Volvemos ao mundo das novelas, neste caso do xénero negro ou de investigación, outro deses que soen gustarme bastante cando están ben feitos, manteñen a intriga e teñen un desenvolvemento medianamente orixinal, algo que non é demasiado fácil nun tipo de novela da que podemos atopar infinidade de exemplos. Neste caso dun autor do que comentei a súa primeira novela ao pouco tempo de empezar con este blog, alá por xullo do ano 2010 apareceu un comentario de “La herejía”, do novelista francés Romain Sardou. Neste caso esta é a súa terceira novela e curiosamente creo, desde a miña opinión, que adoece das mesmas virtudes e defectos que mencionei cando comentei a anterior. Logo explicarei algo máis. O título é “El círculo de los escribas”.
Romain Sardou é un autor nado en 1974 en Boulogne-Billancourt, Francia. Como curiosidade comentar que é fillo do cantante e compositor Michel Sardou. Ven dunha familia de artistas, cantantes, escritores e actores. Isto fixo que a súa infancia e xuventude estiveran cheas de arte en case todas as súas manifestacións, pero foi a lectura a que gañou a partida sobre as demais. Creceu lendo as obras dos grandes autores e foi o que fixo que se decidira pola escritura. Deixou a escola secundaria no ano no que se ía graduar coa idea de converterse en dramaturgo. Logo asistiu durante tres anos a clases de teatro, coa idea de comprender mellor o funcionamento do mesmo e entender a profesión de actor. Posteriormente traballou no festival de Rametuelle. Nos anos noventa viaxou a Estados Unidos e traballou na Disney. No ano 2002 apareceu a súa primeira novela, “La herejía”. En castelán as súas obras están editadas por Grijalbo e DeBolsillo. A primeira apareceu no ano 2004. Outras publicadas son “El peregrino del tiempo” (2006) e “Líbranos del mal” (2009). A que comento hoxe é do ano 2008. Ademais é autor de varios contos de Nadal escritos para os seus fillos. A súa última novela non foi editada aínda por aquí, titulada “Quitte Rome ou meurs” (“Vete de Roma o muere”), unha historia que transcorre na antiga Roma.
“El círculo de los escribas” transcorre na localidade de Concord, en New Hampshire. Alí o oficial de policía Stu Sheridan leva unha vida bastante tranquila, ata que nunhas obras atopan vintecatro cadáveres apilados de forma completamente ordenada, todos eles vestidos e cun disparo no corazón, tal como están parece que foron alí de xeito voluntario. Ademais non teñen características comúns, distintas idades, sexos... Un misterio que non poderá desvelar, xa que o FBI rapidamente collerá o caso, deixándoo de lado, aínda que Stu non é unha persoa que deixe as cousas con facilidade, sobre todo cando os asasinatos tiveron lugar na súa poboación. Ao mesmo tempo iremos coñecendo a historia de Frank Franklin, un estudoso da literatura, autor dun libro que tivo gran fama no que fai unha análise crítica de varios autores. A raíz desa publicación ofréceselle a posibilidade de ser profesor de creación literaria nunha prestixiosa universidade privada da mesma zona na que aparecen os cadáveres, a Universidade de Durisdee. Durante algúns capítulos coñeceremos a historia destes dous personaxes, dous camiños que parecen non ter conexión. Sheridan irá pouco a pouco recabando información sobre algúns dos asasinados, xa que vai custar identificalos, e sobre algunhas cousas relacionadas co caso. Mentres Franklin chega á universidade, instálase e comeza as súas clases. É evidente que ambos acabarán tendo contacto, ¿como? Buscando puntos en común entre os mortos Sheridan descobre que varios teñen algo que os relaciona, a afección á lectura de novelas negras dun misterioso autor que case ninguén coñece, un autor de ventas limitadas e non demasiado éxito pero que plasma todo nas súas historias con precisión milimétrica. Nun principio pídelle a Franklin que lea esas novelas para atopar nelas as claves do autor, tentando adiviñar cal é a súa forma de pensar e que relación pode ter coas misteriosas mortes, das que case non hai unha soa pista. No medio está tamén a existencia dun club secreto formado por uns poucos alumnos da universidade e que se fan chamar a si mesmos el Círculo dos Escribas. Pronto estes dous personaxes veranse inmersos nun gran misterio, nunha complicada historia que fará que teñan que cambiar a súa forma de ver as cousas e que estará chea de sorpresas e emocións. Terán que usar todo o seu inxenio para atrapar ao misterioso asasino, nun xogo entre literario e mortal.
