miércoles, 6 de octubre de 2010

"El alma de las piedras", Paloma Sánchez-Garnica

nullnullHoxe vou comentar algo doutro libro de recente publicación e que me deixou un sabor algo agridoce, non é que non me gustara pero a verdade é que esperaba algo máis despois de ler algúns comentarios sobre o argumento e tanto a portada como o título fixeron que pensara que ía ser moito máis atrainte do que foi en realidade. Xa teño dito varias veces que a novela histórica é un dos meus xéneros favoritos, dos que agora máis leo e busco, tanto novidades como outras novelas non tan recentes pero que no seu momento non me chamaron a atención ou as descoñecía. Tamén comentei que aproveitando o tirón do xénero aparecen moitas obras que se meten dentro dese saco pero que, ao final, igual debían de estar noutro distinto, porque non responden exactamente ao que eu penso do xénero, e iso é o que me pasou con esta novela de hoxe, que pensei que sería máis “histórica” do que é en realidade, polo menos na miña opinión. A autora é Paloma Sánchez-Garnica y la novela “El alma de las piedras”.



Paloma Sánchez-Garnica é unha autora nacida en Madrid no ano 1962. Licenciada en Dereito e historiadora, deixou o seu traballo como avogada para dedicarse á literatura. De momento é autora de tres novelas, todas elas incluídas dentro do xénero histórico. A primeira foi “El gran arcano” no ano 2006, á que seguiu “La brisa de Oriente” no 2009. Esta do comentario de hoxe é, polo momento, a súa última obra, publicada neste mesmo ano.



“El alma de las piedras” vainos contar dúas historias ao mesmo tempo, ben distintas pero relacionadas co Camiño de Santiago e unhas intrigantes marcas dos canteiros que aparecen en distintas igrexas e sepulcros ao longo do mesmo. Unha delas transcorre no século VIII e a outra entre o XI e o XII. Na primeira o protagonista é un monxe, axudante do Bispo de Iria Flavia, Teodomiro. Este monxe é Martín de Bilibio e no ano 824 asiste a un descubrimento milagroso que vai supor un cambio na súa forma de ver o mundo e a relixión. Nese momento a igrexa está preocupada pola cantidade de problemas que ten, enfrontándose cunha morea de ritos pagáns cos que non se ve capaz de competir. Un día aparece un eremita, Paio, que lle di ao bispo que atopou unha tumba, na que xacen os restos do Apóstolo Santiago, partindo duns máis que dubidosos sinais. Pero a necesidade de atopar algo que dea esperanza e faga máis forte a fe un momento complicado fai que estas dúbidas sexan rexeitadas polos tres protagonistas do descubrimento, o bispo Teodomiro, Martín e Paio. Comeza así o “locus Sancti Iacobi”, as peregrinacións a Santiago de Compostela para achegarse aos restos do suposto santo que aí repousan. Tanto o Bispo como Martín son sabedores do engano, polo que se redacta unha especie de confesión que van denominar “A Inventio” (“a invención”) na que se relatan os feitos. Trala morte de Teodomiro, Martín emprende unha viaxe custodiando o pergamiño coa idea de escondelo para sempre. Ao mesmo tempo coñecerá a un canteiro que lle descubrirá o significado das misteriosas marcas das pedras e algunhas cousas máis. Por outro lado temos o relato que comeza en 1094, cando a protagonista do mesmo, Mabilia de Montmerle e o seu amigo Ernaud atopan nunha capela subterránea os restos de Martín de Bilibio xunto co documento que levou con el á tumba e a marca na pedra da espada rota sobre unha das lápidas. Mabilia é filla do conde de Montmerle, que morre ao pouco de empezar a historia e esta morte vai provocar todo o que ven despois. Geoffroi, o irmán do Conde, un home vil que so quere tomar o posto do defunto, pretende casar coa súa sobriña, eliminar ao fillo pequeno e á nova muller do Conde e facerse con toda a herdanza en contra dos desexos do seu irmán, que deixou todo ben escrito no seu testamento, un documento que non valerá para nada ante a ambición de Geoffroi. Ante isto Mabilia verase forzada a escapar. Facéndose pasar por un home e, ao principio, acompañada do seu amigo Ernaud vivirá cuns monxes un tempo, pero o seu tío non deixa de buscala, polo que, sempre como un home, pensa que o mellor que pode facer é escapar de Francia e pasar a España, seguindo o Camiño de Santiago como un peregrino máis. No medio de todo, como un fío que relaciona ambas historias temos as misteriosas marcas das pedras, a idea de que a quen realmente van ver os peregrinos a Santiago é ao herexe Prisciliano e todo o que rodea a esta historia de lendas, relixión, herexías e aventuras



