En xuño de 2011 comentei unha novela de xénero histórico, “Prométeme que serás libre”, de Jorge Molist. Das últimas que teño lido do xénero foi das que máis me gustaron por razóns que expuña naquel comentario, sobre todo pola perfecta conxunción entre unha historia interesante e amena e unha gran cantidade de datos históricos perfectamente introducidos dentro da mesma. Tamén vía que era evidente que era de esperar unha continuación por unha serie de feitos que quedaban algo colgados e cuns personaxes que deixaban as súas historias sen rematar. Recentemente apareceu esa esperada continuación e, evidentemente, pasou ás primeiras da lista de lecturas pendentes. Unha vez rematada reafírmome en todo o que dicía naquel comentario, segue a ser unha das miñas favoritas dentro do xénero case polas mesmas razóns expresadas naquel momento. Hoxe vos deixo un comentario de “Tiempo de cenizas”, de recente aparición no mercado editorial.
A recensión biográfica de Jorge Molist vouma aforrar nesta ocasión, ao comentario de hai un par de anos remítome porque o único que se podería engadir é a publicación desta novela de hoxe, a máis recente do autor.
Estamos a finais do século XV, unha época apaixonante entre os últimos momentos da Idade Media co seu escurantismo e as novas luces do Renacemento. Unha época histórica chea de contrastes onde se mistura a relixión opresora e castigadora coas ansias de vivir, de coñecer, de romper coas cadeas impostas polos clérigos e a Inquisición. Continuamos coa historia do protagonista central da anterior entrega, Joan Serra de Llafranc, aquel home ao que uns piratas deixaron case sen familia cando atacaron o tranquilo pobo de pescadores no que vivía. Matan ao seu pai, raptan á súa nai e irmás e o único que lle pide o seu pai antes de morrer é que lle prometa que sempre tentará ser un home libre. Unha promesa complicada de cumprir, xa que verá que a súa liberdade sempre estará delimitada polas súas débedas con outras persoas, as súas obrigas familiares ou militares, a atención ao seu negocio e moitos condicionantes máis. Tras todas as aventuras da primeira novela atoparémonos agora con Joan que conseguiu o primeiro e fundamental dos obxectivos da súa vida, casar coa muller da que namorou nada máis vela, Anna. Viven xuntos en Roma, rexentando unha librería e coa protección do Papa e os catalani, o grupo social e militar que domina a cidade. Pero non todo é tranquilidade na súa vida soñada, xa que hai situacións na cidade que fan que teña que vivir pendente de moitas cousas. Por un lado temos ao Papa Alexandro VI, da familia Borgia, que conta cun bo número de inimigos na cidade, xente que quere terminar co seu poder e o seu dominio. Pero o seu poderoso exército, dirixido polo seu fillo Juan Borgia, ten as cousas ben atadas. O primeiro problema ven deste home precisamente, que quere deitarse con Anna, a muller de Joan, a costa do que sexa. Esta situación provocaralle un bo número de problemas e será o detonante de moitas das cousas que lle ocorrerán a continuación. O seu gran amigo, Miquel Corella, segue ao seu lado, pero agora a súa forma de actuar depende en gran medida do que os Borgia queiran, xa que é o primeiro ao mando do seu exército, o home ao que recorren para solucionar calquera tipo de problema, custe o que custe. Ademais disto Joan aínda debe cumprir os seis meses que lle quedan pendentes de galeras, algo que o levará a participar en varias das guerras de conquista máis importantes da época ao servizo do exército español. Todo isto vai levalo de Roma a Florencia, Nápoles e Barcelona nunha serie de aventuras perfectamente enlazadas dentro do argumento. Un continuo movemento sempre en busca desa liberdade que lle prometeu ao seu pai no seu leito de morte e que tanto lle custa atopar e disfrutar. Cando as cousas parece que van mellorando sempre aparece algo que fai que se torzan, algo que pode estar ou non directamente relacionado con el ou a súa familia, xa que moitas veces son as propias circunstancias históricas as que farán que a súa vida de un xiro completo.
Como no caso da novela anterior gustoume moito pola perfecta unión entre feitos históricos e a propia narración de ficción que nos está a contar o autor. A cantidade de personaxes reais que van desfilando polas súas páxinas é maior que a dos personaxes de ficción e sempre aparecen dunha forma lóxica e crible para o lector. É máis, hai algún que non parece real, pero me levei unha boa sorpresa cando lin o epílogo final, moi interesante por certo, e descubrir que non eran unha creación do autor, senón unha recreación da historia. Polas súas páxinas desfilarán a maior parte dos integrantes da familia Borgia, o monxe Savonarola en Florencia, Maquiavelo será outro dos importantes da historia, o Gran Capitán e outros moitos entrarán a formar parte directa da vida do noso protagonista. Do mesmo modo viaxaremos por Roma, Nápoles, Florencia ou Barcelona, tomaremos parte en varias conquistas e intrigas, tanto do Papado como dos distintos reinos da época, todas elas partindo de feitos históricos. Creo que a labor de investigación de Molist é realmente impresionante, pero para min o máis xenial é a forma que ten de meter todos eses datos e feitos dentro dunha historia crible para o lector. É evidente que Joan, Anna e todos os integrantes da súa familia non existiron, pero meténdoos dentro dos demais non é imposible pensar que ben poderían ter pasado as súas vidas tal e como as conta o autor.
Outra das cousas que máis me gustaron da historia e que xa comentei anteriormente é a forma de pensar e actuar dos personaxes. Joan non é un heroe ao uso, perfecto e íntegro, para nada. Aparece ante nos como unha persoa normal, cun bo fondo pero vítima das súas paixóns e desexos de vinganza, tanto ante situacións inxustas ou que manchan a honra da súa familia como ante outras que quizais non o sexan tanto, pero que son importantes para a forma de vida que el quere. Tampouco é a novela un cúmulo de desgracias constantes como ocorre con outras do xénero. Evidentemente hai e son moitas pero sen que aparezan ante o lector como un folletín esaxerado e case incrible. Creo que un dos méritos do autor é que consegue que vexamos aos personaxes como persoas reais, cos seus defectos e as súas virtudes, coas súas alegrías e tristezas e con miserias e cousas positivas. Todos eles son cribles, polo menos para min como lector, e algo lonxe de moitos dos tópicos do xénero.
A acción é constante e non decae en ningún momento. Sempre está a pasar algo e moitos acontecementos van subindo en intensidade ata chegar ao punto máis alto para pasar a un leve momento de calma, sabendo que as cousas non van quedar así. Moitos personaxes da primeira parte, algúns que aparecían so ao principio, volverán agora para continuar a relación, mala ou boa, con Joan. Un dos que máis botaba de menos porque me gustara bastante é o seu irmán, co que volveremos a ter contacto e do que saberemos algo máis do que fixo ao longo dese tempo.
E non podo deixar de comentar de novo outro dos temas que centraban boa parte da primeira parte e continúa nesta. O tema dos libros, da librería, o traballo con eles, a impresión, a distribución de libros prohibidos e como se ían apañando para burlar á Inquisición, tema que aparece moito sobre todo cando os nosos protagonistas están en Barcelona. Segue a verse por parte do autor un cariño, un amor pola letra impresa que aparece en todas e cada unha das páxinas da súa novela. Como falan deles, como os tratan e, sobre todo, a súa importancia para o desenvolvemento da persoa e da sociedade, un elemento as veces tan poderoso ou máis que as armas.
Para min unha das mellores historias de novela deste xénero que teño lido nos últimos tempos. Ten absolutamente de todo e contado dunha forma tremendamente entretida e fluída, tanto que a pesar de ser unha novela longa pasóuseme nun suspiro. Amor, honor e deshonor, traizón, lealdade, amistade, guerras..., unha interminable lista de temas e situacións que non é fácil plasmar nestas liñas. Non deixo de recomendala e regalala cando teño oportunidade, gran historia que non poderá de deixar de gustar a todo bo lector e creo que os que non o sexan poderán afeccionarse á lectura coa gran historia do home que so busca unha cousa na súa vida e en todo o que fai, ser un home libre. Teredes que ler a historia de Joan Serra de Llafranc para saber se o conseguirá ou non.
No hay comentarios:
Publicar un comentario