jueves, 31 de enero de 2013

"Homeland"



Tiña a serie de hoxe gravada desde hai xa algún tempo, aínda pendente. Hai pouco remataron de emitir en Fox a segunda temporada e entre o tempo que tiña e as excelentes críticas por todas partes, nominacións, premios e demais xa non deixei pasar máis tempo. Por fin hai uns días empezamos a vela e gustaríame telo feito algo antes, é das que realmente merecen a pena. Xa no seu momento, a primeira temporada era do ano 2011, aínda que por aquí chegou algo máis tarde, veu avalada por un gran éxito de crítica e público, tanto que en Estados Unidos está prevista a estrea da terceira para setembro deste mesmo ano. Iso si, fronte a outras son temporadas algo máis curtas, de doce capítulos cada unha de case cincuenta minutos de duración. Hoxe toca deixarvos un par de cousas sobre unha das últimas sensacións en series televisivas, “Homeland”. En estes dous anos nominada e gañadora en varios apartados dos coñecidos Globos de Ouro, sobre todo para a súa parella protagonista, ademais de varios premios menos coñecidos.

“Homeland” céntrase en dous personaxes, un masculino e outro feminino. Por un lado teremos ao marine Nicholas Brody. Tras oito anos, nos que se lle deu primeiro por desaparecido e logo por morto durante a guerra de Iraq, é rescatado dun xeito milagroso e levado de volta ao seu país. Oito anos pechado, torturado, maltratado que parecen afectarlle moito nalgúns momentos e moi pouco noutros. En casa esperan por el Jessica, a súa muller, e os seus dous fillos, Dana e Chris. O pequeno case nin o recorda e a súa muller, en todo ese tempo, tentou refacer a súa vida nalgúns sentidos. Por outro lado temos a Carrie Mathison, unha axente da CIA especializada no mundo árabe e que agora traballa na central tras realizar algúns traballos como axente de campo, traballos que non saíron, sobre todo un, demasiado ben. Agora esta convencida de que detrás do rescate de Nicholas hai algo máis, que volta convertido nun dobre axente encargado de despertar a algunha célula terrorista que ten por obxectivo cometer algún atentado de importancia nos Estados Unidos. Ademais, aínda que pouca xente sábeo, sofre un trastorno bipolar que a obriga a tomar medicación a diario, algo que lle provoca algo máis de ansiedade da desexada. Este é o eixo central dunha historia que fará que non perdamos nin un minuto da nosa atención, unha historia onde case ninguén parece ser o que é, onde todos parecen esconder algo e cuns guións que se encargarán de manter ao espectador en completa tensión, sempre esperando o inesperado e con momentos de grandes sorpresas. Pouco a pouco algúns interrogantes sobre a historia e os personaxes irán desvelándose, pero ao mesmo tempo abríranse outros. Unha historia moito máis complexa do que parece nun principio, con continuos cambios, saltos no tempo (sobre todo cara ao cativerio de Brody). Todos menos Carrie ven en Nicholas a un heroe de guerra, ela ve o que quere ver, a un espía dobre ou a un terrorista e é algo que nos tamén veremos e pensaremos a veces, pero non noutros moitos momentos. Iremos descubrindo as cousas case ao mesmo tempo que ela, tendo en conta que saberemos algunhas cousas máis, claro.


A serie tivo desde un principio un gran éxito no seu país, converténdose nunha das sensacións do ano. Detrás dela están guionistas de éxito e especializados en series sobre este xénero, algunha delas tan coñecidas como “24” ou “Expediente X”, exemplos de bo facer sobre todo no narrativo da televisión destes últimos anos. Non imos quitarlles mérito, pero hai que deixar claro que a idea orixinal da serie non é deles. Está baseada nunha serie israelí chamada “Hatufim”, traducida algo así como “Prisioneiros de guerra” e que, para min, é completamente descoñecida e non teño nin idea de se está moi preto ou non ao que podemos ver nesta versión americana. De todos modos, como digo, non lle imos restar méritos. Xa comentei máis dunha vez que os bos argumentos, boas direccións, as historias interesantes e que atrapan ao público están desde hai tempo na televisión moito máis que no cine. Estou a ver cousas moito mellores, máis atraentes, máis orixinais e mellor interpretadas nestes últimos anos na pequena pantalla que na grande, o que non deixa de ser curioso. Tanto é así que grandes actores, tanto principais como secundarios, están a pasarse a este medio, onde é evidente que atopan historias e papeis máis interesantes que os que lle pode ofrecer un panorama cinematográfico centrado en efectos especiais e versións de historias de hai anos. Conste que aínda quedan algunhas cousas que se salvan, pero cada vez menos.