Para min non é exactamente unha novela histórica, senón máis unha novela de aventuras con certos elementos históricos, a maior parte deles partindo da interpretación de lendas, mitos e historias que circulan por moitas partes en torno ao Camiño de Santiago e aos restos que levan á xente a facelo. Certo é, polo que vin, que esas misteriosas marcas nas igrexas do Camiño existen e ninguén é capaz de darlle una interpretación que satisfaga a todo o mundo e esta novela circula en moitos sentidos ao redor destas marcas. Cando collín o libro chamoume a atención por esa idea que aparece no resumo de que os canteiros sacan a alma das pedras e parecíame atractiva, pero en realidade non hai demasiado desenvolvemento desta idea que aparecía como algo central e importante. A historia de Mabilia non deixa de ser un relato de aventuras co recurso de facer que unha muller apareza ante case todo o mundo como un home, con moitos momentos entretidos e tensos, pero non podemos falar de novela histórica nesta liña argumental, penso eu, claro está. A min persoalmente , aínda que me entretivo, non podo dicir que me atrapara ou conquistara. É unha historia de amores e desamores, de enganos, moi movida e con bos momentos pero nalgúns non me pareceu demasiado crible para o ton que quere ter. Gustoume moito máis a historia de Martín de Bilibio, creo que ten máis interese e os personaxes fóronme máis atractivos, varios deles, non so o central. A súa viaxe de Santiago a Francia para volver de novo a Santiago e ir morrer á Francia ao final pareceume moito máis interesante, máis atractiva e mellor desenvolvida que a outra. A verdade é que estaba desexando saber máis da vida dese escribán que se ve, sen querelo, metido en algo que non sabe moi ben como resultará. Neste sentido gustoume tamén a idea de que Martín, aínda que a súa conciencia sofre pola posible invención pensa que non é algo tan grave porque a cousa non terá tanta repercusión e o número de peregrinos non será tan grande. Claro que cando chegamos ao relato do século XI vemos como non foi así e o número de peregrinos que acoden a Santiago é grande e cada vez crece máis, algo co que o pobre Martín non contaba.



Aparte desta historia tamén me gustou bastante todo o que ten como relato dos peregrinos que ían ver ao Apóstolo. O camiño, as paradas, a atención aos enfermos, as comidas, o tempo, as dificultades, os perigos, as diferencias (como sempre) entre os nobres e os que non o son, a picaresca e os enganos... Todo o que circula ao redor das peregrinacións resultoume moi interesante e atractivo, máis que algunhas partes da historia de Mabilia e os personaxes que circulan ao redor dela.



Nalgúns sitios vin que falaban desta novela como unha novela metade testemuña histórica metade novela de misterio. Na primeira parte coincido, pero na segunda non, máis que de misterio para min é unha novela de aventuras. É a primeira novela súa que teño a oportunidade de ler, penso que as anteriores lereinas nalgún momento, o estilo é bastante coidado e preciso, lese con moito agrado e facilidade e tenta enganchar ao lector, aínda que a min so o fixo en parte, xa dixen en cales.



Penso que fronte a outras si que pode ser unha novela recomendable, entretida e amena, sobre todo se a un lle gustan esas historias entre románticas e aventureiras protagonizadas por mulleres na Idade Media, unha época na que contaban ben pouco, case menos se eran nobres que se non o eran, a verdade. Non se fai longa a pesar de ser, como case todas as deste tipo, unha novela extensa o que tamén é unha virtude. Xa me contaredes se coincidides comigo ou non, espero os vosos comentarios.





[youtube http://www.youtube.com/watch?v=phRxSetL8b4&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario