lunes, 7 de marzo de 2011
"¡Indignádevos!", de Stéphane Hessel
Penso que hai tempo que tan poucas páxinas podían conseguir tanta reflexión, ou polo menos que un se pare a pensar en algunhas cousas que non por evidentes pasan ultimamente por nós como se non pasara nada. Non é que nos vaia dicir nada novo, polo menos á maior parte da xente, sobre todo dunha certa idade, pero si que penso que era necesario que alguén fixera que recordáramos unha serie de cousas, feitos e realidades sociais de hoxe en día que terían que provocar máis reaccións das que provocan. Esta recensión de hoxe non é dunha novela e case nin dun libro, é un libriño (por tamaño que non por contido e dito con todo o cariño) de pouco máis de 30 páxinas que está a provocar unha certa revolución en case todos os países nos que se está a publicar, non unha revolución física, pero si que podemos falar dunha certa revolución mental, facendo que moita xente reflexione sobre a realidade deste século que nos está a tocar e de moitas, non todas, as inxustizas que se están a producir e, sobre todo, de cal é a actitude da maior parte da poboación sobre estas realidades. Falo de “¡Indignádevos!”, de Stéphane Hessel. Neste caso a publicación do mesmo en galego non é que sexa recente, senón que é de hai poucos días, un tanto máis que se acaba de anotar a editorial Faktoría K de libros que conseguiu os dereitos deste libro bastante esperado. Tamén podedes atopalo en castelán editado por Destino.
Curiosamente o prólogo da edición en galego é do autor da novela que comentei antes desta, Manuel Rivas, que tamén en poucas páxinas e baixo o título de “A nova conquista do pan” deixa tamén unhas palabras cheas de contido provocadas polas reflexións de Hessel. No seu estilo habitual, partindo da idea de que as palabras tiveron mellores tempos que agora, uns tempos nos que querían dicir algo e provocaban reaccións, tempos nas que servían para algo máis que encher as bocas da xente. Agora chega Hessel con outras palabras que queren dicir algo e provocar reaccións, ese pan que alimenta a unha xente desexosa de máis cousas nas súas vidas que as que nos están a ofrecer. Penso que é un bo prólogo para preparar o que ven despois.
Stéphane Hessel paréceme unha persoa máis que interesante de coñecer, uns dos últimos que quedan dunha xeración que viviu de cerca o grande conflito da Segunda Guerra Mundial e todo o que trouxo consigo antes, durante e despois. Tomou parte directa en moitos dos acontecementos fundamentais do século XX e é esa forma de ver a vida naquel momento unha das cousas que provocaron estas breves reflexións sobre o home actual e a súa forma de ver a vida e as cousas. Naceu en Berlín en 1917, diplomático, embaixador, combatente da resistencia francesa, preso en campos de concentración..., unha vida chea en todos os sentidos. En 1924 establécese en París coa súa familia, participando do ambiente cultural desta cidade nesa época. Desde 1937 é cidadán francés e en 1939 tivo que interromper os seus estudios a causa da guerra. En 1941 únese ao xeneral De Gaulle en Londres e traballou en labores de contraespionaxe. A finais de marzo de 1944 entra de forma clandestina en Francia para traballar en labores de espionaxe cara ao desembarco dos aliados. En xullo dese ano é arrestado pola Xestapo e acabou no campo de concentración de Buchenwald, en Alemaña. O día anterior a morrer aforcado consegue cambiar a súa identidade coa doutro preso que morrera e cun novo nome é transferido ao campo de Rottleberode. Escapa deste pero volven capturalo, levándoo ao campo de Dora, de onde escapa de novo, uníndose ás tropas aliadas e reuníndose en París a continuación coa súa esposa e os seus tres fillos. En 1946, convencido de que tiña que comprometerse con ese novo mundo que xurdía despois da guerra, entra no corpo diplomático, destinado en primeiro lugar ás Nacións Unidas. Así chegará a participar de primeira man na comisión encargada da redacción do que sería a Declaración Universal de Dereitos Humanos, el será un dos doce membros que a redactaron. As Nacións Unidas aceptaron a Declaración en decembro de 1948. Abandona as Nacións Unidas desencantado por unha nova xeración de funcionarios máis preocupados polas remuneracións que polos ideais que o levaron a el a estar aí. Foi nomeado representante de Francia en varias institucións internacionais e posteriormente embaixador de Francia en varios países. Agora, aos 93 anos, como el mesmo di, xa ao final da última etapa el mesmo recorda e quere facernos pensar a todos, nas cousas que el cree e descubriu en certo momento da súa vida, nos valores e principios que fixeron de el o que é e das cousas que pensa que hoxe están moi lonxe deses mesmos principios e valores.