A novela creo que ten un bo plantexamento, a idea central é bastante orixinal e o desenvolvemento da mesma está bastante ben logrado, conseguindo manter a atención do lector en todo momento. Nese sentido está moi ben, capítulo tras capítulo imos coñecendo algo máis, aclarando algunhas cousas e vendo todo desde o punto de vista dos dous protagonistas. Ambos personaxes están ben deseñados, teñen unha personalidade ben definida e a súa intervención dentro da historia está moi ben organizada. Ao redor deles algúns outros aparecen aos que haberá que estar moi atento, porque durante boa parte da historia non saberemos moi ben de quen desconfiar ou, sobre todo, como o asasino pode estar a facer o que fai. Ao igual que na novela que comentei anteriormente a linguaxe é directa, incluso nalgúns momentos pode facerse algo desagradable polo detallado e brutal, pero é a forma de facer que o lector poda chegar a sentir o mesmo que están a pasar os personaxes da historia. A novela lese moi ben e mantén ao lector nun certo estado de tensión, paréceme unha boa historia e nese sentido gustoume bastante. Para poder dicir algo máis quizais tería que desvelar algunhas partes, cousa que non vou facer, porque o mellor é, coma sempre, que o propio lector descubra as cousas a medida que avanza nas páxinas.
Pero ten un pequeno problema desde o meu punto de vista. Ao principio deste comentario dicía que para esta terceira novela do autor podería aplicar moitas das cousas que comentei cando o fixen coa primeira, que ten as mesmas virtudes e os mesmos defectos. A maior virtude está indicada no parágrafo anterior, a historia é orixinal, os personaxes non son demasiado tópicos e incluso entran dentro do crible, o desenvolvemento tamén está ben, pero fáltalle algo. Naquel momento dicía que “La herejía” era unha boa historia pero que fallaba no sentido de que quedaba demasiado simple, que podería dar máis de si ou estar máis desenvolvida nalgúns momentos. Pois a esta penso que lle pasa o mesmo. Hai nela moitas ideas que podería traballar máis, que quedan algo frouxas e que se as desenvolvera máis darían lugar a unha historia moito máis interesante. Non so no que se refire á parte da investigación, senón tamén na parte na que nos conta cousas dos personaxes, das súas vidas e do que fan. Certo é que de algúns non o fai demasiado porque quizais desvelaría parte dos misterios, pero con outros podería facelo. A historia transcorre durante unhas trescentas páxinas máis ou menos, quizais cunhas cantas máis quedaría moito máis redonda. Incluso as páxinas finais son algo caóticas, quizais demasiado rápidas tendo en conta o anterior, deses casos nos que parece que o autor non ten demasiado claro (ou non ten demasiadas ganas) como rematar a novela e liquida todo con excesiva presteza. Creo que cun pouco máis de desenvolvemento en varios sentidos sería unha novela moito mellor.
Aínda así non está mal, recomendable para os que lle guste o xénero. Bastante entretida e boa de ler, pode un meterse dentro da historia con gran facilidade e seguir a estes dous protagonistas na súa aventura para atopar ao asasino. Boa lectura para unha tarde de verán, cando un está de vacacións e ten ganas de ler algo sinxelo, fácil e sen demasiado esforzo, e entretido e interesante ao mesmo tempo. Teño pendentes as súas outras novelas, non sei se lles pasará o mesmo (boas ideas cunha realización algo escasa), vereino nalgún momento.
No hay comentarios:
Publicar un comentario