jueves, 10 de mayo de 2012

"El círculo de los escribas", Romain Sardou



Volvemos ao mundo das novelas, neste caso do xénero negro ou de investigación, outro deses que soen gustarme bastante cando están ben feitos, manteñen a intriga e teñen un desenvolvemento medianamente orixinal, algo que non é demasiado fácil nun tipo de novela da que podemos atopar infinidade de exemplos. Neste caso dun autor do que comentei a súa primeira novela ao pouco tempo de empezar con este blog, alá por xullo do ano 2010 apareceu un comentario de “La herejía”, do novelista francés Romain Sardou. Neste caso esta é a súa terceira novela e curiosamente creo, desde a miña opinión, que adoece das mesmas virtudes e defectos que mencionei cando comentei a anterior. Logo explicarei algo máis. O título é “El círculo de los escribas”.

Romain Sardou é un autor nado en 1974 en Boulogne-Billancourt, Francia. Como curiosidade comentar que é fillo do cantante e compositor Michel Sardou. Ven dunha familia de artistas, cantantes, escritores e actores. Isto fixo que a súa infancia e xuventude estiveran cheas de arte en case todas as súas manifestacións, pero foi a lectura a que gañou a partida sobre as demais. Creceu lendo as obras dos grandes autores e foi o que fixo que se decidira pola escritura. Deixou a escola secundaria no ano no que se ía graduar coa idea de converterse en dramaturgo. Logo asistiu durante tres anos a clases de teatro, coa idea de comprender mellor o funcionamento do mesmo e entender a profesión de actor. Posteriormente traballou no festival de Rametuelle. Nos anos noventa viaxou a Estados Unidos e traballou na Disney. No ano 2002 apareceu a súa primeira novela, “La herejía”. En castelán as súas obras están editadas por Grijalbo e DeBolsillo. A primeira apareceu no ano 2004. Outras publicadas son “El peregrino del tiempo” (2006) e “Líbranos del mal” (2009). A que comento hoxe é do ano 2008. Ademais é autor de varios contos de Nadal escritos para os seus fillos. A súa última novela non foi editada aínda por aquí, titulada “Quitte Rome ou meurs” (“Vete de Roma o muere”), unha historia que transcorre na antiga Roma.

“El círculo de los escribas” transcorre na localidade de Concord, en New Hampshire. Alí o oficial de policía Stu Sheridan leva unha vida bastante tranquila, ata que nunhas obras atopan vintecatro cadáveres apilados de forma completamente ordenada, todos eles vestidos e cun disparo no corazón, tal como están parece que foron alí de xeito voluntario. Ademais non teñen características comúns, distintas idades, sexos... Un misterio que non poderá desvelar, xa que o FBI rapidamente collerá o caso, deixándoo de lado, aínda que Stu non é unha persoa que deixe as cousas con facilidade, sobre todo cando os asasinatos tiveron lugar na súa poboación. Ao mesmo tempo iremos coñecendo a historia de Frank Franklin, un estudoso da literatura, autor dun libro que tivo gran fama no que fai unha análise crítica de varios autores. A raíz desa publicación ofréceselle a posibilidade de ser profesor de creación literaria nunha prestixiosa universidade privada da mesma zona na que aparecen os cadáveres, a Universidade de Durisdee. Durante algúns capítulos coñeceremos a historia destes dous personaxes, dous camiños que parecen non ter conexión. Sheridan irá pouco a pouco recabando información sobre algúns dos asasinados, xa que vai custar identificalos, e sobre algunhas cousas relacionadas co caso. Mentres Franklin chega á universidade, instálase e comeza as súas clases. É evidente que ambos acabarán tendo contacto, ¿como? Buscando puntos en común entre os mortos Sheridan descobre que varios teñen algo que os relaciona, a afección á lectura de novelas negras dun misterioso autor que case ninguén coñece, un autor de ventas limitadas e non demasiado éxito pero que plasma todo nas súas historias con precisión milimétrica. Nun principio pídelle a Franklin que lea esas novelas para atopar nelas as claves do autor, tentando adiviñar cal é a súa forma de pensar e que relación pode ter coas misteriosas mortes, das que case non hai unha soa pista. No medio está tamén a existencia dun club secreto formado por uns poucos alumnos da universidade e que se fan chamar a si mesmos el Círculo dos Escribas. Pronto estes dous personaxes veranse inmersos nun gran misterio, nunha complicada historia que fará que teñan que cambiar a súa forma de ver as cousas e que estará chea de sorpresas e emocións. Terán que usar todo o seu inxenio para atrapar ao misterioso asasino, nun xogo entre literario e mortal.

A novela creo que ten un bo plantexamento, a idea central é bastante orixinal e o desenvolvemento da mesma está bastante ben logrado, conseguindo manter a atención do lector en todo momento. Nese sentido está moi ben, capítulo tras capítulo imos coñecendo algo máis, aclarando algunhas cousas e vendo todo desde o punto de vista dos dous protagonistas. Ambos personaxes están ben deseñados, teñen unha personalidade ben definida e a súa intervención dentro da historia está moi ben organizada. Ao redor deles algúns outros aparecen aos que haberá que estar moi atento, porque durante boa parte da historia non saberemos moi ben de quen desconfiar ou, sobre todo, como o asasino pode estar a facer o que fai. Ao igual que na novela que comentei anteriormente a linguaxe é directa, incluso nalgúns momentos pode facerse algo desagradable polo detallado e brutal, pero é a forma de facer que o lector poda chegar a sentir o mesmo que están a pasar os personaxes da historia. A novela lese moi ben e mantén ao lector nun certo estado de tensión, paréceme unha boa historia e nese sentido gustoume bastante. Para poder dicir algo máis quizais tería que desvelar algunhas partes, cousa que non vou facer, porque o mellor é, coma sempre, que o propio lector descubra as cousas a medida que avanza nas páxinas.

Pero ten un pequeno problema desde o meu punto de vista. Ao principio deste comentario dicía que para esta terceira novela do autor podería aplicar moitas das cousas que comentei cando o fixen coa primeira, que ten as mesmas virtudes e os mesmos defectos. A maior virtude está indicada no parágrafo anterior, a historia é orixinal, os personaxes non son demasiado tópicos e incluso entran dentro do crible, o desenvolvemento tamén está ben, pero fáltalle algo. Naquel momento dicía que “La herejía” era unha boa historia pero que fallaba no sentido de que quedaba demasiado simple, que podería dar máis de si ou estar máis desenvolvida nalgúns momentos. Pois a esta penso que lle pasa o mesmo. Hai nela moitas ideas que podería traballar máis, que quedan algo frouxas e que se as desenvolvera máis darían lugar a unha historia moito máis interesante. Non so no que se refire á parte da investigación, senón tamén na parte na que nos conta cousas dos personaxes, das súas vidas e do que fan. Certo é que de algúns non o fai demasiado porque quizais desvelaría parte dos misterios, pero con outros podería facelo. A historia transcorre durante unhas trescentas páxinas máis ou menos, quizais cunhas cantas máis quedaría moito máis redonda. Incluso as páxinas finais son algo caóticas, quizais demasiado rápidas tendo en conta o anterior, deses casos nos que parece que o autor non ten demasiado claro (ou non ten demasiadas ganas) como rematar a novela e liquida todo con excesiva presteza. Creo que cun pouco máis de desenvolvemento en varios sentidos sería unha novela moito mellor. 

Aínda así non está mal, recomendable para os que lle guste o xénero. Bastante entretida e boa de ler, pode un meterse dentro da historia con gran facilidade e seguir a estes dous protagonistas na súa aventura para atopar ao asasino. Boa lectura para unha tarde de verán, cando un está de vacacións e ten ganas de ler algo sinxelo, fácil e sen demasiado esforzo, e entretido e interesante ao mesmo tempo. Teño pendentes as súas outras novelas, non sei se lles pasará o mesmo (boas ideas cunha realización algo escasa), vereino nalgún momento.

miércoles, 2 de mayo de 2012

"Los Vengadores"



Este último domingo, por un par de cousas, foi como facer unha viaxe no tempo uns cantos, non poucos, anos cara atrás. Empezou coa comida familiar, apareceron sobre a mesa un par de pratos deses que un recorda con cariño de cando era máis novo. O bo é que sabían como recordaba, así que o inicio foi bo. E logo fomos ao cine, e aí a cousa continuou ben, volvendo aos anos dos cómics e dos superheroes. Non é a primeira vez que digo que foron unha das primeiras cousas que lin, o que me recorda un pouco aos catro rapaces que protagonizan unha das últimas series que apareceron por aquí, so que aínda gustándome moito todo ese mundo non o levo a situacións tan extremas como eles. A película de hoxe é de moi recente estrea, o día 27 de abril apareceu na carteleira, e dous días despois alá fomos ver “Los Vengadores”.

Por aquí pasaron xa a maior parte das películas que tiveron a varios dos protagonistas desta como eixe central, creo que a única que non comentei foi “Hulk” (aínda que para min sempre será A Masa, que é como se chamaba na miña época). Todas elas produtos entretidos e ben feitos, uns máis que outros, tendo en conta que nos meus gustos nun extremo quedarán as de “Iron Man” (como as que máis me gustaron) e no outro “Thor” (como a que menos, sen querer dicir que non o fixera). Todas elas parecían enfocadas á reunión do grupo que coñecemos como Los Vengadores, a unión de todos estes superheroes nun so grupo para defender a Terra de calquera tipo de invasión, medio comandados por Nick Furia e pertencendo ao grupo coñecido como Shield. Os máis afeccionados quedabamos a esperar tras cada unha delas a que pasaran os títulos de crédito para ver esa pequena escena final que, desde a primeira á última película, íanos confirmando a preparación da cinta que os xuntaría a todos. Pois aquí está, tras meses de ver trailers falsos e un montón de noticias e suposicións, por fin temos nas nosas pantallas á maior reunión deses personaxes nunha soa película. E para min o resultado foi máis que bo, gustoume moito e tívome moi entretido durante as case dúas horas e media de proxección. Por un lado non tiña dúbidas de que ía, como mínimo, a ser unha historia entretida e espectacular, pero sempre queda un certo resquemor ante o resultado de tal unión. Os cómics deste grupo eran realmente bos e teño un gran recordo deles, pero podía ser que á hora de levalos ao cine a cousa non resultara igual.

