Parece que pouco a pouco, aínda que moi lentamente, algo está a cambiar no panorama editorial no que se refire aos formatos dixitais e os propietarios de ebooks. Ven isto a conto da novela que vou comentar hoxe, xa que apareceu case quince días antes nestes formatos que en papel, e ademais a menor prezo do que ten neste momento. Creo que este tipo de ofertas poden animar pouco a pouco á xente a tomar en consideración esta xa non tan nova tecnoloxía á hora de ler. Xa sabedes por outros comentarios que eu son usuario de libros dixitais desde hai case dous anos e sigo a pensar que é un dos aparatos máis cómodos e útiles que podemos atopar neste momento. Non hai demasiado lía un artigo no que falaba de que os usuarios destes ebooks lían moito máis que antes de telos, o que da unha idea de por onde poden ir os tiros en non demasiado tempo. Foi un dos regalos máis comprados nas pasadas festas e coñezo a pouco xente que unha vez que ten un nas súas mans non cambie o punto de vista que tiña sobre os mesmos. Volvendo ao tema do libro de hoxe, non so apareceu en formato dixital antes que impreso, senón que tamén o fai antes no noso país que no de nacemento do autor, o que da unha idea do ben que se venden as súas novelas por estes lares, máis apreciado e considerado en Europa que en Estados Unidos. A obra de hoxe é “Diario de inverno”, de Paul Auster, dispoñible desde hai un mes máis ou menos como ebook e en papel desde hai uns poucos días. En castelán na súa editorial habitual, Anagrama, pero tamén se publica simultaneamente en galego, editada por Galaxia, que é a que nos deixou case todas as súas últimas novelas.
Cando vin que había novela nova de Auster quedou anotada nas que tiña que conseguir en canto aparecera. A verdade é que é un deses autores que estarán sempre entre os primeiros nas miñas preferencias, todas as súas novelas (unhas máis que outras evidentemente) gustáronme moito, sempre teñen algo que dicir, algo sobre o que reflexionar, algunha idea que fará que lle deas voltas canto remates a lectura e, ao mesmo tempo, unha marabillosa forma de xogar coas palabras, de escribir, un estilo que sempre me sorprende e que non deixa de chamarme a atención. As súas novelas e consideración parecen estar moito máis altas en Europa que no seu país de orixe e esa é a razón de que apareza por aquí moito antes que por alá. A súa anterior novela apareceu comentada xa aquí, “Sunset Park”, unha das que máis me gustaron, sobre todo tendo en conta que a anterior, “Invisible” non estará entre as miñas favoritas. Como non hai demasiado que apareceu por aquí vou aforrar a recensión biográfica porque ademais neste caso no seu lugar o recomendable é dicir que leades esta nova obra, será unha forma moito mellor de coñecelo que o que eu poida poñer aquí. En canto apareceu na páxina onde merco algúns libros non fun capaz de resistirme nin esperar, merqueina hai uns días antes de que aparecera e ao pouco tempo xa a tiña no meu Kindle, lista para ser lida e, sobre todo, disfrutada, porque me encantou.
“Diario de inverno” non é exactamente unha nova novela de Auster, senón que é Auster en estado puro, moito máis do que podemos atopar en calquera das súas obras anteriores. Non estamos ante unha historia de ficción, con personaxes creados polo autor e con situacións inventadas. Neste caso será Paul Auster o que nos falará de si mesmo, da súa vida, das súas cousas, dos seus medos, alegrías, tristezas e un montón de cousas máis. Non estamos ante unha biografía nin unha historia da súa vida, tampouco ante unhas memorias exactamente, non é demasiado sinxelo de clasificar, porque ten elementos de todo isto que mencionei e algunhas cousas máis.
“Pensas que nunca te vai pasar, imposible que te suceda a ti, que es a única persoa do mundo a quen nunca ocorrerán esas cousas, e entón, unha por unha, empezan a pasarte todas, igual que lle sucede a calquera outro.
