
Comentei a súa primeira novela neste blog alá polo mes de setembro do 2010 e dicía que me parecera unha historia orixinal, entretida, divertida e con algunhas cousas boas que facían que destacara algo por riba da media neste tipo de historias. Sobre todo tendo en conta que non hai demasiadas boas historias hoxe por hoxe que teñan o humor como eixo central do que nos están a contar. De principio direi que as dúas son novelas breves e que se len con agrado, aínda que unha gustoume máis que a outra, logo me explicarei. Ambas teñen elementos en común, pero o desenvolvemento dunha pareceume algo máis orixinal e menos simple que o da outra.
David Safier é un autor alemán nado en Bremen en 1966. Estudou periodismo e traballou logo na radio e na televisión. A partir de 1996 empeza a traballar como guionista de programas de televisión, co que empezou a ser coñecido no seu país, realizando varias series e comedias de situación. Por este traballo recibiu varios premios, como o Grimme e o Premio TV en Alemaña, ademais dun Emmy nos Estados Unidos. En 2007 publica a súa primeira novela, “Maldito Karma” que será un gran éxito de ventas en todos os países nos que aparece. En 2009 publícase en España, onde tamén sube rapidamente aos primeiros postos. A súa seguinte novela, do ano 2010, é “Jesús me quiere” e a última polo momento, do 2011 é “Yo, mi, me...contigo”. Aínda non publicaron traducida a seguinte, "Happy family", que supoño que aparecerá pronto.

Das dúas que comento esta é a que menos me gustou. Quizais por demasiado esaxerada, por xogar con demasiados equívocos e por mesturar demasiadas cousas. Polo medio teremos a Xesús, a Deus, aos Catro Xinetes da Apocalipse, a Satanás, ao arcanxo San Gabriel convertido en humano por namorar da madre de Marie... Nalgúns momentos resultoume demasiado ridícula, non vou dicir que incrible porque iso pásalle a todas as novelas do autor, son ficción pura cun trasfondo de sentimentos, de relacións humanas, de mulleres buscando sempre o seu bo camiño, buscando o amor e quizais unha certa estabilidade nas súas vidas. Nas tres novelas do autor os personaxes protagonistas son mulleres que teñen certos problemas de relación, xa sexan sentimentais ou persoais. De todos modos ten momentos realmente simpáticos e divertidos, xunto con outros que aproveitan estas situacións para tentar que o lector aprenda algo ou reflexione sobre certos aspectos da súa vida. Aínda así é unha lectura entretida, breve e divertida que pode facer pasar un bo rato a calquera tipo de lector. Ridiculiza algunhas cousas pero sen chegar as er, por dicilo dalgún modo, pouco respectuosa con certas crenzas ou aspectos da relixión cristián e penso que ten algunhas páxinas realmente boas, aínda así no seu conxunto é a que menos me gustou das de Safier.
O título orixinal da terceira novela deste autor viría a ser algo así como “De repente Shakespeare” que me parece algo máis adecuado que o que lle deron aquí, “Yo, mi, me...contigo”. De novo a protagonista é unha muller, Rosa, descontenta coa súa vida, coas súas amizades, co seu traballo, con case todo o que a rodea. Un día vai a unha feira e ve o espectáculo dun hipnotizador que di ser capaz de volver á xente a algunha das súas vidas anteriores. Ao rematar vai falar con el e convénceo para que faga o mesmo con ela. De repente vese metida nun duelo no ano 1594, no corpo dun home que ao pouco descubrirá que é, nada máis e nada menos, que William Shakespeare. Non poderá volver á súa época ata que descubra o amor verdadeiro. Así que se verá compartindo corpo co famoso autor e ademais nun momento no que este verase metido nunha intriga entre a raiña e outros personaxes históricos que a van levar a ter que facer cousa que nunca podería imaxinar.
Aínda que ten momentos que poden recordar á primeira das súas novelas, o plantexamento e o desenvolvemento da historia son bastante orixinais, tanto na forma de contalo como nas cousas que pasan e na estraña relación de dúas persoas que comparten o mesmo corpo e ademais de dúas épocas tan distintas. Esta situación da lugar a momentos realmente divertidos e moi simpáticos. Os diálogos entre eles dous e con outros personaxes son moi áxiles e con momentos sopresivos e inesperados para o lector. Quizais por iso esta gustoume algo máis que a anterior, porque é menos previsible, ten algunhas sorpresas para o lector, cousas que non espera que vaian pasar. Ten máis momentos nos que o lector preguntarase como vai agora a resolver isto o autor, por onde vai levar agora ao personaxe ou que vai pasar. A verdade é que con esta rin bastante, seguindo ese humor estraño e case ridículo ao que o autor vainos acostumando, e tamén na mesma liña de facer que o lector reflexione un pouco sobre por onde vai a súa vida, por onde quere que vaia ou por onde lle deixan os demais que o faga. Non quero contar moito máis sobre esta, porque realmente ten momentos inesperados, personaxes e situacións que dan sorpresas e alegrías ao lector a medida que avanzan as páxinas.
Dúas novelas divertidas, moi entretidas e simpáticas. Moi na liña de “Maldito Karma”, sobre todo a terceira que ten máis similitudes tanto na historia como nalgunhas situacións. Boas lecturas para pasar o rato e, de paso, pensar un pouco nalgunhas cousas da vida, o amor, a amizade e as nosas relacións coas persoas que nos rodean, tanto da familia como fóra dela, con ideas sobre a tolerancia, o deixar vivir e ese tipo de cousas. Como dixen gustoume máis “Yo, mi, me...contigo” que “Jesús me quiere”, pero iso tamén vai en gustos persoais. Creo que as dúas merecen a pena, neste caso as tres se incluímos a primeira se non a lestes aínda. Unha novelo por ano foinos deixando David Safier, pero de momento non vin nada por aí que fale dunha nova historia, que supoño que seguirá na mesma liña. Senón facede caso tamén a miña primeira recomendación e acudide a Jardiel Poncela, que tampouco vos vai decepcionar nunca.