Nas películas anteriores vimos a historia de cada un deles, polo menos de catro, xa que dous dos seis que aparecen nesta non teñen unha para eles sós. Hulk, Iron Man, o Capitán América e Thor son os que tiveron unha cinta contándonos toda a súa historia, os seus principios e de onde xurdiron, para terminar como dixen con ese pequeno final que deixaba ver a idea desta reunión. Como nexo entre eles tiñamos a Shield e a Nick Furia, o encargado de recrutalos ou, polo menos, de telos controlados. A estes catro uniranse nesta cinta outros dos clásicos das historias gráficas, a Viuda Negra e Ojo de Halcón. Todos eles andan un pouco ao seu aire, pero algo pasará que fará necesario que se reúnan e traballen xuntos. Se nas anteriores asistimos ao nacemento da cada un destes heroes, nesta veremos como se forma o grupo que naquelas historias salvará á Terra de calquera inimigo.

O argumento, como é normal nestas historias, non é nada complicado. Nunha das últimas entregas, na escena final, viamos como Loki, o medio irmán de Thor, escapaba da morte e quedaba relacionado cun poderoso e misterioso cubo. Este cubo está a ser estudado e analizado nos laboratorios de Shield como unha posible e inesgotable fonte de enerxía, pero tamén é o medio para abrir un camiño cara a outros mundos. Loki volve para roubar o cubo e facilitar unha invasión que pretende destruír e conquistar a Terra. Ante iso o coronel Nick Furia verase na obriga de reunir aos superheroes e tentar que traballen xuntos para evitar a destrución do planeta. Máis ou menos o de sempre, o mal contra o ben e esas cousas ás que nos teñen acostumados este tipo de historias.

Neste caso o problema é saber como resultaría esta unión. En xeral as películas dedicadas a cada un deles tiveron bastante boa acollida de público e un notable éxito económico. Non parecía demasiado arriscado xuntalos a todos, algo que os fans esperaban, nunha soa cinta na que se investiron máis de douscentos millóns de dólares e que seguramente terá beneficios. O director é Joss Wheldon, un case novato no cine, procedente da televisión e que consegue un resultado aceptable. Creo que en mans dun directos algo máis experimentado neste tipo de cine podería ser algo mellor.

Non é fácil xuntar a esta cantidade de personaxes nunha soa historia e saír con ben. Por un lado un mérito da cinta é que sabe manter á perfección as características de cada un deles, algo que pode chamar a atención dos que non sexan seguidores dos cómics, pero que para os que si o son é algo notable. Thor, o fillo de Odín, inalterable e case hierático, pero maxestoso. O Capitán América nun mundo que non é o seu e que lle custa entender, un pouco fóra de lugar pero sempre disposto. O doutor Bruce Banner, escondido tanto do mundo como de si mesmo, sempre con medo a que saia Hulk, xa que non pode controlalo. E Tony Stark, Iron Man, faltón, prepotente, chulesco e individualista. Xunto a eles a Viuda Negra e Ojo de Halcón, case como acompañantes con algo menos de peso no desenvolvemento da acción, pero aínda así con escenas importantes. Facer que traballen xuntos é o máis difícil de todo, cada un quere facer a guerra pola súa conta e o de actuar en equipo non vai demasiado con eles, creen ser capaces de enfrontarse a calquera cousa pero eles mesmos deberán ser conscientes de que a ameaza á que se enfrontan non poderá ser derrotada se non colaboran.


Así estamos ante unha historia entretida e sobre todo ben feita. Para os que somos seguidores dos Vengadores desde hai anos quizais os primeiros tres cuartos de hora poden facerse algo pesados. Neles teremos case unha presentación da historia e os personaxes que se pode alongar demasiado, con excesivos diálogos e algunhas escenas para min prescindibles. A partir dese momento, cando xa os temos a todos xuntos, a película gaña en dinamismo, interese e, sobre todo, acción. Creo que se alonga demasiado nese principio, poderían telo feito algo máis breve e o resultado sería o mesmo. Claro que teñen que deixar claro como é cada un dos personaxes, as cousas que os motivan e animan actuar e como se van coñecendo pouco a pouco, xa que antes diso non se viran, pero sigo pensando que se fai algo largo e lento. Desde o momento no que embarcan no portaavións (impresionante concepto o desta nave cando se transforma) e empezan a interactuar entre eles a historia gaña en movemento e desde ese momento será case un non parar ata un final realmente espectacular.

Hai máis de cincuenta anos que estes personaxes apareceron en forma de historia gráfica, pero a actualización que se fixo deles esta moi ben, mantendo en parte o espírito de toda a vida e engadíndolle algúns elementos de modernidade. Non me vou parar nos espectaculares efectos especiais, realmente impresionantes, que fan crible unha historia de ficción imposible de filmar hai uns cantos anos. A imaxe dos heroes responde á perfección ao aparecido no papel e os actores creo que cumpren moi ben cos seus papeis. Nalgunhas críticas que vin, por exemplo, poñen de mediocre a mal ao actor que fai de Thor, pero creo que mantén a imaxe que teño do cómic, non se lle pode pedir máis. Unha mención especial para os moitos toques de humor que atoparemos, case todos eles xeniais. Iso si, a maior parte deles veñen de Iron Man, que coa súa forma de se da lugar a esas situacións entre cómicas e ridículas. De todos eles é co que quedo, sempre foi o meu favorito e neste caso creo que é o que máis luce de todos, é ao que lle dan máis cancha en todos os sentidos, quizais porque as súas dúas películas anteriores foron ás máis rentables, pero tamén porque o propio personaxe de Tony Stark da para moito. El leva o peso da maior parte das escenas e da acción. Tamén o Capitán América, outro dos que máis me gustaban, ten boa parte de protagonismo. Iso si, nas escenas finais a participación de Hulk é realmente espectacular e nalgún momento moi divertida.

Os actores na liña das súas películas individuais, case perfectos no desempeño dos seus papeis. Robert Downey Jr., coma sempre, cumprindo á perfección. Dos demais so cambia de actor o personaxe de Hulk, interpretado agora por Mark Ruffalo e creo que de forma destacable, non sei como resultaría nunha na que el fora o protagonista, pero me gustou moito. A Viuda Negra é Scarlett Johansson, que aparecera de forma fugaz nas de Iron Man, aquí colle algo máis de protagonismo e tampouco queda nada mal. E Ojo de Halcón é Jeremy Renner, que o tempo que aparece tamén cumpre á perfección. Claro que outro dos meus personaxes favoritos dos cómics era Nick Furia, que aparecera de forma breve nalgunhas das outras historias, interpretado como nesta por Samuel L. Jackson, creo que tamén de forma destacable, impecable co seu parche, o seu abrigo longo e a súa seriedade.

Creo que é evidente que disfrutei moito coa película, as dúas horas e media que dura pasáronseme nun suspiro, tendo en conta como xa comentei, que o principio aínda que me gustou quizais se me fixo un pouco longo. Imprescindible, penso eu, para os fans do cómic e recomendable tamén para os que nin os coñezan. Na casa so eu son lector de cómics, e a todos lles encantan estas historias. A unión de todos estes personaxes tivo un bo resultado, entretido, ameno e moi divertido en todos os sentidos, e espectacular como ten que ser. Tendo en conta o final (tras os primeiros títulos de crédito, que esta vez non hai que esperar ata o final de todos) e o éxito que está a ter creo que é maís que esperable (eu polo menos a espero) unha nova aventura á voz de “Vengadores, reuníos”.

jueves, 26 de abril de 2012

"El lector de cadáveres", Antonio Garrido




Buscando algún libro para regalar neste pasado Nadal atopeime co que vou comentar hoxe. Non coñecía ao autor, pero o título e a portada chamáronme a atención e animeime a botarlle unha ollada. Lido o resumo da contraportada o meu interese creceu, tiña boa pinta, unha boa historia e ao final foi o regalo para un dos meus cuñados. A verdade é que non sei se a ten lido xa ou non, pero se o fixo espero que lle gustara tanto como a min. Pareceume unha boa historia, unha lectura interesante e moi amena, ademais de aportar unha boa cantidade de datos ben metidos dentro do argumento. O autor é Antonio Garrido e a novela “El lector de cadáveres”.

Antonio Garrido naceu en Linares (Xaén) en 1963. As súas lecturas de xuventude foron os grandes clásicos de todos os tempos: Walter Scott, Stevenson, Dumas, Salgari ou Jack London. As súas primeiras intencións eran dedicarse á escritura e a novela, pero en certo momento decidiuse por estudar Enxeñería. Posteriormente dedicouse á docencia e publicou varios traballos de carácter técnico. Este rumbo cambiou no ano 2001, cando durante unha viaxe por Alemaña unha historiadora faloulle dun manuscrito esquecido que acabou dando lugar a súa primeira novela, “La escriba”, publicada en 2008. Esta novela tivo un gran éxito, traducida a trece idiomas e gañadora de varios premios internacionais. É unha novela que podemos incluír dentro do xénero de suspense histórico e aventuras, que parece ser o mundo no se que vai mover o autor. En 2007 empezou a traballar na súa segunda novela, esta que comento hoxe, seguindo esa mesma liña. Actualmente compaxina o seu traballo como escritor co de profesor na Universidade Politécnica de Valencia e na Universidade Cardenal Herrera da mesma cidade, ademais de participar en conferencias, ponencias ou talleres de novela histórica. “El lector de cadáveres” chegou ás librerías a finais do ano 2011.

Como dixen ao principio cando collín a novela e lin o resumo da historia chamoume a atención, pero o primeiro foi ler as liñas iniciais, falando de que nos ía contar un relato sobre o primeiro xuíz forense da historia. Quizais o traballo de forense hai uns anos non era tan coñecido como agora, hoxe, creo que gracias á televisión, temos unha idea de como traballan; ben, máis ou menos, que xa sabemos que nas series sempre esaxeran as cousas un pouco. Claro que coa cantidade de CSI, de investigadores e series policiacas e de novelas con este tipo de personaxes todos temos unha certa idea de que fan. Así que iso de ler “o primeiro forense” fixo que un certo interese aparecera por ler esa novela que parecía ter máis de histórica que outra cousa e ademais dun autor descoñecido para min. Xa digo que é máis que unha novela histórica, con máis elementos e moi variada, con outras vías de interese que lle dan unha certa orixinalidade.