A historia é realmente boa, pero as actuacións fan que sexa aínda mellor. De novo estamos ante uns actores realmente convincentes e moi destacados neste aspecto, tanto os principais como os secundarios, ningún deixa de resultar no que ten que facer. Ademais practicamente todos os personaxes son complexos, cheos de dobreces e formas de comportarse que desconcertan ao espectador. Unha actriz de cine de novo da o paso á televisión para interpretar un papel que parece feito á súa medida. O papel da axente da CIA é para Claire Danes, coñecida polos seus papeis en películas como “Romeo y Julieta” ou “Las horas”. Está xenial encarnando á complexa Carrie, obsesionada por demostrar que Nicholas é moito máis que un heroe e prisioneiro, que volta como un terrorista que quere cometer un acto monstruoso no seu propio país. A verdade é que ten moitos momentos nos que consegue convencer ao espectador por completo. O papel de Nicholas é para un actor quizais menos coñecido para os que non sexan seguidores da televisión, aínda que tivo algúns papeis importantes en películas. O actor é Damian Lewis, protagonista hai un tempo de outra boa serie, centrada esta vez no mundo da policía. A serie era “Life”, onde era un policía que pasou varios anos no cárcere por un crime que non cometera e que cando sae retorna ao seu traballo cunha actitude máis que curiosa. A serie era boa e el estaba xenial, pero aquí está aínda mellor. As súas caras, os seus xestos, a súa actitude e a súa forma de comportarse, enfrontarse á violencia durante o seu cativerio, a volta a casa cunha familia que o daba por morto, aos seus amigos ou a un país que quere convertelo nun heroe e un exemplo para que non se esqueza nunca o perigo dos atentados. Non haberá un so momento no que non nos preguntemos se realmente é o que di Carrie ou o que nos queremos crer, en todo momento estará entre un lado e o outro, ou nun punto intermedio que nos terá realmente desconcertados. Entre o resto destacar o papel do xefe de Carrie, outro personaxe que parece esconder algo, Saul Berenson. Como curiosidade comentar que é o actor Mandy Patinkin, o inesquecible Íñigo Montoya do clásico del cine “La princesa prometida”.

Unha serie con elementos de política ficción, de thriller e de drama, cun ritmo realmente interesante e onde sempre está a pasar algo. Hai que estar atento a calquera pequeno detalle porque todo o que pasa é importante para o desenvolvemento da trama. Cunha forma de filmar, de desenvolver a historia e de interpretala que recorda e fai unha homenaxe ás grandes historias do cine do mesmo xénero, tomando o mellor delas e facendo algo novo. Iso si, a serie é dura e explícita en todos os sentidos, non recomendada para estómagos sensibles. Hai escenas e momentos realmente duros e violentos, tanto por cousas que se ven como por cousas que se supoñen, aínda que nalgúns sentidos non deixa demasiado á imaxinación do espectador, sorprendendo máis dunha vez por ser tan directa. Levamos como seis capítulos da primeira temporada e estamos desexando que chegue o momento de poder seguir con ela, de seguir avanzando nesta complexa historia. Cada novo capítulo abre máis interrogantes, máis ideas que parece que van por un lado pero logo collen outro camiño. Sen saber realmente se Nicholas é un terrorista ou simplemente un preso liberado, sen saber que é o que move realmente á axente Carrie, que pasará coa muller e os fillos de Brody... Moitas preguntas sen resposta, e cando conseguimos responder a algunha resulta que nos deixan moitas máis para pensar. Supoño que a maior parte dos meus lectores xa a teñen visto, pero se aínda non o fixestes non a deixedes pasar, é desas que realmente merecen a pena.


No hay comentarios:

Publicar un comentario