Como lector teño por
costume deixar un espacio no tempo entre novelas do mesmo autor,
manía ou costume, non hai unha razón determinada, pero do mesmo
modo tampouco leo dúas novelas seguidas do mesmo xénero, a non ser
que continúen ou me deixaran tantas incógnitas que teña que
solucionalas. As triloxías están de moda ultimamente e as veces non
é fácil seguir esa tendencia, e con certos autores prefiro esperar
a telas todas antes de poñerme coa lectura, sobre todo para non
esquecer situacións, personaxes e esas cousas. No caso da novela de
hoxe paso un pouco por riba do dito, non hai demasiado que lin a
primeira, que xa tiña un tempo, e non puiden resistirme a ler a
segunda desta “Trilogía Victoriana” de Félix J. Palma, que
apareceu recentemente. O certo é que “El mapa del tiempo”, que
comentei o mes pasado, resultoume unha historia moi atrainte e
tremendamente entretida, así que tiña ganas de ler “El mapa del
cielo”, segunda entrega da triloxía mencionada e publicada a
principios deste 2012.
Moi recente a recensión
biográfica do autor, así que me remito ao publicado hai pouco
tempo.
A verdade é que esperaba
atoparme algo parecido á primeira novela, pero teño que dicir que
aínda mantendo o ton xeral en canto a estilo, historia e
entretemento ten suficientes elementos para facela distinta
completamente. Non é sinxelo comentar as liñas xerais da historia
sen contar demasiadas cousas do argumento e sen desvelar nada aos
futuros lectores (os que xa a leron entenderán isto perfectamente),
tentarei facelo o mellor posible. Quizais nesta novela as sorpresas
ou xogos do autor en canto á historia sexan menores. Neste caso
estamos ante unha historia algo máis plana en canto ao relato, pero
aínda así chea de sorpresas para o lector, de xogos e de
referencias non so á outra novela, senón a todo un mundo cheo de
personaxes reais e históricos misturados con outros de ficción. De
novo estamos ante un relato cheo de equívocos, de personaxes que
enganan ao lector desde o principio e de situacións que van facer
que evoquemos multitude de novelas ou películas que xa forman parte
dos clásicos do xénero. A medio camiño entre a novela de ciencia
ficción e a de aventuras, con momentos que responden perfectamente
aos esquemas clásicos do primeiro dos xéneros e con outros que se
centran máis no segundo. As referencias a outras historias
anteriores, xa sexan en papel ou en celuloide son constantes pero non
conforman un refrito, unha mistura ou unha copia, son unha completa e
enorme homenaxe a grandes clásicos de ambos xéneros, unha homenaxe
que resulta perfectamente coherente e atrainte para o lector, polo
menos para min. Entre todos estes elementos destacaría dous que
están entre os meus favoritos, tanto do cine como da literatura.
Varias son as referencias a unha das novelas de Edgar Alan Poe que
lin varias veces, a primeira cando era moi novo, pero é unha novela
que releo e que está entre as miñas mellores novelas de aventuras
de sempre, “La narración de Arthur Gordon Pym”. Todos coñecemos
os relatos góticos e de terror de Poe, pero quizais esta novela de
aventuras quedou algo eclipsada polas demais e creo que todo lector
debe lela polo menos unha vez, aí queda a recomendación. A outra
fonte de inspiración que teño gravada é “La guerra de los
mundos”, lida tamén en máis dunha ocasión, unha das mellores
novelas de H. G. Wells e cunha soberbia adaptación ao cine do ano
1953 que me gustou moito máis que a producida no 2005 (que non é
que estivera mal, pero creo que lle faltaba o encanto da antiga, pero
que aínda así tiña bos momentos e mantiña ata certo punto o aire
de novela de Wells). Tamén é inevitable recordar durante a lectura
a famosa historia de Orson Welles, cando desde a radio na que
traballaba, retransmitiu unha falsa invasión extraterrestre con tal
convicción que moitos oíntes saíron aterrorizados ás rúas
pensando que todo era certo, outro deses orixinais xenios que
aparecen de vez en cando.
“El mapa del cielo”
contén varias historias nunha soa novela. Comezaremos coñecendo a
Richard Adams Locke, un periodista americano que no ano 1835 publicou
unha serie de artigos no “New York Sun” firmados polo astrónomo
John Herschel. Neles falaba de que a Lúa estaba habitada por unha
serie de seres fantásticos que Herschel vira desde o observatorio no
que traballaba. Este astrónomo non sabía que o seu nome estaba a
ser utilizado neses artigos pero os lectores quedaron convencidos de
que todo era certo, unha historia que mantivo durante un tempo. Toda
esta parte que Palma conta é real e histórica e os personaxes
tamén, será a que lle sirva de pretexto para continuar co seu
relato. Locke creará un mapa no que aparecen os planetas, as
estrelas, os extraterrestres, un mapa que irá pasando de xeración
en xeración polas mulleres da súa familia como un elemento ao que
recorrer cando é necesario soñar un pouco e escapar da realidade
cotiá. De aí pasaremos a coñecer a Emma Harlow, a bisneta de
Locke, outra muller descontenta co seu tempo, lonxe das convencións
que se lle piden a unha dama da sociedade americana da época,
asediada por unha grande cantidade de pretendentes, aínda que ningún
a convence demasiado como para casar con el. Un deles é o millonario
Montgomery Gilmore, profundamente namorado dela e capaz de calquera
cousa para conseguir que os sentimentos sexan correspondidos. A Emma
todos lle parecen insoportables, colmándoa de regalos e atencións
que ela non desexa, ela quere un home que saia do normal, unha persoa
que sexa capaz de facer soñar ao mundo como fixo o seu bisavó e que
non sexa convencional. Gilmore é un dos máis constantes nas súas
atencións, pero ao mesmo tempo é un dos que ela menos soporta. Como
librarse de el?, pedíndolle un imposible. Dille que casara con el se
é capaz de facer soñar ao mundo, terá que representar a invasión
marciana que H. G. Wells recentemente describe na súa novela “La
guerra de los mundos”. Parece imposible, pero o amor é máis forte
que todas as cousas e Montgomery Gilmore porase mans á obra para
conseguir o corazón de Emma Harlow (teredes que lela para saber se
vai conseguilo ou non).
De novo atoparémonos con
H. G. Wells como personaxe. Acaba de publicar con bastante éxito “La
guerra de los mundos” e pasado un tempo recibe unha carta dun autor
americano que escribiu unha continuación titulada “Edison
conquista Marte”, o seu autor é Garrrett Putnam Serviss. Como vai
a visitar Londres pídelle que queden nalgún lugar para charlar un
pouco. Wells considera esa continuación como unha aberración que
pouco ten que ver coas intencións que el tiña ao escribir a súa
novela, que ve como unha crítica a varios aspectos da sociedade, así
que a súa idea é criticalo todo o posible, por iso acode a unha
cita que non lle apetece nada. Pero desde o principio Serviss cáelle
ben e a charla que sosteñen vólvese amena e interesante, ademais de
aderezada por boas cantidades de alcohol. Nun momento dado Serviss
fálalle dunha cámara secreta da que el ten unha chave, unha cámara
no Museo Británico na que o Goberno garda cousas que considera que o
pobo aínda non pode coñecer. Entre elas está unha nave
extraterrestre e o cadáver do seu piloto. Moi animados polo alcohol
e cun Wells moi intrigado entran no museo e na cámara, onde poderá
ver cos seus propios ollos que todo o que lle contara Serviss é
certo, alí está o que lle dixera, algo inconcibible e que o deixa
completamente atónito.
Pero Palma non nos vai
deixar coa intriga da procedencia destes dous elementos de fóra da
Terra. De novo cambiaremos de época e lugar para que o narrador nos
conte a historia do Annawan, un barco que viaxa á Antártida nunha
expedición en busca do burato que pode levar ao centro da Terra.
Tras unha complicada e ardua viaxe chegan ás xeadas terras, pero o
barco queda varado no xeo e toda a tripulación tenta levar a
situación o mellor que pode. Será aquí onde apareza a nave
extraterrestre e o seu tripulante, nunha estremecedora historia cun
final tráxico.
E de aquí pasaremos á
terceira historia, que vai misturar elementos de todas as anteriores
e que será da que menos conte. O protagonista será Wells e a novela
“La guerra de los mundos” nunha historia a medio camiño entre a
orixinalidade e a homenaxe, chea de momentos de acción, humor e
amor.
De novo varias historias
conforman esta nova novela do autor, todas elas perfectamente
engarzadas e dirixidas con mestría. O mesmo narrador máis que
omnisciente que aparecía en “El mapa del tiempo” irá con nos
agora case como un mestre de cerimonias que nos vai presentando toda
a acción, os personaxes, as relacións entre eles e todo aquilo que
o lector quere saber e incluso algunhas cousas que sería mellor que
non soubera. Creo que este narrador é un dos maiores acertos da
historia, entre director de orquestra e contador de contos, ameno e
divertido. Tamén neste caso desde o punto de vista deste contador de
historias gustáronme moito todas as novas reflexións que fai sobre
o autor de novelas, da súa función e a súa forma de concibir a
realidade e todo o que a rodea. Se a novela anterior falaba sobre
algunhas cousas nesta céntrase no novelista como un dos integrantes
fundamentais da sociedade en tanto en canto ten como unha das súas
misións fundamentais axudar á xente a soñar cos seus relatos, a
vivir vidas e realidades lonxe deles, unha marabillosa vía de escape
para a realidade cotiá. Unha idea coa que coincido bastante e que
creo que é unha das funcións máis importantes da literatura de
todos os tempos.
Ciencia ficción,
aventuras sen descanso, acción case continua, moito bo humor e tamén
o amor como elementos centrais do relato. A verdade é que ten de
todo e moi ben levado ao papel. Nalgúns aspectos gustoume máis a
anterior, pero noutros esta. Aínda sendo parecidas son distintas,
coinciden no ton xeral do relato, na forma de contalo pero teñen
suficientes elementos para facelas lixeiramente distintas, cada unha
cos seus méritos. Comentar cales sería dicir demasiado e é moito
mellor que sexa o lector o que descubra esas diferencias e opine cal
delas gustoulle máis. Segue a ter ese aire de novela clásica de
aventuras, unindo perfectamente o antigo e o novo, non en van ao
principio da novela cualifícaa de “folletín” como aqueles por
entregas tan de moda hai anos e que case naceron na época na que
transcorre a historia. A fascinación de Palma por Wells é patente,
un dos grandes autores do xénero e un xenio imaxinativo e creador.
Hai pouco lin unha biografía súa e descubrín a cantidade enorme de
novelas e relatos que escribiu, dinme conta de que so lin as súas
novelas máis coñecidas, haberá que poñerlle remedio.
Unha lectura recomendable
para pasar un bo rato en calquera momento. Nalgún sitio vin que non
era necesario ler a anterior para facelo con esta, sinto disentir,
para min é imprescindible ter lido “El mapa del tiempo” antes de
poñerse con esta. Xa vos digo que hai unha serie de personaxes cos
que volveremos a coincidir en maior ou menor medida en canto á súa
importancia dentro desta historia, pero tampouco vou dicir cales,
teredes que lela.
No hay comentarios:
Publicar un comentario