Imos coñecer a vida de Ci Sóng, un personaxe histórico que tamén chegou a coñecemento de Garrido tamén por casualidade. Podedes ler a historia competa no epílogo final. O autor foi invitado a un congreso de ciencia forense no cal unha das ponencias falaba deste personaxe que atraeu poderosamente a Garrido. Descubriu que tiña unha gran cantidade de libros sobre formas de morrer, marcas deixadas nos cadáveres e unha boa cantidade de información sobre investigación forense. Consultou gran parte deste material, así como sobre a época na que viviu, formas de vida, organización social e todo o que puidera ser interesante para o desenvolvemento da súa historia. O traballo de recollida e revisión de información ten pinta de ter sido inxente e laborioso, pero creo que o seu reflexo na novela é realmente bo. A cantidade de información que o lector vai recibir sobre a época e todo o que a rodea, así como sobre a investigación forense nese momento é moita e toda ela bastante interesante, polo menos para min, e ben introducida dentro do desenvolvemento do argumento, sen resultar excesivamente pesada nin prolixa. Isto xa é un punto ao seu favor. Iso si, matizar que o protagonista é un personaxe histórico, que case todo o que se conta sobre a vida na China da época tamén, pero non a propia historia de Ci Sóng, unha historia que o autor novela partindo de todos eses datos e á que engade unha serie de elementos creados por el. Isto non lle resta nin un ápice de interese, escapando da crónica histórica para darnos un relato ameno, interesante e cunha boa dose de intriga.

Estamos en China no século XIII. Ci Sóng provén dunha familia humilde, vive no campo pero ao seu pai ofrécenlle unha praza de funcionario na cidade e vai con el, mentres o seu irmán queda a cargo das terras da familia. Pero por cuestións que descoñecemos vese obrigado a volver ao pobo, algo que non lle gusta. Ci é unha persoa ambiciosa que non quere vivir de cultivar arroz, na súa etapa na cidade empezou a estudar e acompañar a un xuíz e forense, traballo para o que demostra ter grandes calidades. A súa gran ilusión e empeño é retomar os seus estudos e converterse nun dos xuíces e investigadores da corte do emperador, e non deixará que nada impida esa meta. Vive amargado no pobo, maltratado polo seu irmán, traballando no campo de sol a sol e con poucas metas no horizonte. Ao principio da historia descobre un cadáver no campo de arroz no que traballa e iso fai que as cousas cambien un pouco. Por razóns que teredes que ler vese obrigado a escapar do pobo coa súa irmá enferma (chamada Terceira, unha rapaza débil pero á que se sente moi unido). A súa idea é volver á cidade, retomar os seus estudos na prestixiosa Academia Ming e cumprir os seus soños. Claro que todo isto non será fácil, vai atoparse cunha grande cantidade de problemas, de impedimentos, de situacións que tentará superar so gracias á súa ansia de ser ese “gran lector de cadáveres” que proclama o título.

Como dixen Ci Sóng existiu e viviu na mesma época na que transcorre a historia. A súa vida evidentemente non foi como se nos conta na mesma, o autor engade ademais ao personaxe algúns elementos para darlle algo máis de interese ou dramatismo ou para poder desenvolver dunha forma máis sinxela a idea que ten na cabeza. Como exemplo xa ao principio da historia descubrimos que Ci padece analxesia conxénita, unha rara enfermidade que fai que non poida sentir dor en absoluto, algo que será unha avantaxe nalgúns momentos e non tanto noutros, pero que é importante para o argumento. Tamén a maior parte dos personaxes parten da historia real do momento, mentres que outros foron creados polo novelista para completar esa historia que se ía formando na súa imaxinación.

A novela empeza coa aparencia de estar dentro do xénero histórico, pero vainos ofrecer moito máis, pouco a pouco vaise convertendo nunha historia de aventuras ao máis puro estilo clásico (ese que Garrido coñece moi ben polas súas lecturas de xuventude) e de repente pasa a meterse de cheo tamén no xénero da novela negra, unha historia de suspense. Esta mistura non resulta para nada estraña e está moi ben levada. A conxunción de datos históricos coas aventuras e desventuras do protagonista de repente únese a unha serie de asasinatos estraños e brutais. Sóng verase obrigado a participar na investigación dos mesmos descubrindo as cousas case ao mesmo tempo que o lector. A historia está contada en primeira persoa, así que protagonista e lector case son cómplices no longo camiño que levará á resolución destes asasinatos aparentemente incomprensibles. Suspense histórico e aventuras, unha mistura que neste caso resulta bastante ben. Neste sentido destacaría dúas cousas, a amenidade e o interese polos datos históricos, referidos non so á ciencia forense, senón tamén ás formas de vida da sociedade chinesa do século XIII. Tras moitas novelas históricas sobre a Idade Media europea non está para nada mal cambiar un pouco o marco e ler sobre épocas e lugares algo máis lonxanos e quizais descoñecidos para a maior parte dos lectores. Por iso mesmo recomendo que visitedes o blog do autor sobre a novela, onde poderedes atopar moitos máis datos interesantes sobre a mesma: www.ellectordecadaveres.es

Gustoume moito o libro e atrapoume desde o principio. A pesar diso algunhas cousas non me convenceron completamente. Entre elas a grande cantidade de desgracias e problemas polos que ten que pasar o protagonista, quizais case quedando no límite do esaxerado nalgúns momentos, algo que incluso pode chegar a saturar un pouco ao lector. A pesar diso o interese non decrecía demasiado por eses outros aspectos que comentei referidos ao mundo oriental que aportan esa nota adicional. Os demais personaxes son todos eles interesantes e fundamentais na trama, iso si, non hai ningún prescindible ou que estea de máis e todos eles aportan algo á historia. Non falo deles porque entón tería a tentación de contar cousas de máis pero quedo co adiviño, o profesor Ming e co personaxe feminino máis importante da historia. A parte histórica resultoume máis que interesante (ampliando os coñecementos que adquirín con outra novela ambientada no mesmo sitio e que comentei ao principio deste blog, “Ginko, a primeira doutora”) e intégrase perfectamente con esa historia de asasinatos que terá ao lector pendente de descubrir ao culpable.

Unha novela recomendable, garante un bo rato de entretemento para calquera lector, cun tema orixinal, unha boa e interesante recreación histórica e un personaxe que me encantou coñecer. Agora queda na lista de pendentes a primeira obra do mesmo autor, xa vos direi que me pareceu.





jueves, 19 de abril de 2012

"The Big Bang Theory"


A maior parte dos vídeos desta serie aparecen desactivados para insertalos, so atopei estes tres.



Hai uns anos, cando había moitas menos canles de televisión, era fácil estar ao tanto das series que emitían. Agora é algo case imposible, moitas máis canles e moitísimas máis series que aparecen case cada semana, series novas, temporadas dalgunhas anteriores..., unha cantidade inxente que é imposible de controlar a non ser que un teña todo o día para pasar diante do televisor. No meu caso isto non é posible, nin me gustaría, claro, con un ou dous capítulos por noite imos tirando, algúns de estrea e outros gravados, que hai moitas máis cousas que facer, evidentemente. A serie de hoxe non é nova, todo o contrario, a súa primeira temporada é do ano 2007 e neste momento a canle TNT está a emitir a súa quinta temporada. Algúns dos meus irmáns cansaron de recomendarme que a vira hai tempo, pero a verdade é que nunca lle prestei demasiada atención. Raro, porque é unha comedia pura e normalmente gústanme este tipo de series, pero entre unhas cousas e outras nunca me puxera con ela. Desde hai unhas semanas a isto das nove menos cuarto deume por ver algún capítulo e teño que dicir que me ten enganchado completamente e pásoo realmente ben véndoa. Falo de “The Big Bang Theory”

É desas que duran vinte minutos e nun completo ton de comedia, e desde o meu punto de vista realmente boa, divertida e cun aire bastante orixinal en moitos sentidos. Pode tomar elementos de moitas outras, pero o resultado é algo novidoso, sobre todo no sentido de por onde busca moitos dos momentos de humor. Nalgúns cerca da típica comedia de adolescentes americanos, pero ao mesmo tempo completamente lonxe deste tipo de humor para darlle un aire distinto. Isto vén dado por como son os protagonistas, pola ambientación e a gran cantidade de detalles que a reforzan, polas cousas que din e sobre todo por como as din e polas distintas situacións que se producen en cada episodio. Iso si, é desas que antes de decidir se un vai seguila ou non ten que ver cinco ou seis capítulos, ten que ver como son os personaxes e as súas características, que son a base dos argumentos e a gracia dos mesmos. Se un ve un capítulo solto pode quedar un pouco sorprendido e incluso atónito, estrañado, pero se a seguimos descubriremos uns personaxes marabillosos dentro dun mundo simpático, moi preto a ao mesmo tempo lonxe da nosa realidade cotiá.

A serie céntrase en cinco personaxes, catro homes e unha muller. Eles son auténticos xenios nos seus campos, todos eles relacionados coa ciencia e todos con algunhas características comúns. Calquera deles respondería perfectamente ao estereotipo completamente esaxerado do friki por excelencia. Todos teñen un coeficiente intelectual moi por riba da media, e incluso entre eles hai diferencias e iso lévalles a ter máis dun problema dentro da sociedade que ou non comprenden ou que nos os comprende a eles. Por causas do destino chegan a ser amigos, o que vai sacalos da súa vida individual e separada que quizais levaran ata ese momento pola súa intelixencia, vivindo case como inadaptados sociais. Os catro son moi novos e traballan na Universidade Cal Tech de Pasadena, realizando investigacións de moi diversos tipos, cada un no seu campo. Sheldon Cooper é o centro do grupo e para min o protagonista, o que máis destaca neste cuarteto. Aos once anos xa estaba na Universidade, dúas licenciaturas e un doutorado, un auténtico xenio centrado na física teórica, algo que el considera superior a calquera cousa, o máis importante. O seu compañeiro de piso é Leonard Hofstadter, algo menosprezado por Sheldon porque se dedica á física experimental, xa que cree que é inferior e máis inútil que a teórica. Podemos dicir que dentro do grupo Leonard é o que máis se achega ao que podemos considerar normal no sentido de que é o máis capaz de entender máis ou menos as convencións sociais e a vida da xente que os rodea. Dentro dese mundo de xenialidade soe ser a voz da razón, o que pon nalgunhas ocasións a dose necesaria de normalidade para non rematar mal. Aínda así é unha persoa tímida, apocada e con medo a moitas cousas, moitos destes medos provocados por unha nai realmente impresionante que o trata sempre con demasiada condescendencia. Howard Holowitz é o terceiro integrante do grupo, ao que todos tratan como inferior ao resto porque so é enxeñeiro e non ten un doutorado, a pesar de ser tamén un xenio no seu campo. Sempre desesperado por ter relacións con mulleres, obsesionado ante calquera oportunidade que se lle presente e capaz de calquera cousa por conseguir deitarse cunha rapaza. Raj Koothrappali é o cuarto, vén da India, fuxindo un pouco da súa familia, o seu pai é xinecólogo e quere que o seu fillo siga o seu camiño, pero el non quixo iso e dedicouse á astrofísica, campo no que, como o resto, é unha eminencia. O seu maior problema e que non é capaz de falar con mulleres, ou simplemente abrir a boca se hai unha muller presente. Soamente pode facelo cando toma algunha bebida con alcohol, desde o primeiro trago o seu problema desaparece e compórtase dunha forma moi distinta. E Penny é a rapaza que vén alterar, e moito, o mundo ordenado deste cuarteto. Será a veciña do apartamento enfronte do de Sheldon e Leonard (que enseguida sentirá atracción por ela) e que non ten nada que ver con eles en case ningún sentido. vén a Los Ángeles para ser actriz, pero de momento traballa de camareira. Todos quedarán prendidos dela en moitos sentidos, excepto Sheldonn, ao que so lle chama a atención a súa forma de vida e a súa intelixencia, tan distinta da que ten el. Penny non entende demasiado ben a estes rapaces ao principio, pero pouco a pouco iralles collendo cariño e entrarán a formar parte da súa vida dunha forma moi cercana.