A súa vida fai que a perspectiva que ten da vida hoxe estea moi influenciada por aquilo, para el é imposible ver as cousas que están a pasar agora en case todos os campos da sociedade e ver que case ninguén fai nada para que esas cousas cambien e non sigan a ser como son. Non entende como nunha época na que hai moitas máis facilidades para todo que noutras que non están tan lonxe as cousas sexan máis complicadas e a xente non faga case nada por cambialas. Iso é o que quere, a indignación da xente, que é o único que pensa que pode levar a un cambio da situación actual. Non pode ser que as sociedades non aprenderan nada do pasado e sigan a repetir moitos dos erros dese pasado, máis graves agora precisamente porque son repeticións de situacións que non se deberían de repetir. A indignación, o enfado e a reacción (iso si, sempre non violenta, que é algo que quere deixar claro) é o que busca dunha sociedade que pensa que está aborregada, que non hai case nada que a faga reaccionar e esa reacción é o que busca. Non se pode entender que nunha época na que hai máis diñeiro e recursos que nunca as diferencias entre os ricos e os pobres sexan cada vez máis grandes, por non dicir abismais en moitos casos. Como vivimos nunha sociedade na que uns poucos marcan a senda a seguir de moitos, como os bancos e as grandes fortunas son os que realmente gobernan e dirixen aos gobernantes. Fala duns medios de comunicación que están ao servizo do poder, que non son imparciais e con informacións reais, veraces e subxectivas, algo que na época da Resistencia pensaban que era fundamental, a liberdade de prensa. Como é posible que un traballe toda a vida para quedar ao final cunha pensión moito menor do que gañaba traballando, como a seguridade social non é algo universal e real para toda a humanidade. Reflexionar sobre como é posible que tantos puntos desa Declaración de Dereitos Humanos estean a quedar en case nada, pouco Universal e pouco humana.
Poucos capítulos breves nos que desenvolve unha idea central en cada un pero todos eles relacionados, buscando sempre a indignación e o compromiso. O maior mal da nosa sociedade é a indiferenza, que nos leva a non facer nada de nada e ver as cousas pasar por diante de nós como se nada. Por sorte a situación non é irreversible, as Organizacións non Gobernamentais crecen pero non son a solución única a tanto problema, porque as solucións teñen que vir dos gobernos, de todos e ao mesmo tempo. Defende a non violencia e a insurrección pacífica, aínda que tamén pode facer pensar nalgún momento que hai situacións nas que isto non chega.
Así, con estas breves pero profundas ideas que desenvolve o suficiente para que o lector teña que poñer algo da súa parte e non darlle todo mastigado, leva vendidos máis de dous millóns de exemplares no seu país e en todos nos que se publica. De todas formas non está exento de críticas, sobre todo referidas ás posturas pro palestinas do autor, que visitou a franxa de Gaza en dúas ocasións e dedica un capítulo concreto a este problema con opinións persoais sobre o mesmo.
¿E que penso eu desta lectura? A verdade é que me provocou sentimentos opostos. Por un lado é certo que ten razón en moitas cousas, sobre todo na idea que de a sociedade actual está un pouco “resignada” ou indiferente ante moitos problemas, non toda, pero si unha grandísima parte da mesma, sempre hai uns poucos que loitan contra moitas destas situacións, pero é case como a loita entre Don Quixote e os xigantes da economía que son os que en realidade manexan os fíos. Certo é que as sociedades modernas parece que aprenderon moi pouco dos erros da historia, sobre todo da máis recente e parece inevitable que sempre tropecemos nas mesmas pedras. Sobre todo agora, somerxidos nunha crise económica na que os que gañan diñeiro queren seguir a gañar polo mesmo o mesmo que nas épocas de bonanza, senón máis, cousa ben difícil e da que parece que non se dan conta. Por outro lado teño a impresión, triste impresión, de que vai quedar case como unha anécdota, como un “bestseller” máis que chama a atención por todo o que di, pero que non pode facer que as cousas cambien, podedes chamarme pesimista, pero como di o prólogo as palabras hoxe cada vez teñen menos peso, por iso o vento lévaas con máis facilidade.
Ademais hai outra cousa a ter en conta. Para poder entender plenamente ou case totalmente as palabras de Hessel hai que ter uns certos coñecementos culturais, económicos, sociais e, sobre todo, históricos sen os cales sería imposible saber que é o que está tentando dicirnos. Quero dicir con isto que os lectores (en xeral, que sempre hai excepcións) que estean por debaixo dunha certa idade é difícil que entendan as cousas que nos está a contar e penso facer a proba. Creo que vai ser unha lectura a realizar cos meus alumnos, quero avaliar o resultado, saber que é o que lles di e o que non, saber se hai algo que lles chame a atención ou que destaquen ou se simplemente queda todo na idea de que é un rollo máis polo que lles fago pasar. A min díxome bastantes cousas e penso que é unha lectura que se debe de facer máis dunha vez, pero espero a ver que pasa con eles. Para vós, penso que tedes que lela e xa me contaredes que vos pareceu e que vos dixo.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
Moi bo si señor
ResponderEliminar