Interesante e entretida a
novela que vou comentar hoxe. Tiña o libro por casa desde hai tempo
e chamoume bastante a atención cando a merquei. Era desas longas e
cunha historia que tiña boa pinta, situada nun momento histórico
moi usado na literatura e que, en xeral, soe dar bos resultados. Non
coñecía á autora e agora sei, mentres preparaba este comentario,
que é a súa primeira novela, creo que cun resultado moi aceptable.
Aparece en varios sitios dentro do xénero “narrativa”, algo tan
xenérico que é case como non dicir nada. Imos dicir que queda a
medio camiño entre unha boa historia cunha serie de personaxes
dentro dun marco histórico bastante ben reflectido e que funciona
como un dos aspectos fundamentais dentro da trama. Non é unha novela
de xénero histórico nun sentido máis ou menos estrito, pero si que
usa un marco moi coñecido para desenvolver a historia dun grupo de
personaxes conectados entre si. Ademais como dixen en máis dunha
ocasión parece que isto da novela histórica queda so reservado par
aquelas que transcorran antes do século XIX e sobre todo se o fan na
Idade Media, algo que non me parece para nada correcto. Certo é que
os protagonistas desta novela de hoxe son ficticios, aínda que lin
por aí que están baseados na vida dos avós da autora, dato que non
puiden confirmar completamente. Evidentemente si isto é certo aínda
podemos falar máis de que está máis preto da novela histórica que
a outros xéneros. A autora é Julie Orringer e a novela titúlase
“El puente invisible”.
Julie Orringer é unha
escritora nacida en Miami, Estados Unidos, en 1973. Graduouse en 1996
nun Taller de Escritura Creativa en Iowa, onde estivo despois
ensinando a mesma materia becada durante dous anos, e graduada na
Universidade de Cornell. Tamén estivo como becaria na prestixiosa
Universidade de Stanford, onde tamén deu clases desde o 2001 ata o
2003. Os seus contos foron publicados en coñecidas revistas
americanas e recibiron varios premios importantes; varios deles foron
incluídos en antoloxías americanas do xénero. A súa primeira
publicación foi unha colección de contos, “Cómo respirar bajo el
agua”, composta de nove historias, moitas delas centradas en
personaxes que perderon a alguén e como afrontar esa situación.
Tivo unhas excelentes críticas e conseguiu varias mencións e
premios con ela. No ano 2004 consegue unha subvención para financiar
a investigación con vistas a escribir unha novela ambientada en
Hungría e París e que transcorrera durante a Segunda Guerra
Mundial. O resultado é a novela que comento hoxe, aparecida a
principios do 2010 e que pronto foi traducida a varios idiomas. Así
“El puente invisible” foi a súa primeira novela longa, recibida
ben tanto pola crítica como polo público. Neste momento está a
preparar un libro baseado nun personaxe histórico (ao que non
coñecía), Varian Fry, un periodista americano que dirixiu unha rede
de rescate na Francia ocupada durante a guerra e que permitiu a
salvación de entre 2000 e 4000 xudeus e membros da resistencia.
Antes de falar do
argumento dicir que non vou contar nada que non se poida saber lendo
a contraportada ou os resumos que aparecen dela nas páxinas de venta
de libros.
“El puente invisible”
podemos dicir que ten dúas partes ben diferenciadas, aínda que
ambas teñen en común aos mesmos protagonistas da historia. A
primeira parte transcorre en París nos anos anteriores á Segunda
Guerra Mundial, a segunda pasará a desenvolverse sobre todo en
Hungría durante os anos da contenda. Andras Lévi é o protagonista
central, ao que pouco a pouco iranse engadindo outros. A súa familia
é xudía e orixinaria dun pequeno pobo de Hungría, Konyár, pero
cando os coñecemos el e un dos seus irmáns viven en Budapest, como
paso previo para ir estudar fóra do país. Os seus pais, Flóra e
Béla, teñen un almacén de madeira e ademais de Andras teñen
outros dous fillos. Tibor é o que está con el desde o principio, o
seu irmán pequeno co que ten unha gran relación. O irmán maior
vive no pobo cos seus pais, Mátyás. O soño de Andras é ser
arquitecto e verá como pode ser un soño cumprido. Gracias a
algunhas influencias tras traballar nun pequeno periódico consegue
unha beca para ir estudar arquitectura a París e é nese momento
previo á viaxe cando empeza a historia. O seu irmán Tibor tamén
ten o seu propio soño, ir fóra de Hungría para estudar medicina,
carreira que lle gustaría facer en Italia. Antes de marchar Andras
recebe un encargo, unha familia acaudalada quere que lle leve unha
caixa a un fillo que tamén teñen en París, József, ademais de
levar unha carta para unha misteriosa muller. Andras chega a París
tras unha longa e complicada viaxe e a súa chegada as cousas
tampouco serán sinxelas. Case sen diñeiro, sen coñecer a ninguén,
sen saber demasiado francés..., todo son problemas, pero é unha
persoa que non se deixa levar por eles e que sempre atopará unha
solución. A situación cos xudeus empeza a ser complicada incluso en
París pero fai amistade con outros tres estudantes de primeiro curso
que serán fundamentais para todo o que veña despois. Polaner, Ben
Yakov e Rosen serán os seus grandes amigos en calquera
circunstancia. Entre eles xurdirá unha amistade que vai axudalos a
sobrepoñerse case a calquera cousa que lles poida pasar. Intrigado
pola muller á que lle debe enviar a carta decide presentarse na
dirección que figuraba no sobre. Alí coñecerá a Klara, unha
muller algo maior que el e que ten unha filla, Elisabet. Non desvelo
nada importante se conto que namorará dela perdidamente e terá que
superar unha gran cantidade de problemas e obstáculos se quere que
esa relación chegue a bo fin. Pero chega a guerra e o seu visado
expira, así que terá que volver ao seu país natal, onde
transcorrerá a segunda parte da historia. A guerra comezou e Hungría
é aliada dos alemáns. Andras e o resto dos personaxes agora estarán
dentro desa outra realidade tan lonxe da que coñecemos ao principio.