Todo xira ao redor destes cinco personaxes, cada un cunhas características moi determinadas e case fixas, aínda que nalgunhas cousas evolucionarán un pouco e a presencia de Penny supoña moitos cambios que cada un aceptará a súa maneira. Como dixen o centro é Sheldon, un xenio que se sente moi, pero moi, por riba do resto dos mortais, incluso dos seus amigos. É unha persoa moi especial, cuns rituais fixos que ninguén pode alterar, non comprende á sociedade nin os convencionalismos sociais, que respecta a medias e so cando lle interesa. Repelente, prepotente, faltón, sen molestarse en entender aos demais e poñendo o seu por riba de absolutamente todo, obseso da orde e a disciplina... É o único de todos eles para o que a presencia de mulleres na súa vida é algo completamente innecesario e, polo tanto, incapaz de entender que os demais as necesiten. É curioso como un personaxe como o seu acabe resultando simpático e divertido, sendo o que soporta a maior parte da comicidade de cada episodio coas súas reaccións, as súas palabras ou as súas accións, a min paréceme realmente xenial. Leonard é o seu compañeiro de piso, con dificultades, porque convivir con Sheldon é todo un reto varias veces ao día e todos os días. É o que comprende algo mellor á sociedade e todas as complicacións que teñen as dinámicas sociais, que as veces tenta explicar ao seu amigo sen demasiado éxito. Howard y Raj están case sempre con eles, aportando moitos outros elementos cómicos ás historias. E Penny é moitas veces a voz da razón, ao principio alucina con todo o que fan, pero pouco a pouco vainos entendendo, aínda que so a veces, facendo que a súa capacidade de sorpresa sexa ilimitada.


Un elemento importante dentro da serie son as afeccións que comparten estes catro xenios. Para os afeccionados aos cómics (hai unha tenda que é un dos lugares habituais para o desenvolvemento das historias), ás series ou ao cine de ciencia ficción (“Star Trek” ou “Galactica” son dúas constantes) ou aos videoxogos a serie é un pozo sen fondo de referencias a estes campos. Non quere dicir que un non poida vela sen ser afeccionado a este mundo, pero si o é será moito mellor. Ademais dos seus experimentos a súa vida céntrase en xogar partidas de ordenador ou consola sempre a xogos moi coñecidos. Ao longo dos argumentos as referencias son constantes, tanto en diálogos como en outras moitas cousas. Asisten a festas disfrazados de superheroes, as súas casas están cheas de monecos, carteis, xoguetes ou case calquera artigo que faga referencia a estas cousas. Atención a Howard, as súas fibelas do cinto sempre son homenaxes a este mundo, así como o pin que leva sempre no colo da súa camiseta (atención tamén ao tipo de roupa que leva este en concreto, porque é todo un espectáculo). Tamén atentos ás camisetas de Sheldon, todas relacionadas con este mundo. “A guerra das galaxias” é outro deses clásicos que adoran, a cama de Howard está coroada por dúas espadas láser de guerreiro Jedi. Direi que este é un mundo que a min tamén me gusta, así que sempre estou pendente deste tipo de detalles.

Ademais das súas aventuras e desventura, as conversas sobre física e ciencia son constantes. Nas súas casas e despachos hai taboleiros cheos de ecuacións, fórmulas e demais cuestións deste tipo. Como curiosidade comentar que todas as referencias que aparecen a estas cousas son reais, a serie está asesorada por científicos, físicos ou matemáticos. Todas as referencias ao mundo científico son reais e aderezan moitas das súas conversas e chistes.

Unha das cousas que máis me gusta é a linguaxe que usan, completamente lonxe do que poden usar uns rapaces da súa idade (salvo Penny, claro). Outra xenialidade dos guionistas, como dicir cousas que se poden dicir cunha palabra usando frases cheas de palabras cultas sen parecer pedantes buscando sempre a comicidade. De aí que Penny case nunca entenda o que lle di Sheldon, claro. As veces as súas conversas chegan a tal nivel que é imposible non botar unha sonora risa.

E os actores moi ben todos eles. Na súa maior parte veñen do mundo da televisión e non son caras demasiado coñecidas. En papeis secundarios atoparemos a veces a actores e actrices máis coñecidos, tamén doutras series. Nalgúns casos aparecerán en papeis puntuais científicos máis ou menos coñecidos, entre eles nesta quinta temporada contaran coa presencia de Stephen Hawking. Sheldon é Jim Parsons e tamén aquí sigo a quedarme con el, paréceme un bo actor de comedia que interpreta o seu personaxe dunha forma xenial, atención as súas posturas, as súas caras e todo en xeral. Comentar que gañou o Emmy ao mellor actor de serie de comedia nos anos 2010 e 2011, e o Globo de Ouro na mesma categoría no 2011. Conste que o resto non lle vai á zaga.

Ben, esta vez creo que me estendín máis do habitual, pero recoñezo que o paso realmente ben con esta serie e podería dicir algunhas cousas máis. Orixinal en moitos momentos, dando unha versión case intelectual das típicas series de rapaces novos. Cuns guións intelixentes cunha boa mistura entre o humor evidente e esperable e o completamente inesperado, non creo que haxa ninguén capaz de, polo menos, non sorrir coas historias deste cinco personaxes e todas as cousas que lles pasan. Como dixen ao principio é desas que tras ver catro ou cinco episodios quedas enganchado e cada vez a cousa faite máis gracia a causa de ir coñecendo máis e máis a estes cinco amigos. Eu cheguei tarde a ela e agora estou a retomala desde o principio, seguro que moitos dos que pasan por aquí xa a coñecen, pero se non é así non vola perdades, case seguro que vos fará pasar un máis que no rato.

jueves, 12 de abril de 2012

"El exótico hotel Marigold"



Outra de cine en pouco tempo, ou non imos en varios meses ou caen dúas case na mesma semana, cousas da carteleira, do tempo ou que non se nos ocorre outra cousa que facer. De todos modos a esta de hoxe tiñámoslle ganas desde que a vira anunciada na televisión. Un bo grupo de actores e unha historia que parecía entretida e simpática, ademais de dicir algo ao espectador. Pois non me equivoquei, gustounos bastante e disfrutamos da proxección. É outra historia parecida no ton á última que comentei, “Intocable”, no sentido de facernos pensar un pouco sobre as nosas vidas, sobre como poden cambiar nun momento dado e, sobre todo, pensar en que hai que aproveitar todos os momentos e tentar ver o lado bo das cousas. É outra historia optimista, “El exótico Hotel Marigold”.

Neste caso estamos ante unha produción inglesa. Está baseada nunha novela de Deborah Moggach titulada “These foolish things”, por certo, novela que estiven a buscar traducida pero que non apareceu. O director é John Madden, quizais a súa cinta máis coñecida sexa “Shakespeare in love”. Non sei que tal estará a novela pero teño un certo interese na súa lectura, aínda que me da a impresión de que non vai ser algo sinxelo de conseguir.

A historia é simple, sete xubilados ingleses que non saben demasiado ben que facer coas súas vidas vense tentados de pasar a última parte das mesmas nun luxoso hotel que se anuncia en diversos medios, na India. Ben, os sete non, porque unha delas acaba aí case por obriga. Douglas e Jean son un matrimonio que investiu todos os seus aforros na empresa da súa filla, aforros que non volveron ver e que limitan moito as súas posibilidades económicas, polo que deciden realizar a viaxe case como a súa única opción. Tras anos xuntos a súa relación non parece marchar todo o ben que debería, el é calado, tímido e case acomodado; ela é máis protestona, parece que so sabe queixarse e estar pouco conforme con todo o que a rodea. Evelyn enviuvou recentemente, unha muller que dependeu durante toda a súa vida do seu marido absolutamente para todo e que agora se sente algo perdida. Acepta a viaxe como como unha forma de tentar tomar as rendas da súa vida e facer algo por si mesma. Graham é un xuíz do Tribunal Supremo que, cansado de asistir a festas de xubilación dos seus colegas, decide viaxar á India, na que viviu cando era máis novo, como unha forma de recuperar algunhas cousas desa vida anterior. Jean é a viúva alegre, farta de coidar aos seus netos e sentíndose nova marcha en busca de novas aventuras amorosas e, por que non, dalgún novo marido adiñeirado. Norman sería case a versión masculina da anterior, ve como a súa vida vai rematando pero non quere resignarse a ser maior e quere seguir disfrutando das relacións de parella, así que ve a India como un novo mundo cheo de oportunidades. E Muriel é a que vai máis ou menos obrigada por unha operación de cadeira que debe facer o máis pronto posible, ofréceselle a posibilidade de, para non ter que esperar meses, ir facer a mesma a ese país, onde lla farán moito antes. É unha muller cunha serie de ideas algo anticuadas, racista, firme e pouco dada a convivir cos que non son como ela. Por último temos a Sonny, o rapaz indio que ten un soño que compartía co seu pai, converter o Hotel Marigold no mellor lugar para que todo aquel que queira descansar e gozar dun lugar privilexiado poda facelo. Sonny é un soñador que procura ver todo da forma máis optimista posible, a pesar de que a realidade choca contra esas ilusións. A súa máxima é que ao final todo ten que saír ben, e se non o fai é porque aínda non é o final.

Estes oito personaxes forman o núcleo central da historia. Cada un deles cunha personalidade e unha forma de actuar ben distinta e quizais representando unha serie de tópicos ou de formas de ser moi determinadas. Douglas, calado, discreto, case sempre pelexando entre o que cre que debe facer e o que lle gustaría, pero aceptando con resignación a súa situación. A súa muller, Jean, pouco dada a aceptar as cousas como veñen e disfrutar delas, sempre queixándose e tentando impoñer as súas opinións. Muriel, seria, firme e, ao mesmo tempo, vivindo con moito medo a todo o que sae da súa rutina ou da súa forma de ver a vida. Evelyn, dubidando sempre, con medo a todo o que descoñece que é moito por como viviu antes, pero ao mesmo tempo decidida e con ganas de vivir o que lle queda da mellor forma posible e, a poder ser, distinta da súa vida anterior. Madge, alegre e vividora, sen querer aceptar o que a sociedade considera máis “adecuado” para ela, e Norman case igual pero no seu lado masculino, engadindo un gran medo a vivir so e sen afecto. Graham, decidido a recuperar unha parte da súa vida que estaba escondida e que ao principio tenta ocultar. E Sonny, alegre, optimista e soñador, empeñado en loitar contra todo o que se lle poña por diante con tal de conseguir o que quere.

E o outro protagonista é o “exótico Hotel Marigold”. A el chegan todos estes personaxes buscando un lugar marabilloso no que descansar, vivir comodamente e disfrutar deses anos de vida que teñen por diante. Pero é evidente que a propaganda case sempre engana, xa que en absoluto será o que esperan. O que atopan é un edificio nun estado case ruinoso, con habitacións non en demasiado bo estado, un lugar con moitas posibilidades pero que tamén parece estar nos últimos tempos da súa vida. Un lugar case como eles, acabado, pero claro, o tempo demostrará que isto non é así. Cada un irá atopando o seu lugar nese novo mundo, tanto na India como no interior de cada un deles. E o marco no que pasa todo, a India, co seu caos, o seu ruído e as súas xentes e costumes, filmado como un lugar ideal para o desenvolvemento das vidas destes personaxes. Con cousas que non entenderán, que non aceptarán nun principio pero que irán vendo doutras maneiras a medida que saen, conviven e coñecen ese novo mundo para a maior parte deles.

Quizais unha das mellores cousas da historia sexan os actores, neles aséntase a maior parte da película. Boas interpretacións duns actores e actrices moi coñecidos e que, desde o meu punto de vista, bordan cada un dos personaxes. Todos eles grandes do cine inglés e internacional. Tres son para min os máis destacados. Judi Dench é Evelyn, unha actriz capaz de interpretar a mulleres de gran carácter ou a, como aquí, a outras que aparentemente son algo máis débiles ou están algo perdidas na súa vida, as rendas sempre as levou o seu marido e agora, pouco a pouco, ten que ser ela a que as tome. Sonny é Dev Pattel, coñecido entre algunha e outra cousa polo seu papel protagonista en “Slumdog millonaire”, o rapaz que coas súas caras, os seus xestos e o seu optimismo é capaz de que a cousa máis inmunda poida verse con bos ollos, unha actitude que vai contaxiar a case todos os seus novos hóspedes. E deixo para o final á máis destacada, a que creo que domina por completo a pantalla cada vez que aparece, transmitindo unha sensibilidade enorme, Maggie Smith é Muriel. A muller que quere que a atenda un médico inglés ou que non sexa un indio o que a leve na cadeira de rodas pero que se ve obrigada a ir á India se quere unha cadeira nova. Destacada porque en realidade creo que é o personaxe máis interesante, o que ten máis matices e o que cambia algo máis ao longo da historia.

Unha película simpática e entretida. Con escenas que provocarán o sorriso en máis dunha ocasión polas situacións que terán que vivir, polos diálogos e algunhas cousas máis. Un canto á vida, ao goce da mesma en calquera momento, sen distinguir idades, situacións ou formas de afrontala. Parecida nalgunhas cousas á que comentei antes desta, “Intocable” e distinta tamén noutras. Unha historia chea de optimismo e alegría de vivir, de buscar en cada momento a mellor forma de facelo, sen amargarse ou sumirse na tristeza, ou facéndoo so cando é estritamente necesario. Contándonos que hai que enfrontarse ás cousas e buscar o lado bo, que moitas veces está aí e non é tan complicado atopalo. Nalgunhas críticas lin que a cualificaban de demasiado tópica, é posible que nalgúns aspectos sexa así, pero tamén creo que as veces os tópicos, se están usados dun modo axeitado, non son sempre malos. Claro que hai cousas esperables, e outras non tanto, e que xoga con cousas que posiblemente xa temos visto nalgunhas outras ocasións, pero non creo que teña que ser algo necesariamente negativo. Ten algunha sorpresa, pero o mellor é ver como estes personaxes enfrontan esta nova situación e como van saíndo dela, aprendendo unha serie de leccións que lles serán útiles non so a eles, algunhas tamén poderán valerlle ao espectador. A min gustoume bastante e recoméndoa, sobre todo tendo en conta que a carteleira está chea de historias bastante baleiras, cheas de acción, efectos especiais e poucas cousas máis, creo que está danos algo máis que todo iso.

miércoles, 4 de abril de 2012

"El mapa del tiempo", Félix J. Palma



Esta novela de hoxe levaba tempo na miña lista de pendentes, pero entre unhas cousas e outras sempre ía quedando atrás. O meu irmán recomendarame que a lera varias veces e non facía máis que insistir en que tiña que facelo, que a el gustáralle moito e que estaba moi ben. Así que me puxen con ela antes de que apareceran outras que volveran deixala nesa interminable lista de historias para ler. E a verdade é que me gustou moito, entretida, ben escrita, orixinal por momentos e con moitas sorpresas para o lector. Decidín lela xa entre outras cousas porque forma parte dunha triloxía da que recentemente apareceu a segunda, así que tampouco tiña ganas de deixala para moito máis adiante e en breve poreime coa segunda. Falo dunha historia dun autor español, Félix J. Palma e a novela de hoxe é “El mapa del tiempo”.

É un autor nado en Sanlúcar de Barrameda (Cádiz) en 1968. Lector desde a súa infancia e xuventude, gran afeccionado ao xénero fantástico e de aventuras, co que está moi relacionada a súa obra. Con vinte anos publicou o seu primeiro relato no fanzine de ciencia ficción BEM. A partir deste momento escribiu varios relatos curtos que se publicaron en diversas revistas do xénero de fantasía e ficción. En 1998 a editorial Artiflex edita a súa primeira novela curta, “El amante de vidrio”. Decide vivir da literatura e influenciado por Cortázar deixa de lado a ciencia ficción en busca dunha fantasía máis sutil e simbólica, buscando o seu propio camiño. Dedicarase case en exclusiva ao mundo do conto, cos que gañara varios premios. En 1998 reúne varios destes contos no volume “El vigilante de la salamandra”. Tivo unha boa acollida de público e crítica, recoñecéndoo como un bo autor de contos, orixinais e inquietantes, con gran dominio do estilo e dos recursos da narrativa breve. “Métodos de supervivencia” foi o seu seguinte libro, publicado en 1999, unha nova colección de historias con aire sobrenatural. En 2001 publica a primeira novela, “La hormiga que quiso ser astronáuta”, unha historia xuvenil que el mesmo quere diferenciar do resto da súa obra; rozando o costumismo, preto da novela urbana pero sen deixar de lado o toque fantástico. Por esa época colabora no “Diario de Cádiz” cunha columna de opinión á que dará o seu toque persoal. En 2002 aparece unha nova colección de contos, “Las interioridades”, coa que gaña o premio Tiflos de conto, separándose un pouco do tráxico e fantástico para achegarse ao absurdo, cuns contos cun toque humorístico que case non aparecera ata ese momento. “Los arácnidos” (2004) será galardoado co Premio Iberoamericano de Relatos Cortos de Cádiz, considerado no seu momento pola crítica como do mellor no xénero. En 2005 aparece a súa segunda novela, “Las corrientes oceánicas”, coa que gaña o Premio de Novela Luis Berenguer, unha traxicomedia ben acollida pola crítica de novo. No 2008 publícase a novela de hoxe, “El mapa del tiempo”, gañadora do XL Premio Ateneo de Sevilla e que se convertera nun dos seus maiores éxitos a todos os niveis. Pronto foi traducida a varias linguas e o seu éxito continúa a día de hoxe. A máis recente, deste mesmo ano e segunda do que o autor chama “Triloxía Victoriana” é “El mapa del cielo”.

“El mapa del tiempo” transcorre no Londres do ano 1896, unha época a medio camiño entre a realidade e a fantasía, entre o clásico e o moderno, un momento histórico importante en plena evolución cara á modernidade. Tres historias cun denominador común, neste caso un personaxe, H. G. Wells, o famoso autor de “La máquina del tiempo”. Tras a súa publicación parece que a xente cre que é algo factible, e aí temos á compañía de Viaxes Temporais Murray, que pola módica cantidade de cen libras permite realizar unha viaxe ao ano 2000, a un momento fundamental para a historia da humanidade no que os robots dominan o mundo e enfróntanse aos seres humanos comandados polo capitán Dereck Shackleton. A novela está dividida en tres partes non independentes, Wells aparece en todas elas en maior ou menor medida, pero é fundamental nelas; e algúns dos personaxes terán tamén algunha intervención nas demais. Na primeira o novo nobre Andrew Harrington decide rematar coa súa vida a causa da morte da súa amada, unha prostituta chamada Mary Kelly, vítima de Jack o Destripador. Este suicidio non chegará a bo término cando descobre a posibilidade de viaxar oito anos cara atrás no tempo para salvala antes de que sexa brutalmente asasinada. Na segunda o protagonismo será para a inconformista rapaza Claire Haggerty, forzada a levar unha vida de convencionalismos sociais da que quere fuxir sexa como sexa. Para isto realizará a famosa viaxe ao ano 2000, onde pretende quedar e onde namorará perdidamente do aguerrido e valente capitán Shackleton, un amor a través dos séculos. Na terceira será Wells o que terá que enfróntarse a un viaxeiro do futuro que pretende matar a tres famosos autores (os outros dous son Henry James e Bram Stoker) antes de que publiquen as súas máis famosas novelas para poder facelo el mesmo.

