viernes, 8 de febrero de 2013

"Una vacante imprevista", J. K. Rowling



A autora de hoxe saltou á fama case de un día para outro. A publicación da súa primeira novela, dentro do xénero da literatura xuvenil, supuxo unha auténtica sensación e conseguiu que un bo montón de rapaces que non colleran un libro en moito tempo devoraran o seu con moitas ganas. O mesmo pasou co resto das historias centradas no mesmo personaxe, así como coas súas adaptacións ao cine. Ata o día de hoxe todas as súas novelas estaban dirixidas ao mesmo grupo de público e contaban a historia do mesmo grupo de personaxes. Por se alguén non se deu conta a autora é J. K. Rowling, a creadora de toda a saga de Harry Potter. Tras ese gran éxito non debe de ser sinxelo, rematada a historia do mago, afrontar a escrita dunha nova novela, moita responsabilidade, moitos lectores e críticos esperando para opinar sobre ela, tentar ou non escapar do feito ata ese momento e algúns condicionamentos máis, creo que é algo realmente complicado. Hai uns meses apareceu a que se publicitou como “primeira novela para adultos” de Rowling, titulada “Una vacante imprevista” e que rematei de ler hai pouco. Xa vos digo que esperaba algo máis e que me gustou menos do que esperaba.

Joanne Rowling naceu en 1965 en Yate, un pequeno pobo de Inglaterra. É licenciada en Filoloxía Francesa e Clásica pola Universidade de Exeter. Despois trasladouse a Londres onde traballou, entre outras cousas, como investigadora para Amnistía Internacional. Esbozou a idea das historias de Harry Potter durante case cinco anos, tras a idea xeral comezou coa primeira novela. Posteriormente viviu no norte de Portugal, onde foi profesora de inglés. En 1992 casa e ao ano seguinte ten unha filla. Tras separarse do seu marido volveu con ela a Edimburgo, onde rematou “Harry Potter e a pedra filosofal”. O libro apareceu en xuño de 1997, sendo inmediatamente un gran éxito de ventas. En 1998 aparece “Harry Potter e a cámara secreta”, continuando con “Harry Potter e o prisioneiro de Azkaban” en 1999. Todas elas repetiron o éxito e mantivéronse durante moito tempo nas listas de ventas de todo o mundo. No 2000 aparece o cuarto, “Harry Potter e o cáliz de fogo”, cunha edición dun millón de exemplares so no Reino Unido, batendo todos os récords de exemplares vendidos no seu primeiro día de publicación. “Harry Potter e a Orde do Fénix” publícase simultaneamente no Reino Unido, Estados Unidos, Canadá e Australia en xuño de 2003, rompendo todas as marcas anteriores. “Harry Potter e o misterio do príncipe” aparece en xullo de 2005, seguindo a tónica dos anteriores. O séptimo e último, “Harry Potter e as reliquias da morte” publicouse no 2007. Ademais escribiu dous pequenos libros que responden ao título de algúns dos libros de texto de Harry, “Animais fantásticos e onde atopalos” e “Quidditch a través dos tempos”, que aparecen no ano 2001. “Una vacante imprevista” aparece publicada en decembro de 2012 e é, polo momento, a primeira novela da autora tras as aventuras do mago Potter, como dixen esperada e recibida con opinións diversas.

A accións transcorre nun pequeno pobo inglés, o típico en moitos sentidos e que todos podemos imaxinar, chamado Pagford. Preto del está a cidade de Yarvil, coa que ten algúns problemas motivados pola construción hai uns anos dun barrio de vivendas de protección oficial, chamadas Os Prados. O lugar está máis cerca do pobo que da cidade, pero esas terras foron cedidas por un terratenente local en certo momento para construír esa pequena urbanización. O Consello Local de Pagford quere librarse de ter que manter esa zona e pretende que a cidade teña que facerse carto dela, entrando a formar parte da mesma e librando ao pobo dos gastos que representa. Ademais diso temos outro problema, hai unha clínica de desintoxicación de drogadictos, Bellchapel, que está un local alugado a Pagford e que algúns queren eliminar. No pobo temos case dous grupos enfrontados por estes dous problemas, uns queren manter Os Prados dentro do concello e tamén a clínica e outros queren librarse de ambos problemas dun tirón. Uns cren que a clínica da mal ambiente ao pobo e que Os Prados, onde agora viven familias de escasos recursos e moitos dos que van á clínica, tamén. Outros pensan que ante todo hai que axudar á xente que alí vive e aos que van á clínica. Ao principio da novela as cousas están completamente equilibradas, a decisión ten que tomala o Concello Municipal, que está dividido nestas dúas cuestións exactamente á metade. Pero este equilibrio rómpese nada máis empezar a ler, Barry Fairbrother morre de forma repentina. El era o maior defensor da permanencia de ambos elementos dentro do pobo, un home moi querido e apreciado por todos. Agora empeza unha verdadeira batalla na sombra e á luz entre as dúas faccións para entrar no Consello e conseguir o que queren. Uns pelexan por defender as súas ideas e outros ven a porta aberta para desfacerse de todo o que consideran negativo para o pobo. Esta loita fará saír o mellor e o peor de todos, facendo que o aparentemente tranquilo ambiente do pequeno pobo rompa e provocando que moitos segredos saian á luz, sen importar a quen se lle poida facer dano.

