domingo, 13 de marzo de 2011
"Ladrón de guante blanco"
Volvemos á televisión, que xa ían varios libros e algunha película seguidas, así que hoxe vai tocar unha serie relativamente recente, aínda que están a emitir neste momento a segunda temporada en Fox, e penso que aínda non pasou polas outras cadeas, pero anotádea porque merece bastante a pena. Chámase “Ladrón de guante blanco” (“White collar” en inglés, unha expresión que pode usarse para referirse a traballos feitos con elegancia e estilo, máis ou menos).
Parece o de sempre, pero penso que ten elementos orixinais suficientes como para vela con moito agrado. Nalgún comentario anterior falaba de que hai series boas, medias e directamente malas. Esta estaría nun posto intermedio entre boa e media, non ten a orixinalidade, estilo ou outros elementos para estar dentro do primeiro grupo, pero ao mesmo tempo ten elementos bastantes como para situala algo por riba de moitas do mesmo estilo. Tamén introducía unha categoría propia, a de televisión de “palomitas”, pois agora vou dividila en dous, as que son feitas no microondas e as que poden facerse na tixola, escoitando como estoupan e van crecendo, que hai que recoñecer que están moito máis boas. Pois esta de hoxe estaría dentro desta categoría, a das “palomitas” de verdade, as que merecen a pena.
Entra dentro do xénero policial pero non é exactamente unha serie de policías, os protagonistas son un ladrón de alto nivel centrado en estafas e obras de arte e un axente do FBI. Os creadores da mesma admiten que se inspiraron nunha coñecida película de Steven Spielberg con Leonardo DiCaprio e Tom Hanks como protagonistas, “Atrápame si puedes”, unha cinta na que DiCaprio interpretaba a un estafador profesional que era capaz de facerse pasar por calquera cousa e Hanks era o axente que o perseguía por case todo o mundo, moi entretida. Pois aquí temos algo parecido, pero distinto, unha serie que no momento da súa estrea a finais do ano 2009 en Estados Unidos tivo moi boas crítica e un gran éxito de público. Agora están a emitir aquí, como dixen, a segunda temporada no canal FOX.
Neal Caffrey é un ladrón de guante branco, un home elegante, inxenioso, refinado e con estilo, sempre impecable e elegante, case como un James Bond dos primeiros tempos nos seus ademáns, formas de actuar e de comportarse. So rouba obras de arte, é un experto falsificador e un dos máis coñecidos no mundo no que se move, recoñecido e respectado. Pero atopouse co perfecto rival, o axente do FBI Peter Burke, o único home que conseguiu metelo na cadea, e non unha vez, senón dúas. A serie comeza cando Caffrey escapa da cadea para impedir que a súa noiva, Kate, marche sen el por unha serie de razóns misteriosas que iremos descubrindo a medida que avancen os episodios. Pero de novo o axente Burke é capaz de atopalo e volver a metelo no cárcere. Para poder seguir na rúa, Caffrey acepta a oferta do axente, que se quede con el, vixiado claro, e cun localizador no nocello para axudalo a atrapar a outros ladróns, estafadores e falsificadores como el. Acepta a oferta porque é a única maneira de permanecer fóra de prisión para poder buscar á súa noiva. Ao redor deles teremos a outros personaxes que van collendo protagonismo episodio a episodio. Un dos mellores é o amigo e misterioso axudante de Caffrey, Mozzie, todo un personaxe, do que sabemos pouco, sempre preparado para todo, que ve conspiracións en todas partes e ao que non lle gusta nada que o seu amigo traballe para o Goberno. Logo temos tamén á muller do axente Burke, Elizabeth, que tamén terá a súa dose de protagonismo. E o resto do equipo do FBI veremos como pouco a pouco pasarán de ser case meros acompañantes a tomar en máis dunha ocasión a parte principal do desenvolvemento da historia.
Polo que podedes ver tampouco é que sexa nada demasiado espectacular, unha máis de ladróns, policías e axentes do goberno pero a verdade é que ten algo que fai que destaque por riba das demais que poden seguir a mesma liña. Por un lado os seus protagonistas enganchan pola súa personalidade. Tanto Caffrey como o axente Burke poderían parecer tópicos pero non o son. Teñen dúas personalidades ben distintas pero completamente complementarias e non podemos dicir ben quen é o verdadeiro protagonista. Como di un dos meus irmáns, por unha vez o amigo do protagonista non é un mero acompañante ou comparsa ou medio tonto, non, teñen os dous case o mesmo protagonismo. O ladrón paréceme o áxil de mente, listo, pero o axente é o intelixente e ambos se complementan perfectamente en todos os campos. Para min son do mellor neste tipo de series que teño visto en bastante tempo. E non falemos do amigo Mozzie, un saco de sorpresas e de simpatía cunha forma de comportarse e actuar realmente divertida e tamén intelixente, sempre disposto a axudar ao seu amigo, aínda que para iso a veces tamén, con gran dor do seu corazón, teña que axudar ao Goberno. Este é un deses personaxes que ao principio parece que vai saír pouco pero que cada vez colle máis parte na acción, e ademais é algo que como espectador estás desexando, a min encántame. Sempre aparece algo novo, algunha sorpresa inesperada nas súas capacidades, formas de actuar e tamén con intervencións nos diálogos ben divertidas.
Os guións son inxeniosos, intelixentes e sobre todo áxiles, a serie sen contar con demasiadas escenas digamos espectaculares (case non hai persecucións, pelexas ou disparos) non deixa un momento de respiro, é un xogo de intelixencia, de gañar e coller aos delincuentes tentando ser máis listos que eles e esta é unha das mellores cousas da mesma. Os diálogos sobre todo entre eles dous parécenme xeniais e a medida que van tendo máis trato e confianza son aínda mellores. Entre eles vai establecéndose unha relación de amistade, case de dependencia cunhas conversas cheas de dobres sentidos e sempre conseguen que o espectador sorría máis dunha vez. É unha serie moi entretida e amena, ao mesmo tempo que divertida e interesante. Non pasará como outras á historia da televisión, pero sempre é de agradecer un entretemento ben feito, con intelixencia e, sobre todo, clase, e que trate ao espectador con esa mesma intelixencia. Os argumentos son bastante orixinais e aínda que poida parecelo non son nada repetitivos, sempre teñen algo que os fai distintos e interesantes e fan que esteas pendente do desenvolvemento da acción para ver en que remata todo. Intrigas resoltas sempre con elegancia e estilo, nada de forza bruta, a mesma elegancia e estilo que ten o amigo Caffrey na súa vida diaria, na súa roupa, gustos caros e actividades. Moito se fala do carisma do protagonista, e é certo que o ten, penso que hai poucos actores capaces de lucir ese look que ten estilo “rat pack” case como un Sinatra dos anos 50 e co seu sombreiro case sempre posto. De todos modos eu persoalmente quédome co personaxe do axente, a min gústame un pouco máis. De todos modos o bo é a mistura entre os dous, facendo unha parella case perfecta e resolvendo as cousas sempre entre os dous, nunca queda un por riba do outro e iso é destacable.
Neal Caffrey é un actor case descoñecido, Mathew Bomer, de momento con poucas cousas no se currículum. Ata o de agora so o vira facendo un papel secundario de superespía nunha serie que xa pasou por aquí, “Chuck” pero paréceme que pode ter unha boa carreira, xa o veremos. O axente Burke é o actor Tim DeKay, unha cara algo máis coñecida, sobre todo da televisión. Buzzie é Willie Garson, tamén unha cara coñecida de varias series e algunhas películas, sempre en papeis secundarios. O personaxe de Elizabeth é unha cara coñecida, saída dunha serie clásica de hai uns anos e que parece que quere retornar á fama, Tiffani Thiessen, unha das protagonistas de “Sensación de vivir”. O resto dos axentes tamén poden resultar coñecidos aos afeccionados á televisión.
Penso que podedes darlle unha oportunidade, é boa para pasar corenta minutos moi entretidos e amenos, como dixen con bos guións e diálogos, filmada ademais na cidade de Nova York con todos os seus elementos característicos. Nela prima a intelixencia e a axilidade das tramas sobre a acción, que tamén a hai, pero menos que noutras do mesmo estilo. Ademais os capítulos teñen todos ese fío común de saber que pasa con Kate, a noiva de Caffrey, e unha serie de personaxes que xiran ao redor deles, con misterios que irán resolvéndose pouco a pouco ou introducindo outros novos, o que fai que teña máis interese ao non centrarse soamente nos casos que se desenvolven en cada episodio. As veces fará que dubidemos de algúns dos personaxes, quedando cunha certa intriga para o capítulo seguinte, que tampouco está mal. Como dixen, para min bastante recomendable por moitas cousas, se me facedes caso espero que non vos decepcione se sodes afeccionados a este tipo de tramas e intrigas, merece a pena.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario