Moitas son as novelas que aproveitan feitos históricos para desenvolver a partir deles relatos que misturan a realidade e a ficción. Esta fórmula pode darnos novelas realmente entretidas e outras que non o son tanto, algo que sempre depende da mestría do autor para cativarnos coa historia que nos está a relatar e cos seus personaxes. Moitas son tamén as que aproveitan certas épocas que, aínda que bastante ben coñecidas, deixaron moitos feitos, datos ou momentos ideais para que o autor deixe voar a súa imaxinación e a dos seus lectores. E unha das épocas que podemos dicir que máis aproveitan isto que estou a dicir é a Segunda Guerra Mundial e todo o que ten que ver cos nazis, as súas ideas, comportamentos, experimentos, etc. De todas as que hai, que son moitas, penso que poucas son as que realmente merecen a pena e destacan por riba da media. Unha das que máis recordo é “Os nenos do Brasil”, que deu lugar tamén a unha desacougante película; menciono esta porque podemos dicir que está moi relacionada coa que vou comentar hoxe, aínda que penso que non está para nada á mesma altura. É evidente que todo o que ten que ver con este tema pode dar lugar a novelas de ficción, algunhas máis preto da realidade que outras, pero é un mundo moi fértil para a literatura. Aínda así creo que me quedo con aquelas que teñen máis de histórico que de ficticio, aínda que estas segundas non están mal para pasar un bo rato. A novela de hoxe é “Huérfanos del mal”, de Nicolas D´Estienne D´Orves e xa digo que, en varias cousas, recordoume moito á que mencionei antes, aínda que esta comentada hoxe cae nalgúns momentos, para min, en aspectos demasiado fantásticos que penso que estropean algo unha novela que non está mal de todo.
O autor é francés, nacido en 1974. Licenciado en Filosofía e Letras pola Sorbona e especializado en literatura moderna. Pasouse ao mundo do periodismo, colaborando en varias revistas e diarios do seu país. No ano 2001 comezou a súa carreira como escritor. No 2002 gañou o premio “Roger-Nimier” pola súa novela “Othon ou l´Aurore immobile” e no 2003 o premio Jacques Bergier con “Fin de race”. Ten publicadas oito novelas de ficción e tres ensaios. Unha das súas grandes afeccións é a música, sobre todo a clásica e a ópera, algúns ensaios tratan sobre este tema e ten un blog centrado no mundo da música. “Huérfanos del mal” é o resultado de dous anos de investigación sobre o tema, foi unha das novelas máis vendidas en Francia no ano da súa publicación, o 2007 e tamén tivo boas ventas nos demais países nos que se publicou.
A historia transcorre en tres épocas distintas, alternando entre elas pero evidentemente todas relacionadas por algo. Parte dunha idea real do militar nazi Himmler, os “Lebensborn”, unha especie de clínicas onde buscaban os nacementos de alemáns de pura raza aria, usando homes e mulleres de raza “pura” para conseguir aos homes e mulleres que dominarían o mundo cando o III Reich triunfara. Así temos unha serie de personaxes que desenvolven a súa historia a partires de 1938, outros ao redor de 1987 e a historia actual, que transcorre no 2005. Nesa época actual temos á protagonista da novela, Anaïs Chouday, unha rapaza nova que traballa como periodista e novelista para outras persoas a través dunha editorial. Un día recibe a chamada do seu xefe para comentarlle que ten para ela un encargo moi lucrativo, unha cantidade que non vai poder rexeitar. Todo para escribir un libro sobre eses “Lebensborn” por encargo dunha persoa algo misteriosa. Así coñece a Vidkun Venner, un holandés fascinado pola Alemaña nazi, comprador de todo o que teña que ver con ela, coleccionista e millonario. A súa casa é un auténtico museo de cousas do nazismo e o seu comportamento está cheo de preguntas sen resposta. En realidade o que quere é que Anaïs o axude a investigar catro misteriosos suicidios que sucederon en Alemaña, todos o mesmo día e da mesma maneira e que teñen que estar relacionados. Ademais as autoridades silenciaron todo o asunto, outra cousa que molesta ao señor Venner, que recibiu unha caixa con catro