Esta é a historia central da novela, quizais unha pequena escusa para desenvolver unha serie de historias sobre o comportamento humano, nas cousas que podemos chegar a facer para conseguir aquilo que queremos sen ver a onde nos poden levar eses actos. Ademais diso teremos historias sobre a adolescencia e os seus problemas, sobre o enfrontamento entre os fillos e os pai, as relacións amorosas entre rapaces e adultos... Ao redor disto xoves inadaptados, nais drogadictas que non poden facerse cargo dos seus fillos, asistentes sociais que se ven desbordadas polo seu traballo e a súa propia vida... Ao final todo se traduce nun cúmulo de problemas, de enfrontamentos, de relacións complicadas a todos os niveis e na idea de poñer por riba de todo e de todos aquilo que uns queren por riba do que queren outros, o importante é impoñer algo sen ter en conta todas as posibles consecuencias e sen parar demasiado a analizar as cousas con claridade e responsabilidade.

Fíxome gracia iso de ler que era a primeira novela para adultos de Rowling. Moitas veces a separación entre este tipo de literatura e a xuvenil é máis que difusa. Creo que as historias de Harry Potter son lidas tanto por rapaces como por adultos. No meu caso recoñézome como fan do mago e lin con ganas todas as súas novelas, creo que un dos seus grandes méritos, xa o dixen ao principio, foi conseguir que xente que hai tempo que non lía fixérao. Creo que, ademais, a saga foi crecendo en intensidade e cada vez era algo máis “adulta” por dicilo de algunha maneira. As dúas últimas eran realmente negras, cheas de momentos intensos e duros, moito máis que calquera das anteriores e gustáronme moito. Neste caso non me pasou como con outras sagas de calquera tipo, creo que esta foi mellorando con cada entrega, crecendo en todos os aspectos, tanto como os seus personaxes, que xa coñecías perfectamente e que, ademais, teño que recoñecer que boto algo de menos. Rowling atrapoume con ese mundo de maxia, cuns personaxes moi definidos e cunhas características moi claras, a pesar de que ían evolucionando a medida que avanzaba a historia. Digo todo isto porque esta nova novela decepcionoume un pouco e incluso nalgún momento se me fixo demasiado longa.

Teño que recoñecer que me custou bastante meterme na historia. Por un lado porque os primeiros capítulos supoñen tal cúmulo de personaxes que en máis de un momento perdinme un pouco e tiña que parar máis dunha vez a pensar en quen eran, con quen estaban casados ou casadas, de quen eran fillos ou con quen se relacionaban. Chegado certo momento xa estaba un pouco máis claro, pero aínda así creo que quizais sobren algúns, tal cantidade pode restarlle algo de interese e intensidade á trama. Tamén hai unha gran cantidade de temas digamos secundarios, como comentei unhas liñas antes. Quizais teña o mérito de tratar as relacións persoais e os problemas dunha boa cantidade dos habitantes de Pagford, dando unha idea completa e total de como é a vida nese pequeno e idílico pobo que ao final non o é tanto, pero para min ao mesmo tempo quítalle intensidade e realidade a máis dunha desas historias. Ao mesmo tempo, non sei se intencionalmente ou non, algúns personaxes e situacións pasan do realista ao histriónico, a algo case incrible e esaxerado, con comportamentos que podemos recoñecer en moitos dos que nos rodean, pero que non parece posible que se misturen todos nunha soa persoa ou nunha soa familia. Ao final esa cantidade de tramas, de situacións e de personaxes fixo que me perdera un pouco, tanto na lectura como no interese pola mesma. Fíxoseme longa, as máis de seiscentas páxinas que ten parécenme demasiadas para a historia que nos está a contar. Incluso custoume recoñecer ese estilo fluído e áxil das súas novelas anteriores, que conseguían manterme lendo e ademais imaxinando á perfección aquilo que estaba a ler, algo que non me pasou neste caso.

Como digo unha lixeira decepción a lectura de “Una vacante imprevista”, aínda que como digo sempre isto non é máis que unha opinión completamente persoal, aínda que vin algúns comentarios que coincidían en certos aspectos comigo. Loxicamente tamén lin outros que non o facían, como sempre isto é algo completamente subxectivo e iso é o bo. Case desde o principio desorienteime un pouco, non fun capaz de meterme demasiado na lectura e iso non é bo. Non sei que pensarán outros lectores desta historia, espero os vosos comentarios.


No hay comentarios:

Publicar un comentario