Hai autores que garanten sempre, polo menos, o entretemento, que como dixen máis dunha vez, é unha das cousas que moitos buscamos cando nos achegamos a un libro. Cando un non ten demasiadas ganas de ler algo serio e profundo temos sempre algúns novelistas que vannos garantir unhas cantas horas de lectura amena e, as veces, como é o caso do comentario de hoxe, con algúns datos máis que a simple historia que nos contan. Xa comentei algunha vez que hai algúns especializados en coller feitos históricos, lendas ou algúns datos e montar ao redor deles unha historia de ficción normalmente ben estruturada e que nos vai dar algo máis que a mera acción. A novela e o autor de hoxe pertencen a esta liña. Falo de Steve Berry e unha das súas novelas, “La conexión Alejandría”.
Steve Berry é un novelista norteamericano de éxito, nacido en Atlanta en 1955. É licenciado en Dereito con máis de 30 anos de exercicio legal, combinado con actividades políticas a nivel local e a escritura. Ademais é un gran afeccionado a viaxar, unha paixón que se une á que ten pola historia, iso levarao a iniciar a súa carreira como escritor. A súa primeira novela, “La habitación de ámbar” publicouse en 2003 e foi candidata ao Premio Edgar a ao Premio ao mellor debut. Ao ano seguinte publica “El tercer secreto”, tamén con bastante éxito. Tras estas primeiras novelas chega un personaxe creado por el que será o protagonista das seguintes, Cotton Malone. A primeira da serie, do ano 2006, é “Los caballeros de Salomón”. A continuación a comentada hoxe, “La conexión Alejandría” (2007), para seguir con “La traición veneciana” (2007), “En busca de Carlomagno” (2008) e “El club de París” (2009). Na súa páxina web podemos atopar dúas novas novelas, unha dispoñible en formato electrónico o 13 de setembro, titulada “The Balkan Escape” (que sería algo así como “La huida de los Balcanes”) e outra con edición en papel para o 23 de novembro en Estados Unidos titulada “The emperor´s tomb” (“La tumba del emperador”). Polo que vin na súa páxina a segunda tamén ten como protagonista ao mesmo das mencionadas anteriormente. Como se pode deducir polos títulos, todas elas pertencen a ese xénero que mistura os datos históricos con intrigas, acción, asasinatos e investigación. Unha mistura entre novela negra e novela histórica case sempre con bos resultados e que non creo que decepcionen en ningún momento ao afeccionado ao xénero. Quizais máis para os que lles guste a novela negra ou de acción que a histórica, aínda que os datos que usa nese sentido sempre soen ser bastante interesantes. Ademais Cotton Malone é un personaxe bastante atrainte, aínda que responde aos parámetros básicos do xénero pero que tamén ten elementos propios e orixinais que fan del un bo personaxe.
Nesta novela Malone, tras o seu divorcio e unha vida moi movida traballando como axente do goberno dos Estados Unidos vive tranquilamente en Copenhague como propietario dunha librería especializada en rarezas e libros antigos. Dicir que, como comentei antes, ten unha serie de características que fan del un personaxe atractivo, é un gran afeccionado aos libros, fala varios idiomas e é un gran e intelixente investigador. Pero claro, terá que deixar esa tranquila vida. O seu fillo desaparece e todo parece indicar que foi vítima dun secuestro e ao pouco tempo un incendio destrúe a súa librería completamente. Ante esta situación e recorrendo a antigos amigos que o axudaban nas súas investigacións, seguirá unha serie de pistas para tentar atopar e salvar ao seu fillo. Descubrirá un misterioso código, denominado a Conexión Alexandría que tamén chama a atención dos servizos secretos de Israel a causa duns informes entregados por axentes palestinos que traballan infiltrados en países árabes. Unha pista que está relacionada con un mito, a Biblioteca de Alexandría, a maior colección de libros do mundo antigo que se perdeu entre as areas do tempo e do deserto. Un escuro segredo se esconde nela, un segredo que podería acabar coas tres grandes relixións da humanidade. Xunto a el unha serie de personaxes buscan o mesmo, una carreira contrarreloxio en busca de salvar ao seu fillo e descubrir se a lenda é certa ou non.
A Biblioteca de Alexandría foi a máis grande do mundo na súa época. Puido crearse cara ao século III e chegou a albergar máis de 700.000 volumes. A súa destrución é un dos grandes misterios de occidente e centos de lendas circulan ao redor da súa existencia. Son poucas as mencións á mesma, a súa organización, distribución ou localización, o que deu lugar a moitas teorías, ningunha comprobada, sobre a mesma. Algúns opinan que, aínda existindo, a súa magnitude ten máis de lenda que de realidade, o que da lugar a centos de historias que parten máis da imaxinación dos que as crean que da realidade.
Nalgunha ocasión comentei que hai moitas novelas que parten de personaxes históricos, feitos, lendas, mitos, tentando darlles un certo aire de realidade ou credibilidade, é fácil xogar con cousas que non teñen unha existencia certa e comprobable, pero non é tan sinxelo convertilas en historias interesantes, amenas e entretidas. Steve Berry penso que é un deses autores que o consegue. A novela está chea de acción, de momentos de tensión, de adiviñas e misterios, de viaxes, de movemento e de personaxes interesantes e bastante ben deseñados. O principal, o ex-axente Malone é un deles, pero os que o rodean tampouco están nada mal. Calquera das súas novelas merece a pena para pasar un máis que bo rato de lectura, ademais de presentar unha serie de datos que algunhas veces están máis preto da lenda que da realidade, pero que sempre aparecen ben introducidos dentro da historia. Como a moitos outros podemos comparalo nalgúns aspectos co moitas veces mencionado neste tipo de xéneros Dan Brown e incluso o personaxe principal podería compararse con Robert Langdon. Penso que prefiro a Berry e a Malone, a verdade, as súas aventuras resúltanme algo máis entretidas e amenas e quizais menos repetititivas no sentido de estar relacionadas coa igrexa e temas relixiosos, aínda que esta comentada hoxe vai por esa liña, pero non todas, polo menos las que teño lido (que non son todas as deste autor, pero van caendo pouco a pouco). Creo que máis que recomendable, a min gustoume bastante e recomendaríaa no seu xénero.
No hay comentarios:
Publicar un comentario