jueves, 24 de enero de 2013

"Alphas"



Un pouco de televisión para hoxe. Aproveitando que estamos agora a ver a segunda temporada deste serie vou deixarvos un par de cousas sobre ela. Imos dicir que é das que son soamente entretidas, non desas que te chaman a atención pola súa calidade ou argumento pero que ten suficientes elementos para pasar corenta minutos entretidos cunha historia decente e ben feita. Neste momento esta segunda temporada está a ser emitida polas canles de pago, en concreto en SyFy, cunha programación dedicada case en exclusiva ao mundo da ciencia ficción e a fantasía. Xa emitiron hai non demasiado tempo a primeira temporada e agora imos, máis ou menos, pola metade da segunda. A serie en cuestión chámase “Alphas”, e é fundamentalmente unha serie de ciencia ficción con algúns elementos de thriller e investigación.

Nun principio roza o mundo dos superheroes, xa que os seus protagonistas posúen algún tipo de capacidade que os deixa a medio camiño entre este tipo de personaxes e as persoas, imos dicir, máis normais. Non é que teñan uns superpoderes chamativos ou excesivamente especiais, non poden voar, lanzar teas de araña ou cousas desas, pero si que teñen cada un deles unha capacidade, unha habilidade especial que fai que sexan capaces de facer cousas que os demais non podemos. Preto do mundo da Patrulla X, cun mentor que coida deles, que os adestra, que os vixila e que os dirixe, sempre máis ou menos controlado por elementos do Goberno. El é do doutor Lee Rosen, neurólogo e psiquiatra que, ademais de dirixir o equipo de Alphas, é o encargado de buscar, controlar e tentar convencer a outras persoas con esas capacidades especiais para que se unan a eles e non loiten contra a humanidade. Estes Alphas con persoas con algún tipo de alteración cerebral, normalmente non xenética, que lles da certos superpoderes que poden ser útiles tanto para o ben como para o mal. Así teremos sempre unha oposición entre os membros do seu equipo e outros parecidos a eles que usan o seu poder para cousas que rozan a legalidade ou directamente non son nada legais. Entre esas capacidades especiais podemos ter o non sentir dor, desenvolver unha forza sobrehumana en momentos de alto risco ou perigo, ser capaz de ver todo o espectro electromagnético case como se estivese a ver unha televisión, ter os sentidos do olfacto ou o oído excesivamente desenvolvidos, ser capaz de convencer a alguén de que faga calquera cousa so co contacto visual, xerar electricidade ou lume, cuspir ácido... Veremos como os guionistas poden ser capaces de crear case calquera personaxe, calquera capacidade especial. Iso é o que teñen, capacidades especiais que fan que sexan completamente distintos do resto do seres humanos. Por ese motivo algúns, baixo a dirección de Rosen, traballan para o Goberno con encargos que eles non poden realizar e que soen estar dirixidos por algún tipo de alpha que ou non sabe controlar aínda os seus poderes ou que quere aproveitalos para accións delictivas ou de vinganza. Case sempre os antagonistas serán alphas, como veremos ademais a medida que discorren os capítulos, case dirixidos por un deles que quere acollelos a todos para tomar o control do mundo. Ademais estes outros están molestos porque todos os alphas que son capturados e non queren aceptar as ordes do Goberno son pechados nunha institución, un cárcere, onde os teñen vixiados e controlados.

O equipo central está formado polo citado doutor e cinco alphas. Cameron Hicks é capaz de ver na súa cabeza antes de que pase calquera combinación de movementos, ademais de ter unha puntería infalible gracias ao gran desenvolvemento da súa visión. Rachel Pirzad ten moi desenvolvidos case todos os sentidos. Nina Theroux é capaz de convencer a calquera de calquera cousa so con miralo. Bill Harken é o home de acción, un antigo policía capaz de ter unha gran forza en momentos de tensión. E deixo para o final ao meu favorito, Gary Bell, un rapaz autista que é capaz de ver como se foran imaxes calquera cousa que pase polo espectro de radiofrecuencia o u do espectro electromagnético, móbiles, cámaras, case calquera cousa.

Os guionistas son Michael Karnow e Zak Penn; o primeiro deles participou nos guións de varias das películas de superheroes destes últimos anos. O produtor é Jack Bender, coñecido por participar do mesmo modo en series de gran éxito como “Los Soprano”, “Perdidos” e outras. Os actores protagonistas non son demasiado coñecidos, exceptuando ao que realiza o papel do doutor Rosen. É un deses secundarios do cine que sempre dan a talla e incluso algo máis, a min gustoume sempre e aquí creo que está realmente ben, é David Strathairn, candidato ao Óscar por “Buenas noches y buena suerte” e ao que podemos ver actualmente na gran pantalla en “Lincoln”.

A serie como dixen ao principio é entretida e ten un desenvolvemento curioso e interesante. Os distintos que van aparecendo resultan sempre distintos e dan variedade aos argumentos. O equipo formado polos seis protagonistas é equilibrado e todos teñen algunha parcela importante dentro da historia, sendo todos imprescindibles para a resolución dos distintos casos que se van presentando. En todos os episodios temos momentos de relax ou de sorriso, que lle da tamén un aire máis que decente para pasar o rato. A primeira temporada funcionou case como unha presentación de todos eles e dos seus antagonistas. Moitos deles aparecerán agora na segunda que me está a gustar un pouco máis que a anterior. Ao final da primeira quedaba no aire unha especie de grupo de alphas que non queren traballar xunto ao Goberno e o que queren é dar problemas e enfrontarse a el, así como ao grupo do doutor Rosen, ao que queren convencer para que traballen con eles. Dirixidos por un misterioso personaxe que dará moito xogo á historia.

Para min o mellor da serie e que ademais lle da un punto de orixinalidade é que non ten para nada a espectacularidade das historias deste tipo. Dentro do elemento fantástico ten un desenvolvemento imos dicir case que realista, tanto nas historias como na forma de contalas. As relacións entre os distintos personaxes son tan importantes como os casos a resolver e fai que os vexas case como persoas que non teñen tantas cousas distintas ao resto. Non esperedes escenas espectaculares nin grandes parafernalias de efectos especiais, non hai explosións, raios nin grandes escenas que te deixarán coa boca aberta. Son heroes máis de andar por casa, tanto polos seus poderes como pola forma de comportarse. Todos eles teñen grandes problemas relacionados co seu poder, tanto na súa vida persoal como na cotiá, pero estes tampouco están tratados con excesiva transcendencia nin solemnidade, están tratados case como cousas normais, como os problemas que podemos ter calquera de nos no noso día a día, pero agravados por esa característica especial que os fai distintos. Todo isto está tamén reflectido na forma de filmala, tranquila e normal, sen practicamente ningún exceso.

De momento dúas temporadas e non sei se haberá unha terceira. Garante un rato de entretemento sen máis, pero como teño dito as veces, iso é o que a un lle apetece en certos momentos. Gústanme os personaxes protagonistas e a forma de comportarse que teñen, o demais dálle un punto máis de interese para poder vela. Unha serie decente para ver, como nos, en familia, aceptable para todos os públicos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario