domingo, 10 de octubre de 2010

Modern family

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=3QWvRlHm2fc&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]



Setembro é o mes no que, tras o verán, xunto coas novas temporadas de series xa coñecidas que pronto chegarán ao noso país, aparecen tamén as novas series que pretenden facerse un oco nas programacións das distintas cadeas. Como en case todo a maioría son de procedencia estadounidense e, claro está, algunhas merecen máis a penas que outras. Nestas últimas semanas teño visto algúns episodios de varias de estas novas series, algunhas merecen a pena e outras non tanto, pero varias irán aparecendo por aquí a medida que teña vistos os suficientes capítulos como para ter unha certa opinión sobre elas. Da que vou comentar hoxe levo vistos sete ou oito, e penso que é das que certamente merecen algo a pena porque a pesar de parecer “o de sempre” introduce algúns elementos novos que fan que teña unha certa orixinalidade, ademais de estar, como dicía no anterior comentario sobre televisión sobre “Nurse Jackie” dentro desas que aínda que non tanto como outras, quedan preto do concepto contrario ao correcto, con bastante mala uva e un certo compoñente crítico suavizado dentro dun aire de comedia familiar. Falo de “Modern Familiy”, unha serie que vai pola segunda temporada alá e que aquí podemos ver en Fox e que espero que pase por algún dos canais gratuítos, porque fará que pasedes un bo rato. A primeira temporada, que é a que están a emitir, é do ano 2009 e ven avalada por un éxito máis que destacable, nominada para varios premios Emmy e gañando algúns no seu primeiro ano de emisión, o que pode dar unha idea do éxito que está a ter. Hai anos estaban moi de moda as serie de tipo familiar, iso si cun aire algo distinto a esta, agora a maior parte delas teñen como protagonistas a policías, detectives, forenses e argumentos de acción e este tipo de series cotiás quedaron un pouco de lado, así que tampouco está mal renovar estes argumentos que antes centraban a nosa programación.


É unha produción da cadea ABC e está centrada nunha familia que podería representar varias das novas estruturas familiares, algo lonxe do concepto de familia tradicional. De todos modos non podemos esquecer que estamos vendo unha serie americana, co que ao final a mensaxe de que a familia é o máis importante, sexa esta como sexa, queda sempre recalcado. Son capítulos de media hora plantexados como se estivésemos a ver un falso documental no que os protagonistas responden a unha serie de preguntas sobre a súa familia, ao mesmo tempo que reflicten situacións da súa vida cotián, pasando dun núcleo familiar a outro e tendo en conta que todos están relacionados.


A serie segue a vida diaria da familia de Jay Pritchett e os seus dous fillos, Claire e Mitchell. Jay está casado con Gloria, unha explosiva muller colombiana moito máis nova ca el, faladora e á que non hai quen poida calar, cun carácter latino que choca moitas veces co resto dos personaxes. Ademais aporta a ese matrimonio a Manny, un fillo preadolescente que tivo dun matrimonio anterior. Manny é un home no corpo dun neno, serio, formal e que ten ao seu verdadeiro pai idolatrado, o que provoca moitos problemas co seu pai actual. Claire está casada con Phil e teñen tres fillos. Phil é o pai “guay” que non quere ter problemas cos seus fillos, sempre presto a tentar ser como eles e comportarse dun xeito que non lle faga ter que actuar como un pai, tanto nas súas actitudes como na súa linguaxe, aínda que sexa con palabras que os adolescentes xa non usan, pero que a el lle parecen do máis moderno. Iso provoca continuos problemas coa súa esposa, que por veces o considera brando e pouco efectivo para ter unha certa disciplina na casa. Ademais ela será a que sempre poña as cousas do xeito que ela considera que teñen que ser nunha casa cunha filla adolescente que está a ter os seus primeiros contactos co sexo oposto; outra filla algo menor que non quere ser como a súa irma maior e un fillo que tamén é algo “especial”. O outro fillo de Jay, Mitchell vive co seu compañeiro, Cameron, nunha relación que o seu pai non é que non acepte, pero que non lle gusta demasiado aínda que sabe que non lle queda máis remedio que facelo. Ademais eles dous acaban de adoptar a unha nena vietnamita, o que tamén será un golpe para Jay. A través desta maraña de personaxes vai tocar temas de familia, raciais, de xénero e, sobre todo da complicada convivencia entre todos eles. Todo está tratado en ton humorístico pero cun aire ácido, sarcástico e histriónico en moitas ocasións, pero que no fondo sempre esconde unha serie de realidades máis que recoñecibles, aínda que as veces poida parecer algo esaxerado. Iso si, como dixen antes, tras todos os problemas, discusións, intercambios de opinións, todo remata cun aire de aceptación, de reconciliación e comprensión coa idea central de que, pase o que pase e sexan como sexan, o máis importante é a familia e sobre todo outra idea, de que temos que aceptar á xente tal é como é.


Ten, como dixen, o formato dun falso documental, os personaxes as veces falan directamente á cámara, sentados nos sofás dos salóns das súas casas, contando as súas experiencias e as súas opinións sobre temas de familia, da vida, da sociedade e logo veremos momentos da vida desas tres familias no seu desenvolvemento diario, cada unha polo seu lado, para rematar, case sempre, cun momento no que están todos xuntos, celebrando a unión desa caótica familia. Catorce nominacións aos Emmy e varios premios gañados avalan esta produción que ten momentos realmente divertidos.


Ed O´Neill é Jay, actor bastante coñecido da televisión por unha serie de hai xa bastantes anos e que tiña un certo aire a esta, tamén sobre unha familia un tanto “especial” pero algo máis ácida, “Matrimonio con hijos”. Claire é a actriz Julie Bowen, á que vimos nunha serie que xa comentei aquí, “Boston Legal” e o resto son actores todos eles doutras series con caras tamén coñecidas. Todos eles están realmente ben, pero destacaría a dous. Por un lado a Cameron, o compañeiro de Mitchell; e por outro a Phil, o pai que non quere exercer demasiado como tal pero que polas presións da súa muller ten que facer cousas que considera que non responden a esa imaxe de pai cercano e comprensivo que quere ter e que, claro, sempre lle saen mal, rematadamente mal; ademais a relación co seu sogro non é demasiado boa, xa que a este tampouco é que lle resulte demasiado bo que teña o comportamento que ten.


Son episodios de media hora sempre movidos e entretidos, é imposible non sorrir máis dunha vez ao longo dos mesmos e moitas veces as situacións que se producen provocan algo máis que tímidos sorrisos. Nalgúns momentos ata parece unha mistura entre dúas series de animación pero cambiando os debuxos por persoas (falo de “Los Simpson” e “Padre de familia”), aínda que estas dúas son algo máis esaxeradas e con menos momentos digamos convencionais. A pesares da esaxeración cómica todos poderemos ver momentos e situacións das nosas vidas familiares e moitas veces pensaremos que está máis preto da realidade que outras series familiares nas que todo é marabilloso e xenial, nas que os problemas sempre se resolven con ben ou directamente non existen, aínda que todos saibamos que a familia sen problemas non existe en ningún sitio. Recomendable para pasar un bo rato, simpática, divertida, entretida e cun fondo de realidade máis que importante.





[youtube http://www.youtube.com/watch?v=TL4d554cyvE&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario