A novela de hoxe levaba
tempo na miña lista de pendentes, pero unha amiga e compañeira
púxose con ela e recomendouma, subiu algúns postos e foi unha das
miñas últimas lecturas. Simpática, divertida, cínica, sarcástica
e algunhas cousas máis pódense dicir dela, sobre todo que se le cun
sorriso continuo nos labios. Tivo un gran éxito no momento da súa
publicación, a mediados do ano pasado e podedes atopala na editorial
Salamandra. O autor é Jonas Jonasson e a novela “El abuelo que
saltó por la ventana y se largó”.

O protagonista central da
historia é Allan Karlsson. Vive nun xeriátrico e o día da festa do
seu cen cumpreanos, á que asistirá todo o mundo (alcalde,
prensa...) decide escapar. Non é un plan preconcibido, non á algo
que tivera pensado durante un tempo. Poucos minutos antes de que
vaian avisalo para que vaia á festa que lle teñen preparada abre a
fiestra da súa habitación e marcha sen ter claro nin a onde nin
para que, so sabe que quere marchar de alí. Os seus anos son moitos,
a súa axilidade pouca, pero moitas as súas ganas de vivir. En
zapatillas e sen nada máis que o posto escapa do lugar onde vive, o
lugar no que non quere morrer. Ponse a andar e chega á estación de
autobuses, onde pide un billete para calquera sitio, aquel para o que
lle alcance o diñeiro que leva enriba. Un rapaz pídelle que lle
garde unha maleta mentres vai ao baño e Allan ve a oportunidade de
conseguir algo de roupa e sabe Deus que máis. Así que colle a
maleta, moi pesada por certo, sobe ao autobús e vaise. O que non
sabe é que na maleta hai cincuenta millóns de coroas que pertencen
a un grupo de delincuentes, Never Again. A partir de aquí todo
converterase nunha gran e moi divertida aventura para o lector chea
de novos personaxes, situacións ridículas ou perigosas e un montón
de peripecias que non vou contar en absoluto, o mellor é lelas e
deixar que o sorriso ou incluso algo máis apareza na cada do lector.
A narración irá
alternando as distintas situacións que Allan terá que afrontar,
xunto con algúns compañeiros de viaxe que se irá atopando, coa
propia historia deses cen anos de vida que carga ás súas costas.
Moitas cousas coñeceremos de toda esa vida e nesa historia radica,
para min, unha das xenialidades da novela. Converterase case noutra
historia do século XX (moito máis divertida e curiosa que a
triloxía de Ken Follet que comentei hai pouco) con este curioso
personaxe como eixo central. Allan certo día decide, porque si,
marchar de Suecia e ir a coñecer mundo. Pero non pequenas viaxes,
non, grandes e complicadas viaxes por case todo o mundo. Ao longo dos
mesmos irá tomando contacto con case todos os grandes personaxes da
historia do século XX a nivel mundial e terá certa participación
nalgúns dos grandes acontecementos do século. Esta parte do relato
pareceume realmente xenial, divertida, amena e incluso crible nalgúns
momentos, claro que noutros non. Pero non creo que esa fora a
intención do autor, evidentemente non é unha novela histórica,
pero Jonasson soubo cruzar ao seu protagonista cunha serie de
personaxes reais conseguindo un relato máis que curioso e que
consegue que o lector imaxine case todas as situacións. Iso non lle
resta ningún valor ao relato do momento actual, de como Karlsson vai
coa súa maleta por Suecia adiante atopándose cunha serie de
personaxes tamén interesantes e curiosos. Todos eles, desde os
delincuentes, os policías, os xuíces e aqueles que se fan os seus
amigos, forman un conxunto que se combina á perfección. De todos
eles, ademais, coñeceremos o suficiente para ver como todos os seus
actos están perfectamente xustificados, non son so seres ridículos
dentro dunha historia que pode parecelo. Evidentemente non estamos
ante un relato realista, é completamente fantástico pero con tal
dose de realidade que ata a presenza dun elefante como un elemento
importante pareceranos completamente lóxica.
A historia e a súa
lectura conteñen simpatía, diversión e risas pero sobre todo
sarcasmo e ironía. A forma na que a maior parte dos personaxes
históricos están tratados fará imposible que non riamos, ao mesmo
tempo que en todos eles aparece un leve aire de crítica ante moitas
das decisións que tomaron durante as súas vidas. Como dixen antes
non vou mencionar a ningún para non desvelar demasiado, porque unha
das mellores cousas que ten a historia é o elemento sorpresa.
Leremos pensando que xa non poderá pasarlle nada máis ao amigo
Allan, pero o autor sempre será capaz de sorprendernos con algo
máis, con un paso adiante na historia que nunca, ou case nunca,
esperaremos. Ao final descubriremos como o máis importante é a
amistade, a felicidade e as boas relacións entre as persoas, que
todo, ata o máis dramático, ten arranxo e que nunca nada está
perdido pase o que pase, ao día seguinte sempre sae o sol e se as
cousas non se arranxan dunha maneira farano doutra, aínda que para
iso teñamos que mentir, inventar historias ou falsear a realidade.
A verdade é que gustoume
moito a novela, xenial para pasar un bo rato, tanto que ata se me
fixo curta e tivera lido máis con moito agrado. O estilo é sinxelo,
fluído e áxil, sempre está a pasar algo e nada pasa porque si.
Veremos como ata os momentos máis estraños ou ridículos volverán
de repente para arranxar, ou estropear algo. Os personaxes
parecéronme todos xeniais, desde o protagonista ata a enfermeira que
Allan non soporta e que lle fai a vida imposible. Todos eles teñen
algunha participación importante no relato, e ademais, de todos eles
coñeceremos, en maior ou menor medida, algo das súas vidas que fará
que saibamos moito máis sobre eles do que o propio autor conta. E
non esquezamos ese aire de humor negro que está presente en toda a
historia, xogando con elementos como a morte ou a violencia e sempre
dándolle a intención de provocar o sorriso ou o asombro. Creo que
moi recomendable para pasar un bo rato, estou seguro de que vai
gustarvos e, sobre todo, de que os vai sorprender en máis dun
momento. Lede a historia de Allan e os seus amigos, xa me diredes
que tal.
No hay comentarios:
Publicar un comentario