Non é sinxelo contar algo sobre a novela sen desvelar demasiadas cousas, quizais neste caso sexa moito máis complicado que en outras porque o autor xoga constantemente co lector. Como en outras historias Palma recorre a unha boa cantidade de personaxes reais para forxar a súa historia. O eixo central é H. G. Wells, o famoso novelista de ciencia ficción, adiantado ao seu tempo e ao que coñeceremos desde os principios da súa vida. Creo que, a pesar de que ao principio era eu algo reticente a esta historia, consegue reflectilo dunha forma bastante crible e cercana, nunha sobria homenaxe a este autor fundamental do xénero. Unha homenaxe non so a el, senón tamén á creación literaria, á figura do novelista. Gustáronme moito as partes nas que o propio Wells pensa ou reflexiona sobre o feito de escribir, sobre os seus personaxes ou o desenvolvemento dunha historia ou, sobre todo, como tomará o lector o que el ten na súa cabeza. Ou tamén o medo a morrer, a desaparecer, sen deixar constancia por escrito de todas as historias que el cre que pode contar, ou facelo sen chegar a escribir a súa gran novela. Creo que demostran un gran aprecio polo autor, polo feito de ser novelista, creador e tamén polo lector. Constantes tamén as referencias de todo tipo que o bo afeccionado poderá ver con moito agrado. Non so nas partes que falan da famosa máquina do tempo que todos recoñeceremos como a que aparece na mellor versión da novela, titulada por aquí no seu momento como “O tempo nas súas mans” e protagonizada por Rod Taylor, un clásico inmellorable. Tamén poderemos atopar referencias a boa cantidade de tópicos do cine de ciencia ficción chamado de serie B, os robots, os soldados do futuro, as armas...

Non é so unha novela de ciencia ficción, podemos engadir elementos de xéneros como a de aventuras, a novela sentimental ou de acción. Varias historias de amor aparecen na historia, perfectamente plasmadas e tecidas, grandes sentimentos cada un dun tipo pero todos eles profundos e case reais dentro do desenvolvemento das distintas tramas. Teremos persecucións, asasinatos, disparos e algo de intriga, un pouco de todo e todo moi ben construído dentro das disintas historias. Como dixen varios personaxes irán atopándose nesas tres partes, casualidades, azar, obriga..., pero sempre dun modo transparente e lóxico para o lector, nada forzado. Curiosa resultoume a sensación durante a lectura, cunha perfecta conxunción entre a novela de aventuras ou ciencia ficción máis clásica, a de toda a vida e a novela moderna, máis movida e quizais menos previsible. Aquí radica outro dos méritos da historia, que non me pareceu nada previsible e incluso cando parecía que si o autor sorprendíanos cun novo xiro nunha dirección inesperada. Neste sentido o narrador da historia non é que sexa omnisciente, senón que sabe todo e máis. Dirixe ao lector e en máis dunha ocasión fala directamente con el, xa sexa para aclarar algo ou para facer que nos fixemos nalgún detalle. O autor, a través deste narrador, xoga co lector case como se fora un marionetista que non so move aos seus personaxes, senón tamén a cada un dos seus lectores mentres teña a novela nas súas mans. En máis dunha ocasión asomará á nosa cara un sorriso como resultado destes enganos, enganos que non so sufrirá o lector, senón tamén a maior parte dos personaxes.

Outra das cousas que me gustou moito foron os personaxes, non so a interacción entre eles, senón tamén o deseño, a presentación e a forma de traballar con eles por parte do autor. Misturando perfectamente os tópicos dos personaxes das novelas desa época cunha grande dose de orixinalidade que fai que sexan perfectamente cribles e xeniais. Sobre todo porque en máis dunha ocasión non van comportarse como esperamos, engadindo sorpresas e interese á lectura. Aparte de Wells (que me encantou) quedo con dous deles, sen dar demasiadas razóns para non desvelar algunhas cousas. Un deles é o fundador da empresa de viaxes temporais, Gilliam Murray, un dechado de imaxinación, un home complexo cheo de moi diversos tipos de sentimentos. O outro que me gustou foi o inspector de Scotland Yard Colin Garrett, unha mente privilexiada inmersa nun mundo brutal e cruel.

En canto ao estilo narrativo, outro punto máis ao seu favor. A fluidez é constante, sempre está a pasar algo e non é sinxelo deixar de ler en máis dun momento. A forma de contar é un engadido a unha historia que atrapa ao lector nesa rede de imaxinación e realidade que iremos atopando pouco a pouco. Ademais xunta perfectamente o aire narrativo desas novelas victorianas cunha forma de contar moito máis actual, nada pedante (podería ser un risco) e ao mesmo tempo, completamente crible dentro das características de cada un dos personaxes. Nalgúns sitios lin que certos lectores consideraban que as súas máis de seiscentas páxinas eran algo esaxerado e sobrábanlle algunhas, a min non se me fixo nada larga, ao contrario, quizais duroume menos tempo do que me gustaría. Ten ademais unha forma de escribir moi visual, cinematográfica, de tal xeito que é moi fácil para o lector imaxinar non so a cada unha das persoas que aparecen na historia, senón tamén os lugares, a cidade, as rúas...

Para min unha das novelas máis entretidas que lin nos últimos tempos, amena, interesante e chea de sorpresas, de xiros que poderán arrancar algunha expresión atónita no lector ante o que pasa. Simpática en máis dun momento, apaixonante noutros e sempre buscando a atención e complicidade do lector. Cunha historia perfectamente deseñada e uns personaxes moi atractivos para o lector. Unha homenaxe as novelas de ciencia ficción de toda a vida, sen demasiadas pretensións intelectuais (para o meu gusto un dos defectos dalgunhas historias do xénero) e ás historias de aventuras que recordo con gran cariño da miña adolescencia, á que me levou en máis dun momento. Unha pena non tela lido antes, pero ben, non me pasará o mesmo coa máis recente, “El mapa del cielo”, que caerá en breve nas miñas mans. Moi recomendable para pasar un bo rato, de verdade.


jueves, 29 de marzo de 2012

"American Horror Story"



Hai xa catro meses que terminei de ver a serie que vou comentar hoxe, pero recentemente a cadea “Cuatro” empezou a emitila, así que pode ser un bo momento para deixar algunhas cousas sobre ela. A serie de hoxe é “American Horror Story”, na súa primeira temporada, por que parece que dará lugar a unha segunda sen unha data concreta de estrea.

Por comentarios anteriores xa sabedes que o terror é un dos temas que me gustan, xa sexa en cine, televisión ou literatura. Como comentei nalgunha ocasión ultimamente non hai demasiadas cousas en ningún destes terreos que me chamara demasiado a atención. No campo da novela destacaría algunhas de zombis máis ou menos entretidas e con algúns elementos novidosos que me gustaron bastante, sobre todo a triloxía de Manuel Loureiro, “Apocalipsis Z”. En televisión e casualmente dentro do mesmo tema quedo con “The walking dead”, que sobre todo na súa segunda temporada estame resultando incluso mellor que a primeira. En cine a verdade é que levo bastante tempo sen ver nada que me chame a atención nin un pouco. Ven esto a que a serie de hoxe está dentro desta temática, o terror. Viña avalada por moi boas críticas desde o seu país e como bo afeccionado púxenme a vela en canto Fox empezou coa emisión.

O tema en si non é nada novidoso. Parte do típico argumento de casa maldita na que tiveron lugar unha serie de asasinatos no pasado e na que pasan todo tipo de cousas raras e sinistras. Tentarei non desvelar case nada do argumento, aínda que non é demasiado sinxelo facer un comentario da mesma sen facelo, contar demasiado sería malo para os que empezaron vela e contar pouco pode non animar a algúns lectores a facelo. Aínda partindo dunha idea non demasiado orixinal creo que no seu desenvolvemento ten algúns elementos algo novidosos en canto ao tratamento e a forma que poden facer que destaque un pouco. A min persoalmente os primeiros capítulos gustáronme bastante e engancháronme, pero creo que a partir do cinco ou seis foi perdendo un pouco de interese. Aínda así rematei de vela porque non quería quedar sen coñecer o desenlace, ademais de que seguía a ter, sobre todo, algún personaxe que si me gustou moito e que mencionarei algo máis adiante. Ao principio parecía ter algo máis do que me foi demostrando despois, un certo aire que si daba algo de medo, de tensión provocada sobre todo polo descoñecemento das cousas e algúns momentos que si eran realmente desacougantes para o espectador. Cando un vai véndoa descobre que en máis dun capítulo é quizais demasiado repetitiva e alonga demasiado algunhas cousas, podendo chegar a cansar lixeiramente. Claro que todo isto non é máis que unha opinión persoal.

Os protagonistas centrais son a familia Harmon, formada por tres persoas. Ben é o pai da familia, un psiquiatra que en certo momento engana a súa muller. A causa disto e buscando a reconciliación a familia marcha a vivir de Boston a Los Ángele, onde mercan a un prezo marabilloso unha impresionante casa na que el ademais instalará a súa consulta. Vivian é a súa esposa, moi dolida con Ben polo engano e á que lle custa algo superar esa situación. Acepta o cambio sobre todo polo ben da súa filla, Violet, unha adolescente que tamén estará algo afectada por todo iso. A casa é o centro de atención de toda a historia, un personaxe máis, cheo de misterios, sorpresas, violencia e caos. Xa as primeiras escenas do primeiro capítulo farán que o espectador quede cheo de interrogantes e de momentos que irá entendendo a medida que avancen os capítulos. Desde o principio unha serie de personaxes irán aparecendo nas súas vidas, provocándolles algúns deles máis dun sobresalto. Adelaide Langdon será unha das primeiras, unha rapaza con síndrome de Down que aparece na súa casa cando quere e ronda por ela como se fóra súa. Constance Langdon é a súa nai, unha gran señora que vive coa súa filla na casa do lado, unha veciña algo rara, estraña, con aires de gran señora e que tardaremos algo en colocar dentro da historia. Tamén aparecerá desde o principio Tate, un rapaz que se converterá no primeiro paciente de Ben, violento, estraño e desconcertante. E Moira, unha muller que aparece en canto eles entran na casa para desempeñar o cargo de ama de chaves, traballo que leva realizando desde hai moitos anos. Todos eles desconcertarán ao espectador ata que poida ir colocándoos dentro dunha historia que é máis complicada do que parece nun principio. Sabemos desde os primeiros capítulos que non hai demasiado dous homes morreron na casa, algo que a vendedora ten que comunicar aos Harmon, unha morte violenta que é a que fai que o prezo da mesma sexa tan baixo, pero hai moitas cousas máis que nin eles nin nós sabemos e que teremos que descubrir pouco a pouco.