Agora virán os problemas, as discriminacións, os batallóns de
traballo, as malas condicións de vida, a fame, o medo e moita máis
cousas que teredes que ler se queredes coñecer a vida destes
personaxes e algúns máis que irán aparecendo a medida que avanza o
argumento.
A historia pareceume
realmente boa, aínda estando preto doutras que transcorren na mesma
época esta engade algunhas cousas descoñecidas para min. Sobre todo
porque se desenvolve en Hungría, un país que durante a guerra
estivo aliada con Alemaña, o que fai que as cousas foran parecidas
pero distintas nalgúns sentidos. Toda a historia dos pelotóns de
traballo é moi interesante e está moi ben contada, a vida dos
xudeus nun país que ao principio non seguía ao pé da letra as
instrucións dos alemáns, os contrastes entre algúns militares máis
de acordo coas ideas nazis e outros que non o eran tanto... A verdade
é que ten momentos realmente bos e da paso danos información sobre
ese momento histórico que non deixa de sorprenderme polo bárbaro e
brutal. Vainos dar outro punto de vista, outra forma de ver a mesma
historia que coñecemos cando pasamos de Francia a Hungría.
Ademais a historia está
moi ben contada. Incluso o estilo cambia lixeiramente entre ambos
momentos. A primeira parte, aínda tendo momentos fortes ou tristes,
é máis suave, máis fluída e cunha linguaxe máis coidada. Cando
pasamos a Hungría chega o horror e con el cambia a forma de contar,
facéndose máis directa, máis brutal. Aínda así a autora usa as
palabras xustas e necesarias para que o lector poida imaxinar todo
perfectamente, quedando no límite xusto entre axitar os sentimentos
do lector e traspasar a liña cara a unha violencia ou brutalidade
máis gratuíta. Gustoume moito a forma en que está escrita.
Ademais da historia, que
me gustou moito, un apartado especial para os personaxes. Todos están
perfectamente retratados e tratados, desde o primeiro ao último
todos teñen o seu momento importante. Incluso algúns que poderían
parecer máis secundarios, como por exemplo os pais de Andras, irán
aparecendo nalgúns momentos puntuais para aportar algo a trama. O
protagonista central está moi ben montado, así como Klara; pero o
mellor é que todos os demais tamén. Non hai un so que non teña o
seu momento importante, que a súa intervención na historia non sexa
fundamental para a mesma. Ademais diso varios dos importantes van
sufrir cambios e evolucionarán nas súas forma de pensar ou de
comportarse; outro dato máis para engadir méritos á autora. Todos
aparecen ante o lector como persoas reais, máis que meros personaxes
de novela. Coñeceremos case todo deles, que tamén é importante,
pero están deseñados de tal maneira que podemos pensar que calquera
deles puido existir e pasar case o mesmo que lemos páxina tras
páxina. Esta é outra das cousas que máis me atraeron da historia.
Noutros casos de historias deste tipo asistimos a unha continuación
de desgracias dos protagonistas, tanto que as veces chega un momento
en que case non nos cremos nada, en que pensamos que o autor está a
pasarse un pouco. Neste caso son máis os momentos tristes e
desgraciados que os doutro tipo, pero en ningún momento tiven esa
sensación de pasarse da raia, de ir demasiado lonxe no que lle pasa
aos personaxes. Toda a historia ten un aire de verosimilitude, de
credibilidade que fai que un entre aínda máis nas vidas de todos
eles.
Amor, tristeza, drama,
felicidade, acción, guerra, estudos..., unha gran cantidade de
compoñentes dentro dunha historia que me enganchou desde o
principio. Quizais non desde as primeiras páxinas nas que aínda non
sabía demasiado ben por onde ía, pero pronto cambiou e custábame
deixala. Tanto que as cento cincuenta últimas páxinas tiven que
lelas dun tirón, tiña que saber como remataba e non podía deixala.
Tiña que chegar ao final da historia, saber que pasaba con todos
eles nunhas últimas páxinas que son realmente emocionantes. Unha
boa historia, ben contada, interesante e amena ao mesmo tempo, creo
que bastante recomendable. Espero á seguinte historia de Julie
Orringer, creo que merecerá a pena.
No hay comentarios:
Publicar un comentario