jueves, 16 de febrero de 2012

"Person of interest"



Volvemos hoxe ao mundo das series televisivas para comentar unha das últimas sensacións dentro das estreas americanas. Por alá está a ter bastante éxito, tanto de crítica como de público e por aquí as cadeas de pago levan un tempo con ela, e desde hai non demasiado tempo tamén se pode ver en TDT. A serie mantén o título americano en ambos casos, “Person of interest” (nalgúns países de fala hispana pódese ver como “Vixiados”) e podedes vela tanto en “Calle 13” como en “La Sexta”.

Imos dicir que orixinal non é demasiado, ten elementos de moitas outras e dalgunha película de hai uns anos, pero aínda así ten un desenvolvemento e un ritmo que fan que resulte atractiva para o espectador. Se a iso lle sumamos unha parella protagonista con bastante tirón e que chama a atención pola mistura de dous caracteres tan distintos atopámonos ante un produto moi entretido e con certos elementos que fan que destaque por riba da media. Rompe un pouco coa dinámica habitual das series de policías e das dese estilo, aínda estando relacionada con elas e ese é outro dos elementos que fan que chegue a un notable, se tivera que poñerlle nota.

Un dos elementos que xoga ao seu favor é a presencia como produtor de J. J. Abrams, un personaxe que se está a facer máis que coñecido no mundo do cine e a televisión, parece que todo o que toca achégase ao éxito. Xa son varias as veces que o seu nome aparece por este blog, “Perdidos” en televisión ou “Súper 8” no cine son dúas das máis coñecidas. Xa sexa como guionista, director ou produtor non podemos negar que é un dos personaxes de moda por aqueles lares e que empeza a ser máis que coñecido por estes porque case todo o que fai ten algo, sabe darlle un aire distinto a cousas que parecían esgotadas e está a renovar, creo eu, o mundo televisivo, sobre todo.

¿En que xénero podemos meter a “Person of interest”? Pois podemos dicir que é un thriller, unha serie de acción basicamente, coas súas persecucións, as súas escenas de loita ou de disparos, a súa intriga e case todos os elementos básicos do xénero. Pero a todo isto imos engadirlle algo máis, algo relativamente novo que é unha das cousas que lle da máis interese a cada episodio. Hai unhas semanas vimos na casa “Minority Report”, unha das películas de Spielberg que máis me gustaron por diversos motivos. A mesma centrábase no concepto de precrime, de deter aos criminais antes de que cometeran os seus actos delictivos gracias a tres personaxes que “soñaban” ese tipo de cousas antes de que se produciran. Naquel caso dos seus soños saían dúas bolas, unha co nome do asasino e outra co da vítima e con eses datos os policías tiñan que investigar para saber onde e cando ían ter lugar eses feitos. Aquí as cousas son algo distintas pero a base é a mesma, deter un posible delito antes de que se cometa.

Dous son os protagonistas principais e por aquí vai outro dos aspectos que lle dan máis interese á serie. Son dous personaxes completamente distintos, home de acción un e moito máis calmo e case eremita o outro. Arriscado e valente un, parece que nada pode paralo un e racional, case miedoso e calculador o outro. Así temos por un lado a Harold Finch, un misterioso millonario que desenvolveu no seu momento un programa informático para o goberno que controla absolutamente todo o que se fai, teléfonos, correos, cámaras, conversacións, que espía todas as vidas dos habitantes da cidade. Este programa é usado polo goberno para detectar grandes delitos ou actos terroristas, pero deixa aparte e eses son os datos que recibe Harold, outros delitos “irrelevantes”, de carácter menor pero que el non soporta que ocorran. O malo é que o programa en cuestión soamente lles da un número que terán que relacionar coa persoa, sen saber ademais se o elixido será a vítima ou o delincuente, algo que terán que ir descubrindo a medida que o investigan, son os elixidos, as “persoas de interese” que dan título á serie. Finch non sabe como solucionar estas cousas e para iso buscará a un home de acción, unha persoa especial que poida arriscar a súa vida tentando evitar eses delitos ou salvando á posible vítima. Buscando cos seus recursos informáticos descobre a John Reese, un misterioso home cun pasado escuro, exmilitar e que traballou con diversas axencias estatais como espía, asasino e algunhas cousas máis. John quere deixar atrás esa vida e vivir como se non existira. Ao principio móstrase algo reticente ante ese estraño traballo que lle ofrece, pero pouco a pouco vai descubrindo que salvar á xente é unha boa maneira de expiar as súas culpas e tranquilizar algo a súa conciencia. Non hai case nada que os deteña, Finch é todo traballo e intelixencia e John ten as mesmas características pero enfocadas de outro modo. Ao seu lado dous personaxes fixos máis que estarán a veces con eles ou na súa contra. O detective Lionel Fusco é un policía corrupto que será gañado por John para a súa causa a cambio de non metelo en máis problemas, será o seu contacto na policía, o que lle dea datos que algunhas veces non poderán conseguir ou botará unha man nas vixilancias, detencións e ese tipo de cousas. A detective Joss Carter é outra policía completamente distinta ao anterior, todo integridade, rixidez e cun alto concepto da xustiza; desde o principio dedicarase a investigar a John que sempre aparece como o home misterioso, implicado nalgúns delitos, aínda que nunca será capaz de demostrar que el sexa culpable, senón todo o contrario.