Para min unha das mellores cousas da serie son os actores. A verdade é que todos eles están realmente ben, a media é alta e algúns destacan moi por riba dos demais. Case todos eles son caras coñecidas, unhas máis que outras, pero hai dous que veñen directamente do cine. O papel de Ben Harmon está interpretado por Dylan McDermott con moita convicción, torturado pola situación que xerou co seu comportamento, loitando por tentar salvar a súa familia ao mesmo tempo que fai o seu traballo, cuns pacientes realmente complicados e estraños e tentando salvar da mellor forma posible as distintas situacións coas que se vai atopando. Non é un actor que me guste demasiado, a verdade, pero neste caso convenceume completamente. Moi ben tamén Connie Britton no papel da súa muller, Vivian, aínda que neste caso non vou dicir moito máis porque iso implicaría contar demasiado, pero me gustou moito, agoniada, torturada e asustada pola cantidade de cousas que lle van pasar dentro da casa. Pero por riba de todos, para min, está a actriz que interpreta o papel de Constance Langdon, polo que Jessica Lange (unha das grandes actrices do cine americano) gañou varios premios, entre eles o Globo de Ouro. É o personaxe que máis me impresionou e está realmente xenial, moi por riba dos demais, enchendo a pantalla cada vez que aparece. É imposible quitarlle a vista de enriba e non estar pendente de cada un dos seus xestos, das súas miradas ou actitudes. Para min ela quita máis o sono que calquera dos demais e que calquera das cousas que poidan pasara na casa. Fría e distante nalgún momentos, preocupada noutros e arrepiante nalgúns máis. Creo que ela é, con moito, do mellor da serie e merece a pena vela enteira so para disfrutar da súa presencia. Outro dos personaxes que destacará é Moira, a ama de chaves, da que non vou dicir nada porque de novo sería contar demasiado, pero atentos a ela. E, por suposto, a casa é o personaxe central, o núcleo de todo o que ocorreu e ocorre, a que provoca todo, escura, misteriosa e desconcertante.

Como dixen ao principio empecei a vela con bastantes ganas, as críticas eran boas e por todas partes dicían que era moi boa, do mellor do xénero nos últimos anos. Os primeiros capítulos parecéronme bastante bos, tanto na historia como na dirección, moi cinematográfica e ben feita. Todas es escenas están realizadas con idea de desconcertar e asustar ao espectador e teñen moi bos momentos en xeral. Especial atención aos títulos de crédito iniciais, moi ben feitos. Unha vez que un sabe máis ou menos por onde van os tiros creo que perde un pouco de interese e estiran a trama quizais demasiado. Esta primeira temporada está formada por doce capítulos, a min sóbranme dous en realidade, creo que quedaría máis redonda. Dentro do tema das casas malditas non está mal e ten algúns elementos novidosos, aínda que tamén xoga con moitos outros que temos visto antes, moitos deles en plan homenaxe ou recordo para afeccionados. Eu penso en historias como “El resplandor” ou “La semilla del diablo” e outros clásicos. Un dos seus defectos tamén podería ser, nalgún momento, a quizais excesiva cantidade de personaxes que iremos descubrindo, importantes algúns, pero demasiado anecdóticos outros. Tendo en conta o pouco atractivas que son ultimamente as series deste xénero creo que está un pouco por riba da media e merece a pena vela. Os seus defectos quizais sexan menores que as súas virtudes e a balanza queda máis ou menos equilibrada, salvo nalgúns momentos (que non podo contar, claro). Os últimos capítulos decepcionáronme un pouco e aínda que nalgúns medios falan dun final autoconclusivo, a min non me pareceu tal; é máis, está prevista unha segunda temporada que non sei moi ben por onde irá, aínda que teño algunha idea ao respecto. O mellor da serie son os actores, practicamente todos eles, algúns momentos e plantexamentos da historia e máis dun xiro levemente inesperado e sorpresivo na mesma. A idea é boa, pero peca de repetitiva nalgúns capítulos, o guión baixa un pouco e iso, aínda que non fai que perdamos o interese si que pode cansar algo. Xa me diredes que pensades.

domingo, 25 de marzo de 2012

"Intocable"



Tras algún tempo volvemos ao mundo do cine, que a última película que apareceu por aquí foi xa hai uns meses. Xa apetecía, así que está fin de semana, tras botar un ollo á carteleira e chegar a un acordo familiar alá fomos. E mereceu moito a pena, unha cinta con bastante que dicir, que nos gustou moito a todos e desas que hai que ir ver. É desas nas que saes do cine vendo as cousas de outra maneira, pensando que o que hai que facer é deixar de lamentarse e disfrutar todo o posible da vida, sacando partido a todo e sen deixarse levar demasiado polos malos momentos, os pequenos ou grandes tropezos que se nos van poñendo diante. Aínda así todos somos conscientes de que o que temos visto é ficción, aínda que esta é desas que ao principio pon “inspirado nunha historia real”. Falo dunha película estreada hai creo que tres semanas pero que eu recomendaría que se tedes opción tedes que ver, non creo que vos decepcione. O título é “Intocable”.

Cando vin os trailers en televisión xa me chamou a atención. Avalada por dezaoito millóns de espectadores na súa país de orixe, Francia, unha das cintas máis taquilleiras da súa cinematografía e con varios premios tanto dentro como fóra do seu país. Ademais algúns coñecidos e coñecidas que foran vela comentáranme que era do mellor que viran nos últimos meses. Tendo en conta que a carteleira estaba chea neste momento de historias pouco apetecibles non había demasiado onde elixir e ademais a esta tiñámoslle ganas. Vimos varias comedias francesas destes últimos anos e en maior ou menor medida todas nos gustaran moito, sobre todo as desta liña, a de tratar en ton de comedia cousas que non parecen ser demasiado simpáticas ou divertidas.

A causa dun accidente Philippe, un dos protagonistas, quedou tetrapléxico. A historia comeza cando está a buscar unha persoa para que estea con el todo o día, traballando como enfermeiro, asistente, axudante e para todo o que necesite. É millonario e vive nunha gran casa rodeada de todo tipo de luxos pero ademais da súa enfermidade hai outras cousas na súa vida que fan que viva sumido nunha profunda tristeza e amargura. Un home culto, gran lector, afeccionado á música clásica e cunha vida anterior polo que entendemos máis que apaixonada e interesante. Ao principio da historia vemos como está seleccionando entre varios candidatos a esa persoa, xa que tivo varios e ningún lle durou demasiado, entre o mal humor e o esixente que é todos acaban marchando. Aparece entón Driss, un rapaz de cor que vemos como vive nas aforas de París, con moitos problemas sociais e de adaptación, delincuente e rodeado dun ambiente que non deixa entrever nada bo para el nin para a súa familia. Driss so quere que lle firmen o papel do paro rexeitándoo para poder seguir cobrando, pero é evidente que iso non vai pasar. Driss compórtase ante Philippe con naturalidade, dicindo as cousas como lle saen, case sen pensar e sen darse conta das limitacións qu este ten. A Philippe isto gústalle, faille gracia e decide contratalo a proba durante un mes a ver que pasa. Driss alucina coa casa na que vai vivir, coas cousas que hai e, sobre todo, con algunhas das cousas que terá que facer como parte do seu traballo. Loxicamente a partir deste momento, e pouco a pouco, a vida dos dous vai cambiar, sobre todo a de Philippe, que por fin atopa a alguén que non o trata con pena, con condescendencia, senón que tenta dentro do posible tratalo como unha persoa máis. Pero non é so o trato, desde o principio veremos como Driss é unha persoa enormemente alegre, capaz de sacar un sorriso a calquera coas súas palabras o formas de actuar, unha alegría que será contaxiosa para todos os que viven nesa gran mansión.

Parece que imos ver a historia de sempre, persoa con problemas que consegue cambiar, redimirse ou ver a vida doutra maneira gracias a unha persoa que sae na súa axuda e coa que non parece ter demasiado que ver. En certo sentido é, non o vou negar, pero ao mesmo tempo ten algo especial, distinto, algo que fai que se estea algo lonxe dese tipo de historias. Non hai redención, non hai un momento máxico onde todo cambie radicalmente, son pequenos cambios, pequenas cousas que van descubrir ambos, máis Philippe, evidentemente. A súa vida non vai cambiar, pero si e moito a forma de vela, a forma de facer as cousas, de gozar das cousas que quizais antes non vira ou non quería ver, de dar pequenos pasos cara adiante para, desde a súa situación, facer cousas que antes non é que non quixera facer, é que non se lle ocorreran. E sobre todo aprenderá a rir, de si mesmo e dos demais, a rir con Driss que é capaz de ver con humor case calquera situación. Pero o que fai que sexa máis distinta é o ton xeral da historia. En ningún momento busca a vágoa fácil, a emotividade forzada ou esas situacións que case fan que o corazón estea apertado no peito. É unha historia emotiva e optimista, alegre por riba de todo, chea de humor en todo momento. Poucas situacións están presentes para despertar a compaixón, senón todo o contrario, busca a alegría. Ten moitos momentos de humor negro (non vou contar ningún, mellor velos) realmente inesperados e orixinais, chistes que incluso poderían parecer de mal gusto pero que dentro do contexto no que se producen non poden máis que provocar unha sonora gargallada. Incluso os momentos nos que predomina o sentimento son suaves, case leves, case pasando de lado e nunca buscando o sentimentalismo. Non vou dicir que sexa realista, pero case parece máis crible que moitas outras do mesmo tipo. Ten momentos realmente xeniais, pero a media alta mantense durante toda a historia. A visita a unha pinacoteca ou unha conversa sobre música clásica que están a escoitar son dous dos máis destacados neste sentido para min, pero habería moitos outros.

É a quinta película que dirixen e escriben a medias Eric Toledano e Olivier Nakache. O papel de Philippe está interpretado por un coñecido e destacado actor francés, François Cluzet, realmente xenial no papel do home obrigado a vivir nunha cadeira de rodas e que so pode mover a cabeza, nada fácil, pero so cos seus ollos e expresión é capaz de transmitir desde unha profunda tristeza á maior das alegrías, os seus sorrisos ou os seus ollos chorosos fan que o espectador comparta eses mesmos sentimentos con el. Driss está interpretado por un actor con bastantes películas no seu país e ao que vin recentemente noutra que me gustou moito, “Micmacs”, Omar Sy. Impresionante de verdade, premiado co César en Francia ao mellor actor por este papel. A enerxía que transmite, sempre enerxía positiva, as súas actitudes, as súas formas de falar ou de moverse son do mellor da historia. Consegue reflectir tal cantidade de sensacións, de sentimentos, de optimismo que fan que ata o espectador sinta esas mesmas cousas. Encantoume, de verdade, e pareceume en todo momento que conseguía con creces o que se pretendía. Non so neses momentos, senón tamén nos que ten que estar máis serio, triste ou preocupado, unha das interpretacións máis completas que vin nos últimos meses, máis que destacable. O resto dos actores tamén están realmente ben. Sacando aos dous protagonistas gustaríame destacar tamén o papel de Yvonne (interpretado por Anne Le Ny), a muller algo maior que se encarga da casa e de estar pendente de todas as necesidades da mesma; a presencia de Driss na súa vida tamén fará que cambie algunhas cousas e decida tomar a iniciativa nalgúns aspectos da súa vida diaria.

