Dan Brown é outro deses autores que provocan normalmente sentimentos enfrontados, ten fans incondicionais e detractores acérrimos. A min persoalmente paréceme un autor deses máis que entretidos, cunhas historias amenas, cheas de tensión, ben desenvolvidas e que me soen atrapar nunha espiral, as veces demasiado delirante, de acción, misterios, enigmas, adiviñas e as tramas habituais do xénero. Do mesmo modo penso que hai outros autores dentro deste mesmo tipo de novelas mellores que el en moitos aspectos, máis orixinais sobre todo cos personaxes e que repiten menos o esquema, defecto (ou virtude) que ten Brown. Tamén penso que atopou un modelo que lle debe de resultar sinxelo (aínda que penso tamén que detrás ten un proceso de investigación bastante serio) e adícase a repetilo, cousa que supoño que fará ata que vexa que non funciona e o éxito das súas novelas baixe un pouco, cousa que de momento non parece que estea cerca, xa que todas as súas obras son grandes éxitos de ventas. Tamén, fronte a eses autores que comento que me parecen mellores ou máis orixinais, creo que ten detrás un máis que bo proceso de marketing que fai que as súas novelas sexan sempre vendidas e esperadas.
Non vou facer reseña biográfica, xa que nalgún comentario anterior aparecía, así que a el me remito.
A novela de hoxe é “La conspiración”, e xa digo antes de nada que é unha das súas novelas que máis me gustou. Hai varias razóns para isto, por un lado non ten como protagonista ao habitual, Robert Langdon (a cara de Tom Hanks, que xa comentei que me custa ler libros de Brown que o teñen como elemento central sen poñerlle a cara deste actor), o cal xa é un elemento para darlle un punto máis, algo distinto e fóra das habituais adiviñas e enigmas que soen circular ao redor del. Tampouco ten nada que ver con esas cuestións relixiosas “escandalosas” que coa publicación de “El código Da Vinci” puxérono en boca de case todo o mundo, o que para min é outro punto a favor, e, aclaro, non porque me molesten, senón porque son moitas xa e moitos autores usan este recurso como, creo eu, un modo de darlle máis publicidade as súas novelas e tentar vender algo máis. É unha novela de acción, de intriga, centrada en cuestións medio políticas medio científicas. Tamén hai que ter en conta que é unha novela de ficción con algunhas esaxeracións e licencias, cuns conceptos científicos algo “esaxerados” pero creo que bastante ben plantexados e desenvolvidos. Tamén é un xogo de enganos, de mentiras, de falsidades buscando sempre o éxito e o poder, neste caso relacionado coa NASA e o xogo político pola presidencia dos Estados Unidos. Por certo, que se me pasaba, non é unha das súas últimas novelas, é a anterior á mencionada hai unhas liñas, en concreto do ano 2001, de aí quizais que non siga ao pe da letra o modelo das tres seguintes, que teñen todas ao mesmo protagonista xa citado.
Neste caso a protagonista é unha muller, Rachel Sexton, que traballa na Oficina Nacional de Recoñecemento, un traballo de gran responsabilidade e especialización que leva a cabo unha serie de investigacións de carácter segredo. É a encargada, entre outras cousas, de investigar e filtrar datos sobre terrorismo, política ou delitos contra o medio ambiente e logo, unha vez investigados, pasarllos á CIA ou ao Departamento de Defensa. Ademais é filla dun senador, Sedgewick Sexton, candidato á presidencia do país pero co que mantén, por dicilo dalgún xeito, unha relación algo tensa. De repente vese entre dúas augas cando os seus servizos son solicitados polo actual presidente, un home que, por unha serie de cuestións, ve en perigo a súa reelección. Sorprendida descobre que debe realizar unha longa viaxe a un lugar no Ártico para participar como investigadora un descubrimento que pode cambiar a forma de ver a historia do mundo. A NASA atopa un meteorito nos xeos do Círculo Polar con algo no seu interior que deben certificar para poder facelo público, algo que pode provocar un gran cambio na forma de ver moitas cousas. Xunto a ela traballará Michale Tolland, un oceanógrafo que, entre outras cousas, será o encargado de certificar ese descubrimento. De repente todos os que participan no asunto verán que empezan a pasar unha serie de cousas que non son normais e se verán metidos nunha espiral de acción, asasinatos, intervencións misteriosas e varios personaxes que nin eles nin o lector saberán de que lado están e que é realmente o que queren facer.
A min, como xa dixen, pareceume do máis entretida dentro da ficción entre científica e política. Os personaxes principais están bastante ben deseñados e montados e a historia tampouco está nada mal. É unha novela de algo máis de cincocentas páxinas que se le moi ben, con ganas de seguir pasando páxinas porque non deixa un momento de respiro ao lector, sempre está a pasar algo e cando parece que vai chegar a un momento de certa tranquilidade, de novo as cousas se complican. Hai unha serie de personaxes que teñen algo desconcertados ao lector, sen saber moi ben se queren protexer aos protagonistas ou acabar con eles, porque, claro está, hai un segredo que uns queren desvelar e outros protexer. Hai moitas escenas de acción, algunhas quizais algo esaxeradas, pero xa sabemos que é un autor moi cinematográfico nese sentido, aínda que penso que desta non hai película (a verdade é que sería máis entretida e movida que outras baseadas en novelas do autor). Algúns momentos quizais parecen demasiado “pantasmas”, pero non esquezamos que estamos a falar dunha obra de ficción que non busca moito máis que entreter ao lector. De fondo tamén unha certa crítica do que, quizais, son capaces de facer os gobernos e os gobernantes por protexer as súas posicións de poder ou acceder a elas, de como poden manexar a información e “enganar” ou “acomodar” as cousas aos seus propios intereses. Recomendable para os que lle guste Dan Brown e tamén unha forma de ler algo lixeiramente distinto do que fai máis habitualmente (isto dígoo para aqueles aos que non lles gusta, para que lle dean unha certa oportunidade). Iso si, como xa dixen, non esperedes demasiado, non deixa de ser un puro e duro entretemento no sentido máis estricto do xénero.
[youtube http://www.youtube.com/watch?v=QXgPyYtLFVw&rel=0&hl=es_ES&feature=player_embedded&version=3]
No hay comentarios:
Publicar un comentario