Os teus pes descalzos no chan frío canto te levantas da cama e vas á fiestra. Tes seis anos. Fóra cae a neve, e no xardín as polas das árbores están a poñerse brancas”
Auster parece pensar que está na última etapa da súa vida, que chegou o inverno da mesma (daí o título), que unha porta pechouse e outra, quizais a última vaise abrindo pouco a pouco. Preguntándose cantas mañás lle quedan empezará a recordar momentos da súa vida, uns moi importantes e outros quizais máis anecdóticos, pero todos eles teñen que ver co que é neste momento. É unha historia sobre todo de sensacións, de impresións, de cambios, do seu traxecto e o seu camiño pola vida que considera que, ao fin e ao cabo, non é demasiado distinto do que poden percorrer o resto das persoas. Conta que a idea para este libro apareceu hai uns dez anos, nun dos peores momentos da súa vida. Sufriu un ataque de pánico que foi un susto realmente grande e que o deixou máis que pensativo, sen saber moi ben por que. Varios feitos influíron, pero foi días despois dalgúns deles e nunca lle atopou unha explicación racional. A súa nai morreu de forma repentina, semanas antes tivo un grave accidente de coche en compañía da súa familia e varios problemas físicos tras unha viaxe promocional a Dinamarca. Estas e algunhas cousas máis fóronse xuntando sen que el fora demasiado consciente ata chegar a unha situación que le resultou violenta e aterradora, percibindo que algo estaba a cambiar dentro del, pero aínda hoxe e tras escribir este libro non o entende completamente. Esta nese momento da súa vida no que te fas maior e pásanche cousas que non entendes demasiado ben, quizais usando moitas veces esa frase que di “é que antes eu non...”
Imos coñecer os seus traumas, as súas debilidades e medos vistos sempre a través das experiencias da súa vida pero sempre contado desde unha segunda persoa que o lector sabe que é o mesmo Auster, pero iso dálle unha certa distancia á hora de contar as cousas, case máis como unha testemuña que como o protagonista de todas esas cousas que van pasando, como se véndoas desde fóra lle resultara máis sinxelo contalas. A verdade é que é unha especie de biografía non exactamente de feitos, senón máis de sensacións, de como as cousas influiron non so na súa forma de ser, senón tamén na súa forma de ver e afrontar a vida. Algunhas máis serias e profundas que outras. Cousas da súa infancia e dos seus pais, sobre todo da súa nai. As súas primeiras experiencias sexuais que o levaron na adolescencia a bater “o record americano de masturbación entre 1961 e 1962, categoría masculina” e irán aparecendo todas as mulleres da súa vida. A súa complicada relación coa que sería a súa primeira esposa e a aparición na mesma de Siri Hustvedt, a súa actual parella e fundamental na súa vida. Leremos un listado dos máis de vinte apartamentos, pisos ou casas nas que viviu ao longo deses 64 anos, como eran, pero sobre todo as sensacións que veñen á súa mente cando as recorda. Coñeceremos moitos dos momentos máis complicados da súa vida, a morte dos seus pais, do seu padrastro ou doutros familiares máis ou menos directos e como as foi afrontando e que supuxeron para el. Os anos que viviu en Francia, as súas viaxes, que lle levou a escribir...moitas cousas concentradas en algo máis de duascentas páxinas. Un libro sobre os bos momentos e a dor que sentiu e sente vivindo dentro do seu corpo.
Xa dixen que disfrutei enormemente da lectura. Non creo, como din algunhas críticas, que sexa unha obra para fans de Auster. É evidente que si un é o seu seguidor e le o libro descubrirá moitas cousas sobre el, pero tamén verá, como se podería supoñer, canto da súa vida hai nas súas novelas, cantos personaxes son el mesmo ou algunhas das persoas que apareceron en diversos momentos da súa vida. Quizais incluso poida axudar a entender moito mellor algunhas das chaves das súas historias. É, penso eu, un relato valente onde case se desnuda en moitos casos ante o lector (ou ante si mesmo) contando momentos realmente dolorosos da súa vida, pero sobre todo contándonos como se sentiu, que sensacións tivo no seu corpo e na súa cabeza ante todos eses momentos. Para os que non tiveran contacto coa súa obra creo que é unha boa maneira de empezar a facelo, non penso que sexa imprescindible ter lido algunha para poder entender e disfrutar desta historia que pode facernos reflexionar sobre moitos aspectos das nosas vidas e de como afrontamos certas cousas, descubrindo que a gravidade coa que vemos algunhas a veces debería de ser menor e valorar realmente as cousas importantes. A min gustoume moito e non creo que tarde demasiado en volver a lela, fíxoseme demasiado curta e creo que gañarei algo máis cunha segunda lectura. Recomendable para todas e todos, seguro que ten algunha cousa que dicirvos. Deixo este comentario cunha das frases que máis quedou na miña cabeza, unha idea que deixa escrita e logo explicará, pero para poder entendela completamente teredes que lervos este “Diario de inverno”: “Hai que morrer inspirando amor (se se pode).
Encántame Auster: teño este libro agardándome, agora con máis ganas. Grazas.
ResponderEliminar