Creo que é unha película completamente recomendable, aquí gustounos moitísimo a todos e sobre todo, como dixen, por tratar algo que parece o de sempre pero dunha maneira algo distinta. É un optimismo contaxioso, unhas ganas de vivir e disfrutar que farán que despois lle demos algunhas voltas a certos aspectos das nosas vidas. O sorriso é case permanente ao longo das case dúas horas que dura (que se me pasaron nun suspiro) e os risos sonoros estarán presentes en varios momentos. Non sei por que, pero teño a impresión de que vai ser desas que en breve terá a súa versión americana (posiblemente innecesaria), esperemos que non a destrocen e sexan capaces de manter ese mesmo aire.

jueves, 22 de marzo de 2012

"Falling Skies" e "Terranova"

Non imos agora a descubrir a Steven Spielberg, director, guionista, produtor..., un home que desde o principio apareceu case como o novo rei Midas de Hollywood, que todo o que tocaba convertíao en éxito. Non vou nesta ocasión a facer unha recensión biográfica porque sería case imposible resumir toda a súa carreira nunhas poucas liñas. Recoñézome un incondicional de todo o que fixo, e incluso nas máis frouxas ou irregulares había algo bo que destacar. Se teño que elixir algunhas penso que me quedaría con “El color púrpura”, “La lista de Schindler”, “1941” o “Salvar al soldado Ryan”, sen deixar de lado unha das súas primeira producións para a televisión, “El diablo sobre ruedas”, simple e aterradora ao mesmo tempo. Aínda teño pendente a súa última película, “War Horse”, pero caerá un día destes. Os seus primeiros traballos como director foron para a pequena pantalla, un mundo no que agora colabora bastante como produtor ou guionista, e traballando bastante, a verdade, porque son varias as producións destes últimos anos coas que ten algo que ver. Hoxe vou comentar dúas desas series nas que interveu. Son dúas series que me decepcionaron un pouquiño, sobre todo tendo en conta de quen veñen, porque de ambas esperaba algo máis. Non é que estean mal, pero creo que lles falta algo, ese punto a maiores que poden facelas destacar. Tanto é así que unha delas cancelouse recentemente por falta de audiencia e a outra posiblemente terá unha segunda temporada para o mes de xuño por Estados Unidos; ían cancelala tamén, pero a presión de certos grupos de seguidores fixo que ao final decidiran facela. Os dous últimos grandes éxitos de Spielberg neste medio estaban relacionados coa Segunda Guerra Mundial, notábase neles a influencia de “Salvar al soldado Ryan” e estaban realmente ben, falo de “Hermanos de sangre” e “The Pacific”. Neste caso as dúas de hoxe están relacionadas cun campo que domina á perfección, a ciencia ficción, en dous sentidos diferentes.

Falo de “Falling Skies” e de “Terranova”. A primeira entra no mundo das invasións extraterrestres e a segunda transcorre nun tempo pasado, moi pasado, coa terra dominada aínda polos dinosauros. Como podedes ver o que dicía ao final do parágrafo anterior cúmprese, os extraterrestres (“Encuentros en la tercera fase”, unha maravilla) e os dinosauros (“Parque Jurásico” e as súas continuacións) son dous elementos moi presentes na cinematografía de Spielberg.



“Falling Skies” parte do momento no que a terra está a ser invadida por unhas naves extraterrestres que a conquistan en pouco tempo, como sempre, mais grandes, máis fortes e con mellores armas. Por un lado teñen uns robots soldado que son os que se enfrontan cos humanos e outros seres con varias patas a medio camiño entre os insectos e os lagartos. Ademais secuestran aos nenos que atopan para implantarlles un xugo nas costas que fai que estean completamente dominados por eles, usándoos como escravos. Varios grupos de superviventes moi heteroxéneos van organizándose para tentar acabar cos invasores. Baixo unha estrutura militar enfróntase con eles cos poucos medios dos que dispoñen e cada pequena vitoria é un paso adiante. Desprázanse en grupos máis ou menos organizados, nos que os civís están ao cargo dos militares, que son os que levan a voz cantante. O protagonista é un profesor de historia, Tom Mason, que ademais usa os seus coñecementos das antigas batallas da historia para afrontar esta nova guerra. Ten tres fillos, pero un deles foi capturado polos invasores, co que o seu rescate é un dos elementos centrais da historia. Como dicía antes, esta é a que por presión dos seus seguidores, que non querían quedarse sen ter un final, terá en verán deste ano unha segunda temporada. Aínda así a primeira so consta de dez capítulos.

Tom Mason está interpretado por un coñecido actor de televisión, Noah Wyle, o doutor Carter de “Urxencias”. Aquí está un dos problemas que ten, que non me resultou demasiado crible nese papel entre home reflexivo e home de acción que ten que interpretar, como se nalgúns momentos faltáralle algo de carácter ou decisión, restando algo de credibilidade á historia. O resto dos actores imos dicir que manteñen unha liña discreta, sen destacar nin para ben nin para mal.


“Terranova” apareceu con moitas expectativas e aires de gran produción. Dous dos temas máis usados por Spielberg aparecen nela, a loita entre o home moderno e os dinosauros e os descubrimentos científicos que fan posible esta relación. Estamos no ano 2149, nun mundo preto da aniquilación debido á mala calidade do aire e a superpoboación. Todos teñen que vivir cun respirador que fai que poidan saír á rúa e os matrimonios están limitados a ter dous fillos. Neste mundo temos á familia Shannon, Jim é policía, a súa muller Elisabeth é unha famosa doutora e teñen tres fillos: Josh, Maddy e Zoe. Precisamente o punto de partida é a detención de Jim e o seu posterior encerro no cárcere debido a esa terceira filla, prohibida polas leis e á que esconden ata que son descubertos. Pero uns científicos crean un portal temporal cara ao pasado, en concreto 85 millóns de anos cara atrás, a época dos grandes dinosauros, os bosques e un mundo sen contaminación e completamente salvaxe. Así farán unha serie de “peregrinacións” de xente escollida cara a ese pasado como unha forma de empezar de novo par tentar borrar os erros cometidos. Nunha delas a familia Shannon é elixida, sobre todo a causa da necesidade de médicos e investigadores en Terranova. Jim terá que fuxir do cárcere, non están dispostos a marchar sen el. Claro está, conseguirao e ao final dese primeiro episodio atoparemos aos cinco nesa nova terra, coa oportunidade de empezar de novo e construír un mundo mellor non so para eles. A vida alí non será fácil, non so polos dinosauros, senón tamén polos propios seres humanos. As mentiras, intrigas, os delitos...seguen existindo, así que nese mundo mellor o ser humano segue a ser máis ou menos igual. Cando eles chegan xa son moitos os que viven alí, pero hai un grupo, os Sextos (chamados así porque chegaron na sexta peregrinación) viven fóra do recinto protexido, enfrontándose co resto da poboación sen que saibamos moi ben as razóns do seu comportamento. Gobernada polo comandante Nathaniel Taylor case como se fora un destacamento militar, algo necesario tendo en conta o mundo que os rodea, o día a día non será sinxelo e as cousas que pasaban no mundo do que veñen seguirán máis ou menos igual, engadindo a todo iso a todo tipo de criaturas salvaxes ás que terán que enfrontarse.

Como no caso anterior, actores non demasiado coñecidos de nome, pero si moitas caras habituais do medio. Quizais o máis coñecido sexa o actor que fai o papel do “gobernador” de Terranova, Stephen Lang, o xeneral que dirixía aos soldados de “Avatar”. E tamén podemos aplicar o dito, en xeral actuacións que se quedan nunha gama media, sen destacar demasiado en ningún sentido. Esta é a que foi cancelada recentemente porque a audiencia e críticas que estaba a ter non compensaban o gasto realizado. Rodada en Australia, cuns efectos especiais que visto o visto no cine non chaman demasiado a atención pero que non están mal, ben ambientada e cuns capítulos que requiren máis de mes e medio de traballo cada un, demasiado diñeiro para os resultados obtidos.

Curiosamente neste caso o comentario que fago pode aplicarse as dúas. Ambas presentan case as mesmas virtudes e os mesmos defectos. Non son moitas neste momento, fronte a outros anteriores, nos que teñamos “series familiares” para elixir. Antes eran moitas as que podían verse en familia e penso que isto é algo que se perdeu desde hai uns anos, agora ou son case series para maiores ou enfocadas directamente a adolescentes (e destas poucas podo destacar, a verdade). Digo isto porque estas dúas vémolas cos nosos fillos, e a eles gústanlles ou, polo menos, resúltanlles entretidas, máis que outras. Ambos queixáronse da suspensión na produción. Neste sentido non están mal, son entretidas, pero poderían ir algo máis aló. As ideas argumentais non son malas, nada innovador na idea central pero si no que podería haber ao redor delas. Onde está o problema entón? Pois que lles falta forza, sobre todo narrativa, están lixeiramente exentas de emoción nos argumentos, na dirección e nas interpretacións. Xa dixen que non é que sexan malas, pero quizais a expresión “algo neutras” poida definilas. Fáltalles convicción, non reflicten demasiado ben a tensión dos argumentos, que en ambos casos presentan situacións interesantes. “Desgana” quizais sexa a palabra que se lles poida aplicar. Poderían ser dúas boas series cun par de puntos máis neses sentidos sobre todo, dirección e interpretacións. Non son aburridas e non están mal para pasar un rato, teñen algúns bos momentos e incluso hai capítulos que destacan un pouco por riba da media. Aquí, por exemplo, esperamos con algunhas ganas a segunda temporada de “Falilng Skies” porque nos deixaron a medias e queremos saber, en caso de que o teña, o final. No caso de “Terranova” creo que nos imos quedar coas ganas de que a cousa remate, pero hai uns días comenteille aos meus fillos que a suspendían e non quixeron deixar de vela, así que seguiremos a ver se lle dan un final ou fan como con outras, rematou e fóra, non hai un final que peche mellor ou peor a historia. Recomendables para unha noite en familia (por riba dos dez ou doce anos, que algo de violencia teñen e os extraterrestres e os dinosauros poden provocar algún pesadelo) sen pedir demasiado. Non sei se as vistes ou non, a ver se me dicides algo.