mans cortadas que parecen pertencer a esas catro persoas. Nun principio dubida de meterse nese asunto, que ademais a medida que avanzan os días, parece máis perigoso, pero pouco a pouco a súa curiosidade e a fascinación que exerce sobre ela este personaxe farán que se vexa inmersa nunha historia que supera calquera cousa que puidera imaxinar. Comezarán unha viaxe por varias zonas de Francia e Alemaña que parecen ter relación con estas catro persoas e descubrirán outros misteriosos asasinatos sucedidos no pasado que tamén parecen estar relacionados con eses suicidios. A isto sumamos as desaparicións tamén en Alemaña de varios nenos diminuídos psíquicos que traen á policía de cabeza. Pouco a pouco irán aparecendo na súa investigación moitos dos elementos máis importantes do nazismo da Segunda Guerra Mundial, relacionados directamente con todo o que van a descubrir, poñendo máis dunha vez a súa vida en perigo. Cada paso que dan achégaos máis á verdade, unha verdade aterradora. A todo isto lle podemos sumar que Anaïs ten unha moi mala relación co seu pai, a intervención de Clément, un medio noivo que ten e a atracción que cada vez é máis forte polo señor Venner, que esconde máis do que parece, algunhas cousas sabidas e outras non tanto.
A novela é entretida e non está mal. Consegue que o lector queira saber cada vez máis que é o que está a pasar. Vai alternando entre as tres épocas e historias para ir tecendo un pano de horror e experimentos con seres humanos. Personaxes misteriosos que pouco a pouco van desvelando os seus misterios, cambios de identidade, fuxidas e bastante movemento. Os dous protagonistas, Anaïs e Vidkun son bastante interesantes e están ben deseñados. A intriga está ben montada e iremos pouco a pouco descubrindo cousas, algunhas esperadas e outras non tanto, que algunha sorpresa ten. Nalgún momento hai que prestar atención ao baile de personaxes entre as tres épocas, máis que nada para non perderse entre algúns cambios de nome e cousas parecidas. Os personaxes históricos, que son varios, todos eles relacionados directamente co nazismo, tamén están ben metidos dentro da trama e, se temos en conta que di que estivo dous anos investigando, responden bastante á realidade que podemos coñecer doutras novelas ou da propia historia. E o resto dos de ficción son todos bastante bos e teñen parte importante na historia. Aínda así hai algúns dos principais que non terminaron de convencerme completamente, como se lles faltara algo, como se a súa forma de comportarse ou actuar non estivera clara de todo para o lector, pero non vou dicir cales, por suposto.
A novela non está mal, aínda que non deixa de ser unha máis das moitas que hai sobre o mesmo tema. Eu diría que estaría nun termo medio, con algunhas cousas destacables e outras non tanto. Para os afeccionados a ese tipo de tramas ou época histórica pode ser máis atractiva e interesante pero creo que non aporta demasiado. Ademais para min ten un gran problema, dito desde a miña perspectiva e gustos, e é o final. Durante todo o desenvolvemento da novela asistimos a unha historia máis ou menos crible, coas súas cousas claro, pero podemos dicir que verosímil. Pero as últimas páxinas decepcionáronme un pouco, non vou comentar nada directamente, pero non era a explicación final que esperaba para as cousas que pasaron ata chegar a ese momento. As veces teño a sensación de que hai autores aos que os finais, a resolución, se lle escapan algo das mans e non saben moi ben como dar unha explicación a todo o que pasou (algo que as veces tampouco é imprescindible) e optan por solucións algo “peregrinas”. Pois algo así me pasou con esta, foi un final decepcionante e unha explicación da trama que penso que non se corresponde co desenvolvemento, pero iso é algo que teredes que descubrir vós mesmos, ademais de ver se coincidides comigo ou non. ¿Recomendable? Ben, so a medias, para pasar un rato entretido, algo intrigado e tentando xuntar as pezas dun puzzle bastante ben feito. Espero as vosas opinións.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario