse un pouco. Ultimamente case non é necesario ir ver a película, con velo case te chega porque practicamente todo o importante ou central da historia aparece nel. O trailer non debería ser máis que un reclamo, unha forma de chamar a atención do espectador para que vaia ver a cinta, pero é algo que case te podes aforrar, porque salvo o final contan case todo. Fomos ver “Los últimos días”, cine español con vocación internacional que non está nada mal. Por algún lado lin que agora falan de facer cine á americana, unha afirmación que non me gusta demasiado. Eu prefiro pensar en que están a facer un cine que se pode exportar, que calquera espectador de case calquera sala do mundo pode ver e disfrutar con el. Creo que incluso os espectadores de aquí estamos un pouco cansos de ver case sempre o mesmo e se queren que a xente vaia ás salas teñen que pensar en facer cousas algo máis entretidas e que chamen a outro tipo de espectador. Nestes últimos anos houbo unha serie de historias que responden a xéneros como a acción, o terror ou a ciencia ficción, xéneros que non aparecían demasiado polas salas con firma española. Están aparecendo novos directores que, normalmente con financiación na súa maior parte estranxeira ou con actores de fóra, están a conseguir abrir portas que ata agora estaban pechadas.

Estamos en Barcelona na época actual. A historia céntrase en dous personaxes, que son os que levaran o peso da mesma. Por un lado temos a Marc, un rapaz que traballa nunha empresa de software na que pasa máis horas que na súa casa, onde espera por el Julia, a súa parella, que traballa nunha xoguetería dun centro comercial. Por outro lado temos a Enrique, un executivo de alto nivel que é o encargado de facer funcionar empresas, de apertar aos traballadores e de botar a aqueles dos que poden prescindir. Dous personaxes completamente distintos que nunca pensaron que poderían ter algún tipo de relación e moito menos que ían pasar unha verdadeira, violenta e perigosa aventura. Algo raro está a pasar en todo o mundo, xente que ten pánico a saír da casa, suicidios e estraños fenómenos. Algo hai no aire que provoca que a xente sufra unha grave especie de ataques de agorafobia que rematan coa morte cando se atreven a saír ao exterior. Ante isto todos vense obrigados a vivir nas súas casa, igrexas, hospitais ou o lugar onde os collera o momento no que todo o mundo vese afectado. A Marc e Enrique atoparémolos no edificio no que o primeiro traballa e o segundo é o encargado dos axustes de persoal. Enrique é un home duro, seco e individualista, que vai ao seu sen pensar en ninguén máis, capaz de pisar a calquera e de pasar por riba de calquera con tal de conseguir o que quere. En certo momento Marc descobre que Enrique ten un GPS e decide falar con el, pedirlle a súa axuda ou colaboración para tentar saír de aí. Marc quere ir a súa casa, quere ver se Julia aínda está alí e recuperala. Enrique ten un obxectivo distinto, tamén quere saír, pero a súa idea é ir a zona da Vila Olímpica. Cada un ten cousas que o outro quere e conseguen chegar a un acordo bo para os dous, pero tan frouxo como o momento no que viven. Así empezará unha viaxe polos túneles do metro, os sumidoiros e o subsolo da cidade. Uns lugares cheos de xente, de persoas desesperadas que non se atreven a saír e aliméntanse do que poden. Grupos violentos, xente perdida, de todo atoparán nesa especie de odisea pola Barcelona subterránea.

O peso da historia recae nos dous actores principais e son eles os que levan a voz cantante en todo momento. Enrique está interpretado por José Coronado, para min un dos mellores actores, sobre todo en certo tipo de papeis, do panorama español. Creo que a primeira vez que me fixei nel foi vendo unha serie española de hai xa uns anos e que non estaba nada mal, “Periodistas”. Ultimamente especializado en papeis de home duro e algo violentos, impecable en “No habrá paz para los malvados” ou “La caja 507” por exemplo. Aquí segue esa liña e gustoume moito o papel que interpreta en todos os sentidos, os xestos, as caras, a voz, sempre convincente e enchendo a pantalla coa súa presencia, tanto que cando non aparece parece que falta algo e a película perde un pouco. O outro papel principal, o de Marc, está interpretado por Quim Gutiérrez, un actor que empezou en series da televisión catalá e que agora está a facer algo de cine. Non o vira antes e gustoume por momentos, un pouquiño irregular desde o meu punto de vista. Ten escenas realmente boas e outras, sobre todo en canto a matices de voz, que me deixaron algo máis frío, pero aínda así tamén está ben. O outro papel cunha certa relevancia, aínda que moito menor, é o de Julia, a actriz Marta Etura. As poucas escenas que ten resólveas moi ben.

Os directores da historia son ademais os guionistas, os irmáns Álex e David Pastor. Dous novos directores e escritores dos que non oíra falar demasiado. Despois de varias curtas, a súa primeira película foi “Infectados” (2009) que non vin pero que segue a liña de cine de ficción e terror. A de hoxe é a súa segunda historia longa e vendo o éxito que está a ter e a súa posible saída internacional non creo que sexa a última. A historia está ben levada, cos momentos xustos de tensión metidos cada pouco ao longo da mesma. As escenas de acción son as xustas e están ben rodadas e incluso temos algunha sorpresa inesperada. Quizais o único que non me gustou moito foi un uso algo esaxerado do flash-back. Vannos contar a historia con continuos saltos cara atrás no tempo para que vaiamos entendendo o que está a pasar pero en algunha ocasión algún deles en lugar de explicar fai que caia nunha certa repetición. As escenas máis impactantes e logradas son as de unha Barcelona baleira, desolada e nun camiño cara á destrución que non parece ter volta atrás. O uso dos efectos especiais creo que está feito na súa xusta medida, sen dominar por riba da historia. Creo que en xeral fixeron un bo traballo e anotarei para estar pendente das súas futuras producións.

A película gustoume bastante. Nalgunhas críticas lin opinións de todo tipo. Algúns falan dun uso esaxerado de certos tópicos de historias parecidas, algo que pode ser certo, pero que tampouco me parece un defecto en si mesmo. É máis, creo que ten unha boa mistura entre certas ideas orixinais e o uso de camiños xa coñecidos, algo que pode quedar tamén no terreo da homenaxe a clásicos do xénero apocalíptico. Outros falan de fallos no guión ou de cousas pouco lóxicas ou cribles, o que tamén é certo, pero que alguén me diga que historia deste tipo non os ten. Ningunha delas soportaría unha análise en profundidade de algo que, no fondo, non ten máis intención que a de entreter ao espectador. E iso é algo que consegue, estivemos atentos, entretidos, tensos e pendentes da historia, algo que vai no seu favor. Quizais podemos botar de menos algo máis de desenvolvemento, algún personaxe con algo máis de peso ou algunhas ideas que poderían alongarse algo máis para darlle un pouco máis de peso á cinta, pero é o que hai e tal cal é gustounos.

Eu recoméndoa aos afeccionados ao xénero, non creo que os decepcione. Creo que é un bo paso cara a unha cinematografía algo distinta á habitual e que pode facer que certo tipo de público que escapa das salas simplemente por ser española volva a elas.

No hay comentarios:

Publicar un comentario