A novela que vos deixo
hoxe chegoume, de novo, por unha recomendación do gran lector que é
o meu pai. A verdade é que me estrañou non coñecela porque é de
recente publicación e está a ter un éxito notable tanto de ventas
como de críticas por parte dos que se dedican a comentar historias
do xénero ao que pertence. Xa digo desde un principio que me gustou
moito, mantívome en bastante tensión e con grandes momentos que non
facían máis que animarme a ler. Hoxe toca novela do xénero negro,
desas con asasinatos, policías e case todas as constantes do xénero,
pero ben usadas e con moitos temas máis ao redor que lle dan, aínda,
máis interese. Ademais é unha novela de autores españois, o que
lle da, creo eu, un punto máis tendo en conta que a maior parte das
novelas deste xénero soen vir doutros países. Vicente Garrido e
Nieves Abarca son os seus autores, e o título é “Crímenes
exquisitos”, editada no ano 2012 por Versátil.

Vicente Garrido Genovés
naceu en 1958. Graduouse en 1980 en Criminoloxía pola Universidade
Complutense de Madrid, posteriormente doutorouse en Psicoloxía pola
Universidade de Valencia, na que é profesor asociado de Psicoloxía
Penal e de Educación Correccional. Completou os seus estudos cun
posgrao na Universidade de Ottawa e desde 1991 é profesor visitante
da Sociedade Británica de Psicoloxía da Universidade de Salford
(Reino Unido). En España foi asesor da Dirección Xeral de
Institucións Penitenciarias e do Servizo de Rehabilitación do
departamento de Xustiza de Cataluña, ademais exerceu como consultor
de Nacións Unidas para a Prevención da Delincuencia Xuvenil en
Latinoamérica. É autor de varios libros especializados en temas
relacionados cos seus estudos e traballo, ademais de artigos en
multitude de revistas. Actualmente dirixe un programa para
delincuentes sexuais en varios cárceres. En 1998 colaborou coa Garda
Civil na identificación e captura do asasino de cinco mulleres en
Castellón, realizou o seu perfil criminal e trala súa detención
actuou como perito para os tribunais. É colaborador habitual de
varios programas de radio e televisión. Esta é a súa primeira
novela de ficción.
En “Crímenes
exquisitos” empezaremos coñecendo a súa protagonista feminina, a
inspectora da policía Valentina Negro, que antes do seu ascenso ten
unha participación central na detención en Vigo dun importante
delincuente sexual. De aí pasaremos á campiña inglesa, no pobo de
Withby aparece o cadáver de Patricia Janz, unha rapaza que é
asasinada dunha forma brutal. O seu cadáver aparece coa cabeza
separada do corpo e a boca chea de allos, recreando unha escena da
novela “Drácula”, de Bram Stoker. E pasamos a A Coruña, a
cidade onde transcorre a parte central da historia. Lidia Naveira,
unha rapaza nova, filla dun importante home da cidade, é
secuestrada. Aos poucos días aparece asasinada nun lago dun parque
da cidade, e de novo o asasino recrea unha obra de arte, neste caso
un cadro do pintor inglés John-Everett Millais. A inspectora Negro
está agora destinada en esta cidade, onde vive co seu pai e o seu
irmán, Freddy. Os seus pais tiveron un tremendo accidente de coche
que tivo como consecuencia a morte da súa nai e que o seu pai viva
nunha cadeira de rodas. É case unha novata na comisaría, pero por
diversas razóns terase que encargar de dirixir o caso do secuestro e
asasinato de Lidia, un caso complicado e que irase complicando cada
vez máis. O asasino, ademais de sádico e cruel, é impecable, non
deixa nin unha soa pista e as portas parecen estar pechadas desde o
principio. Javier Sanjuán é un famoso criminólogo que ademais de
dar clases na Universidade de Valencia, escribe libros e ten o seu
propio programa de televisión. Casualmente está na cidade para dar
unhas conferencias e a inspectora Negro acudirá a el en busca de
axuda, coa idea de que realice un perfil do asasino e poida botarlles
unha man co caso. Xunto a ela o inspector xefe Iturriaga, o inspector
Carlos Larrosa e o subinspector Velasco, ademais dos axentes que
traballarán con ela no caso. En Inglaterra temos tamén ao inspector
xefe Gervais ou ao detective Keith Servant, gracias aos que poderemos
ir relacionando un crime co outro dadas as grandes similitudes entre
ambos. Un asasino en serie que opera en dous países distintos? Todo
parece apuntar a esa teoría, pero non será fácil nin demostrala
nin atopar pistas ao respecto. Ademais ao pouco de comezar a
investigación empezarán a relacionalo todo con Pedro Mendiluce, un
dos homes máis ricos da zona, seguido desde hai tempo pola policía
como sospeitoso de gran cantidade de delitos, estafas, sobornos,
trata de brancas e incluso do asasinato da súa propia esposa. Ao seu
lado o seu sicario e home para todo, Sebastián Delgado, un sádico e
brutal personaxe, capaz de calquera cousa para axudar ao seu xefe ou
a si mesmo. E xunto a eles a avogada Raquel Conde, que ademais é a
exmuller de Sanjuán, á que levaba tempo sen ver. E no medio o mundo
do periodismo representado por Lúa Castro, unha reporteira sen
escrúpulos e capaz de facer o que sexa con tal de conseguir unha
exclusiva e o fotógrafo Jaime Anido, cortado máis ou menos polo
mesmo patrón. E tamén teremos ao atractivo Cristian Morgado, o
especialista en arte ao que recorrerán para tentar desentrañar as
claves de varios dos asasinatos. Todos estes personaxes darannos unha
historia chea de sorpresas que atrapará ao lector ao pouco de
empezar a historia.
Novela negra no seu
estilo quizais máis clásico en canto ao desenvolvemento da acción
e nalgúns dos seus personaxes. Xoga á perfección con case todas as
claves do xénero ademais de darnos unha serie de protagonistas e
antagonistas moi ben deseñados e todos eles importantes para o
desenvolvemento da acción. O fío central é impecable. O asasino en
serie que opera cunha limpeza impresionante e que ten desconcertada á
policía. A conexión do asasinato en A Coruña co que aparece en
Inglaterra, con tal cantidade de similitudes que é imposible pensar
que non poidan estar relacionados. Uns asasinatos tan impresionantes
pola súa posta en escena como pola brutalidade dos mesmos, un
relacionado coa literatura e outro coa pintura, e quizais haxa máis,
claro está. Todos eles relacionados co arte nalgunha das súas
expresións, algo que fará que o asasino sexa coñecido como o
“Artista”.
Pero ademais teremos unha
boa cantidade de temas máis ou menos secundarios relacionados
directamente con este fío central. O mundo das drogas, a
prostitución e a trata de brancas, a especulación inmobiliaria na
cidade, os sobornos e a corrupción, abusos de menores, relacións
sadomasoquistas, a prensa sensacionalista... Unha boa cantidade de
temas que teñen case sempre detrás o ansia de diñeiro e poder, o
destacar por riba dos demais e ser alguén importante. Todos estes
temas teñen unha presencia importante dentro da historia e axudan en
gran medida a acrecentar o interese pola lectura, por saber que máis
vai pasar, que será deses personaxes e esas historias, como
rematarán esas situacións. Non estamos so ante unha novela negra,
senón ante un mundo sórdido, cheo de violencia e corrupción en
case todos os campos.
Por outro lado a linguaxe
usada é directa, violenta e tan brutal como a historia que nos van
contar os autores. Unha linguaxe estudada para resultar diaria e
simple ao mesmo tempo, onde os personaxes non se cortan un pelo e
falan como o lector esperaría en cada momento. O sexo e a violencia
están contados dun modo directo, tanto que nalgún momento pode
resultar máis que desagradable, axudando a que poidamos imaxinar en
todo momento á perfección tanto os momentos de dor ocmo os de
pracer, que de ambos haberá na historia.
Gústame bastante a
novela negra, sobre todo se é capaz de contarme unha historia que me
enganche tanto polo que nos conta como polos personaxes que
interveñen. O interese da lectura non decae en ningún momento,
sempre está a pasar algo, pechando unhas portas e abrindo outras,
tendo ao lector case sempre en tensión e preguntándose que pasará
a continuación e por onde camiñará a historia, e sobre todo
preguntándose quen é o asasino e por que fai o que fai. Todos os
personaxes teñen a súa parte importante na historia que se vai
ramificando en varias direccións pero que acaba converxendo nun
final sorprendente e moi ben planificado. A historia discorre dun
modo fluído, alternando varias accións e con cambios de lugar que
fan que esteamos pendentes sen que nos perdamos en absoluto. Non é
nada simple e ao mesmo tempo todo vai transcorrendo dun modo claro
para o lector.
Pois gustoume moito.
Nalgúns comentarios lin que algunhas persoas pensaban que era
demasiado longa, que as súas máis de oitocentas páxinas
parecíanlle algo excesivas. A min, tras rematala, non me deu a
impresión de ter lido esa cantidade, é máis, pasóuseme moito
antes que outras máis curtas porque creo que o interese da historia
crece a medida que avanzamos. As distintas relacións entre os
personaxes, as resolucións de certos temas ou a aparición de novos
camiños na historia fan que te metas na trama case sen darte conta.
Por algún lado lin que cabía a posibilidade de vela como unha
primeira novela dunha especie de saga que supoño que tería como
protagonistas aos dous centrais desta, Valentina Negro e Javier
Sanjuán, se é así e son capaces de contarnos outra historia tan
atractiva e entretida como esta espero por ela con ganas. Moi
recomendable para os amantes do xénero negro, espero que vos guste
tanto como a min.
No hay comentarios:
Publicar un comentario