Os dous actores principais son máis que coñecidos e contribúen en gran maneira a que a serie supera a media de calidade neste tipo de producións. Os dous teñen uns papeis moi atractivos e tan distintos que a mistura entre ambos é dunha química estupenda. Por separado están moi ben, pero as escenas que comparten soben moito a nota. Un ven do cine, Jim Cazievel é John Reese. Saltou á fama coa polémica “A paixón de Cristo” e parecía que se ía instalar nun bo lugar neste medio, pero o resto dos seus papeis posteriores non confirmaron este éxito. Neste caso está moi ben no papel do home que quere reconducir a súa vida e o ofrecemento de Harold parece o modo perfecto de conseguilo. É un home torturado por esa vida anterior, da que en cada episodio iremos descubrindo algo máis ata facernos unha idea algo máis completa de como foi e como é realmente. O outro era un dos protagonistas dunha das series con máis éxito dos últimos anos, Michael Emerson, o inesquecible, misterioso e enigmático Ben Linus de “Perdidos”. Rompendo un pouco con esa imaxe de “malo” desa serie agora é completamente distinto, pero o seu papel é tan enigmático como antes. A verdade é que é un actor que enche bastante a pantalla coa súa presencia, os seus xestos, as súas caras capaces de expresar bastantes cousas en pouco tempo. Non vou negar que me gusta bastante e aquí está realmente ben, cun personaxe aínda máis enigmático que o seu colega. Ambos viven dentro da súa coraza que non quere que ninguén abra, e por moito que John investiga e vixía non é capaz de saber demasiado so seu misterioso xefe.

Outro elemento de interese da serie, os pasados dos dous protagonistas. Quizais máis claro o de John ou algo máis esperable e tópico, aínda así, como xa dixen, en cada episodio saberemos algo máis del e haberá algunhas sorpresas. Moito máis enigmático é o pasado de Harold Finch. Saberemos desde o principio que é o alma e creador do programa que nos vixía e que lle da os datos, pero non sabemos cal é a orixe desa enorme fortuna que fai que case nada poida poñérselles por diante, medios non é o que lles falta en ningún momento. Camiña con dificultade e algo ladeado, pero tamén sabemos porque o vimos en episodios anteriores, que non sempre foi así. Algo pasou, tanto a el como ao seu socio, que fixo que el tamén quixera desaparecer do mundo e vivir oculto, dunha forma misteriosa e sen que ninguén saiba quen é e a que se dedica. Estes datos do pasado son o fío condutor de toda a serie, o elemento común que como digo fai que esteamos máis pendentes e interesados.

Gústame bastante, en ningún momento decae o alto ritmo e esa intriga (aínda que a veces o sospeites) de non saber ata mediado o episodio se o elixido é a vítima ou o delincuente fai que a sigas con interese, porque vas descubrindo as cousas ao mesmo tempo que os dous protagonistas. A isto lle sumamos esa historia dos seus pasados que imos coñecendo pouco a pouco. As escenas de acción están sempre presentes máis dunha vez ao longo de cada capítulo, ben feitas e con bastante tensión. Como dixen ao principio non ten demasiados elementos innovadores pero ten suficiente intriga e ritmo para asegurar o entretemento nos pouco máis de corenta minutos que dura. Xa mencionei algunha vez a cualificación para algunhas de “serie de palomitas”, penso que esta está algo por riba, amena, entretida e tensa. Espero que vos guste.

E de paso, sabemos que programas informáticos parecidos existen, un pouco arrepiante, ¿non?

No hay comentarios:

Publicar un comentario