jueves, 21 de octubre de 2010

United States of Tara

[youtube http://www.youtube.com/watch?v=popChgi7vbA&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

Hoxe volvemos de novo á televisión e a unha serie da que rematou hai pouco a súa segunda temporada. Xa adianto que, polo que acabo de ver antes de facer este comentario, haberá unha terceira, tanto desta como dunha que comentei anteriormente, “Nurse Jackie”. Por aquí de momento so paso por Paramount Comedy, así que sempre podedes esperar a ver se aparece por algunha das gratuítas. Falo de “United States of Tara”. De momento so vin a primeira temporada e en breve comezarei coa segunda, que lle teño ganas, así que so vou falar desta que é a que coñezo.


Estamos ante unha serie algo distinta, por un lado polo tema que trata, pero sobre todo pola forma de tratalo. A cadea que a emite aquí está case especializada en series relacionadas coa comedia, pero penso que esta a pesares de ter certos momentos cómicos é máis unha traxicomedia, cun argumento bastante duro, difícil e cunha protagonista máis que problemática en todos os momentos da súa vida e de todo o que a rodea.


Tara Gregson é unha ama de casa que vive en Overland Park (Kansas) co seu marido, un fillo e unha filla, o problema é que sofre un trastorno de desorde diasociativo de personalidade, dito doutra maneira máis simple, ten un problema de personalidade múltiple. Xa desde o principio saberemos que decidiu, co acordo da súa familia, deixar a medicación que tomaba para controlar o seu trastorno e que a tiña atontada, pera tentar levar unha vida algo máis normal e consciente. Ademais quere tentar controlar por si mesma o problema sen necesidade de química e tentar atopar as razóns e as causas da súa enfermidade. Iso vai provocar que as distintas personalidades que ten saian en calquera momento, en calquera lugar, case sempre relacionadas con situacións de tensión, estrés ou momentos nos que non sabe moi ben por onde saír. Entón é cando aparecen esas outras “Taras” que van tomar o mando da situación, porque cada unha das personalidades digamos que ten a súa función, aínda que todas elas o que fan máis que nada é provocar grandes problemas para todos. A súa familia aceptou esa renuncia á medicación que tomaba, pero os malos momentos serán constantes por esta causa, aínda que tamén haberá algúns bos aproveitando as situacións. Cada unha das personalidades é completamente distinta as outras e non teñen case nada que ver coa auténtica Tara, ¿ou si?. Na primeira temporada imos coñecer a catro delas. Temos a T, unha adolescente saída de madre, descarada, atrevida e vulgar tanto na forma de falar como na súa forma de vestir e comportarse, que ademais tenta competir coa súa propia filla adolescente. Logo está Alice, que vai ser a perfecta ama de casa, impecable, boa cociñeira, ben vestida aínda que algo clásica, nalgúns momentos parece un personaxe de “Mad men” que escapou da súa serie para pasarse a esta. A terceira en danza é Gimme, unha muller que se comporta case como un animal e que sae en momentos verdadeiramente duros, non fala, camiña agachada e so gruñe. É por último temos a Buck, que neste caso é un home, ordinario, bruto e que é un veterano da guerra de Vietnam, podedes facervos unha idea de como pode ser; leva gafas, bebe, fuma e di que non ten pene porque recibiu un disparo na guerra. O peor é que ela non é demasiado consciente de cando se vai producir o cambio nin de quen vai ser, pode pasar en calquera momento e en calquera lugar, algo enormemente problemático. O seu home, Max, está moi namorado da súa muller, adícase á xardinería e ten unha cantidade inesgotable de paciencia, será o que teña que encargarse de facer que os efectos dos cambios da súa esposa en todo o seu entorno sexan os mínimos posibles. Kate Gregson é a filla adolescente, con todos os problemas desa idade acrecentados pola súa situación familiar, que as veces acepta e outras non tanto, dependendo sobre todo de canto lle afecte a ela. Marshall é o fillo, ten catorce anos, é homosexual (o que fai que unha das personalidades da súa nai, o homófobo Buck, sempre a tome con el), é moi listo, pero todos os seus propios problemas unidos a súa situación familiar fan del un rapaz algo especial. E por últimos, dentro dos digamos fixos, temos a Charmaine, a irmá pequena de Tara que no fondo pensa que a súa irmá o problema que ten é que quere ser sempre o centro de atención e que a súa enfermidade é máis finxida que real.


A serie céntrase sobre todo en como esa familia ten que convivir a diario con esa situación excepcional e como tentan manter as rutinas. Está moi ben plantexada e sorprende a tranquilidade aparente coa que se toman a enfermidade da súa nai e esposa, desenvolvendo estratexias que lles leven a poder tratar a cada unha das distintas personalidades para non ter demasiados problemas. Aínda así é evidente e lóxico que é unha situación que ten a todos moi tocados, aínda que na superficie non se vexa demasiado as veces. Creo que é unha serie distinta, con moi boas ideas e calidade, cun humor intelixente, irónico e crítico aproveitando unha situación que pode parecer ridícula ou esaxerada. Ao mesmo tempo é unha serie dura, con momentos difíciles para todos, sobre todo para a familia, pero tamén para a protagonista, que sofre moito cando descobre o que as “outras” fixeron, sen poder controlar demasiado eses cambios que rompen por completo a súa dinámica familiar e social. Os guións son excelentes e perfectamente montados, todos os personaxes son interesantes e as situacións xeniais. O equilibro entre drama e comedia é perfecto, e aínda que é dura, sempre hai varios momentos en todos os capítulos nos que un sorrí máis do que pensaría ante algunhas situacións.


E deixo para o final o que para min é un dos grandes acertos da mesma, a protagonista. Visto o argumento é evidente que non é unha interpretación sinxela, pero creo que non me quedo curto se digo que é impresionante. É como ver a cinco persoas distintas, porque como podedes ver son todas completamente distintas e opostas e a actuación e sobresaínte. Ver un momento ao masculino e vulgar Buck para pasar despois a fina e educada Alice e de repente aparece T, coas súas minisaias e tangas..., xenial. Eu ademais vina en versión orixinal, e os cambios nas voces, tons e acentos chamaba moito a atención (iso si, subtitulada, claro). Tara é a actriz Toni Collette, bastante coñecida e á que considero unha gran actriz. Xa me chamou a atención na primeira película que vin dela, “La boda de Muriel”, unha cinta australiana de hai xa uns anos, pero moi recomendable. Esta fixo que marchara a Estados Unidos, onde fixo bastante cine e agora é a protagonista absoluta e central desta serie que recomendo hoxe. Gracias a ela gañou un Emmy no ano 2009 e un Globo de Ouro no 2010, ademais de outros menos coñecidos. E o resto dos actores e actrices non lle van á zaga, porque están todos moi ben nos seus papeis, que non nos imos esquecer deles, que ademais de ben tamén son moi importantes en todo o que sucede en cada capítulo.


Aí queda a recomendación de hoxe. Son capítulos deses que non chegan á media hora, co que pasan case sen darse conta, pero sempre está a pasar algo, a acción é constante e case sempre hai algunha sorpresa, algún xiro da historia que fai que nunca baixe o interese. Máis que recomendable.


[youtube http://www.youtube.com/watch?v=ivFAuqpeaz4&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]

No hay comentarios:

Publicar un comentario